De hoxe en diante, Rede e Liberdade

Consideramos imprescindíbel a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentábel polos seguintes motivos:

1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático en especial a presunción de inocencia, liberdade de expresión, privacidade, inviolabilidade domiciliaria, tutela xudicial efectiva, liberdade de mercado, protección de consumidoras e consumidores, entre outros.

2.-Xera para a Internet un estado de excepción no cal a cidadanía será tratada mediante procedementos administrativos sumarísimos reservados pola Audiencia Nacional a narcotraficantes e terroristas.

3.-Establece un procedemento punitivo “á carta” para casos en que os tribunais xa teñen manifestado que non constituían delicto, implicando incluso a necesidade de modificar polo menos 4 leis, unha delas orgánica. Isto implica un cambio radical no sistema xurídico e unha fonte de inseguridade para o sector das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación). Lembramos, neste sentido, que o troco de coñecemento e cultura na rede é un motor económico importante para saír da crise como se ten demostrado amplamente.

4.-Os mecanismos preventivos urxentes de que dispoñen a lei e a xudicatura son para protexer toda a cidadanía fronte a riscos tan graves como os que afectan á saúde pública. O goberno pretende utilizar estes mesmos mecanismos de protección global para beneficiar intereses particulares fronte á cidadanía.
Ademais a normativa introducirá o concepto de “lucro indirecto”, é dicir: a min poden pecharme o blogue porque “promociono” un que “promociona” outro que vincula un terceiro que fai negocios presuntamente ilícitos.

5.-Lembramos que a propiedade intelectual non é un dereito fundamental, contrariamente ás declaracións do Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. O que é un dereito fundamental é o dereito á produción literaria e artística.

6.-De acordo coas declaracións da Ministra de Cultura, esta disposición utilizarase exclusivamente para pechar 200 webs que presuntamente están a atentar contra os dereitos de autor. Entendemos que se este é o obxectivo da disposición, non é necesaria, xa que coa lexislación actual existen procedementos que permiten actuar contra webs, incluso con medidas cautelares, cando presuntamente se estea a incumprir a legalidade. Polo que non fica senón recear das verdadeiras intencións que a motivan xa que o único que engade á lexislación actual é o feito de dexar a cidadanía nunha situación de grave indefensión xurídica no contorno dixital.

7.-Finalmente consideramos que a proposta do goberno non só é un dilapidamento de recursos senón que será absolutamente ineficaz nos seus presuntos propósitos e deixa patente a absoluta incapacidade por parte do executivo de entender os tempos e motores da Era Dixital.

A disposición é unha concesión máis para a vella industria do lecer en detrimento dos dereitos fundamentais da cidadanía na era dixital.

A cidadanía non pode permitir de ningunha maneira que sigan os intentos de vulnerar dereitos fundamentais das persoas, sen a debida tutela xudicial efectiva, para protexer dereitos de menor rango como a propiedade intelectual. Dita circunstancia xa foi aclarada co ditado de inconstitucionalidade da lei Corcuera (ou “lei da patada na porta”). O Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet, apoiado por máis de 200.000 persoas, xa avanzou a reacción e demandas da cidadanía ante a perspectiva inaceptábel do goberno.

Para impulsar un definitivo cambio de rumbo e coordinar unha resposta conxunta, o 9 de xaneiro constituíuse a “Red SOStenible” unha plataforma representativa de todos os sectores da sociedade civil afectados. O obxectivo é iniciar unha ofensiva para garantir un regulamento do contorno dixital que permita expresar todo o potencial da Rede e da creación cultural respectando as liberdades fundamentais.

Neste sentido, recoñecemos como referencia para o desenvolvemento da era dixital, a Carta para a innovación, a creatividade e o acceso ao coñecemento, un documento de síntese elaborado por máis de 100 expertos de 20 países que recolle os principios legais fundamentais que deben inspirar este novo horizonte.

En particular, consideramos que nestes momentos é especialmente urxente a implementación por parte de gobernos e institucións competentes, dos seguintes aspectos recollidos na Carta:

1.-Os artistas, como todos os traballadores, teñen que poder vivir do seu traballo (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B. “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta);

2.-A sociedade necesita para o seu desenvolvemento unha rede aberta e libre (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo D, “Acceso ás infraestruturas tecnolóxicas”, da Carta);

3.-O dereito a cita e o dereito a compartir teñen que ser potenciados e non limitados como fundamento de toda posibilidade de información e constitutivo de todo coñecemento (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo A, “Dereitos nun contexto dixital”, da Carta);

4.-A cidadanía debe poder gozar libremente dos dereitos exclusivos dos bens públicos que se pagan co seu diñeiro, co diñeiro público (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo C, “Coñecemento común e dominio público”, da Carta);

5.-Consideramos necesaria unha reforma en profundidade do sistema das entidades de xestión e a abolición do canon dixital (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B, “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta).

Por todo isto hoxe se inicia a campaña INTERNET NON SERÁ OUTRA TELE e levaranse a cabo diversas accións cidadás durante todo o período da presidencia española da UE.

Consideramos particularmente importantes no calendario da quenda de presidencia española o II Congreso de Economía da Cultura (29 e 30 de marzo en Barcelona), Reunión Informal de ministros de Cultura (30 e 31 de marzo en Barcelona) e a reunión de ministros de Telecomunicacións (18 a 20 de abril en Granada).

A Rede ten previsto reunirse con representantes nacionais e internacionais de partidos políticos, representantes da cultura e delegacións diplomáticas.

Asinado
Red SOStenible (Rede sustentábel)

Red SOStenible somos todos e todas. Se queres adherir este texto, cópiao, postéao, espállao. Saúde e Terra.

(Obrigado a Tati Mancebo pola tradución)

Comentarios (1) 12:24 am

Mil

Gravado onte no AchegArte da Coruña. Máis na de Ian.

Hoxe non andaremos por aló pero eu de ti non me perdería a Berrogëtto, Alberto Conde Trío, Chévere, as lecturas compartidas, o Quinteto Bellón Maceiras, Bonovo, Os Crebinsky, Roi Casal, Xabier Díaz, o trío Vaamonde Lamas e Romero…

Comentarios (1) 12:10 pm

O debate adiado

Reproduzo a seguir dous correos electrónicos que me chegaron nos últimos meses vía blogue:

Estimado amigo, desculpa o meu atrevemento. Son [...], actualmente dirixente [...] e membro do Cumio Executivo [...] nos primeiros anos da década dos 70.

Despois de ler todo o teu relato, a día de hoxe, sobre os resultados electorais e outras historias, que moito te habiamos agradecer as persoas interesadas en conseguir o mellor (?) para o pobo de Galicia, ocorréuseme dirixirche esta consulta que seguramente outros antes ca min che farían:

Sería unha alternativa acaída, para que o “galeguismo” ampliase o seu espazo, a conformación de dúas alternativas organizativas ou marcas electorais: unha de “centro” e outra de “esquerda”, cos matices precisos en cada caso?

Desculpa esta miña ousadía consultora, e reitero o meu agradecemento por poñer os teus coñecementos a disposición de tod*s.

Saúdos cordiais, [...]

Boas Calidonia,

Tal e como van as cousas na nosa terra seica xa é o intre de organizar un partido político interneteiro na rede.

Un partido sen débedas, sen compromisos, 2.0, ecoloxista, galego, altermundista.

Non sei, algo novo, algo moderno.

Unha especie de “Partido Pirata Galego”

[...] quizabes me poidas dicir se pode funcionar??

Apertas

[...]

O conforto que un sente vendo que non é o único que pensa na necesidade de que a esquerda e o nacionalismo se transformen en Galiza de xeito substancial, de seguida deixa paso ao desespero, ao comprobar que quen ten a posibilidade real de liderar ese proceso prefiren apostar nas batallas internas polo poder e en adiar o debate necesario, inexistente por completo.

Comentarios (3) 10:58 pm

Chuzos de punta

De entrada só podo agradecerlle a Chuza! a súa existencia, pois foi de vello o sitio que maior número de visitantes e impactos lle forneceu a este blogue. Chuza! segue a ser un proxecto necesario neste país e para o noso idioma.

Pero se atendemos á súa filosofía orixinaria e á súa etimoloxía Chuza! hai tempo que deixou de servir para aguilloar consciencias. Na actualidade Chuza! é, salvo honrosas excepcións, sempre presentes, un balbordo oco e pechado. Un foro no que nacionalistas galegos de diversas orientacións, desde a normalidade (estatística) ao estremismo, pasando pola radicalidade e a fantasía, se adican a lerse e aplaudirse a si propios. Un sitio para existir, consistir e resistir no canto dunha panca para e-vencer, convencer e revencer.

Páxinas, visitantes e tráfico no último ano (Fonte: Chuza/Webalizer)

Visitantes totais e visitantes recorrentes (Fonte: Statcounter)

Menos xente, mesmas visitas, máis páxinas vistas (Fonte: Google Analytics)

Foi coñecida e penso que suficientemente explicada a miña decisión de abandonar a participación activa en Chuza! hai xa algo máis de un ano, tras ter sido un dos usuarios máis activos desde o seu lanzamento hai xa máis de tres. Non me gustaba entón, e menos hoxe, o cariz que está a tomar este sitio, pois penso que máis que un portal con vocación informativa ao que asistimos é a unha ferramenta para que varios grupos de individuos estean encantados de coñecerse e recoñecerse. E máis que unha praza pública o lugar lembra unha asemblea á búlgara.

O último que por desgraza dei en ler alí foi unha nova sobre o despedimento (?) dunha xornalista en prácticas en A Nosa Terra. Unha nova nesgada desde o título até a primeira ducia de comentarios, na que se relata a caza ás bruxas dunha traballadora en virtude da súa ideoloxía independentista, onde se denuncia a represión anti-independentista do director do xornal, e se elabora un produto vitimista que evita máis unha vez ao independentismo político realmente existente afrontar a súa inoperatividade (nótese que non escribo invalidez) para transformar a sociedade galega.

A nova axiña chega á portada de Chuza e suma máis de 50 votos nunha carreiriña. De contado aparecen as propostas de boicot, situando ao medio inimigo á altura de La Voz de Galicia ou de Pescanova. Nun aparte alguén tercia pola profesión xornalística para distinguir entre xenerais, mercenarios e xente que vive feliz nas propiedades dos señores da guerra. Outro acusa a un usuario de votar a nova como lixo. Pasan quince comentarios até que alguén pregunta se existen informacións sobre a versión da outra parte afectada. Non está mal, pregúntome como logra resistir en tamaña gaiola de feras. Continúa o balbordo indigno uns cantos comentarios máis até que por fin alguén revela outra versión: a rapaza fora detida nos arredores dunha manifestación cunha lata de gasolina e vánselle validar as prácticas por créditos para que continúe a súa carreira universitaria.

Tanto me ten quen diga a verdade, ou quen posúa unha maior porcentaxe dela. O episodio, para nada o único en Chuza!, pois se repiten con frecuencia crecente, é a proba para min clara da dexeneración informativa do portal.

Esta involución deriva da perda de diversidade entre os seus usuarios máis proactivos, e isto está na base da redución progresiva do número e diversidade de lectores habituais e visitantes. Prodúcese una contracción e homoxeneización da comunidade virtual, un empobrecemento do ecosistema. Deliberado por parte duns poucos, permitido por parte de algúns máis, e consecuencia da evolución natural das cousas por parte dunha maioría silenciosa que hai dous anos aínda visitaban este sitio e agora non o fan.

A causa? O fundamentalismo. Non me cabe dúbida. O fundamentalismo dos usuarios e o da forma en que argumentan e propagan (pretendidamente) as ideoloxías políticas que din defender. Pero o problema non é só das persoas. O problema é político, e está nas formas máis que nas ideas. É unha pexa política do nacionalismo galego. E Chuza! o único que fai é facer visíbel esa realidade e afastar de si a moita xente.

Non debía me preocupar con isto se, retomando o que dicía ao comezo, non considerase necesario e mesmo imprescindíbel unha ferramenta como Chuza! na Galiza actual. Se non considerase tamén que un outro nacionalismo galego é posíbel, e que, probabelmente, ningún nacionalismo galego chegará a ser hexemónico con esta carga. Por iso atrévome con este artigo a enfadar algunhas persoas benintencionadas, provocar a outras, e, sobre todo, chuzar a esa maioría de caladiños da que falaba (se é que existe aínda).

Non dubido que esta anotación vai ser publicada en Chuza! e sometida ao debate e ao voto da xente. Precisamente aí radica a esperanza para Chuza! A capacidade de abertura e autocrítica que lle confire a súa natureza. Eu xa estou pensando en volver participar. A ver que pasa.

Da nación á rede

Os cambios tecnolóxicos marcaron as civilizacións e as estruturas políticas e sociais. Os conceptos de nación e soberanía parecen ter existido sempre. Porén, nacen nun contexto determinado marcado por dous avances tecnolóxicos que se produciron entre os séculos XVI e XVIII: a imprenta e a máquina de vapor.

A uniformizacion dos espazos lingüísticos e culturais, xerada pola imprenta, estende a percepción de pertenza a espazos máis amplos que aqueles aos que o ser humano estaba acostumado. Á súa vez, a máquina de vapor e a revolución industrial únense ao fenómeno anterior para conformar ámbitos económicos que conflúen cos espazos culturais constituídos, dando lugar ao Estado-nación como estrutura política dominante durante dous séculos. A resposta daqueles espazos culturais e lingüísticos que non artellaron esa realidade económica e política promove os nacionalismos en Europa ao longo dos séculos XIX e XX, que terminan constituíndo realidades estatais nalgúns casos (Italia, Alemaña, Noruega, Finlandia, República Checa, etc.), entanto outros fican como espazos culturais ou nacionais sen estrutura estatal, nalgúns casos como problema inestábel ou non resolto.

Outra gran revolución tecnolóxica varios milleiros de anos antes, a do neolítico coa irrupción da agricultura e a gandaría, convertera ao ser humano, nómada, cazador e recolector, en sedentario. Xorden as primeiras clases non directamente produtivas, así como as estruturas sociais que gañan en complexidade, como son as cidades. As cidades ou polis medran nalgúns casos formando os imperios da antigüidade, fenómeno iniciado na antiga Mesopotamia. O imperio romano é quizá a estrutura mais sofisticada desta era.

A globalización non é un fenómeno novo. Como analiza Thomas Friedman en O mundo é plano, nos séculos XVI e XVII globalizábanse os imperios, no século XX globalizáronse as empresas, e o factor diferencial consiste en que desde finais do milenio, desde hai dez anos, somos as persoas as que nos estamos globalizando. E outra vez é unha terceira revolución tecnolóxica a que esta provocando a transformación: a causada polas novas tecnoloxías da información e a comunicación, da cal Internet é a expresión máis transformadora.

De Ugarte, Quintana, Gómez y Fuentes analizan en Das nacións ás redes o que nos está a pasar neste novo mundo que se está a crear. Internet nace sobre terreo abonado porque a crise ou transformación do concepto de nación xa había décadas que principiara. Tres guerras europeas en menos dun século que culminan coa debacle de 1945 obrigan a repensar o modelo do Estado-nación clásico e a soberanía absoluta. O proxecto de Unión Europea é quizá o modelo máis innovador para dar unha resposta aos fallos dunha realidade que segue baseada no sistema estatal, mais o innova creando novos espazos e interaccións superadoras do concepto tradicional de fronteira.

Novos espazos abertos créanse tamén para abordar realidades que son novidosas: os problemas ambientais, os problemas globais de alimentación, os organismos reguladores do comercio, os ámbitos de xustiza e seguranza supraestatais son estruturas e ámbitos creados para abordar problemas que non atopan resposta nos límites estatais clásicos.

Kenichi Ohmae analizara xa en O fin do Estado-nación: ascenso das economías rexionais o xurdimento de novas realidades económicas, constituídas por hinterlands máis homoxéneos que nalgúns casos facían das rexións espazos máis dinámicos e noutros creaban áreas que disolvían as fronteiras como pedras de azúcar creando novos ámbitos de relación. Tamén nos noventa, en Jihad vs. McWorld, de Benjamin R. Barber, superpoñíase esa análise económica ao xurdimento de movementos de reafirmación da identidade, nalgúns casos defensivos, como resposta ás novas realidades que a globalización ía creando.

O Club de Roma, nun traballo de prospectiva publicado en 1992 co título A primeira revolución global, analiza estas dúas tendencias, unha centrípeta e outra centrífuga, que se están a producir no mundo e conclúe dicindo: ‘O aparente conflito é o resultado da dificultade de reconciliar esas dúas tendencias no marco do actual sistema político, que está baseado de xeito ríxido sobre o modelo de Estado-nación. O que nos fai falta é unha reformulación dos niveis apropiados para a toma de decisións, co obxectivo de achegar todo o posíbel os lugares para a toma de decisións a aqueles que aproveitan ou sofren as consecuencias das mesmas‘.

Xa que logo, para cando xorde e se estende Internet, na década dos noventa, o debate xa está suscitado nestes termos. Porén, o proceso de transformación dos vínculos sociais, desde as formas vinculadas ao territorio ás propias das redes, acelerouse en progresión xeométrica o longo da última década. Este é o fenómeno que é analizado cunha precisión extraordinaria ao longo das páxinas do libro Das nacións ás redes. Os vínculos do territorio flexibilízanse e créanse redes e comunidades nas que a conexión xeográfica é nalgúns casos substituída por afinidades, intereses comúns e obxectivos partillados. O concepto de pertenza non desaparece, senón que se amplía a espazos con máis grados de liberdade. É coma se tiveramos sido até agora figuras planas vivindo nun espazo bidimensional dividido en liñas negras con ámbitos pintados de diferente cor e de súpeto tiveramos pasado a ter tres dimensións: agora somos corpos xeométricos máis amplos, con formas máis complexas. Seguimos interactuando con ese plano que nos corta, polo que seguimos adscritos ás identidades nacionais clásicas, mais gañamos en matices, en dimensións. E mesmo descubrimos vínculos que nos unen alén da pertenza ou non á mesma cor sobre o plano no que anteriormente viviamos, e que agora é un plano máis dos infinitos que podemos considerar como parte de nós mesmos.

A rede é o mecanismo que fortalece a potencia dun grupo investigador, a posición dunha empresa nos seus mercados cos seus produtos, a axenda dunha persoa ou os seus graos de relación. Recentemente estiven durante medio ano nunha universidade estadounidense na que unha parte importante do meu grao de relación persoal e até profesional convertérase en virtual. A rede formaba parte da miña vida, a rede creada convertérase en parte da miña propia identidade e eu mesmo vivía unha certa experiencia de desterritorialización. Por motivos académicos e profesionais nos anos oitenta e noventa vivín seis anos no estranxeiro. Mais o fenómeno de participación en redes referido neste libro só o puiden experimentar na vivencia deste último ano. Por que? Polo desenvolvemento dunha tecnoloxía que permite a articulación da rede en toda a súa dimensión, tecnoloxía que hai quince anos era aínda moi incipiente.

Di o profesor Innerarity, considerado por Le Nouvel Observateur como un dos vinte e cinco pensadores europeos máis importantes do século XXI, no seu ensaio A sociedade invisíbel, que os novos espazos tenden á desaparición dos centros e á formación de redes. Non se configuran xa a partir do modelo das antigas concentracións, senón que comezan a ofrecer o aspecto dunha extensa malla. Poñamos o exemplo das redes de estradas. Coñecemos unha malla de baixa densidade, radial, sempre tendente a un centro, e non pensemos só na figura radial que confluía no quilómetro cero da Porta do Sol, ou no centro en estrela que enmarca o Arco do Triunfo en París. Vaiamos máis alá no tempo e no espazo e pensemos no Imperio Romano, coa súa rede radial de vías confluíndo en Roma. O proceso de civilización, apunta Daniel Innerarity, posibelmente non sexa máis que unha creación de mallas e redes máis densas que van rompendo o carácter radial e van tecendo algo moito máis multipolar, no que a incorporación de novos nodos (novas realidades) e a creación de máis e maiores conexións de todo tipo xeran a globalización. Os chamados BRIC (Brasil, Rusia, India, China, toda Latinoamérica no seu conxunto, sen esquecer a Indonesia, os países do Golfo Pérsico e actores novos) son eses nodos novos, e o mallado de rede de todo tipo (tecnoloxías de información e comunicación, redes culturais, comercio, colaboracións académicas, corporacións empresariais, noticias, etc.) vaise espesando, diminuíndo os papeis do centro.

Este é o mundo no que vivimos. Á súa vez, permítanme algo de química en honor á miña formación previa. A enerxía de activación dos sistemas, é dicir, o esforzo que necesita un novo actor para saltar a barreira de entrada competitiva nun sector ou mercado, é cada vez menor. Como di Thomas Friedman, o mundo comeza a ser plano. Isto é, máis mallado de rede, e menos ‘costas’ e ‘pendentes’ para países e contornas que desexan entrar no sistema. E para os que traballamos desde as nosas conviccións por unha sociedade máis xusta, isto supón novas oportunidades para ese 80 % da humanidade que ficou no último século desprazado dos espazos de desenvolvemento.

Teñen razón os autores en que posiblemente isto sexa só o comezo, e deberá ser a confluencia e interacción dos novos espazos conversacionais transnacionais e os espazos económicos de ámbito similar o que faga xurdir en toda a súa dimensión as novas identidades. E nestas vai xogar un papel primordial o espazo lingüístico de comunicación, como tamén se subliña neste traballo. As estruturas políticas que xurdan destas realidades en rede non podemos aínda intuílas en toda a súa dimensión, pero todo apunta a que poden achegar unha menor dependencia do territorio e poden revalorizar os espazos de liberdade persoal e política.

Non será sinxelo. Hai temas que a priori preocúpame que non se resolvan adecuadamente nestas novas contornas. Por exemplo, a solidariedade cos máis débiles, aqueles que foron golpeados pola vida, aqueles que son protexidos por un espazo de solidariedade nas estruturas nacionais clásicas, co seu comunitarismo, e poden ser os perdedores nas novas Freedonia, ou nos espazos e redes de maior liberdade e libre adhesión das persoas, pero ausentes de mecanismos de cohesión social. É un aspecto a traballar, a construír e a artellar.

Hai tamén riscos de integrismo, de forzas medorentas ao cambio que poden, ademais, aproveitarse da estrutura reticular dun mundo en rede para golpear na liberdade e na seguranza destas novas realidades. Mais hai tamén grandes oportunidades. As identidades clásicas minorizadas, os pequenos espazos culturais e lingüísticos, poden gañar neste mundo que se crea se apostan pola rede fronte ao muro e se optan por ser un nodo máis, coas súas propias conexións internas cos que comparten esa vivencia, á súa vez abertos a outros nodos.

Na nación clásica, o risco de construírse fronte ao outro, contra a outra identidade, era moi fácil. O reafirmarse fronte a… podía fortalecer aos ollos dalgúns a identidade propia. Porén, a rede esixe abertura. Vallo máis cantas máis conexións teño, cantas máis identidades de pertenza teño, canta maior sexa a miña presenza en foros e realidades… No fondo a rede superadora do concepto clásico de nación facilita que me constrúa co outro en lugar de fronte ao outro. E se me constrúo con moitos, paso a ser nodo forte dunha retícula que me rodea, e a miña propia identidade se fortalece. Partillar faime forte e illarme debilítame.

Das nacións ás redes suscita retos, reflexións e comeza a pintar un cadro que non termina de completar, porque a día de hoxe non hai aínda resposta a moitas das reflexións que se suscitan. Irémolo vendo. Mais todo apunta a que o horizonte reticular, quizá postnacional, no que os planos das identidades e as interrelacións sexan múltiples e complexas, comeza a esbozarse. Pórlle freo á corrente de auga é baldío. Pensemos nas oportunidades, nas doses de liberdade que gañamos e na riqueza de novas realidades que imos converter en parte de nós mesmos. Analicemos os problemas, anticipémonos ás faltas e debilidades da nova realidade e tratemos de buscarlles solucións. Mais a partida pode pagar a pena. As guerras relixiosas en Occidente desapareceron e iso non significa que ninguén teña que renunciar á relixión. Poderá un mundo en rede contribuír a superar os conflitos nacionais sen que ninguén se vexa obrigado a renunciar a unha identidade e sen que ninguén teña que impor ningunha? Non impor-non impedir pode ser un logo que acompañe a un mundo en rede. É todo un desafío.

Josu Jon Imaz
Prólogo a Das nacións ás redes, de David de Ugarte, Pere Quintana, Enrique Gómez e Arnau Fuentes
Tradución propia

Comentarios (0) 11:23 am

Para mariñeiros nós

Outra serie de curtas e sketchs impagábeis dun vello coñecido deste blogue e do blogomillo. Velaquí o penúltimo de Suso Lista.

Tic-Tac á-toa en 3D(ireccións)

Esta anotación foi movida ao meu blog profesional. Podes vela aquí.

Votas pola liberdade en internet?

por_internet_en_europa

Este gráfico non o fixen eu, mais non podía deixar de publicalo.

A tarta representa o número de iniciativas presentadas polos partidos políticos no Parlamento Europeo co obxectivo de garantir as liberdades básicas na rede. A cor verde indica sen lugar a dúbida ningunha que é o grupo da Alianza Libre Europea-Os Verdes, ao que pertence o Bloque Nacionalista Galego, o que liderou esas iniciativas.

A ALE (EFA no acrónimo inglés) – Verdes é a única forza política europea que verdadeiramente amosou unha preocupación real polas ameazas aos dereitos fundamentais que axexan en internet e que impulsan poderes económicos e grupos de presión coa complicidade dos grandes grupos popular e socialista.

Por iso non é casualidade que Ana Miranda e o resto de candidatos do BNG que integran a candidatura da Esquerda dos Pobos asinaran xa o Free Software Pact.

Por iso denuncian sen pelos na lingua que o primeiro concurso do señor Frijolito nada máis chegar á Xunta fose para pagar 2 millóns de favores á Microsoft. Por iso cómpre opoñerse frontalmente a que os computadores portátiles prometidos ao meniños de quinto de primaria leven instalado o sistema operativo que, se ninguén o remedia, enviará automaticamente outros 2 millóns de royalties a Redmond, EUA en vez de investir no desenvolvemento das nosas PMEs tecnolóxicas.

Paridade

Paridade

Fonte: BNG na casa. En resposta a Personalismos en política.

Verde e luxemburgués

EUProfiler

A web EuProfiler é un exemplo de aplicación de metodoloxías estatísticas multivariábeis ao campo da sociopolítica. O modelo que ten detrás susténtase nun test sobre diversos temas e posicións políticas, tanto relativas ao ámbito europeo canto xerais. O internauta responde ao cuestionario e despois outórgalle a cada pregunta máis ou menos importancia, para distinguir así aquelas cuestións que considera cruciais das irrelevantes. O resultado do experimento é a identificación partidaria nun mapa de dúas coordenadas nos que están localizadas case todas as forzas políticas da Unión Europea.

O que vedes no gráfico é precisamente o mapeado de todas as forzas, clasificadas segundo un código de cor identificativo do grupo parlamentario europeo no que están inscritas. O resultado do meu perfil faime coincidir plenamente coas posicións dos verdes luxemburgueses, e sitúame máis perto do PSOE e de ERC que do BNG, especialmente no eixo vertical, relativo á intensidade da crenza ou da aposta pola integración europea.

Unha interpretación das votacións internas do BNG

Tras coñecer os resutados das votacións comarcais para a elección de delegados para a Asemblea Nacional que o Bloque celebrou a fin de semana pasada, eu propio e cando menos dous blogueiros máis, Nygardsvej e xGaliza, caemos na conta da relación que tiñan os resultados internos e os externos.

O factor común ás tres interpretacións é que as maiores porcentaxes de voto obtidas pola ApU, a candidatura da UPG e os seus satélites, correspóndense cos lugares onde o BNG obtivo peores resultados e onde o seu retroceso desde hai 8 ou 12 anos é maior. A maiores cada un de nós achegaba matices a esta interpretación intuitiva, así que para evitar que o debate se perdese entre unha morea de puntos de vista persoais sen maior fundamento que a querenza de cada quen, comecei a botar números.

Niso andaba cando esta mañá dei no Facebook cun gráfico e uns comentarios realizados por Xurxo Rodríguez Méndez, alcalde de Castrelo de Miño, representante da corrente quintanista e integrante da candidatura de +BNG. No gráfico Xurxo limitouse a plasmar a evolución electoral do BNG e o resultado de +BNG e ApU.

No que segue vou empregar os resultados da elección de delegados publicados polo blogue Renovar o BNG, razón pola cal pido que todos os erros que puidera haber nos datos se lles remitan a eles e non a min. Pido perdón por adiantado por verme obrigado a deixar de lado os resultados das listas e colectivos minoritarios e/ou de carácter independente e autónomo. Son poucas comarcas nas que estas candidaturas obtiveron representación e non é razoábel tentar derivar conclusións de tan poucos datos. Advirto de que naqueles casos en que dúas das tres listas concorreron conxuntamente ás votacións limiteime a repartir de forma equitativa os delegados obtidos entre as dúas marcas que as compoñían. Sei que é unha simplificación grosa, pero inevitábel, por descoñecer eu as afinidades ou non das persoas que integraban estas ‘coalicións’.

Se analizamos a evolución electoral do BNG desde 2001, último momento en que foi a primeira forza da esquerda, até 2009, tras as recentes eleccións ao Parlamento de Galiza, veremos que dito comportamento garda unha relación bastante clara coa importancia interna das diferentes correntes de delegados.

O mellor comportamento electoral está relacionado cun maior peso da corrente +BNG nas comarcas. Pola contra os peores resultados correlaciónanse estatísticamente coas comarcas onde a ApU obtivo unha maior porcentaxe de delegados. Os resultados das Listas Abertas son independentes da evolución electoral, tanto nestes 8 anos como nos 4 últimos.

ApU

+BNG

LA

- A comparación entre a evolución recente do resultado electoral do BNG e o reparto de delegados forma parte dunha visión reducionista do proceso de elección de delegados asemblearios. Esta é unha visión limitadora da crise de fondo que atinxe ao conxunto do nacionalismo galego. O único que se dirimiría así é quen mellorou o seu resultado na súa comarca e quen a empeorou para así deitar culpas e parabéns no plano interno. Nin se debate o resultado global obtido polo Bloque en todo o País nin as súas causas. Tamén non se revisan nin o discurso político, nin os referentes sociais nin o modelo organizativo. Trunfa interesadamente a visión curtopracista e fúrtase o debate imprescindíbel que debe actualizar o proxecto político do nacionalismo.

- Máis que dirimirse os efectos positivos e negativos que para o resultado electoral do BNG tivo o que agora se visualiza como maior presenza duns ou doutros, o que os números poñen de manifesto é que a inmensa maioría das bases do BNG está atrapada entre o dominio implosivo da UPG e a querenza teletransportadora do quintanismo. Os resultados electorais dos últimos 8 anos o que poñen de manifesto é que a estratexia política de apostar por un nacionalismo de centro de base rural e idosa, a causante en gran medida dos retrocesos electorais, tivo o único efecto de fortalecer un pólo interno de militantes diferente ao do tradicional equilibrio falsamente frontista de partido guía. Deste xeito o BNG permanece flutuando entre o inmobilismo a respecto dunha estratexia e un líder fracasados e a volta aos vellos equilibrios arredor da forza que atrae gravitatoriamente o 50% das bases.

- A comparación entre os resultados internos e externos debería realizarse non só en termos de variación, senón tamén de nivel, como ben me apuntou Nygardsvej. Pode haber e hai comarcas con avances espectaculares que se deban a niveles baixos de inicio, que simplemente chegaron tarde ao proceso de expansión electoral e social do nacionalismo ou que responderan á estratexia política que agora se revelou por fin globalmente equivocada. O que si é evidente é que que se en comarcas de perfil semellante hai variacións no nivel de apoio ao nacionalismo (tamén na evolución) é cando poderemos realizar un diagnóstico diferencial que debe comprender tanto causas internas (composición interna do BNG na comarca, referentes persoais…) como externas (investimento autonómico e provincial, poder municipal…).

- Por último cómpre advertir que a conclusión de toda análise deste tipo debe ser cauta, xa que non todas as comarcas teñen a mesma importancia. O peso demográfico (censo electoral) é un, o electoral (votos do BNG) é outro, e finalmente o número de militantes (ou de candidatos a delegados, como aproximación máis ou menos fiel daquel) é outro diferente. Por mor desta tripla diferenza non é posíbel ponderar os resultados, así que a comparación debe establecerse comarca a comarca supoñendo a mesma importancia para todas elas, cando sabemos que iso non é así.

O BNG móvese entre a inmutabilidade e o eterno retorno. O mesmo que a sociedade galega. Seguimos esperando unha innovación.

A nova Blogaliza

Blogaliza2.0

A comunidade Blogaliza acolle a máis de 1.700 blogues en galego (sobre temas literarios, educativos, blibiotecarios, deportivos, persoais, políticos, etc.) e máis de 6.000 usuarios/as rexistrados/as. A portada de Blogaliza amosaba até agora o último publicado no blogomillo, todos os blogues escritos en galego, na propia Blogaliza ou noutros sistemas, máis o directorio deste crecente blogomillo.

NOVOS SERVIZOS DA BLOGALIZA

O próximo 1 de maio abriremos a nova Blogaliza, unha versión ampliada do habitual servizo de blogues en galego que integrará tamén noticias culturais actualizadas a diario, rede social, convocatorias de animación á creación artística e moitos outros contidos.

A partir dunha nova portada xeral da comunidade, poderase consultar a actualidade do blogomillo, con especial intensidade no ámbito da cultura a través de seccións especializadas en literatura, música, cinema, artes visuais, etc. A apertura destas seccións será progresiva, comezando pola de letras.

PARTICIPACIÓN NA CONFIGURACIÓN

Desde a Blogaliza temos claras expectativas do que non debe faltar, mais queremos facer un convite público a todas as persoas, colectivos e institucións que queiran facer propostas para enriquecela.

Desde hoxe e até o 1 de maio na portada de Blogaliza accederase a un blogue aberto ás propostas de todos. Calquera pode mandar ideas e debatelas para que sexan integradas na nova Blogaliza. Para iso só é preciso enviar un correo para  propostas at blogaliza.org, que será publicado como nova anotación, cos comentarios abertos para, entre todos/as, ir perfilando as novas ideas.

DIFUSIÓN DO PROXECTO

Agradeceremos toda a difusión posíbel deste correo, coa pretensión de facermos da Blogaliza un aberto centro cultural na rede. Un espazo sen cancelas onde poder comunicar, debater, partillar e fornecer en liberdade e respecto a cultura que queremos.

PUBLICIDADE

Na Blogaliza temos o compromiso de que os blogues continúen a ser de balde e sen publicidade, como até agora, salvo nas portadas temáticas, espazos onde posibilitaremos referencias publicitarias coa intención de financiar o proxecto e asegurar a súa viabilidade.

Resultados das asembleas comarcais do BNG

Até onde alcanzo a saber no blogue Renovar o BNG foron os primeiros en publicar os resultados destas asembleas comarcais do BNG que principiaron o proceso da vindeira Asemblea Nacional. Onte pola noite fixeron escolma de resultados e recolleron comentarios dos internautas, e hoxe mesmo veñen de actualizalos, no que é unha boa mostra de como a internet informa mellor, máis rápido e en dúas direccións. Esta mañá Vieiros publicou tamén un completo cadro de candidaturas e resultados, que na súa primeira versión tiña algún erro (ver comentarios).

Nos medios o seguimento foi desigual, todo o contrario que a maioría dos titulares e destaques, que fan fincapé no inmobilismo xusto cando as cousas no BNG están máis incertas e abertas do que nunca antes. É curioso comprobar como os titulares dos medios máis afíns ao nacionalismo teiman en facer unha interpretación simple sobre a maioría da UPG ou dun pacto de concentración UPG+BNG, nunha mostra máis da conservación do mantemento de cousas que propugnan os principais responsábeis do desastre electoral.

Velaquí a relación de novas relacionadas cos resultados nos medios de masas:

La Voz de Galicia: Las bases del BNG dan su voto a la UPG, pero un peso notable al quintanismo e Beiras vence en Monforte y logra que su enmienda política vaya a ser debatida en la asamblea nacional

Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña: La UPG logra la mitad de los delegados que elegirán la nueva directiva del BNG

El Correo Gallego: Los delegados del BNG fuerzan un pacto entre las candidaturas

El País: Las listas de la UPG se imponen en las asambleas del Bloque

El Ideal Gallego: La lista Alternativa pola Unidade logra el 49% de los votos en la asamblea local (ligazón visíbel só hoxe)

Xornal: Alternativa pola Unidade adiántase na carreira cara á Asemblea do BNG

A Nosa Terra: ApU e Máis BNG suman en torno do 80% dos delegados

Comentarios (6) 11:55 am

Miranda a Europa

ana miranda

O Consello Nacional do BNG, sen consultar primeiramente ao conxunto da militancia, decidiu por ampla maioría concorrer ás eleccións europeas coligados con ERC, EA e Aralar baixo a histórica marca electoral da Europa dos Pobos, na que xa participara o PNG(-PG) en 1987 e 1989. A decisión é a preferida pola ampla maioría das bases do Bloque desde polo menos 2004, e aínda que disfrazada baixo razóns de tipo táctico, supón a ruptura coa deriva centrista que a UPG viña impondo na dirección política do BNG desde 2001.

Non corren bos tempos para a esquerda en Europa. Os resultados electorais estatais máis recentes, o os barómetros coinciden no incremento da abstención e no avanzo da dereita e da ultradereita. A crise está a estender a preocupación da cidadanía sobre as cuestións económicas, deixando as sociais nun segundo plano, e temas como a inmigración son dos que máis preocupan á cidadanía española. Un bo caldo de cultivo para os intereses electorais da dereita.

Malia a este escuro horizonte a aposta do BNG polas eleccións europeas non debe supor só unha oposición ao fascismo, á precariedade laboral en Europa, ao Plan Boloña ou ao Tratado de Lisboa. É necesario concienciar á cidadanía Fronte a un Consello e unha Comisión rendidos aos intereses das empresas transnacionais e do capital financeiro, a única alternativa é o contrapoder popular e democrático que representa o Parlamento Europeo. A voz da cidadanía fronte ao capital.

Mais as eleccións europeas teñen que representar tamén unha forma de Galiza estar presente e facerse ver no vello continente e no Mundo, un xeito de nos relacionar coas demais forzas políticas que conforman a Alianza Libre Europea (ERC, PSM+Entesa, EA+Aralar, SNP, Plaid Cymru, corsos, bretóns, occitanos…), unha abertura de miras que só concibe o noso país nas coordenadas de modernidade e universalismo dunha sociedade avanzada. Unha mensaxe en positivo que se opón diametralmente á cerrazón resistencialista e antieuropeísta coa que aínda hoxe moitos e moitas interpretan o nacionalismo galego.

E para iso hai que deixar clara a importancia do Parlamento Europeo: os Parlamentos dos Estados dedican xa hoxe en día o 70% da súa produción lexislativa a traspor normativa europea.

Por todo iso e máis a cabeza da candidatura do BNG debe recaer nunha persoa que exemplifique as nosas aspiracións nacionais e a nosa cosmovisión, que proxecte proximidade e compromiso na defensa do país e da cidadanía, que reúna solvencia profesional e un coñecemento fondo das institucións europeas, que se teña significado como ninguén máis na defensa da Galiza da emigración. Precisamente por estas razóns boa parte dos afiliados e das afiliadas do Bloque propomos para esa responsabilidade á avogada e laboriosa militante nacionalista Ana Miranda.

En cada texto do seu blogue áchanse os argumentos que a avalan.


Artigo publicado en Calidonia e en todos os blogues que desexen ligar para aquí.

O postelectoral que o BNG non realizará

No seo do nacionalismo galego só hai dous defectos máis graves que tirar conclusións sen datos ou feitos que corroboren as afirmacións que se realizan. O primeiro defecto é o de tirar conclusións que contraveñen datos e feitos sobradamente contrastados. O segundo defecto é o de acusar a quen se documenta e avala as súas informacións con cifras de interpretar a realidade como lle convén.

O BNG leva bastantes anos sen realizar un estudo postelectoral digno de merecer tal cualificativo. Hai moitas formas de realizar unha investigación desa natureza: enquisas, grupos de debate, datamining na rede… pero cando non convén aclarar cales son os factores e cales as verdadeiras causas dunha derrota o mellor proceso é o máis político e o menos científico.

Primeiro realízase un guión previamente filtrado e orientado politicamente, despois encárgase a un número elevado de persoas que redacten a partir do mesmo os seus contributos, e finalmente elabórase un documento final con moitas das achegas e sen bastantes outras. Componse así un caleidoscopio de interpretacións inconexas, superpostas, adxacentes, tanxenciais, opostas que serve sobradamente ao seu propósito: hipnotizar a calquera que o lea e tente derivar do mesmo unha liña política coherente.

Perante esta dinámica perversa moitos tentamos contribuír ao debate e á crítica co noso tempo e o noso traballo. E con datos.

O resto desta anotación foi movida ao meu blog profesional. Podes vela http://calidonia.eu/2009/04/06/o-postelectoral-que-o-bng-non-realizara/.

Comentarios (3) 12:01 am