Unha noite coma esta
Nunha noite como esta, hai agora sete anos exactos, coincidindo cun temporal como o que se aveciña para esta fin de semana, comezaba a xestarse a traxedia do Prestige. Conta a wikipedia en castelán que foi o terceiro accidente máis caro da historia da humanidade. E eu acrecento: foi a incompetencia máis cara.
Mais non vou falar das implicacións políticas e sociais dun tema que xa consumiu moito tempo e que para ben e para mal está xa practicamente descontado. Ben, iso se non caemos na conta de que o piche permanece aínda baixo a area das nosas praias e adherido aos penedos da nosa costa, e apesar de que o tinglado do xuízo está aínda sen resolver.
Quería aproveitar a efeméride para darvos conta dun proxecto web ao que cheguei vía De Ugarte. Chámase Tráfico marítimo e é un proxecto aberto elaborado cunha filosofía comunitaria e colaborativa. Consiste nun mapa que presenta en tempo real as coordenadas e principais características dos buques e navíos que sucan océanos e ríos navegábeis ao largo e longo do mundo.
Sorprendentemente toda a zona do Mar Cantábrico e de Fisterra está aínda sen cubrir (cando menos estes días pasados), polo que calquera persoa voluntaria, residente perto do litoral ou con liña de visión co mar, que conte co equipo necesario pode se converter en colaborador do proxecto.
O equipo necesario é unha antena VHF, un PC con conexión á internet e un equipo de recepción. O custo da antena é de aproximadamente 80 € e o do receptor duns 300 €, mais os propios promotores desta páxina sinalan que en zonas de elevada intensidade de tráfico aínda non cubertas eles poderían facerse cargo do custo do receptor.
Esta é unha anotación dirixida a friquis manitas, pero calquera que teña observado nunha noite de verán o océano desde Ortegal ou a Costa da Morte, e teña visto un carreiro de vagalumes a deslizarse polo horizonte como unha guirlanda pendurada do ceo no día do patrón, sabe que esta é unha magnífica oportunidade para poñerse mans á obra e converterse nun shipspotter.
É o que nos queda se non nos deixan facer barcos e non queremos ser piratas nin no primeiro nin no terceiro mundo.
Radio Blogaliza
Xa fixeron o anuncio oficial Goretoxo e Dorfun, así que agora é a miña vez.
Xa está emitindo para todo o Mundo (con cobertura de internet) a terceira canle radiofónica con música integramente feita ou tocada en Galiza ou en galego: Radio Blogaliza. Si, a terceira. Despois da desaparecida http://www.radiogaliza.net/ e da efémera Radio Fillos, e antes de que a propia Radio Galega Música resolva programar só música nacional, como debería facer nun panorama musical e radiofónico que non resposta obxectivamente ás preferencias e demandas da audiencia galega.
A radio conta cun arquivo de máis de 1.200 cancións de música popular galega (MPG
), e foron colgadas na rede polos seus autores ou polas discográficas para a súa difusión masiva a través da libre descarga, cando non publicadas directamente baixo unha licenza Creative Commons. Podes ler máis acerca das orixes e filosofía da radio aquí.
O Máximo Testapeza é o primeiro presentador que vén de fichar por esta emisora
. Polo de agora estase a experimentar o sistema Cotovia de síntese electrónica de voz humana, empregando a sindicación de contidos dos fluxos RSS para ‘ler’ algunhas das últimas noticias pubicadas na rede social informativa Chuza!. As posibilidades son moitas e habemos seguir fedellando, se os ventos son propicios.
Que a disfrutes!



