Sobre os barómetros de La Voz

BARÓMETRO URBANO DE LA VOZ
Domingo 7 de febreiro de 2010

Qué credibilidade ten esta enquisa?

A enquisa de La Voz publicada o domingo baixo o título de barómetro urbano ten moi pouca validez, ou ningunha.

Só se publican estimacións de concelleiros e non estimación de voto nin intención directa de voto.

Consta de 200 entrevistas en cada cidade, o que na hipótese dunha mostraxe aleatoria simple (que non é) supón admitir un erro máximo de +/-7% (co 95,5% de confianza) na estimación de voto ou nas valoracións medias dos líderes. É dicir, as porcentaxes que se puideran calcular poderían variar nun abano de 14 puntos porcentuais, e as medias 1,4 puntos.

Só con esa indeterminación é perfectamente posíbel que as posicións reais das forzas políticas e dos candidatos sexan moi diferentes, nalgún caso até mudando as posicións relativas das tres forzas principais.

Se a un tamaño tan pequeno da mostra e a un erro tan infrecuente por grande engadimos que existe unha taxa de abstención, indecisión, voto en branco e non resposta que se aproxima ou supera o 50%, atopámonos con que os resultados están calculados a partir de só 100 persoas que manifestan un voto a unha das organizacións políticas.

Cómpre ter en conta isto para avaliar correctamente a enquisa, sen podermos entrar a analizar, debido á falta de máis información, os restantes aspectos metodolóxicos e do traballo de campo.

Se realizar estimacións nestas condicións pode considerarse un atentado á estatística, facer comentarios e extraer conclusións políticas para cada cidade con base nesa información é simplemente facer da enquisa unha arma de desinformación masiva, de orientación da opinión pública con base en datos pouco ou nada rigorosos.

Son críbeis os resultados do nacionalismo nas cidades para as municipais?

Non.

Os datos de intención de voto para a Galiza urbana que se publican o luns, ao día seguinte, no detalle do voto por tamaño de hábitat do barómetro autonómico, retratan perfectamente a situación de marxinalidade electoral na que se atopa o BNG nos concellos de máis de 20.000 habitantes, cun voto decidido de só o 5% do censo electoral.

No barómetro urbano do domingo a estimación publicada por La Voz outorga ao BNG o 17% dos e das edís (34 ou 35 de 202, en función dun erro que existe na presentación dos resultados en Vilagarcía de Arousa).

Claramente ambos resultados son altamente incompatíbeis (5% do voto decidido nunhas autonómicas, 17% dos edís nunhas municipais), practicamente imposíbeis, sen precedentes.

Que se pode deducir a pesar de todo deste barómetro urbano?

Con base nas estimacións de concelleiros calculadas desta forma tan precaria, nada.

O barómetro urbano podería ter servido para realizar unha análise conxunta da Galiza máis urbana (os 8 concellos incluídos, as 7 cidades máis Vilagarcía) se se tivese publicado a intención de voto agregada. Pero eses datos da intención de voto que permitirían facer esa análise non se publican.

Os únicos datos aproveitábeis coinciden en describir unha situación de descrédito das forzas políticas, situación que afecta a todos pero que por razóns obvias, neste ciclo expansivo da dereita, é máis gravoso para as posibilidades dunha alternativa desde a esquerda ao PP.

A desmobilización que se deriva desa situación está a ser máis gravosa para o BNG que para o PSOE, a teor das valoracións dos seus líderes no barómetro urbano do domingo (todos os coñecidos por cando menos tres cuartos da poboación están por baixo dos 4 puntos, excepto Lores), dos resultados de intención de voto do barómetro autonómico do luns (nas 7 cidades o BNG só ten a cuarta parte do voto decidido que ten o PSOE) e doutros datos demoscópicos que se comentan no mundiño. Esta situación precaria do BNG estaría en liña cos resultados reais do 2009 nas cidades.

Cal é a razón de que se publique así esta enquisa?

A publicación o luns dun barómetro autonómico para toda Galiza, xusto un día despois do barómetro municipal urbano, fai pensar que o barómetro urbano estea baseado nunha pequena ampliación da mostra galega para os 8 concellos urbanos.

Postos a remoer nas razóns desta ampliación, e no feito de que sexa a mostra máis precaria a que recada maior repercusión pública (foi publicada o domingo, o día de maior tiraxe e audiencia), parece lóxico pensar que na decisión de realizar e publicar a enquisa municipal pesou máis o criterio editorial que o técnico, alén da evidente oportunidade que se deriva dun horizonte de eleccións municipais a pouco máis dun ano vista.

Porén, a importancia editorial concedida ao barómetro municipal non se acompañou dunha mostra o suficientemente ampla, como xa se viu, a sabendas de que desde un punto de vista técnico os resultados obtidos non servirían para realizar unha estimación minimamente rigorosa de voto ou de concelleiros.

Existen xa que logo evidencias de que algo non se fixo ben, e postos a pensar mal, sobre todo despois de tantas veces de acertar, acaba un por pensar que as estimacións están influídas desde outra instancia allea coa presumíbel intención de conseguir un duplo obxectivo:

- Manter mobilizado o electorado máis activo da dereita. Ao presentar un resultado para o PP que non colma as aspiracións deste segmento social de desbancar aos bipartitos das cidades, dáselle unha motivación adicional para manter o pulso político e continuar co labor de axitación e de desgaste dos pactos de goberno municipais.

- Confiar ao electorado da esquerda. O segmento máis desmobilizado que xa se abstivo nas eleccións autonómicas de 2009 en toda a Galiza urbana seguiría así sen motivos para se volver activar. E o segmento agora máis activo e militante (por descontado menos numeroso que o anterior) tería menos razóns para protestar e espallar unha sensación de descontento coas políticas da nova Xunta.

En resumo, o barómetro urbano podería servir, a quen así razoase, para reeditar os mesmos efectos que tiveron sobre determinados colectivos moi específicos da opinión pública galega as enquisas preelectorais das autonómicas do 2009, que serviron perfectamente á estratexia do PP de mobilizar aos seus e desmobilizar aos opoñentes, e que rematou coa súa chegada á Xunta de Galiza.

Pénsese só nos titulares que se verterán no próximo barómetro urbano, cando se comparen estes resultados anómalos estrañamente favorábeis ás forzas da esquerda cos que resultarán dunha enquisa ben feita: avanzo escandaloso da dereita con só uns meses de diferenza e ás portas das eleccións municipais. O golpe de graza para as expectativas da esquerda. Os gobernos das cidades en bandexa para a dereita. Alguén na Rúa do Hórreo e en San Caetano xa está a fregar as mans.

O PP está a centrar toda a súa estratexia de recuperación electoral e de ataque aos adversarios na recuperación da Galiza urbana, a máis dinámica e a que presenta un voto máis crítico e flutuante, dando por sentado que vai recuperar por inercia boa parte do voto rural e vilego cedido a PSOE e BNG nos últimos anos.

BARÓMETRO AUTONÓMICO
Luns 8 de febreiro de 2010

É críbel esta enquisa?

En liñas xerais, si.

O tamaño de mostra non é o máis axeitado (non está claro se son 300 ou 400 entrevistas por provincia, pois máis unha vez hai erros na ficha técnica) pero a existencia dunha serie histórica de barómetros autonómicos periódicos (e en concreto polo menos un despois das eleccións do 1-M de 2009) permite pensar que existen elementos que permiten corrixir unhas estimacións que doutra forma serían bastante precarias.

Hai que lembrar que o anterior barómetro autonómico, realizado e publicado só uns meses despois das eleccións autonómicas, reflectía un panorama desolador para a esquerda e triunfal para o PP. A comparación deste barómetro co anterior parecería indicar un desgaste do PP, pero nada máis lonxe da realidade. Só devolve a auga ao rego ou as cousas ao seu estado normal, despois do choque que supuxo para a opinión pública de esquerdas a caida do bipartito.

O feito de que a nivel galego o dato sexa: incremento do PP, baixada do PSOE e mantemento á baixa do BNG (baixa en votos, mantense en deputados), é bastante coherente co que aconteceu nas eleccións do 2009, onde o BNG debeu anticipar durante a campaña mediática na súa contra moito do castigo electoral que o PSOE só puido comezar a mostrar despois das eleccións. Doutro lado é aceptábel a idea de que o BNG se teña aproximado, cando menos nas cidades, á súa base electoral mínima (cuestión que sempre é revisábel no medio e longo prazo).

Así as cousas, parece que o desprazamento de electores desde o PSOE ao PP é o único movemento salientábel, e de feito é a única ameza que preocupa desde hai tempo aos alcaldes e aos estrategas socialistas (xa o era antes das eleccións do 2009 e é a única que lles preocupa agora nas cidades).

Porén, outra vez, o máis importante é a diferenza entre o voto decidido á esquerda e á dereita, que indica a diferenza de apoios e de grao de mobilización dos electorados a cada lado do espectro ideolóxico.

Contrariamente ao que indica o barómetro autonómica, a desmobilización xeral da esquerda estaría a castigar máis ao BNG que ao PSOE, como evidencia a súa situación electoral crítica nas cidades, as características do seu electorado (máis novo -cada vez menos- e máis crítico), e en xeral por estar en peores condicións que o PSOE (intención de voto inferior á metade da do PSOE, o que non cadra cunha estimación de escanos superior a esa metade).

A realidade de fondo é unha onda crecente do PP, ademais de pola recuperación do voto non ideoloxizado e de centro máis crítico coa situación económica, por unha mobilización diferencial nas cidades (dereita activada e esquerda en crise) e por unha recuperación do voto ao poder no rural (descúlpeseme o groso dos trazos, pero a síntese pretende só destacar aqueles fenómenos que considero máis relevantes).

Pero non estaba o PP desgastado tralas mobilización sociais recentes?

Non.

Desde a militancia da esquerda en xeral e desde a do nacionalismo en particular tómase con frecuencia a parte polo todo.

40.000 manifestantes a prol do idioma galego só son a vinteava parte do electorado da esquerda en Galiza. un de cada vinte votantes de PSOE, BNG e demais forzas progresistas extraparlamentares.

Ningún dos temas da feble axenda pública galega e ningunha das mobilizacións políticas teñen a ver cos temas que máis preocupan ao conxunto da poboación galega, nin sequera cos que preocupan á maioría da esquerda. Nin as caixas nin o idioma serven de forma xeral para mobilizar e reactivar todo este electorado. Como tampouco serven para que o electorado do PP teña desgaste (coas honrosas pero discretas excepcións de Rafa Cuíña e Vilariño de Conso, que veñen a confirmar a norma).

O tema da lingua só serve para mobilizar e rescatar da agonía ao conxunto da militancia nacionalista, aletargada desde moito antes da perda da Xunta, pero faino con varios efectos perniciosos: polarización social entre PP e BNG que prexudica a posibilidade dunha alternativa de esquerda, mantemento dunha situación de crispación social nun tema que dá azos ás alternativas ultradereitistas e españolistas (como son UPyD e varios independentes locais), e desprazamento do punto de equilibrio interno do BNG cara ás posicións máis identitarias e resistencialistas en prexuízo dunha alternativa máis aberturista e en diálogo permanente coa sociedade.

O resto de temas dos que o nacionalismo fixo bandeira (estatuto de autonomía, concurso eólico, ordenación do territorio) non teñen efecto ningún sobre o electorado da esquerda, ou este é feble e parcial.

O paro e a economía (e os políticos ou a relación destes coa cidadanía) son os problemas que preocupan realmente, pero a culpa non é da Xunta, é fundamentalmente de Zapatero. Quizá máis adiante haxa algún correlato con un desgaste de Feijóo, pero non agora que aínda non pasou un ano desque é presidente.

De feito, até hai nada os problemas económicos en Galiza tiñan menor intensidade que no Estado, derivado tanto dun menor peso da especulación urbanística como do tradicional retardo da economía galega en relación coa estatal (e do meu punto de vista dunha mellor situación obxectiva da economía galega). Agora mesmo, ao se iniciar a recuperación económica, a evolución de Galiza xa esta a ser peor que a do Estado, pero a conxuntura política e o silencio da Xunta neste tema propicia que as olladas se dirixan cara a Madrid.

Algúns outros datos para comprender a conxuntura política actual

A tendencia de fondo histórica de sorpasso electoral da esquerda sobre a dereita finou no 2005. Desde entón asistimos a un ciclo que reverte parcialmente o avanzo precedente e sen parangón da esquerda.

Nas cidades segue habendo unha maioría social de esquerdas, pero agora mesmo atópase desmobilizada e sen referentes ideolóxicos nin liderados claros.
E de cara ás municipais boa parte do voto seguirá a emitirse tanto en Galiza como nas cidades en clave estatal, seguindo o ciclo que está a caracterizar a política do Estado. O peso desta compoñente, normalmente secundaria tralos liderados locais, vai ser maior nun escenario de polarización bipartidista.

Con estes vimbios, e sen transformacións serias no conxunto da esquerda política galega, especilamente no nacionalismo, a situación política condénanos a un longo ciclo de dominio da dereita que non se limitará desde logo a catro anos. Nel haberá quen estea cómodo facendo de oposición. O que subscribe non.

Crónica do seminario sobre lingua, sociedade e política

Principio con esta anotación unha reflexión persoal sobre a situación da lingua galega hoxe. O que podes ler é o froito de varias ideas maduradas nos últimos tempos. Esta reflexión é froito do meu interese polo tema, dun seguimento desigual da actualidade lingüística, da miña participación profesional nun par de estudos de carácter sociolingüístico e do intercambio de impresións que se deu no Seminario sobre Lingua, Sociedade e Política que recentemente organizou o Consello da Cultura Galega.

Nesta primeira anotación fago un resumo dos relatorios que fixeron parte do programa do seminario e comento aquelas cuestións que achei máis interesantes. Nunha segunda parte, probablemente máis polémica, exporei as miñas impresións críticas con algúns dos discursos e persoas que dominan o debate sobre a cuestión lingüística e que parecen estar enredadas -antes e despois do seminario- nunha discusión tan agre como pouco fructífera. Vaia por diante que carezo de formación académica específica en materia sociolingüística e que asumo decididamente o meu rol de intruso profesional neste tema, cousa pola cal e xa de entrada pido desculpas.

Albert Branchadell

Foi un acerto comezar o seminario co seu relatorio, que versou sobre un cambio de paradigma na análise das sociedades bilingües. Branchadell reempraza o concepto de normalización polo de sostibilidade, e o de conflito polo de desacordos. Na súa opinión é preciso abordar estratexias lingüísticas que procuren o consenso, e cando isto sexa imposíbel, que cando menos logren o apoio maioritario e estable da poboación. Non é de estrañar que o seu pensamento beba dunha realidade nacional -a catalá- onde a dualidade lingüística é maior que en Galiza e onde a lingua é un fenómeno menos transversal e máis definitorio do perfil do voto das dferentes forzas políticas. Un escenario este que non é o galego, mais cara ao que quizá esteamos xa en ruta.

Opinou que en Galiza existen hoxe posición irreconciliábeis que impiden o consenso, percibindo eu que estas posicións pertencen a quen defenden o discurso de Galicia Bilingüe -liberdade de elección tan absoluta como irreal- e a quen defenden o monolingüismo social nun dos dous principais idiomas. É evidente que este último discurso entronca claramente coa tradición política do nacionalismo galego, dado que aínda ninguén, nin os máis declaradamente inimigos da indentidade galega, ousan propoñer de forma transparente o monolingüismo social en castelán -aínda que forzas políticas fascistas como UPyD xa comecen a falar de eliminar da Constitución o recoñecemento das linguas propias das nacionalidades históricas. Para o debate ficou no aire a cuestión de se ambas posicións extremas son cualitativamente iguais ou perfectamente simétricas a respecto dunha solución intermedia.

Derívase claramente da súa intervención, ou eu así o interpreto, aínda que el non o acabara de formular de forma definitiva, a idoneidade e a necesidade de que a estratexia de promoción do galego mude a respecto das formulacións actuais, deixando fóra as posicións estremas ou radicais e anticipándose aos cambios inmediatos no desequilibrio dinámico das linguas en contacto, promovendo o plurilingüismo e a convivencia. Polo de agora nin desde o ámbito político nin desde o institucional se ten abordado publicamente e con decisión este debate, que tan só algúns sociolingüistas atinaron a introducir no plano académico durante os últimos anos.

Tiña apuntadas algunhas cousas valiosas que mencionou o retrucante, o mestre e filósofo Antón Baamonde, mais o protagonismo da discusión acaparouno o vicepresidente de Galicia Bilingüe, Xosé Manuel Pousada, home de Gloria Lago, a presidenta do colectivo. Realizou unha intervención bilingüe en galego e catalán para defender a liberdade de elección de lingua por parte dos pais no sistema educativo, chegando a recoñecer mesmo a necesidade de que os poderes públicos tomaran partido para apoiar a lingua en situación de desvantaxe. Todo un recital de hipocrisía. Como atinadamente retrucou Branchadell a Pousada, comezarei a acreditar no que afirman defender cando apoien o requirimento do coñecemento da lingua cooficial para execer como xuíz nunha nacionalidade histórica.

Fermín Bouza

Fermín merece de entrada o recoñecemento da comunidade galega na rede por ter sido a persoa que máis ten falado sobre a lingua galega nestes meses escuros do posbipartito, coa dificultade e o valor engadido de facelo desde a distancia, pois malia a ser un arraiano cun forte vínculo con Compostela vive e traballa en Madrid desde hai décadas. Entre a publicación de anotacións diarias e a súa implicación decidida no artellamento de movementos e plataformas sociais de promoción do galego non é de estrañar que a súa persoa e a súa bitácora se teñan convertido na ágora onde máis se ten debatido sobre o noso idioma.

Xusto antes de comezar o seminario publicábase unha entrevista onde Fermín aproveita para deixar claro algo que comentei con ocasión da enquisa postelectoral do CIS: A política lingüística non foi culpábel da derrota electoral porque non foi un dos temas importantes. A inmensa maioría dos votantes de PSOE e BNG consideraban correcta a política lingüística do bipartito e recoñecían que o PP teríao feito claramente peor neste tema. Só tomando a parte polo todo se pode argumentar que o descontento coa política lingüística foi significativo entre o electorado progobernamental. Ao contrario, outras enquisas postelectorais realizadas fóra dos ámbitos metropolitanos, mesmo maioritariamente galegofalantes, demostran que foron máis as queixas por un protagonismo excesivo da cuestión lingüística en relación con outros problemas que as reclamacións dunha política máis intensa ou discriminadora en positivo a favor do galego.

Fermín ilustrounos sobre o peso irrelevante do idioma na axenda pública, mais recoñeceu o seu papel na axenda mediática, axenda na que as cuestións de ámbito autonómico atinxen o 25% dos contidos, segundo afirmou. Mais o tema que máis salientou Fermín na súa intervención foi a discusión sobre se se estabilizou ou non o retroceso histórico da lingua galega no noso país. Os primeiros resultados dun Mapa Sociolingüístico, elaborado pola Real Academia Galega con base nunha enquisa realizada no ano 2004, dispararon as alarmas. Dito estudo reflicte aparentemente unha fortísima perda de falantes habituais do galego. A súa divulgación mediática en forma de titulares sensacionalistas e a utilización dos resultados por parte da Mesa para afondar nas súas críticas e nas súas reclamacións eclipsaron a posibilidade dunha análise previa: eran correctos os datos? En que medida? Cal é o verdadeiro estado de saúde da nosa lingua?

Fermín Bouza aproveitou o acto para se posicionar entre dúas augas, criticando aos derrotistas sen deixar de recoñecer a situación crítica do idioma, aínda que por veces se lle intuiu máis do lado dos optimistas que acreditan nunha estabilización e mesmo na recuperación da lingua. Fronte ao catastrofismo que translocían as primeiras interpretacións dos resultados do MSG/RAG-04 Bouza esgrime varios resultados da enquisa preelectoral que o CIS elaborou a comezos de ano. Estas enquisas presentan un repuntamento da porcentaxe de persoas que tiveron como lingua inicial o galego, xusto na faixa de idades máis nova, entre os 18 e os 24 anos. Arredor deste resultado inédito nas series históricas de datos sobre a lingua galega centrou el boa parte da súa intervención e os asistentes boa parte da súa atención.

Retrucou o relatorio de Fermín un brillante Xosé Manuel Núñez Seixas, para min das mellores intervencións de toda a xornada, quen introduciu de cheo no debate as contradicións que existen arredor das nocións de nación e de estado en perspectiva histórica e no momento actual, criticando a identificación entre lingua e nacionalismo político que explica en boa medida a dinámica sociopolíticolingüística que estamos a vivir. Ilustraron a súa intervención numerosos exemplos onde a identificación entre lingua e nación ten seguido camiños distintos aos que por exemplo defende o BNG, todo perante a ollada atenta do deputado nacionalista Bieito Lobeira, presente na sala.

Antón Losada

Un comunicador tan locuaz como impermeábel, elaborador dun discurso sen fisuras aparentes que non deixa lugar á discusión.

A súa intervención foi desigual, de menos a máis. Co apoio dunhas vellas filminas en branco e negro principiou un percorrido superficial polas dimensións histórica, xurídica e orzamentaria da política lingüística desde a creación da Autonomía. Mais axiña se encendeu en canto comezou a analizar os actores políticos e as súas estratexias e posicionamentos a respecto da lingua e o galeguismo/nacionalismo durante tres etapas distintas: o fraguismo, o bipartito e o feixismo.

Ilustrou a súa concepción da situación política e lingüística mediante os resultados de enquisas sociopolíticas, evidenciando a progresiva viraxe do electorado do PP en Galiza cara a posicións cada vez menos galeguistas e máis asimilacionistas. Non se pode deixar de pensar que ese fenómeno é o fundamento da estratexia desenvolvida polo quintanismo: tentar ocupar o espazo de centro-dereita galeguista (mais non nacionalista) que progresivamente foi perdendo peso no electorado e no aparato populares desde xa hai bastante anos. Na súa opinión o PPdeG e Feijóo teñen cometido un tremendo erro coa súa estratexia, sen saber agora moi ben como corrixila para volver ao equilibrio da época fraguiana na que o PPdeG non só era o promotor da política lingüística senón tamén o mediador na súa (non) aplicación.

Os mesmos datos demoscópicos que presentou serven para desmontar o mito polo cal moita xente acredita que o electorado do PSOE é menos galeguista que o do PP, o cal debeu contentar ao deputado e portavoz socialista Fernández Leiceaga, que se contaba entre o público.

No debe do relatorio cómpre apuntar o feito de que ninguén preguntara por que nos seus mapas de actores situou á Mesa como opositora á política lingüística do bipartito, e que tampouco lembrara responder á pregunta sobre a aplicación de fondos de política lingüística para o sostemento dos medios de comunicación, medios que como no fraguismo seguen a usar o galego por baixo do nivel presente nos seus lectores e compradores.

Mauro Fernández

Perfecta e brillante a súa intervención para criticar con sólidos argumentos os resultados do MSG/RAG-04, pondo en cuestión as súas bases metodolóxicas e o rigor na súa realización. Descubriunos algúns resultados marxinais do Mapa (do volume segundo) que evidencian a presenza de fortes efectos de sobre e infrarrepresentación, dando como resultado unha mostra cargada de individuos con elevada formación e ocupacións de alta cualificación e remuneración. A miña sospeita é que se trata dos típicos desvíos que aparecen nun campo telefónico, non presencial. A ficha técnica incluída no volume primeiro do Mapa non detallaba cando menos se o campo elaborado polo Instituto Sondaxe foi presencial ou telefónico.

Malia á súa crítica, medida pero fermosamente demoledora, Mauro recoñece a validez dalgúns resultados do MSG/RAG-04 e alcanza a observar no estudo indicios de estabilización no uso do galego. Nese sentido elaborou unha estimación numérica sobre a base dos resultados do MSG-92 no que el participou, para concluír que existe unha estabilización/recuperación de persoas novas que teñen o galego como lingua inicial e habitual.

Porén, a súa intervención tivo unha pequena mágoa. A afirmación de que o galego segue a ser a lingua maioritaria da poboación galega foi a escollida polo Consello de Cultura para a elaborar a nota de prensa oficial do seminario, o que deu ao traste coa impecábel neutralidade coa que Mauro tiña realizado a súa exposición. Invalidados os datos do MSG/RAG-04 non é doado sustentar afirmacións como a do titular baseadas en proxeccións e escenarios hipotéticos, e máis ben parece que primou o desexo de contrapoñer un titular aos que hai uns meses encheran os medios no sentido contrario. Nesa reinterpretación do relatorio que fai a nota de prensa tamén se obvia que estamos entrando no ano 2010, e que os datos de 2003 ou de 2004 poden ser perfectamente obsoletos.

A atención prestada á posíbel estabilización ou repuntamento do galego como lingua inicial ou habitual entre a xuventude, xunto con esta outra cuestión relativa á validez do discurso do galego como lingua aínda maioritaria da poboación, paréceme que contribúen a desviar a atención acerca da situación verdadeira da lingua galega, do retroceso manifesto nos seu usos, e a focalizar o debate nas cuestións máis políticas e institucionais, que na miña opinión están a estragar as últimas oportunidades de actuación. Na próxima anotación volverei sobre todo isto.

Monte Gaiás vs. Punta Lagosteira

As asimetrías informativas de La Voz de Galicia

Dato: Malia a ser unha obra máis cara e posuír un desfase orzamentario superior, La Voz de Galicia dedica ao Porto Exterior da Coruña 7 veces menos noticias que á Cidade da Cultura de Galicia.

Tic-Tac á-toa en 3D(ireccións)

Esta anotación foi movida ao meu blog profesional. Podes vela aquí.

Post postelectoral

Esta anotación foi movida ao meu blog profesional. Podes vela aquí.

Verde e luxemburgués

EUProfiler

A web EuProfiler é un exemplo de aplicación de metodoloxías estatísticas multivariábeis ao campo da sociopolítica. O modelo que ten detrás susténtase nun test sobre diversos temas e posicións políticas, tanto relativas ao ámbito europeo canto xerais. O internauta responde ao cuestionario e despois outórgalle a cada pregunta máis ou menos importancia, para distinguir así aquelas cuestións que considera cruciais das irrelevantes. O resultado do experimento é a identificación partidaria nun mapa de dúas coordenadas nos que están localizadas case todas as forzas políticas da Unión Europea.

O que vedes no gráfico é precisamente o mapeado de todas as forzas, clasificadas segundo un código de cor identificativo do grupo parlamentario europeo no que están inscritas. O resultado do meu perfil faime coincidir plenamente coas posicións dos verdes luxemburgueses, e sitúame máis perto do PSOE e de ERC que do BNG, especialmente no eixo vertical, relativo á intensidade da crenza ou da aposta pola integración europea.

Unha interpretación das votacións internas do BNG

Tras coñecer os resutados das votacións comarcais para a elección de delegados para a Asemblea Nacional que o Bloque celebrou a fin de semana pasada, eu propio e cando menos dous blogueiros máis, Nygardsvej e xGaliza, caemos na conta da relación que tiñan os resultados internos e os externos.

O factor común ás tres interpretacións é que as maiores porcentaxes de voto obtidas pola ApU, a candidatura da UPG e os seus satélites, correspóndense cos lugares onde o BNG obtivo peores resultados e onde o seu retroceso desde hai 8 ou 12 anos é maior. A maiores cada un de nós achegaba matices a esta interpretación intuitiva, así que para evitar que o debate se perdese entre unha morea de puntos de vista persoais sen maior fundamento que a querenza de cada quen, comecei a botar números.

Niso andaba cando esta mañá dei no Facebook cun gráfico e uns comentarios realizados por Xurxo Rodríguez Méndez, alcalde de Castrelo de Miño, representante da corrente quintanista e integrante da candidatura de +BNG. No gráfico Xurxo limitouse a plasmar a evolución electoral do BNG e o resultado de +BNG e ApU.

No que segue vou empregar os resultados da elección de delegados publicados polo blogue Renovar o BNG, razón pola cal pido que todos os erros que puidera haber nos datos se lles remitan a eles e non a min. Pido perdón por adiantado por verme obrigado a deixar de lado os resultados das listas e colectivos minoritarios e/ou de carácter independente e autónomo. Son poucas comarcas nas que estas candidaturas obtiveron representación e non é razoábel tentar derivar conclusións de tan poucos datos. Advirto de que naqueles casos en que dúas das tres listas concorreron conxuntamente ás votacións limiteime a repartir de forma equitativa os delegados obtidos entre as dúas marcas que as compoñían. Sei que é unha simplificación grosa, pero inevitábel, por descoñecer eu as afinidades ou non das persoas que integraban estas ‘coalicións’.

Se analizamos a evolución electoral do BNG desde 2001, último momento en que foi a primeira forza da esquerda, até 2009, tras as recentes eleccións ao Parlamento de Galiza, veremos que dito comportamento garda unha relación bastante clara coa importancia interna das diferentes correntes de delegados.

O mellor comportamento electoral está relacionado cun maior peso da corrente +BNG nas comarcas. Pola contra os peores resultados correlaciónanse estatísticamente coas comarcas onde a ApU obtivo unha maior porcentaxe de delegados. Os resultados das Listas Abertas son independentes da evolución electoral, tanto nestes 8 anos como nos 4 últimos.

ApU

+BNG

LA

- A comparación entre a evolución recente do resultado electoral do BNG e o reparto de delegados forma parte dunha visión reducionista do proceso de elección de delegados asemblearios. Esta é unha visión limitadora da crise de fondo que atinxe ao conxunto do nacionalismo galego. O único que se dirimiría así é quen mellorou o seu resultado na súa comarca e quen a empeorou para así deitar culpas e parabéns no plano interno. Nin se debate o resultado global obtido polo Bloque en todo o País nin as súas causas. Tamén non se revisan nin o discurso político, nin os referentes sociais nin o modelo organizativo. Trunfa interesadamente a visión curtopracista e fúrtase o debate imprescindíbel que debe actualizar o proxecto político do nacionalismo.

- Máis que dirimirse os efectos positivos e negativos que para o resultado electoral do BNG tivo o que agora se visualiza como maior presenza duns ou doutros, o que os números poñen de manifesto é que a inmensa maioría das bases do BNG está atrapada entre o dominio implosivo da UPG e a querenza teletransportadora do quintanismo. Os resultados electorais dos últimos 8 anos o que poñen de manifesto é que a estratexia política de apostar por un nacionalismo de centro de base rural e idosa, a causante en gran medida dos retrocesos electorais, tivo o único efecto de fortalecer un pólo interno de militantes diferente ao do tradicional equilibrio falsamente frontista de partido guía. Deste xeito o BNG permanece flutuando entre o inmobilismo a respecto dunha estratexia e un líder fracasados e a volta aos vellos equilibrios arredor da forza que atrae gravitatoriamente o 50% das bases.

- A comparación entre os resultados internos e externos debería realizarse non só en termos de variación, senón tamén de nivel, como ben me apuntou Nygardsvej. Pode haber e hai comarcas con avances espectaculares que se deban a niveles baixos de inicio, que simplemente chegaron tarde ao proceso de expansión electoral e social do nacionalismo ou que responderan á estratexia política que agora se revelou por fin globalmente equivocada. O que si é evidente é que que se en comarcas de perfil semellante hai variacións no nivel de apoio ao nacionalismo (tamén na evolución) é cando poderemos realizar un diagnóstico diferencial que debe comprender tanto causas internas (composición interna do BNG na comarca, referentes persoais…) como externas (investimento autonómico e provincial, poder municipal…).

- Por último cómpre advertir que a conclusión de toda análise deste tipo debe ser cauta, xa que non todas as comarcas teñen a mesma importancia. O peso demográfico (censo electoral) é un, o electoral (votos do BNG) é outro, e finalmente o número de militantes (ou de candidatos a delegados, como aproximación máis ou menos fiel daquel) é outro diferente. Por mor desta tripla diferenza non é posíbel ponderar os resultados, así que a comparación debe establecerse comarca a comarca supoñendo a mesma importancia para todas elas, cando sabemos que iso non é así.

O BNG móvese entre a inmutabilidade e o eterno retorno. O mesmo que a sociedade galega. Seguimos esperando unha innovación.

O postelectoral que o BNG non realizará

No seo do nacionalismo galego só hai dous defectos máis graves que tirar conclusións sen datos ou feitos que corroboren as afirmacións que se realizan. O primeiro defecto é o de tirar conclusións que contraveñen datos e feitos sobradamente contrastados. O segundo defecto é o de acusar a quen se documenta e avala as súas informacións con cifras de interpretar a realidade como lle convén.

O BNG leva bastantes anos sen realizar un estudo postelectoral digno de merecer tal cualificativo. Hai moitas formas de realizar unha investigación desa natureza: enquisas, grupos de debate, datamining na rede… pero cando non convén aclarar cales son os factores e cales as verdadeiras causas dunha derrota o mellor proceso é o máis político e o menos científico.

Primeiro realízase un guión previamente filtrado e orientado politicamente, despois encárgase a un número elevado de persoas que redacten a partir do mesmo os seus contributos, e finalmente elabórase un documento final con moitas das achegas e sen bastantes outras. Componse así un caleidoscopio de interpretacións inconexas, superpostas, adxacentes, tanxenciais, opostas que serve sobradamente ao seu propósito: hipnotizar a calquera que o lea e tente derivar do mesmo unha liña política coherente.

Perante esta dinámica perversa moitos tentamos contribuír ao debate e á crítica co noso tempo e o noso traballo. E con datos.

O resto desta anotación foi movida ao meu blog profesional. Podes vela http://calidonia.eu/2009/04/06/o-postelectoral-que-o-bng-non-realizara/.

Comentarios (3) 12:01 am

De como un xornal bota abaixo un Goberno

A campaña de manipulación informativa que La Voz de Galicia levou a cabo contra o BNG nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galiza é un dos factores máis recorrentes nas análises dos resultados que o nacionalismo vén de colleitar.

Non pretendo agora dilucidar cales foron os erros cometidos polo Bloque nas súas estratexias política e mediática, nin tampouco na súa campaña electoral, nin avaliar a súa importancia. Só quero amosar coas dúas gráficas seguintes a realidade explicada a nenos e nenas (premer nas imaxes para velas aumentadas no Flickr).

LaVozDeGaliciaEBNGNasEleccións2009

LaVozDeGaliciaEBNGNasEleccións2009

Fonte: Resultados oficiais provisionais, enquisa de audiencia de medios en Galiza con 4000 entrevistas, e elaboración propia.



A audiencia de La Voz cóntase entre os catro factores reais máis importantes, medíbeis cuantitativamente, do descenso en votos do BNG. Os outros factores son os recollidos na anotación en que tracei unha análise global dos resultados electorais: nivel de renda, desigualdade de renda, e nivel de monolingüismo en galego. Todos eles son máis relevantes para explicar o retroceso do Bloque que mesmo o tipo de hábitat ou a idade dos electores.

O nivel do retroceso, medido en porcentaxe do censo electoral (non de votos emitidos), é maior nas catro comarcas da provincia da Coruña nas que máis se le La Voz. A partir de aí e con audiencias decrecentes figuran o resto de comarcas orgánicas do BNG, primeiro as do resto da Coruña e finalmente as da área de influencia de Vigo. Seguindo esa ordenación, case en paralelo á distancia en Km á cidade coruñesa, atopamos, en xeral, caídas moito menores e mesmo algúns incrementos. As principais excepcións a esta correlación case lineal entre incidencia de La Voz e retroceso do BNG atopámolas nas comarcas máis urbanas, desenvolvidas e castelanfalantes.

Visto isto xa me tarda que todas aquelas persoas, de dentro e de fóra do BNG, que pretenden empregar os resultados das eleccións autonómicas para xustificar, só onde lles interesa, relevos na cabeza das candidaturas municipais do Bloque, comecen por asumir a súa responsabilidade na adopción dunha estratexia política (concurso eólico) e mediática (lanzamento inoportuno de Xornal) que foi a que en realidade condenou ao BNG a eses resultados.

Mais non perdamos o norte. O inimigo segue retratado aquí:

boicoz

Programas electorais nas nubes

E non é precisamente pola altura de miras. Atopei pola rede esta análise dos programas electorais das tres principais forzas galegas. Nela revélase como todos eles están inzados de lugares comúns, pero tamén se amosan, e isto é o que me chamou a atención, algunhas diferencias sutís:

- O PSOE foi o que máis falou de profesionais e da rede, aínda que o máis revelador é a súa aposta por propoñer cousas novas tras non facelas en 3 anos e medio de goberno (diapositiva nº 15).

- O BNG teima na súa obsesión co Estado e as competencias, e o seu discurso segue ancorado nun argumentario tradicional repleto de cuestións vinculadas á cultura e ao desenvolvemento (diapositiva nº 16).

- Bipartito foi unha palabra usada tan só polo PP. O mercado está presente ao longo e largo do seu programa (diapositiva nº 17).

Comentarios (1) 11:44 pm

Especial Eleccións ao Parlamento de Galiza 2009

Problemas familiares na última semana impedíronme ser máis áxil na actualización desta páxina, razón pola que pido desculpas a quen procurastes aquí novas informacións. Nós próximos días publicarei unha análise estatística dos resultados, posibelmente en forma de presentación. Incorporo ao especial, xa en forma de anotación, unhas primeiras impresións, e deixo para sucesivas anotacións do blogue as reflexións e lecturas máis políticas e persoais sobre o que vén de acontecer. Grazas polo voso seguimento.



Análise de Resultados Históricos

A dereita vencedora e os altofalantes mediáticos non tardaron e cualificar a participación nestas eleccións como histórica. É certo que asistimos ao mínimo da abstención nuns comicios autonómicos, mais se comparamos datos homoxéneos a participación no CER só aumentou 2,4 puntos, pasando do 68,1% ao 70,5%.

Cómpre pois reducir a historicidade do resultado, xa que houbo 4 eleccións nas que se superou sobradamente o presente nivel de mobilización nas urnas: as xerais de 1993, 1996, 2004 e 2008. En todo caso o diferencial de participación entre as autonómicas e as xerais inmediatamente anteriores non acadou o mínimo nestas eleccións: 5 puntos. Dito mínimo rexistrouse en 1989, cando a abstención foi idéntica en xerais e autonómicas, e a distancia tamén foi de 5 puntos en 1993 e 2001.

O dato realmente histórico destas eleccións é que por vez primeira en toda a democracia galega e en todos os tipos de comicios as catro provincias rexistran o mesmo nivel de apoio á dereita e á esquerda, cunha leve vantaxe para os primeiros. Isto só é indicativo de que nas provincias occidentais, máis populosas, urbanas e novas demograficamente, onde tradicionalmente a esquerda superaba en 5 ou 10 puntos á dereita, aconteceu un ou dous destes fenómenos:

a) Houbo un electorado progresista abondoso que preferiu a abstencións, e/ou
b) Mobilizouse o electorado urbano da dereita en moita maior medida que o da esquerda.

Á importancia do diferencial de mobilización e participación cómpre sumar un segundo efecto, máis pequeno pero significativo abondo. Nestas eleccións autonómicas de 2009 a concentración de voto nas tres primeiras forzas (PP, PSOE e BNG) redúcese a niveis das xerais de 2004, tras ter atinxido máximos históricos nas últimas xerais de 2008 e nas autonómicas de 2005 (as do cambio bipartito). A fragmentación do voto a forzas minoritarias sen representación ten impedido a reprodución dun certo voto útil necesario para que se producira o cambio hai 3 anos e medio. Se a iso sumamos o incremento do voto en branco obtemos a explicación a derrota da esquerda fronte á dereita. Tanto ten se consideramos só ao PP fronte ao bipartito como se incluímos nos dous lado da ecuación ás restantes candidaturas.

Os xornalistas e políticos ignorantes levan días comparando datos de resultados do CER coa suma do CER e do CERA de hai catro anos. Non é certo que o PP repetise resultado, subiu 50.000 votos no CER. No entanto o PSOE perdeu 25.000 votos e o BNG 40.000. O retroceso electoral do nacionalismo é maior en termos absolutos e relativos. Coa emigración PP e PSOE sumaran perto de 50.000 votos, por menos de 5.000 votos para o BNG. Esa é a verdadeira magnitude do resultado.

A análise da volatilidade electoral permite aproximarnos, a falta de estudos postelectorais específicos, ao xeito en que os electores mudaron o seu voto nestas eleccións. As autonómicas do 1 de marzo foron unhas eleccións tranquilas vistas á luz do conxunto dos comicios democráticos, tanto dos da mesma natureza como dos restantes. A volatilidade total (porcentaxe mínima de electores que cambiaron o seu comportamento electoral a respecto de 2005) cífrase no 5,1% do censo, inferior á que houbo en 2005 con respecto a 2001 e que fora do 7,2%. Non houbo xa que logo grandes viraxes do electorado. O problema é que os movementos electorais, aínda que pequenos, producíronse no fío da navalla, arredor da leve raia que marcaba a maioría absoluta.

Outro dato que se deriva da análise da volatilidade electoral é que non houbo un único factor que explique o cambio de comportamento nas urnas que abrazou como mínimo ese 5% do censo. Foi algo máis importante o volume dos que cambiaron entre esquerda e dereita, máis que entre os partidos e a abstención, pero precísanse ambos efectos para explicar o que sucedeu. O que non parece ser determinante é o movemento de votos de forzas galegas (fundamentalmente o BNG) a forzas alleas.

Así as cousas a explicación do sucedido pasaría, alén de polo diferencial de mobilización electoral, por unha permeabilidade de voto entre o PSOE e o PP e unha perda de votos tanto do PSOE como do BNG cara á abstención. A intensidade e o sentido destes movementos varía por provincias e tipos de concellos.

O outro dato destas eleccións, non tan visíbel pero crucial para a evolución do nacionalismo e do autogoberno, é o que demostra que o nivel de voto a forzas galegas nunhas eleccións ao Parlamento de Galiza retornou ao nivel de 1989: 17%, como agora, e 9 escanos fronte aos 12 actuais. Daquela o nacionalismo presentárase dividido ás eleccións: 5 deputados o BNG, 2 Coalición Galega, 2 o PSG-EG e ningún o PNG-PG.

Dáse hoxe por tanto unha coincidencia múltipla e varios paralelismos, nos seguintes feitos:

1) Naquel ano cae como agora un goberno progresista de coalición na Xunta (o tripartito presidido por González Laxe)
2) Cae fronte a un novo candidato da dereita (entón Fraga).
3) A suma do voto a forzas propias, que nos últimos 20 anos foi (ao igual que o voto de esquerda) moi superior nas provincias occidentais, achégase nas catro provincias (sen coincidir) a un nivel moi semellante ao daquel ano 1989.

Con este resultado fican amortizados case ao 100% os discursos sobre a unión do nacionalismo baixo unhas únicas siglas, así como enterrado o éxito do modelo frontista de organización. Hoxe por hoxe non existen diferenzas substanciais con respecto á situación na que o nacionalismo se presentou ás eleccións por separado, en que cada forza tiña unha adscrición ideolóxica clara alén do seu carácter nacional máis ou menos marcado.

A diferenza fundamental con entón é que agora a sociedade galega é moito máis desenvolvida economicamente, ten xirado notoriamente á esquerda en canto ás súas preferencias electorais, e o inimigo a bater non está representado na imaxe dun ruralita galego coma ti senón na dun urbanita tan galego como o galego. Alén diso o ciclo electoral inmediato (até 2012) apunta máis dereita e máis voto a franquicias de forzas españolas en Galiza.

- A abstención (28 de xaneiro de 2009).
- Esquerda vs. dereita (9 de febreiro de 2009).
- Forzas españolas ou forzas galegas? (17 de febreiro de 2009).
- A vitoria en disputa (18 de febreiro de 2009).
- Dous partidos e medio (21 de febreiro de 2009).
- Volatilidade electoral.



Enquisas Electorais

As enquisas electorais fallaron no prognóstico electoral no seu conxunto. A que máis se aproximou fíxoo baixo unhas bases metodolóxicas de ínfima calidade, orientada pola liña editorial do seu cliente e, por tanto, de forma accidental e non profesional. A enquisa a pé de urna tamén fallou, se ben non tanto, aínda que no fundamental (maioría do PP ou do bipartito) tamén pecou do mesmo defecto que as preelectorais.

Como amosan as gráficas que foron publicadas aquí, as enquisas non acertaron a recoller o nivel exacto de cada forza, pero si as tendencias da lexislatura e do último semestre.

A auxe do PP e o retroceso dos membros do bipartito era perfectamente visíbel desde hai meses. Pepe Blanco e os seus asesores foron quen de ver desde Madrid o que Touriño e os seus ou non viron ou non quixeron ver. Tampouco as enquisas do BNG, as máis afastadas do resultado final, permitiron probabelmente adiantar o que estaba a acontecer.

Outra cuestión máis difícil é a previsión sobre a abstención. Todos os datos obxectivos dispoñíbeis, tanto as reclamacións ao censo, como as solicitudes de voto por correo, indicaban baixa participación. Pero non baixa en todo o electorado. Só naqueles máis preocupados con a participación democrática, o de esquerdas, máis novo, urbano e activo. Tivo que ser unha mobilización diferencial do voto á dereita, máis intenso contra ao final da campaña, xa superados os prazos legais de reclamacións e solicitudes, o que acabou de forxar vitoria da dereita. O PP activou electorado españolista que con Fraga como candidato non adoitaba votar nas autonómicas, sen deixar mobilizar a case todo o seu electorado rural tradicional.

Botei en falta a realización e publicación de máis enquisas, equidistribuídas no tempo e feitas coa mesma metodoloxía, para calibrar adecuadamente se nas últimas semanas as forzas parlamentarias estaban por riba ou por baixo do nivel co que principiaron a lexislatura. Pero como é patente volvemos asistir a unha concentración de enquisas nos últimos meses. Iso si, con só as feitas públicas realizáronse máis entrevistas que nunca antes na nosa historia democrática e demoscópica.

Mención aparte merece o tan enraizado como errado costume que a publicación de enquisas e o seu comentario xornalístico teñen de comparar os resultados da sondaxe cos últimos resultados electorais. mentres os primeiros se refiren ao CER os segundos adoitan incluír, salvo excepcións, o resultado de CERA. Non paga a pena comentar a extrapolación interesada que os xornais fan dos resultados definitivos a eleccións de diferente tipo nos que a cidadanía vota de xeito diferente.

- Voto directo Galiza (actualizado a 23 de febreiro).
- Voto estimado Galiza e circunscricións (actualizado a 23 de febreiro).
- Asignación de escanos Galiza e circunscricións (actualizado a 27 de febreiro).
- Valoración de candidatos Galiza (actualizado a 2 de marzo).



O Voto da Emigración e o CERA

É inevitábel denunciar o escándalo antidemocrático que envolve o voto da emigración galega e dos seus descendentes. Arredor dun dereito teceuse os partidos estatais teceron un entramado administrativo e político que permite garantirlles de forma automática decenas de milleiros de votos en cada elección que se celebra, moitos deles manipulados ou de xente que non ten interese real ningún nesta terra.

- Máis cousas raras no CERA (11 de febreiro de 2009).
- Pór CERA, quitar CERA (11 de xaneiro de 2009).
- PSOEcose electoral (21 de novembro de 2008).
- Lisque, Sra. Soneira (19 de febreiro de 2008).
- Shame on you, Mr. Tourinho! (9 de outubro de 2007).



Demoscopia e Política

Este blogue vén comentando desde hai tempo cuestións relacionadas co traballo dos profesionais da estatística e da politoloxía no ámbito das sondaxes electorais e os estudos sociopolíticos.

- O que ti e máis eu sabemos (19 de decembro de 2008).
- Curso de ética xornalística e demoscópica (12 de decembro de 2008).
- Daquela, e se…? (29 de xullo de 2008).
- Pollethics (14 de febreiro de 2008).
- Enquisas e sentimento de nación en Galiza (8 de xaneiro de 2007).
- Catalunya 2006 express (28 de outubro de 2006).
- Entón, como está o tema? (14 de marzo de 2006).



A Política, Contra Algo e Contra Alguén

Esta bitácora naceu uns poucos meses antes das eleccións autonómicas de xuño de 2005. Quizá por iso a súa vocación política sempre estivo moi presente a carón doutras inquietudes. Tamén porque o cambio non saciou o espírito crítico e as expectativas dunha boa cantidade de xente. Velaquí unha escolma das anotacións máis visitadas nos últimos tres anos e medio, desde que o desexo de cambio se manifestou en Galiza nas urnas.

- A data das eleccións (18 de decembro de 2008).
- Eleccións e economía (13 de decembro de 2008).
- Pluralidade informativa bipartita (26 de setembro de 2008).
- Touriño en Touriñán (29 de agosto de 2008).
- Reaxir? (10 de marzo de 2008).
- Con aleivosía e estivalidade (4 de setembro de 2007).
- Cifras e claves do 27M (31 de maio de 2007).
- Partidos e mentiras con ladrillos (26 de maio de 2007).
- Niveis de democracia e falsos demócratas (23 de maio de 2007).
- Dous BNG, unha virtualidade real? (24 de marzo de 2007).
- Na liña de flotación (28 de febreiro de 2007).
- Sobre o Estatuto (21 de xaneiro de 2007).
- As palabras máis usadas no Bloque (6 de decembro de 2006).
- 5 preguntas sen resposta (14 de agosto de 2006).
- Cidade da Cultura: Camiño de Santiago Transatlántico (12 de xullo de 2006).
- Os rostros da felicidade (27 de xuño de 2005).

Comentarios (0) 12:00 am

Valoración de líderes

valoración_l�deres

Comentarios (0) 12:00 am

Proxección de escanos

escanos

Trasladar as proxección de voto estimado a escanos é unha operación tan simple como aplicar a Lei d’Hondt e repartir.

Mais aínda hoxe hai casos en que os principais institutos demoscópicos non realizan correctamente esta operación. Sen ir máis lonxe Sondaxe e La Voz de Galicia realizaron mal a atribución de escanos nesta provincia durante dous días en plena campaña electoral, outorgándolle un terceiro escano ao BNG que por voto estimado correspondía ao PP (7-5-3 no canto de 8-5-2). Ao cabo corrixiron o erro pero non o comentaron nin o esclareceron, dando pé no entanto a comentarios xornalísticos sen fundamento (demoscópico, cando menos).

Tamén hai non poucos casos en que as enquisas só publican a asignación de escanos e non o voto estimado sobre o que se calculan, e tampouco é infrecuente que a proxección de escanos se faga para toda Galiza sen detallar o dato de cada circunscrición. Logo está o tema dos abanos ou diademas de escanos, que permiten as máis das veces agochar un tamaño de mostra insuficiente para facer proxeccións cun mínimo de rigor. Son todas deficiencias ás que os profesionais do sector non parecen darlle demasiada importancia, pois case sempre acábase interferindo o criterio editorial, económico e temporal do xornal ou medio que financia a enquisa sobre o ético e o profesional.

Malia a todo iso e con base en todo iso a proxección de escanos realizada polos sucesivos inquéritos permiten visibilizar, como no caso do voto directo e do estimado, o ciclo de crise que experimentou o PP en toda Galiza e o seu aproveitamento temporal polas forzas do bipartito con magnitudes diferentes en cada círculo electoral.

As proxeccións medias revelan un escenario bastante pechado pero incerto pola proximidade á fronteira dos 38 escanos que outorgan a maioría no Parlamento. En realidade e se o nivel medio de voto estimado polos inquéritos non anda descamiñado, son poucos os escanos en xogo, moi localizados, e son moi claros os contendentes.

escanos_C

Na Coruña non está vendido todo o peixe, pero case, sendo quizá a provincia coa proxección máis estábel. As diferenzas nos restos son grandes abondo para que cando menos no CER se produzan variacións. Iso si, o PP está algo por cima do undécimo escano e o BNG un bocadiño por baixo do quinto, o que pode manter o suspense (máis que nada mediático) até o reconto da emigración. O PSOE manterá o seu resultado de oito escanos salvo catástrofe das enquisas.

escanos_LU

En Lugo batemos co resultado máis incerto, xa que se pode rexistrar en relación con 2005 a perda dun escano do PP que iría parar ao BNG, deixando o reparto nun 7-5-3 que suporía a primeira maioría progresista en escanos nesta provincia de toda a historia das eleccións ao Parlamento de Galiza. A proxección media das enquisas sitúan hoxe por hoxe este escano en disputa máis próximo do BNG que do PP, pero moi discutido en todo caso, tanto que parece claro que a emigración decidirá o destino final deste escano. Se ben Lugo é a provincia co CERA máis pequeno, e que nunca antes neste círculo o voto da diáspora induciu cambios no resultado interior (os coeficientes da Lei d’Hondt están máis separados ao se repartiren menos escanos) hai que ter en conta que o PP pode adiantar ao BNG no CERA en case 5.000 votos, 333 papeletas no resto número 15. O PSOE repetiría o resultado de hai tres anos e medio.

escanos_OU

En Ourense a situación é semellante á de Lugo, cun escano menos a repartir, o que reduce a incerteza a saber se a diferenza de +2 escanos que o PP ten actualmente sobre o bipartito (8-4-2) se queda en empate (7-5-2). A proxección media das enquisas indica que o último escano, o 14, estaría disputado entre PSOE e PP, sendo en principio máis probábel que caia do lado do PSOE. Aquí o CERA só virá a confirmar esta ganancia dos socialistas, pois se prevé que en todas as circunscricións o PSOE adiante ao PP no voto emigrante.

escanos_PO

En Pontevedra a proxección media apunta a unha situación inestábel na que as tres forzas poderían ou ben repetir resultado ou ver mudar a súa representación. O PP sobe e podería tirarlle un deputado ao PSOE caso que o resultado final agrandase as diferenzas que ambos manteñen nas enquisas. O BNG tamén tería trazas de mellorar pero o resultado esperado no CERA (uns 3.000 votos de vantaxe do PSOE sobre o PP, e máis de 10.000 sobre o BNG) limitaría a loita polo último escano a PP e PSOE. E dado que falamos do resto 22 a diferenza compensábel aquí é de só unhas 150 papeletas, con que o resultado interior sería, salvo carambola, o que prevalecería finalmente.

Voto directo

voto_directo

A recuperación do PP na intención de voto da cidadanía é aínd máis patente se no canto de fixarnos nas estimacións de voto -proxeccións e prognósticos tras pasar pola cociña- atendemos ao voto directo ou voto declarado.

Se ben este indicador presenta unha grande variabilidade en función da metodoloxía e do cuestionario empregados por cada empresa e instituto, o certo é que ao dispormos dunha serie longa de observacións permite visibilizar tendencias e variacións con moita máis claridade que o dato cociñado.

A gráfica presenta con claridade meridiana o ciclo crítico do PP entre 2005 e 2007, fenómeno que comentamos tamén na anotación sobre a estimación de voto. Aquí podemos observar como o enorme avanzo do PP desde as eleccións municipais se produce notoriamente en paralelo á redución do voto aparentemente indeciso, e non tanto en detrimento do voto decidido de PSOE e BNG.

É moi habitual, sobre todo na Galiza urbana e sobre todo nas eleccións locais, observar nas enquisas este tipo de comportamento do PP en horas baixas. Porén, é moi estraño que ao chegar a convocatoria electoral non remonte practicamente todo o voto que nas enquisas parecen ter perdido. Á hora da verdade a dereita sempre materializa nas urnas o seu potencial de voto.

Voto estimado

voto_estimado

As enquisas publicadas reflicten para o conxunto de Galiza que existiu un ciclo intermedio, entre 2005 e 2009, no que o bipartito chegou a rexistrar porcentaxes de voto estimado superiores ás obtidas nas últimas eleccións autonómicas, coincidindo cunha situación de crise do PP. Porén, hoxe por hoxe, o bipartito non mellora as estimacións de voto coas que comezou a lexislatura.

O PSOE foi o principal beneficiado durante esa fase, en concreto desde a derrota de Fraga en xuño de 2005 até as eleccións municipais de maio de 2007. Desde esta última data a recuperación do PP nas enquisas, no Estado e en Galiza, foi progresiva, até recuperar con ocasión das eleccións xerais de 2008 un nivel de voto estimado semellante ao que obtivera realmente hai tres anos e medio.

O BNG chegou a participar en pequena medida do ciclo crítico do PP, pero en moita menor medida que o PSOE, e de forma practicamente residual, se o comparamos co volume histórico de voto dual que gaña e perde en relación co PSOE.

En conxunto tanto o PSOE como o BNG presentan, segundo as proxeccións medias das enquisas, un leve retroceso electoral, máis suave e constante no caso dos nacionalistas e máis forte e acusado nos últimos tempos no caso do PSOE. O PP pola súa banda practicamente igualaría hoxe a porcentaxe das últimas eleccións.

Esta mellora relativa do PP tradúcese ou non, segundo as enquisas, nunha posibilidade de maioría absoluta para os populares. Ademais da orientación política de algunhas das enquisas hai que ter en conta que o maior valor dos votos nas provincias orientais, onde o PP empeorará resultados con toda probabilidade, pode limitar a concreción de novos escanos populares, así como tamén a división do voto de dereita e ultradereita que logre suscitar o partido de Rosa Díez. Independentenmente de todo iso, ademais, será o nivel diferencial de participación de ambos lados do electorado o que incline o balanzo.

A porcentaxe de voto que falta vai parar ás opcións minoritarias, sen que as enquisas coincidan en atinar coa súa magnitude nin coa ordenación das diferentes forzas dentro dese grupo. Das tres con posibilidades de obter unha porcentaxe significativa -EU-IU, UPyD e TeGa- só a segunda parece recoller a atención dos medios -nomeadamente dos de Madrid-. Ningunha enquisa outorga escanos para estas forzas, aínda que varias sondaxes coinciden en que na circunscrición coruñesa chegarán a sumar conxuntamente até case o 10% dos votos emitidos.

voto_estimado_C

Na Coruña asistimos ás maiores variacións no voto estimado, correspondendo a maioría dos transvasamentos existentes ao voto intercambiado entre PP e PSOE. A alta volatilidade rexistrada nos últimos catro anos acompáñase dunha contía significativa de voto a opcións minoritarias, que acadarían o seu máximo nesta provincia en virtude dun hipotético voto de castigo ás tres principais forzas. Malia a todo, as posicións finais dos partidos con representación non difiren substancialmente de aquelas coas que comezaron a lexislatura.

voto_estimado_LU

As enquisas amosan que en Lugo asistimos a un fenómeno diferente ao rexistrado na Coruña, como é que a flutuación no voto se rexistra entre o PP e o BNG. Esta circunscrición sería a única en que a estratexia ‘galeguista’ do BNG parecería render froitos visíbeis. Así, en comparación con 2005, o BNG melloraría o seu resultado notabelmente, entanto PSOE e sobre todo o PP veríano minguar.

voto_estimado_OU

En Ourense o BNG tamén tirou réditos do descenso na porcentaxe de voto do PP durante un par de anos, aínda que aquí tamén o PSOE se viu beneficiado pola crise popular en determinado momento. Ao termo da lexislatura e en relación a aquelas coas que comezaron, porén, os integrantes do bipartito repartiríanse pequenas subas, entanto a caída do PP sería máis notábel. Aquí funcionarían os efectos desproporcionais da Lei d’Hondt en favor das forzas gobernamentais.

voto_estimado_PO

Pontevedra pasaría por ser, segundo as enquisas, a circunscrición máis estábel. Os movementos na estimación de voto foron mínimos nos peores momentos do PP e tamén o serían agora. Malia a iso, o PP melloraría levemente a súa posición relativa en relación a PSOE e BNG.




Visita o Especial Eleccións ao Parlamento de Galiza 2009 na portada do blog.

Comentarios (4) 10:04 pm