Pan

Non sexas pánfila, non te fagas a pancha, deixa de asaltar o pan-de-azúcar, pon os pantalóns e date unha volta polo Teatro Principal de Compostela esta fin de semana.

O que di a crítica sobre

Pan

Elianinha: Non ma penso perder. Eu irei vela. E ti?

Antón Losada: Nin eu son unha pantasma nin esta Xunta un pandemonio.

Besbe: Son moita xente implicada que fixeron un duro traballo de fondo e a cousa promete, mesmo haberá música en directo e danza. [...] moita merda para eles.

Xurxo Souto: Todo galego de corazón fachendoso de selo debe sentir ferver no peito ben dentro algunha vez esta pandeirada pangalaica.

ZeroVacas: Paga a pena. Onte emocioneime, rin, aplaudín, e despois de case dúas horas da representación quedei con gañas de máis.

Frijolito: Outro panfleto ou panexírico pantagruélico, outra ocorrencia dos titiriteiros eses que habitan as catacumbas da Cidade da Cultura, eses amiguiños do Anxiño e da Anxeliña.

Manuel Pan: Xuro que non temos nada a ver. O noso é o aloxamento e non a restauración.

Pan

A pandemia

Shame on you!, Mr. Tourinho

A nova.

Os emigrantes galegos van seguir sen votar en urna nas próximas eleccións xerais, despois dunha década de denuncias.

Se cadra poderán votar netos de galegos que nunca pisarán a Terra, mais non mozos galegos emigrados en Madrid ou Barcelona.

O PSOE, e antes que el o PP, saben que o voto das persoas sen vínculos coa terra sempre vai para o partido que goberna no Estado.

Nauseabundo.

Dá Vde. noxo, Mr. Tourinho. Tamén Vde., Mr. Blanco, e todos cantos sociolistos calades e outorgades. Sodes unha vergoña para nós.

Hibernia

Carqueixa e chorima
no mirar dunha velliña
gravados ten na xanela
do rostro as raiolas
da neve e das colleitas.

Contos feitos de leña
latexan na lareira
a carón do almanaque
da xente, das maletas
e do nome da navieira.

Serra do Courel, 1995

Palavreado #2

“Falácia” é um animal multiforme que nunca está onde parece estar. Um dia um viajante chamado Pseudônimo (não é o seu verdadeiro nome) chega à casa de um criador de falácias, Otorrino. Comenta que os negócios de Otorrino devem estar indo muito bem, pois seus campos estão cheios de falácias. Mas Otorrino não parece muito contente. Lamenta-se:

- As falácias nunca estão onde parecem estar. Se elas parecem estar no meu campo é porque estão em outro lugar.

E chora:

- Todos os dias, de manhã, eu e minha mulher, Bazófia, saímos pelos campos a contar falácias. E cada dia há mais falácias no meu campo. Quer dizer, cada dia eu acordo mais pobre, pois são mais falácias que eu não tenho.

- Lhe faço uma proposta - disse Pseudônimo. - Compro todas as falácias do seu campo e pago um pinote por cada uma.

- Um pinote por cada uma? - disse Otorrino, mal conseguindo disfarçar o seu entusiasmo. - Eu devo não ter umas cinco mil falácias.

- Pois pago cinco mil pinotes e levo todas as falácias que você não tem.

- Feito.

Otorrino e Bazófia arrebanharam as cinco mil falácias para Pseudônimo. Este abre o seu comichão e começa a tirar pinotes invisíveis e colocá-los na palma da mão estendida de Otorrino.

- Não estou entendendo - diz Otorrino. - Onde estão os pintores?

- Os pintores são como as falácias - explica Pseudônimo. - Nunca estão onde parecem estar. Você está vendo algum pinote na sua mão?

- Nenhum.

- É sinal de que eles estão aí. Não deixe cair.

E Pseudônimo seguiu viagem com cinco mil falácias, que vendeu para um frigorífico inglês, o Filho and Sons. Otorrino acordou no outro dia e olhou com satisfação para o seu campo vazio. Abriu o besunto, uma espécie de cofre, e olhou os pinotes que pareciam não estar ali!

Na cozinha, Bazófia botava veneno no seu pirão.

Luís Fernando Veríssimo

E se vos dixese que toda escrita…

E se vos dixese que toda escritura é unha plasmación do silencio
que o que teño entre mans
é a alta empresa da indocilidade

resístome a crer que todo isto signifique algo
resístome a crer que toda esta terra
precise de tanto cualificativo

pero meu sangue xa mancado pola letra
os nomes que meu avó lle deu ás cousas

este torrente de serei que nos afunde na casa
e fainos libres

libres para roer os ósos máis selectos
sen dicir nin palabra, como convén

desculpa que te trouxese enganado ata aquí
porque non penso dicir máis nada

Estíbaliz Espinosa

Polbo solidario

pobo_solidario

Como xa anunciei na lista de Blogaliza e falando con algunha xente da internet galega, este sábado varios blogueir@s imos ir a Mugardos para visitar aos veciños de Meá pechados no Concello en protesta pola construción e posta en funcionamento claramente ilegais da planta regasificadora de REGANOSA. Trátase de facer unha visita aos veciños, que xa manifestaron o seu entusiasmo por este apoio, e aproveitar para botar un polBo solidario na mesma parroquia onde se ergue o enxendro.

A Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá ten un blogue e nel podedes comprobar que levan case dous meses pechados, recibindo visitas e mostras de solidariedade de cidadáns, intelectuais e artistas como: Mabel Rivera, Joao Afonso, Luís Pastor, Sala NASA, Xurxo Souto, Carlos Taibo, Lino Braxe, Xosé Manuel Beiras, Manuel Rivas, Pedro de Llano, Faltriqueira, Eva Veiga, Antón Reixa, Os Cempés… así como de diversas asociacións e colectivos de natureza diversa.

A idea é que estaría moi ben que a rede galega e a cidadanía activa non ficara á marxe deste movemento. Por iso propóñoche que mostres o teu apoio aos veciños, de varios xeitos:

- Asinando un manifesto (co teu nome, co teu nick na rede, ou simplemente co nome da túa bitácora ou páxina web) de apoio e solidariedade que podes ler e firmar aquí mesmo deixando un simple comentario na anotación. Como verás, o manifesto acho que é propositivo, asisado e bastante razoábel.

- Publicando esta convocatoria ou o texto do manifesto no teu blogue ou páxina web. Estou convencido de que o activismo na rede galega dista moito de estar durmido e que o compromiso de moit@s de vós coas causas que pagan a apena (esta e moitas outras) está fóra de toda dúbida. Podes aproveitar se queres este deseño feito por Artritris.

- Xantando un polbo solidario na parroquia de Meá, confirmando a túa asistencia deixando un comentario nesta mesma anotación. Nos comentarios iremos informando do que se vaia pechando e concertando a respecto desta cita (detalles do xantar, desprazamentos compartidos e demais detalles). A reserva de prazas para o xantar hai que facela antes do venres 21 a mediodía (14h), un día antes do xantar. O único fixo no menú é o polbo, e imos tentar que o prezo sexa todo o proporcionado que poidamos e limitado ao que custe.

A cita é en Mugardos este sábado día 22 ás 13::00 h en frente da Casa do Concello. Este é o lugar onde combinarmos.

(máis…)

Manifesto

MANIFESTO DE SOLIDARIEDADE COA PLATAFORMA DE VECIÑOS DO CRUCEIRO DE MEÁ

rede_galega_de_bitacoras

Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados na Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante, deste país ou de calquera outro, ten o dereito a que non lle estraguen a súa paisaxe e seu o contorno, e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silenciosa dun perigo terríbel.

Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.

Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que se cometeron no pasado ao localizar empresas en sitios inaxeitados, e ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, nosos ou doutros pobos.

Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, así como a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala dividíndoa desta maneira.

Quen asinamos temos a esperanza de que se traslade esta instalación fóra da Ría de Ferrol, na súa localización primixénea e ideal do Porto Exterior, e estamos convencidos de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, moitas outras persoas están atendendo e entendendo, compartindo, ensinando e aprendendo desta loita que ante todo é xusta e fraternal.

(máis…)

Ruas e Parroquias, Santos e Santas

Deseño de Socotroco Performances

Todas as parroquias de Galiza, que eu saiba, inclúen no seu nome un santo ou unha santa, aquel ou aquela que teñen por patrón ou patroa e a quen renden devoción. Aproveitando o traballo magnífico de ber.to podemos verificar cal é o ‘noso’ santoral:

- Nube de palabras cos Sans. Gañan os Martiños aos Pedros, como non podía ser doutro xeito no país do porco. E os San Xóans? Perdidos con frecuencia n=1 ao estar sempre acompañados do nome do lugar ou da parroquia (San Xoán de Fecha, San Xoán Degolado), co que aparecen unha chea de veces pero en pequeno.

- Nube de palabras cos Santos. O lóxico sería usar a variante ‘Santo’ en vez de ‘San’ con aqueles nomes de santos que comezan por vogal, como no portugués (Santo Antonio, Santo André, Santo Amaro), mais o coñecemento popular ten apostado por fórmulas menos normativas e máis aleatorias, e das que se nutriu, alteracións aparte (castrapadas como San Lorenzo; unións como en Sanmartín, Sanxenxo ou Santomé; redundancias como Santo Samarco), o Nomenclátor do que saen os datos.

- Nube de palabras coas Santas. Coas Marías pasa o mesmo que cos Xoáns. Son as máis numerosas pero nunca se repiten en solitario, sen incluír o nome da freguesía. Por iso gañan Mariñas, Martas, Combas, Cruces e Cristinas.

Igual que acontecía cos rueiros das cidades, xa se pode deducir que son minoría as freguesías con nomes de mulleres. Porén, adivíñase que a fracción de parroquias femininas se aproxima ao 30%, unha porcentaxe esta, a confesional, superior á outra, supostamente laica, do 4% que se daba nos rueiros das cidades.

Paradoxos da sociedade actual.

Con aleivosía e estivalidade

Sobresalarios directores xerais da xunta vitalicios d 15000€ anuais aprovados por PSOE-BNG-PP.ESCANDALO!!..NON PAGAR MAIS IMPOSTOS A ESTES LADRONS!..PASAO!

Así dicía un SMS que me chegou hai un par de días e que subscribo plenamente. Descoñezo o alcance deste meme, nin se segue a circular, mais é o corolario lóxico a un mes de agosto de esquizofrenia política na que ficou ben patente o conflito de personalidade múltipla que afecta ás forzas políticas galegas. Esta mensaxe anuncia, tamén, un proxecto de axenda vital e social para moitos cidadáns galegos comprometidos durante os meses que se aveciñan, desde xa e até as eleccións xerais do marzal próximo.

Todo se albiscaba xa, se o relaxo estival non traizoa a miña cabeza, no remate do curso académico 2006-2007, poderíamos dicir que o segundo da lexislatura, mais non desde logo, pasado xa o ecuador da mesma, o dunha época nova, pois a realidade teima día si e día tamén en demostrarnos que vivimos no mesmo ciclo senón político si partitocrático dos últimos vinte anos.

Naqueles meses uns e outros protagonistas da inacción política decidiron darlle luz verde a documentos diversos: planos acuícolas de valorización desas zonas de litoral desaproveitadas durante milenios… documentos de inseguridade civil para a ‘libertazón’ dunha planta de regasificación acosada por unhas familias que deron en erguer as casas por alí preto algúns anos antes que os depósitos, e cercada seica tamén por uns irredutíbeis infieis heterodoxos organizados a través da internet… licenzas de actividade para louseiras carentes dese prescindíbel e burocrático pedazo de papel que serve para iniciar unha actividade, ou para repartir ao xeito feudal e sobre o mapa as propiedades de cada quen ao nivel do subsolo, do ceo aberto e a ras do chan…

Mais a cousa tornouse sufocante ao chegar o summer in the city dos operarios e traballadores e os engarrafamentos de políticos e funcionarios nas estradas da costa, e atinxiu cotas insospeitadas coa integración no SERGAS de persoal colocado a dedo nas fundacións sanitarias creadas polo PP, e a súa equiparación co persoal estatutario sen pasar por unha oposición.

Todo iso, porén, ocúltase á maior parte da cidadanía no balbordo mediático: un debate lexítimo pero extemporáneo e interesado sobre a Cidade da Cultura e os localismos disfrazados de tabloide por alí… un pseudodebate sobre o alcance da área metropolitana de Vigo ou como montar un chiringuito supramunicipal paralelo para facer de contrapeso ao poder do PP na Deputación de Pontevedra por alá; o retrouso risíbel, por non chorar, sobre a ensinanza do himno galego nas galescolas por acolá… as queixas entre os socios do bipartito sobre a política informativa nos medios e na web institucional que uns e outros financian ou no que ambos designaron responsábeis, por alén…

sobresoldosPero o colmo, o inadmisíbel, o que merece protesta, manifestación, pronunciamento e mesmo derrocamento, permítaseme a hipérbole, é a aprobación subrepticia dun aumento de soldos encubertos a través da Lei da Función Pública, e que contou co beneplácito do Tripartito. Si, do tripartito, pois tal parece que nos seguiran a gobernar os mesmos que algúns, inocentes de nós, crimos noqueados cando menos temporalmente na primavera do 2005.

Teñen razón a Encarna, o Ferrín, o Pichel, e os que se fan pasar por Nunca Máis resuscitados. (Aos de verdade Diolos teña na gloria; estes outros son os de unha outra páxina web que xa durante a catástrofe do Perstige e os meses posteriores se dicía allea e neutral para con todos os partidos, tamén co PP, que tiña narices a cousa. Mais agora están no certo, o seu discurso é impecábel e hai que facer ben sen mirar con quen ou vivir desconfiados de todo e de todos para a vida.)

Os soldos (que non salarios) vitalicios non pretenden remunerar axeitadamente a dedicación á labor política, debate sempre acaído se falamos de salarios que se cobran a cambio dun traballo cualificado e dunha dedicación (aínda que algúns teimen en comparar o que é incomparábel: se os traballadores galegos gañan menos que os do resto do Estado, por cal estrana e divina razón os cargos públicos habían de equipararse?). Non é iso, non. Trátase dun puro interese espurio das tres forzas políticas e dos seus dirixentes actuais por fortalecer unhas estruturas de poder e unhas redes de control, nunhas organizacións, os partidos políticos, que son, detrás da Casa Real e dos sindicatos, as institucións máis anquilosadas, conservadoras, opacas e ineficaces que existen na sociedade actual.

Para os tres partidos políticos con representación no noso Parlamento a lexitimidade parece basearse na súa propia autorreprodución á marxe da cidadanía. Fundaméntase en espremer os fondos públicos (o noso ‘excedente social’) para alimentar os cadros actuais de cadansúa forza política, co obxectivo, nada disimulado, de conseguir a permanencia no tempo dos elos do servilismo, das cadeas de mando, das correas de transmisión, do poder, nunha palabra. Neste propósito, o seu respaldo social nun momento dado importa unha merda, con perdón, a democracia representativa só serve para se aproveitar dela no propio beneficio, e unha vez collido o diñeiro, correr. As diferenzas entre as retribucións dos funcionarios metidos a ‘clase política’ e os mileuristas precarios son unha peaxe obscena a pagar por todos nós.

É unha vergoña, un atraco, unha senrazón, unha depravación, unha desnaturalización do interese público, unha miseria máis deste noso País, e, en termos que gustarán especialmente a algúns, un aburguesamento dos dirixentes políticos. Sexa como for, non podemos permitilo.

Asinemos xa, e vaiamos decidindo rapidamente que facer a continuación. Que pedan desculpas. Pensarémonos ben o perdón.

Hermes

Hermes

Escoita, deus dos ladróns, como moi a roda
e como as ancas da saraiva se doen no faiado.
Ainda por cima de ti
firman-se senténcias nas beiras do horror,
e fan ben os meus en manter acceso o lar
até a hora da serpe e a lus do xílgaro.
Eu xa desistin e tan só forzo a palavra para dormir-te.

MANUEL RIVAS

(Fotografía de Xoán Porto no flickr)