Unha noite coma esta
Nunha noite como esta, hai agora sete anos exactos, coincidindo cun temporal como o que se aveciña para esta fin de semana, comezaba a xestarse a traxedia do Prestige. Conta a wikipedia en castelán que foi o terceiro accidente máis caro da historia da humanidade. E eu acrecento: foi a incompetencia máis cara.
Mais non vou falar das implicacións políticas e sociais dun tema que xa consumiu moito tempo e que para ben e para mal está xa practicamente descontado. Ben, iso se non caemos na conta de que o piche permanece aínda baixo a area das nosas praias e adherido aos penedos da nosa costa, e apesar de que o tinglado do xuízo está aínda sen resolver.
Quería aproveitar a efeméride para darvos conta dun proxecto web ao que cheguei vía De Ugarte. Chámase Tráfico marítimo e é un proxecto aberto elaborado cunha filosofía comunitaria e colaborativa. Consiste nun mapa que presenta en tempo real as coordenadas e principais características dos buques e navíos que sucan océanos e ríos navegábeis ao largo e longo do mundo.
Sorprendentemente toda a zona do Mar Cantábrico e de Fisterra está aínda sen cubrir (cando menos estes días pasados), polo que calquera persoa voluntaria, residente perto do litoral ou con liña de visión co mar, que conte co equipo necesario pode se converter en colaborador do proxecto.
O equipo necesario é unha antena VHF, un PC con conexión á internet e un equipo de recepción. O custo da antena é de aproximadamente 80 € e o do receptor duns 300 €, mais os propios promotores desta páxina sinalan que en zonas de elevada intensidade de tráfico aínda non cubertas eles poderían facerse cargo do custo do receptor.
Esta é unha anotación dirixida a friquis manitas, pero calquera que teña observado nunha noite de verán o océano desde Ortegal ou a Costa da Morte, e teña visto un carreiro de vagalumes a deslizarse polo horizonte como unha guirlanda pendurada do ceo no día do patrón, sabe que esta é unha magnífica oportunidade para poñerse mans á obra e converterse nun shipspotter.
É o que nos queda se non nos deixan facer barcos e non queremos ser piratas nin no primeiro nin no terceiro mundo.
5 Comentarios »
RSS semente para comentarios a esta anotación.
| TrackBack URI
You can also bookmark
this on del.icio.us or check the cosmos



De entre os proxectos AIS que hai por todo o mundo quizais o máis espectacular sexa un proxecto español que naceu nos foros de latabernadelpuerto.com chamado
localizatodo
e que se converteu nun referente malia a cubrir só a península ibérica e as illas canarias, pero con estacións de seguemento AIS en Cangas e mais en Baiona polo menos, que xa dan para cubrir toda a costa galega.
Paga a pena botarlle unha ollada
Comentario por
opaco — 12/11/2009 @ 8:27 pm
Obrigazas Opaco
Non coñecía esa páxina. Está fenomenal e é xusto o que andaba a buscar.
A recua de barcos servíume para confirmar a miña impresión: é desde os cantís do Ortegal onde o espectáculo nocturno é maior, pola proximidade dos barcos que veñen do Cantábrico cara ao sur.
Por certo, tremenda a cantidade de buques buscando refuxio na ría de Ares. O temporal de mañá parece que vai en serio.
Comentario por
calidonia — 12/11/2009 @ 8:36 pm
[...] This post was mentioned on Twitter by Calidonia Hibernia and Xabier Cid, Kiko Chevarria. Kiko Chevarria said: RT: @calidonia: Nova anotación: Unha noite coma esta http://is.gd/4TxQX (comezou a desfeita do Prestige) [...]
Aviso (Pingback) por
Tweets that mention Unha noite coma esta | Calidonia -- Topsy.com — 12/11/2009 @ 10:21 pm
O trafego marítimo no mundo, minuto a minuto…
Quería aproveitar a efeméride do Prestige para darvos conta dun proxecto web ao que cheguei vía De Ugarte. Chámase Tráfico marítimo e é un proxecto aberto elaborado cunha filosofía comunitaria e colaborativa. Consiste nun mapa que presenta en tempo rea…
Rastro (Trackback) por
chuza.org — 18/11/2009 @ 12:19 am
Está moito mellor a alternativa
http://www.localizatodo.com/mapa/ que mostra barcos e avións na península ibérica.
De todas formas, interesante a páxina da nova
Comentario por
ar — 18/11/2009 @ 8:10 pm