A Coruña / Cruña / Qurunna / Crunna / Crunia
Todos contentes con esa leria de oficializar Lacoru (quererán tamén traducir ao castelán o nome da provincia?). Todos felices nese afán da dereita por conseguir que o topónimo oficial coruñés teña aparencia vasca (quen nolo ía dicir!).
O PP contente, porque fortalece así a súa estratexia reaccionaria, revisionista e revanchista, deconstrutora da Autonomía, da democracia e do que de progreso houbo nos últimos 525 anos, e chanta unha bomba de reloxaría que divide aos antigos parceiros no bipartito. Carlos Negreira porque así desvía a atención dos desmáns cometidos na obra de Punta Lagosteira durante o seu paso por Portos de Galicia, intentando agochar de paso a ligazón existente entre os pecados de Pérez Varela e os de Núñez Feijóo, pasando polos do bipartito. Mariano Rajoy porque así excusa dar explicacións sobre as raigames galegas do caso Gürtel mentres Rafael Louzán argalla asá congresiños de Galicia Bilingüe. E en definitiva contente a derechona “de toda la vida”, porque poden así fachendear, elevando sen rubor a voz nas tabernas, repetindo con xeito de eucaristía as máis baixas mentiras, e emporcando calquera espazo público de debate político serio e sosegado. La Voz de Galicia así, na súa salsa, non vaia ser o demo que non volvan reunir os 100.000 fillos de Santiago.
O PSOE coruñés e o do Carballiño contentes, porque pretenden evitar así a fuga de electores de centro cara ao PP, sen se decatar por enésima vez que son os electores que eles mesmos desideoloxizaron coa súa nula praxe ideolóxica. Javier Losada contente porque así se sente capaz, por unha vez na súa vida, de ser Vazquez en vez de Vázquez (vazquismo 1.1). Garcés, porque dese xeito poderá por fin explicar á cidadanía a razón dese logotipo tan españoleiro do C co til enriba co que vestiu media cidade (esta xentiña incapaz de admitir que o Ñ é a combinación dun N e dun til). O PSdeG ao completo porque evitarán así que os xornais tomen nota do seu proceso de provincialización, coas conseguintes liortas pola elección de direccións. Zapatero, Solbes e cia. porque así A Coruña e Galiza toda esquecemos a parte que nos toca na crise provocada pola súa traición sostida e reiterada á esquerda e á socialdemocracia.
O BNG contente, porque así pode deixar a un lado a imperiosa necesidade de abordaren un proceso interno de transformación e anovación que todo o mundo lle demanda, e que o silencio delata a berros. Os daquí contentes porque así canean as acusacións de lealdade e bicefalia. Os dacó para que non se lles note moito o descoloque. E os dacolá porque así fan o que en definitiva é o único que saben e sempre quixeron facer: caña ao españolito/ismo. E en xeral, uns, outros e os mesmos, para disimularen todos eles as súas evidentes desavinzas, esas diferenzas dificilmente compatibilizábeis nunha época de vacas fracas sen o concurso necesario dun inimigo externo común. (Nótese a carencia de ligazóns neste parágrafo.)
Así o panorama, entretéñome mentres botando un ollo ao Índice Toponímico Galego Medieval, para reafirmar o que todos sabemos sobre o topónimo coruñés, pero que os pailáns de cidade teiman en ignorar insultantemente. Todo para presentar unha batalla que serve a outros intereses ben distintos dos simbólicos: económicos e financeiros á fin e ao cabo, e privativos dunha casta social ben concreta.
Así as cousas cobra máis valor a aparición de Prolingua, plataforma apartidaria a cuxa asemblea fundacional asistín o sábado pasado e que supón o mellor fío de esperanza para o noso idioma que este País pode tecer. Intelixencia toda. Mocidade pouca. Medios os xustos. Mais esta dorna enfía xa o futuro. For cal for.
5 Comentarios »
RSS semente para comentarios a esta anotación.
| TrackBack URI
You can also bookmark
this on del.icio.us or check the cosmos

A Coruña / Cruña / Qurunna / Crunna / Crunia…
Todos contentes con esa leria de oficializar Lacoru (quererán tamén traducir ao castelán o nome da provincia?). Todos felices nese afán da dereita por conseguir que o topónimo oficial coruñés teña aparencia vasca (quen nolo ía dicir!).
O PP contente…
Rastro (Trackback) por
chuza.org — 5/10/2009 @ 8:33 pm
Coruña e punto
Comentario por
andr — 5/10/2009 @ 9:19 pm
Só hai un pequeno erro: nada ten a ver Portos de Galicia -organismo da Xunta- co porto de Punta Langosteira.
O porto da Coruña éstá clasificado (como os de Vigo, Ferrol, Vilagarcía ou Marín) como infraestructura de interese xeral do Estado (vid. Constitución Española, art. 149.20). É dicir, o porto da Coruña e as súas obras dependen do Ministerio de Fomento e non da Xunta.
Polo demais ao PP sóbranlle motivos para a euskaldunización da toponimia galega.
Comentario por
xmcarreira — 14/10/2009 @ 7:16 pm
Corrixo o meu anterior comentario. A Consellería de Feijóo (era Fraga) e Portos de Galicia aconsellaron/presionaron a actual solución de Punta Langosteira.
A chave para entender o que está a pasar con Punta Langosteira non está en Arteixo senón nos céntricos terreos que se pretenden liberar no peirao corués. Interesa que a obra sexa mesmo cara para xustificar a necesidade da liberación de terreos no centro e que entren os amigos do capital privado.
Comentario por
xmcarreira — 14/10/2009 @ 7:28 pm
Non coñecía o Indice Toponímico Galego Medieval, moitísimas grazas pola ligazón
Comentario por
Jorge — 28/10/2009 @ 5:01 pm