Da nación á rede
Os cambios tecnolóxicos marcaron as civilizacións e as estruturas políticas e sociais. Os conceptos de nación e soberanía parecen ter existido sempre. Porén, nacen nun contexto determinado marcado por dous avances tecnolóxicos que se produciron entre os séculos XVI e XVIII: a imprenta e a máquina de vapor.
A uniformizacion dos espazos lingüísticos e culturais, xerada pola imprenta, estende a percepción de pertenza a espazos máis amplos que aqueles aos que o ser humano estaba acostumado. Á súa vez, a máquina de vapor e a revolución industrial únense ao fenómeno anterior para conformar ámbitos económicos que conflúen cos espazos culturais constituídos, dando lugar ao Estado-nación como estrutura política dominante durante dous séculos. A resposta daqueles espazos culturais e lingüísticos que non artellaron esa realidade económica e política promove os nacionalismos en Europa ao longo dos séculos XIX e XX, que terminan constituíndo realidades estatais nalgúns casos (Italia, Alemaña, Noruega, Finlandia, República Checa, etc.), entanto outros fican como espazos culturais ou nacionais sen estrutura estatal, nalgúns casos como problema inestábel ou non resolto.
Outra gran revolución tecnolóxica varios milleiros de anos antes, a do neolítico coa irrupción da agricultura e a gandaría, convertera ao ser humano, nómada, cazador e recolector, en sedentario. Xorden as primeiras clases non directamente produtivas, así como as estruturas sociais que gañan en complexidade, como son as cidades. As cidades ou polis medran nalgúns casos formando os imperios da antigüidade, fenómeno iniciado na antiga Mesopotamia. O imperio romano é quizá a estrutura mais sofisticada desta era.
A globalización non é un fenómeno novo. Como analiza Thomas Friedman en O mundo é plano, nos séculos XVI e XVII globalizábanse os imperios, no século XX globalizáronse as empresas, e o factor diferencial consiste en que desde finais do milenio, desde hai dez anos, somos as persoas as que nos estamos globalizando. E outra vez é unha terceira revolución tecnolóxica a que esta provocando a transformación: a causada polas novas tecnoloxías da información e a comunicación, da cal Internet é a expresión máis transformadora.
De Ugarte, Quintana, Gómez y Fuentes analizan en Das nacións ás redes o que nos está a pasar neste novo mundo que se está a crear. Internet nace sobre terreo abonado porque a crise ou transformación do concepto de nación xa había décadas que principiara. Tres guerras europeas en menos dun século que culminan coa debacle de 1945 obrigan a repensar o modelo do Estado-nación clásico e a soberanía absoluta. O proxecto de Unión Europea é quizá o modelo máis innovador para dar unha resposta aos fallos dunha realidade que segue baseada no sistema estatal, mais o innova creando novos espazos e interaccións superadoras do concepto tradicional de fronteira.
Novos espazos abertos créanse tamén para abordar realidades que son novidosas: os problemas ambientais, os problemas globais de alimentación, os organismos reguladores do comercio, os ámbitos de xustiza e seguranza supraestatais son estruturas e ámbitos creados para abordar problemas que non atopan resposta nos límites estatais clásicos.
Kenichi Ohmae analizara xa en O fin do Estado-nación: ascenso das economías rexionais o xurdimento de novas realidades económicas, constituídas por hinterlands máis homoxéneos que nalgúns casos facían das rexións espazos máis dinámicos e noutros creaban áreas que disolvían as fronteiras como pedras de azúcar creando novos ámbitos de relación. Tamén nos noventa, en Jihad vs. McWorld, de Benjamin R. Barber, superpoñíase esa análise económica ao xurdimento de movementos de reafirmación da identidade, nalgúns casos defensivos, como resposta ás novas realidades que a globalización ía creando.
O Club de Roma, nun traballo de prospectiva publicado en 1992 co título A primeira revolución global, analiza estas dúas tendencias, unha centrípeta e outra centrífuga, que se están a producir no mundo e conclúe dicindo: ‘O aparente conflito é o resultado da dificultade de reconciliar esas dúas tendencias no marco do actual sistema político, que está baseado de xeito ríxido sobre o modelo de Estado-nación. O que nos fai falta é unha reformulación dos niveis apropiados para a toma de decisións, co obxectivo de achegar todo o posíbel os lugares para a toma de decisións a aqueles que aproveitan ou sofren as consecuencias das mesmas‘.
Xa que logo, para cando xorde e se estende Internet, na década dos noventa, o debate xa está suscitado nestes termos. Porén, o proceso de transformación dos vínculos sociais, desde as formas vinculadas ao territorio ás propias das redes, acelerouse en progresión xeométrica o longo da última década. Este é o fenómeno que é analizado cunha precisión extraordinaria ao longo das páxinas do libro Das nacións ás redes. Os vínculos do territorio flexibilízanse e créanse redes e comunidades nas que a conexión xeográfica é nalgúns casos substituída por afinidades, intereses comúns e obxectivos partillados. O concepto de pertenza non desaparece, senón que se amplía a espazos con máis grados de liberdade. É coma se tiveramos sido até agora figuras planas vivindo nun espazo bidimensional dividido en liñas negras con ámbitos pintados de diferente cor e de súpeto tiveramos pasado a ter tres dimensións: agora somos corpos xeométricos máis amplos, con formas máis complexas. Seguimos interactuando con ese plano que nos corta, polo que seguimos adscritos ás identidades nacionais clásicas, mais gañamos en matices, en dimensións. E mesmo descubrimos vínculos que nos unen alén da pertenza ou non á mesma cor sobre o plano no que anteriormente viviamos, e que agora é un plano máis dos infinitos que podemos considerar como parte de nós mesmos.
A rede é o mecanismo que fortalece a potencia dun grupo investigador, a posición dunha empresa nos seus mercados cos seus produtos, a axenda dunha persoa ou os seus graos de relación. Recentemente estiven durante medio ano nunha universidade estadounidense na que unha parte importante do meu grao de relación persoal e até profesional convertérase en virtual. A rede formaba parte da miña vida, a rede creada convertérase en parte da miña propia identidade e eu mesmo vivía unha certa experiencia de desterritorialización. Por motivos académicos e profesionais nos anos oitenta e noventa vivín seis anos no estranxeiro. Mais o fenómeno de participación en redes referido neste libro só o puiden experimentar na vivencia deste último ano. Por que? Polo desenvolvemento dunha tecnoloxía que permite a articulación da rede en toda a súa dimensión, tecnoloxía que hai quince anos era aínda moi incipiente.
Di o profesor Innerarity, considerado por Le Nouvel Observateur como un dos vinte e cinco pensadores europeos máis importantes do século XXI, no seu ensaio A sociedade invisíbel, que os novos espazos tenden á desaparición dos centros e á formación de redes. Non se configuran xa a partir do modelo das antigas concentracións, senón que comezan a ofrecer o aspecto dunha extensa malla. Poñamos o exemplo das redes de estradas. Coñecemos unha malla de baixa densidade, radial, sempre tendente a un centro, e non pensemos só na figura radial que confluía no quilómetro cero da Porta do Sol, ou no centro en estrela que enmarca o Arco do Triunfo en París. Vaiamos máis alá no tempo e no espazo e pensemos no Imperio Romano, coa súa rede radial de vías confluíndo en Roma. O proceso de civilización, apunta Daniel Innerarity, posibelmente non sexa máis que unha creación de mallas e redes máis densas que van rompendo o carácter radial e van tecendo algo moito máis multipolar, no que a incorporación de novos nodos (novas realidades) e a creación de máis e maiores conexións de todo tipo xeran a globalización. Os chamados BRIC (Brasil, Rusia, India, China, toda Latinoamérica no seu conxunto, sen esquecer a Indonesia, os países do Golfo Pérsico e actores novos) son eses nodos novos, e o mallado de rede de todo tipo (tecnoloxías de información e comunicación, redes culturais, comercio, colaboracións académicas, corporacións empresariais, noticias, etc.) vaise espesando, diminuíndo os papeis do centro.
Este é o mundo no que vivimos. Á súa vez, permítanme algo de química en honor á miña formación previa. A enerxía de activación dos sistemas, é dicir, o esforzo que necesita un novo actor para saltar a barreira de entrada competitiva nun sector ou mercado, é cada vez menor. Como di Thomas Friedman, o mundo comeza a ser plano. Isto é, máis mallado de rede, e menos ‘costas’ e ‘pendentes’ para países e contornas que desexan entrar no sistema. E para os que traballamos desde as nosas conviccións por unha sociedade máis xusta, isto supón novas oportunidades para ese 80 % da humanidade que ficou no último século desprazado dos espazos de desenvolvemento.
Teñen razón os autores en que posiblemente isto sexa só o comezo, e deberá ser a confluencia e interacción dos novos espazos conversacionais transnacionais e os espazos económicos de ámbito similar o que faga xurdir en toda a súa dimensión as novas identidades. E nestas vai xogar un papel primordial o espazo lingüístico de comunicación, como tamén se subliña neste traballo. As estruturas políticas que xurdan destas realidades en rede non podemos aínda intuílas en toda a súa dimensión, pero todo apunta a que poden achegar unha menor dependencia do territorio e poden revalorizar os espazos de liberdade persoal e política.
Non será sinxelo. Hai temas que a priori preocúpame que non se resolvan adecuadamente nestas novas contornas. Por exemplo, a solidariedade cos máis débiles, aqueles que foron golpeados pola vida, aqueles que son protexidos por un espazo de solidariedade nas estruturas nacionais clásicas, co seu comunitarismo, e poden ser os perdedores nas novas Freedonia, ou nos espazos e redes de maior liberdade e libre adhesión das persoas, pero ausentes de mecanismos de cohesión social. É un aspecto a traballar, a construír e a artellar.
Hai tamén riscos de integrismo, de forzas medorentas ao cambio que poden, ademais, aproveitarse da estrutura reticular dun mundo en rede para golpear na liberdade e na seguranza destas novas realidades. Mais hai tamén grandes oportunidades. As identidades clásicas minorizadas, os pequenos espazos culturais e lingüísticos, poden gañar neste mundo que se crea se apostan pola rede fronte ao muro e se optan por ser un nodo máis, coas súas propias conexións internas cos que comparten esa vivencia, á súa vez abertos a outros nodos.
Na nación clásica, o risco de construírse fronte ao outro, contra a outra identidade, era moi fácil. O reafirmarse fronte a… podía fortalecer aos ollos dalgúns a identidade propia. Porén, a rede esixe abertura. Vallo máis cantas máis conexións teño, cantas máis identidades de pertenza teño, canta maior sexa a miña presenza en foros e realidades… No fondo a rede superadora do concepto clásico de nación facilita que me constrúa co outro en lugar de fronte ao outro. E se me constrúo con moitos, paso a ser nodo forte dunha retícula que me rodea, e a miña propia identidade se fortalece. Partillar faime forte e illarme debilítame.
Das nacións ás redes suscita retos, reflexións e comeza a pintar un cadro que non termina de completar, porque a día de hoxe non hai aínda resposta a moitas das reflexións que se suscitan. Irémolo vendo. Mais todo apunta a que o horizonte reticular, quizá postnacional, no que os planos das identidades e as interrelacións sexan múltiples e complexas, comeza a esbozarse. Pórlle freo á corrente de auga é baldío. Pensemos nas oportunidades, nas doses de liberdade que gañamos e na riqueza de novas realidades que imos converter en parte de nós mesmos. Analicemos os problemas, anticipémonos ás faltas e debilidades da nova realidade e tratemos de buscarlles solucións. Mais a partida pode pagar a pena. As guerras relixiosas en Occidente desapareceron e iso non significa que ninguén teña que renunciar á relixión. Poderá un mundo en rede contribuír a superar os conflitos nacionais sen que ninguén se vexa obrigado a renunciar a unha identidade e sen que ninguén teña que impor ningunha? Non impor-non impedir pode ser un logo que acompañe a un mundo en rede. É todo un desafío.
Josu Jon Imaz
Prólogo a Das nacións ás redes, de David de Ugarte, Pere Quintana, Enrique Gómez e Arnau Fuentes
Tradución propia
Para mariñeiros nós
Outra serie de curtas e sketchs impagábeis dun vello coñecido deste blogue e do blogomillo. Velaquí o penúltimo de Suso Lista.
