Non só enquisas (1): A abstención
Inicio con esta entrada unha serie de anotacións dedicadas a repasar os resultados electorais históricos de Galiza e as súas circunscricións.
Á hora de analizar as enquisas electorais e sobre todo se o que se quer é prognosticar o resultado dos comicios seguintes é importante ter en conta o que poderíamos chamar características estruturais do noso sistema electoral.
Estes trazos distintivos achégannos comportamentos análogos ou diferenciais entre circunscricións ou opcións de voto que adoitan repetirse dunha elección para a vindeira, designadamente entre as do mesmo tipo.
Un bo exemplo dun fenómeno estrutural no noso comportamento electoral é o da abstención. A abstención é, con moito, a variábel de máis difícil predición nas enquisas electorais, e normalmente non se acaba de aproximar até ter indicadores obxectivos -solicitudes de voto por correo- e subxectivos -percepcións, estado de opinión, etc… así que coñecer a súa evolución histórica axuda a ter as cousas máis claras.
Na seguinte figura pódese ver a evolución da abstención -ou se queremos da súa inversa, a participación- nas eleccións de primeira orde -xerais e autonómicas- en Galiza.
Nota: Porcentaxes de abstención calculadas sobre o CER (sen a emigración)
Se nos fixamos existen como dous ciclos históricos, un até o ano 1989 e outro a partir de aí. A data, que sinala unha caída no nivel xeral da abstención, coincide coa chegada a Galiza de Manuel Fraga e a súa primeira vitoria nas eleccións autonómicas.
Quen sodes de Ourense preguntarédesvos o porqué de semellante cambio de nivel na abstención das primeiras eleccións democráticas ás últimas, onde este círculo electoral pasa de ser o máis abstencionista ao máis participativo.
A explicación probablemente terá que ver co maior influxo do fraguismo e o maior nivel de penetración do partido popular nesta provincia, quizá tamén co maior peso da deputación provincial. Non é descartable tampouco que existan outras causas de diversa índole que expliquen a súa diferenza de comportamento con respecto á outra provincia oriental galega, coa que partilla algunhas características: así por exemplo, o peso demográfico e económico da capital no total da provincia é maior en Ourense que en Lugo, como tamén o é nivel de urbanización ou de concetración da poboación en núcleos -menos poboación dispersa.
Pero o certo é que varios estudosos dos fenómenos electorais en Galiza coinciden en sinalar a existencia de serias deficiencias nos censos electorais desta provincia desde os primeiros comicios e até ben entrados os anos 80. Os censos inchados provocarían esa maior abstención aparente, e a súa progresiva corrección iría achegando o comportamento de Ourense ao de Lugo.
Outro dato que chama a atención na gráfica é o diferencial de abstención -ou de participación- que se rexistra entre as eleccións xerais e as autonómicas. Entre dúas eleccións de distinto tipo contiguas sempre se participa máis nas xerais, sen excepción.
Unha constante, cando menos desde 1997 ou desde o ano 2000, é o feito de que as provincias occidentais, máis populosas e menos envellecidas -A Coruña e Pontevedra- mostran un comportamento as máis das veces parello, entanto as orientais e menos populosas e máis envellecidas -Lugo e Ourese-, fan o propio.
Pois ben, tendo en conta estas regularidades podemos caer na conta do que aconteceu nas eleccións xerais do ano 2000. Nese ano, lembremos, no que o PP acada a maioría absoluta e Aznar a Presidencia, a abstención non baixa tanto como adoitaba facelo nunhas xerais, e aínda que mingua mantense en niveis máis próximos das autonómicas anterior e posterior que das outras xerais recentes. Esta é unha mostra de que o nivel de participación se relaciona con vitorias ou resultados bos para o PSOE nas eleccións lexislativas, e nese ano, con Almunia de candidato e unha imaxe cangada de felipismo e corrupción, o que se produciu foi o contrario: maior abstención e peor resultado para o PSOE e a esquerda no seu conxunto.
Con efecto en 1993, 1996, 2004 e 2008, con resultados electorais incertos -vitorias disputadas-, e independentemente de quen gañase finalmente, houbo nas eleccións xerais moita participación, e iso está ligado, como sabemos, ao bipartidismo, e, no que toca ao nacionalismo, a unha certa dose de voto útil. No 2000, ao non haber esa tensión, o PSOE aparece como derrotado e o BNG acada o seu mellor resultado, tanto por estar na crista da onda desde 1997 como por recibir un nada desprezábel voto de castigo daqueles electores do PSOE que preferiron ir votar e non pasar directamente á abstención.
Aínda hai máis. Se observamos ou cuantificamos o diferencial de abstención entre as catro provincias, decatarémonos de que cando hai maior participación -1993, 1996, 2004, 2008- as diferenzas entre as catro circunscricións tenden a ser menores que cando hai máis abstención -2000. Isto indica que os bos resultados do PSOE non só se dan con alta participación senón que teñen que ver cunha maior implicación do electorado do eixo atlántico e urbano, e por tanto, cun maior peso da súa representación no total galego. Teríamos que retroceder ate as xerais de 1986 ou 1989, en plena era do felipismo, para visualizar altas abstencións e continuidade dunha maioría progresista, pero nun escenario onde o resultado final non se prevía disputado -o PP aínda era AP-, o que favorecía a relaxación xeral do electorado -da esquerda e da dereita, pero sempre máis a do lado dos perdedores, obviamente.
Que debemos deducir de todo isto de cara ás autonómica que veñen? Que unha abstención elevada é en principio un mal escenario para o PSOE e un bo escenario para o PP e o BNG. Que en calquera caso unhas eleccións como as que se prevén, cunha perspectiva de resultado disputado -quen acada 37+1 escanos- pero con non demasiada participación, serían, a priori, un mal escenario para o conxunto das forzas progresistas -o bipartito, ou a suma de PSOE e BNG- fronte ao PP. Que a abstención é inimiga das persoas que soportaron o cambio en Galiza alá por 2005.
Visita o Especial Eleccións ao Parlamento de Galiza 2009 na portada do blog.
Feeling good
Nube de palabras do Blogomillo v2.0
Grazas aos xogos malabares do Goretoxo podemos gozar desta nova versión da nube de palabras do blogomillo. A gráfica está composta polos termos do VOLGA máis frecuentes en todas as anotacións publicadas desde 2005 nos blogs galegos rastrexados pola araña da Blogaliza.
A diferenza de ocasións anteriores desta volta podemos personalizar a nube grazas ao servizo da IBM ManyEyes.
Agora que Marx está na moda
Agora que Marx está na moda e que Das Kapital vende máis que Galicia Bilingüe estampiñas á saída dun mítin do PP, e quizá por aquilo de ir á contra como de costume, non está de máis rescatar da lembranza un dos economistas máis brillantes de todos os tempos.
Joseph Alois Schumpeter é coñecido polos seus contributos a varias das áreas de análise da Economía, e gañou fama merecida por ser unha das persoas que realizou a análise crítica máis sólida de Karl Marx e a súa teorización do fin do capitalismo.
Rastrexo informacións súas por ter sido unha das figuras que máis me interesou na Facultade de Economía, e a raíz de o Suso Baleato terme solicitado unha recomendación dun clásico sobre o que desenvolver un traballo académico.
Transcribo de seguido a tradución (persoal) dalgunhas das cousas que dicía, tan só por captar o voso interese, incitar un pouco o debate e evitarnos caer nas interpretacións duais e antagónicas sobre a actual crise de modelo económico, que algúns ousados non dubidan en cualificar como crise do sistema.
Schumpeter pensaba que o fluxo circular de bens económicos e diñeiro conducía ao equilibrio estacionario, e que era a innovación -non a invención- introducida polos emprendedores nos produtos, nos métodos e nas formas de organización o motor do crecemento económico.
Schumpeter describía así como a destrución creativa provocaba a través da obsolescencia de vellas ideas, tecnoloxías e habilidades, a mellora das condicións de vida. A cuestión non é ‘como administra o capitalismo as estruturas existentes [senón] como as crea e as destrúe.‘
Schumpeter cría que a institución que permitía ao emprendedor adquirir os recursos necesarios para desenvolver a súa visión era un sistema financeiro capitalista ben desenvolvido, incluíndo unha variedade de institucións que garantisen o crédito.
Schumpeter desenvolveu a teoría do crecemento económico cíclico e irregular, centrándose na superposición de ciclos de amplitude fixa, e amparou o nacemento da primeira Escola de Econometría.
Schumpeter defendía o capitalismo por ser o sistema que prendía a iniciativa empresarial. Cría por iso na libre concorrencia e achegábase máis dos liberais clásicos que dos keynesianistas, aínda que a súa teorización económica foi fonte de inspiración para moitos e moi afamados pensadores heterodoxos.
Schumpeter escribiu un dos libros de economía máis famosos de todos os tempos: Capitallismo, socialismo e democracia. Unha das seccións deste libro ábrese coa seguinte cita: ‘Pode sobrevivir o capitalismo? Non, non creo que poida.’ Pero o razoamento que o levaba a tal conclusión era diametralmente diferente ao de Karl Marx. Schumpeter cría que o capitalismo morrería de éxito.
O capitalismo desenvolvería unha economía de corporacións cun certo grao de monopolio que consideraba benigno, pois a innovación -e a asunción de riscos- estaría asociada quer á existencia do monopolio quer á aspiración de logralo -segundo os seus analistas posteriores.
O capitalismo implicaría maiores niveis de alfabetización e xeraría tamén unha vasta clase social de intelectuais que atoparía a súa razón de ser na crítica do mesmo sistema burgués da propiedade privada que tiña creado as condicións para a súa aparición e subsistencia.
O resultado desta evolución non sería tanto unha revolución socialista como unha forma de socialdemocracia parlamentaria onde os partidos dun signo -defensores do Estado do Benestar- se alternarían cos do outro -eliminación dos obstáculos ao emprendemento.
Caledonia
Caledonia, vía Berto desde o Spotify.
Galiza, Galeuscat, Portugaliza, Alianza Libre Europea
É normal que na reunión de hoxe os representantes de CiU, EAJ-PNV e BNG non acordaran nada e que pospuxeran até despois das eleccións -e probablemente tamén até despois do financiamento autonómico- a decisión de concorrer en coligazón ás próximas eleccións europeas do mes de xuño.
O proxecto Europa segue en horas baixas, máis preocupada da crise económica e dos gasodutos que da cidadanía e dos pobos, así que non parece boa época para ensaiar novidades de dubidoso rédito.
Porén, na Comisión de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo trabállase nun proxecto de relatorio sobre a modificación do actual sistema electoral europeo, que data do ano 1976 -10 anos antes da entrada do Reino de España na CEE.
Algunhas ideas e propostas de cambio incluídas en dito relatorio son:
- Fixar o calendario de eleccións europeas no mes de maio.
- Ampliar a idade legal para votar rebaixándoa até os 16 anos.
- Establecer a obrigatoriedade da paridade.
- Incompatibilizar a candidatura ao Parlamento Europeo para os parlamentarios autonómicos.
- Limitar con cantidade fixas o financiamento máximo das campañas electorais.
- Sen prexuízo do seguinte mantense a natureza proporcional do sistema de representación.
- Ampliar o Parlamento Europeo até os 750 membros, cun mínimo de 5 escanos por Estado membro e un máximo de 95, repartíndose de forma proporcional regresiva á poboación -escanos adicionais máis caros, até o límite fixado.
- Voto semi-aberto, de xeito que o elector podería escoller dentro de cada lista aos candidatos preferidos.
- Permitir que os Estados con máis de 20 millóns de habitantes creen círculos -circunscricións- no seu interior baseándose en criterios territoriais -como agora- e lingüísticos -o cal é unha novidade. No Reino de España -45 millóns- existe un círculo único, habendo outros Estados que prefiren establecer círculos subestatais. Nestes círculos subestatais poderían establecerse mínimos para a asignación de escanos -do tipo dos vixentes na actualidade nas eleccións xerais e autonómicas-, de forma que o límite establecido non sexa superior ao 5% dos votos emitidos no conxunto do Estado. Teoricamente isto permitiría establecer un círculo autonómico galego, pero como só escollería 2 ou 3 representantes parece difícil.
- Crear un segundo círculo electoral único para toda a Unión, que tería tantos escanos como Estados membros, e para o que se emitiría un segundo voto adicional. As candidaturas neste círculo paneuropeo deben estar compostas por candidatos-as nacionais de cando menos o 25% dos Estados membros -7 Estados de 27 na actualidade. A asignación de escanos neste círculo rexeríase polo método de Saint-Laguë, que encarece máis que o d’Hondt a obtención de representantes por parte das candidaturas minoritarias, e non existiría mínimo -aínda que isto non tería moito efecto nun reparto de só 27 escanos. Na actualidade Os Verdes-Alianza Libre Europea, grupo no que se integra o BNG, teñen representantes de 14 Estados, pero se descontamos os verdes, os Estados plurinacionais con representación neste grupo non chegan a 7.
Paréceme que moitos destes cambios poden desaparecer no documento final, se algunha vez chega a aprobarse, pois imaxino que o seu futuro será boicotado polo PPE, pero habendo cousas boas e malas penso que avanza nunha dirección global positiva e inevitábel, para a que o nacionalismo galego deberá estar preparado.
Pór CERA, quitar CERA
Neste blog xa se denunciou en varias ocasións o escándalo que supón a non regulación do voto da emigración, e tamén se ten acusado ao PSOE da súa dobre moral neste asunto. Por iso celebro a serie de editoriais e artigos que Xornal vén de iniciar sobre o voto da emigración. Xa saben, o Censo de Electores Residentes Ausentes (CERA).
Aínda que uns teiman en cualificar ao Xornal de Galicia como portavoz mediático do BNG outros entre os que me conto congratulámonos de que o panorama da prensa en Galiza gañe en pluralidade, honestidade e transparencia informativa, malia ás carencias que como medio novo que é aínda posúe.
Non me vou repetir nas críticas ao comportamento do PP e do PSOE en relación co voto emigrante. A rede posúe información suficiente sobre esta fraude democrática e non vou repetir argumentos.
O que me propoño hoxe aquí é adiantarvos o resultado das próximas eleccións autonómicas entre o colectivo da diáspora. Vou prognosticar -e atrévome a dicir que a acertar con unha pequena marxe de erro- o resultado do voto da emigración nas eleccións ao Parlamento de Galiza do 1 de marzo de 2009.
Isto vai de estatística, así que de non comprenderdes algo non vos preocupar e saltade este parágrafo. O voto que obtén unha forza política na emigración vén explicado por unha combinación lineal das seguintes variábeis: 1) tipo de eleccións que se celebran -xerais ou autonómicas-, 2 e 3) forzas políticas que gobernan en Madrid e en Santiago -que ostentan a Presidencia do Goberno en cada caso-, 4) tamaño do CERA en número de electores, 5) nivel ou porcentaxe de participación, e por último 6) o paso do tempo. Con estes datos -coñecidos ou estimábeis de antemán- podemos explicar o 95% do resultado que PP e PSOE obteñen no voto emigrante en todas as eleccións. (O do BNG tamén, pero as súas baixas porcentaxes implican erros máis grandes na proxección, polo que convén extrapolar o seu resultado doutro xeito diferente.)
A seguir preséntovos unhas figuras cos datos reais do voto da emigración en eleccións pasadas e o meu prognóstico. Empreguei para iso as informacións dispoñíbeis a día de hoxe, e considerei un CERA de 335.357 electores -último dato- e unha participación estimada do 34,9% -sobres conformados.
Por se non quedara suficientemente claro nas gráficas prognostico uns 59.000 votos para o PSOE (50,5%), e uns 46.000 para o PP (39,5%). Para o BNG aproximo unha cifra de 4.000 votos (3,5%), repartíndose o resto para forzas antitaurinas -cuarta forza na emigración, por certo, spain is different- e demais candidaturas minoritarias. O baleiro que podedes apreciar en 1989 ten a ver con que non se poden agregar datos para o total de Galiza por mor dun resultado altamente sospeitoso na provincia de Ourense nese mesmo ano en que Fraga arribou ao poder na Xunta.
En verdade o voto da emigración é o soño de todo político -da maioría deles cando menos. Un electorado en crecemento constante -ad infinitum-, fiel, carente de control, desinformado e cun comportamento totalmente predicíbel. Reaximos fronte a isto o resto do electorado, minguante, caprichoso, vixilado, informativamente saturado e por veces impredicíbel? Así nos vai.
Vexamos que acontece, que de seguro vai ser moito e interesante, e mentres recomendo profundar no tema do voto da emigración lendo o blog que Anxo Lugilde vén de abrir, no que comenta a actualidade a partir do libro que escribiu sobre esta cuestión.
Paz e liberdade para Palestina
Faille un gol ao galego
Microsoft vén de anunciar a publicación das ferramentas en liña Windows Live Essentials, de uso exclusivo cos seus sistemas operativos e o seu navegador Explorer. Se un galego se aventura a descargar este paquete de aplicacións para a nube comprobará de seguida como as principais linguas ibéricas están incluídas nas opcións de descarga. Todas? Todas non. Un idioma galaico resístese agora e sempre a ser incluído de serie polas multinacionais informáticas de software privativo nos seus produtos.
Non hai moitos meses que o Presidente Touriño se facía acompañar da nefasta Secretaria Xeral de Política Lingüística e da Presidenta de Microsoft Ibérica para presentar en público a campaña Faille un clic ao galego. Con ela pretendían pregoar aos catro ventos unha aposta da Xunta -sección PSOE- e de Microsoft pola nosa lingua, ao publicar a transnacional estadounidense uns paquetes de tradución ao galego (que non de localización en galego) da interface de Windows Vista e Office 2003.
Alén da propaganda o único que hai atrás da aposta do PSOE polas novas tecnoloxías é a adquisición por parte do Servizo Galego de Saíde de millóns de euros en licenzas de produtos Microsoft, e a selección de Windows Vista e Office 2007 como as ferramentas informáticas nas que Presidencia obriga a formarse para as últimas convocatorias de emprego público. Iso si, as probas de acceso en Silleda seguen a realizarse por milleiros en PCs con Windows instalado en castelán. Por se isto fora pouco Traballo crea centros de formación ocupacional e continua onde a presenza do software no noso idioma é cero.
Todo mentres a outra parte do Goberno bipartito se esforza en profundar nas innegábeis vantaxes do software libre tanto para a innovación organizativa e a economía de recursos na Administración, como para garantir a presenza da nosa lingua nas novas tecnoloxías.
Economía de ano novo
Non sei se será a crise, a proximidade das eleccións autonómicas, a proximidade das outras eleccións autonómicas, o cambio de ano, o fin do ano da rata, ou a mala conciencia dos economistas de título e dos especuladores de profesión, pero estes últimos días veñen cargadiños de novidades interesantes en forma de publicacións, noticias, artigos e declaracións políticas de contido económico.
O INE aproveitou o silencio xornalístico destas festas para publicar unha estatística máis que interesante, fundamental diría eu: a Contabilidad Regional de España, Serie 2000-2007. Algúns datos:
- Galiza está entre as Comunidades que máis medraron en termos de PIB no ano 2007, dando continuidade ao rexistro de 2006, que xa era superior á media estatal.
- Porén, no conxunto do que vai de década, Galiza sitúase á cola, xunto ás Comunidades que menos medraron: Asturias e Castela-León -o ‘NO peninsular’- e Euskadi e as Illes Balears -ambas cun PIB moito máis elevado que o noso.
- Do anterior dedúcese que o crecemento entre 2000 e 2005 debeu ser extremadamente baixo en relación co resto das Comunidades. Grande balanzo para os estertores da era popular á fronte dos Gobernos da Xunta e do Estado! (Por certo, en Galiza os bi e tripartitos parecen cadrar sempre con períodos de converxencia económica co Estado, se atendemos tamén ás cifras macroeconómicas de 1988-1989.)
- Aproximámonos ao 90% da renda por habitante da UE-27. Todo debido á perda de poboación e á ampliación da Unión. Servirá esta converxencia estatística para que a sociedade galega acabe de visualizarse como cerne desta Europa?
O Consello da Cultura Galega colgou na rede un estudo sobre os indicadores de I+D+i de Galiza en relación coa Unión Europea. Trátase dunha investigación na que colabora o profesor Albino Prada (xa mencionado neste blogue), que pode moi ben servir para unha primeira aproximación á realidade do noso investimento en capital tecnolóxico e humano en perspectiva comparada.
Mentres uns se preocupan de elevar a produtividade outros rompen a cabeza dedicando dous días de festa e un de resaca a cuantificar o custo económico de posuírmos lingua propia. Unha ocorrencia galaica do PSOE para situarnos no mapa das nacionalidades históricas sen teren que enfrontar as súas fortes contradicións no plano federalista e nacional galego. Por fortuna algunhas voces responderon a esta boutade preguntándose cal é a lingua que de verdade nos custa e ten custado. Poderiamos calcar os métodos da economía ecolóxica e cuantificar as externalidades do castelán en Galiza ao xeito dunha débeda histórica lingüística. Se é por inventar…
No entanto, despois de non sei cantos anos ‘de Democracia’, con todos os fondos que as Administracións dedican a investigacións universitarias variopintas, aínda non se elaborou neste Estado un só informe completo e rigoroso sobre o custo diferencial da dispersión poboacional no conxunto dos servizos públicos.
Sei dun Grupo de Trabajo sobre Gasto Sanitario do Instituto de Estudios Fiscales -dependente precisamente do Ministerio de Economía- que aínda non foi quen de propór aos dirixentes políticos un abano de criterios de reparto capaz de reflectir o verdadeiro custo da atención sanitaria, o principal capítulo de gasto do Estado do Benestar.
Intentárono os representantes da Comunidade de Castela e León neste grupo, e chegaron á conclusión de que a dispersión pobocional multiplicaba por dous o custo da atención sanitaria de primaria entre dúas provincias tan diferentes como Valladolid e Soria. Se iso acontece nunha Comunidade sen apenas dispersión poboacional poden imaxinar o que acontece en Galiza. Os representantes galegos nese grupo de traballo, se os houbo algunha vez, nunca dixeron ren -outro éxito de xestión da era fraguiana-. O que está claro é que Galiza non recibe o dobre de fondos sanitarios per capita que Madrid, xa que o peso do factor dispersión no financiamento é puramente testemuñal: unha simple maquillaxe de cifras.
E estamos a falar só do custo real dun servizo público concreto: a atención sanitaria non especializada. Cabe preguntarse se este servizo público ou outro calquera atinxe na práctica a toda a poboación e a todo o territorio, e se o fai por igual. Probablemente non, e se falaramos do custo teórico duns servizos públicos equitativos o financiamento por habitante de Galiza a respecto de por exemplo Madrid tería que ser polo menos tres veces maior. Pregunten aos nosos paisanos do medio rural canto gastan en taxis para se achegar aos centros de saúde. Máis externalidades.
Nestas andabamos cando o Ministro de Economía deste Reino sorpréndenos antes das uvas ao presentar os alicerces dun novo modelo de financiamento das Comunidades Autónomas sen sequera concretar os pesos dos fondos e os baremos dos criterios de reparto.
Hoxe calquera Administración que se prece de selo sabe -debe saber- cantos somos -ollo, non estou agora a falar do CERA-, en que coordenadas xeográficas vivimos e onde posuímos propiedades, canto gañamos ou non, a localización espacial óptima para as redes de centros, etcétera. En definitiva, sábese ao milímetro cal é o perfil e o nivel de uso dos servizos públicos fundamentais en función de calquera variábel asociada ao custo de prestación dos mesmos.
Hoxe en día pódese estimar perfectamente con esas informacións e un simple PC de escritorio o que custa -o que debería custar- un servizo público básico con garantías de igualdade ao longo e largo do territorio. Se non se fai, teñámolo claro, é porque non se quer. Non hai o mínimo aceno de vontade política para facelo en Madrid e, se me apuran, diría tamén que hai pouco coñecemento de causa, no corpo funcionarial desta Comunidade en concreto.
A nova proposta de Solbes virá a ignorar máis unha vez -e senón ao tempo- a verdadeira magnitude dos custos da dispersión poboacional. Manterá no reparto un criterio tan artificial na prestación de servizos persoais como é a superficie -que ten moi pouco a ver co custo da dispersión-, e que supoño pretenderá financiar o movemento automático dos sistemas de rego dos latifundios que ocupan a meirande parte das desertas mesetas casteláns. Seguiranse mesturando allos e bugallos e criticaranse os estímulos á boa xestión tributaria mentres se permitirá darlle máis financiamento e autonomía ás Comunidades que xa teñen máis, e non a quen mellor xestiona e a quen maior esforzo fiscal realiza -quen dedica unha maior parte dos seus ingresos a tributar, moitas veces malia a ter menos renda.
Resumindo, o novo sistema de financiamento pretende continuar cos vellos criterios, acrecentando de forma simbólica algún outro, para completar unha complexa cesta de variábeis cuxa aplicación efectiva probablemente acabe reducíndose nun 90% ou 95% ao factor poboación. Iso é exactamente o mesmo que acontece co modelo de financiamento da Lei da Igualdade que tanto publicitou o señor Zapatero e para o que as Comunidades como Galiza apenas teñen fondos con que comezar a traballar.
Avecíñase un bo ano para os economistas. Polo menos un ano cheo de traballo. Xa o creo.
(Os gráficos pertencen ao artigo de Albino Prada ligado no texto.)












