O mellor (e o peor) de 2008
Mellor anotación: Comunismo, de Cesare.
Peor anotación: Cultur.gal, ese chiringuito, de Spavi.
Mellor fío de comentarios: Alguén que ande por aí sabería polaco?, en …mmm…, de Estíbaliz Espinosa.
Peor fío de comentarios: Masacre en Gaza, que Noxo!, en Brétemas, de Manuel Bragado.
Mellor blogueiro-a: Marcos Valcarcel, por As uvas na solaina.
Peor blogueiro-a: Xosé Carlos Caneiro, por A vida nova de Madame Bovary.
Mellor iniciativa blogueira: Proxecto Identidade, de Besbe e 53 persoas máis.
Peor iniciativa blogueira: A RAG debe admitir a palabra bueno xa, en Alema e no Facebook, de Alemamalo.
Mellor noticia: Dez mil persoas danlle un toque de atención ao bipartito, de Vieiros.
Peor noticia: Ex-aequo, todas as noticias sobre a Cidade da Cultura, de La Voz de Galicia.
Mellor artigo en papel: O bipartito e o contentamento descontente, de Manuel Rivas, en El País.
Peor artigo en papel: Pregunte a Edelmiro, 2, de Xosé Carlos Caneiro.
Mellor produto xornalístico: A Nosa Terra, de Promocións Culturais Galegas, S.A.
Peor produto xornalístico: La Voz de Galicia, de Santiago Rey Fernández-Latorre.
Naturalmente son Vostedes libres de continuar ou emendar a lista de engrazados e desgrazados…
As memorias do mar
Ás veces as webs institucionais serven de pouco. Outras veces son unha mina de novas moi interesantes.
A subscrición ás noticias da Consellaría de Cultura lévame a dar con A Memoria do Mar. Ese é o nome dun proxecto e dunha exposición vinculada ao Museo do Mar de Vigo na que se recupera por medio de fotografías o pasado (sorpredentemente próximo) das nosas vilas mariñeiras. É tamén a memoria de todos nós, unha parte do País que algúns non teñen rubor en esquecer.
Non podo deixar de recomendar a contemplación de moitas das case 3.000 fotografías que se reuniron. Podes comezar por unha selección persoal, e despois mergullarte con tempo e calma na web do proxecto. Unha xoia de tal calibre que dubido que ningunha outra área da Xunta nos poida ofrecer algo igual durante moito tempo.
Esta é a túa Terra
ESTA É A TÚA TERRA
(This Land Is Your Land)
Coro:
A túa terra, a miña terra
Da Capelada até Santa Tegra
Da Ribeira Sacra até á Lanzada
Esta terra é pra ti e pra min
Mentres andaba a Compostela
Ollei sobre min carros de estrelas
Debaixo de min douradas vreas
Esta terra é pra ti e pra min
Coro
Por vales e sendas sigo os meus pés
Até o lume d’area, deserto de mel
En torno a min unha voz besbella
Esta terra é pra ti e pra min
Coro
Lourenzo esperta a cada paso
No millo verde e nas nubes rolando
A néboa finda e unha voz berra
Esta terra é pra ti e pra min
Coro
Mentres andaba cun sinal dei
O sinal aquel prohibía o paso
Mais do outro lado non puña nada!
O outro lado é pra ti e pra min
Coro
No inferniño, so a sombra do sino
Onde a choupana vexo os meus veciños
Algúns bourean e algúns claman
Se esta terra é pra ti e pra min
Coro (x2)
Letra e música de WOODY GUTHRIE
Adaptada por Calidonia
Imaxe de Paulo Brandão
Boas Festas!
Máis sobre libros electrónicos
Vía Consumer Eroski. Relacionado dalgún xeito co que se afirma aquí e máis aquí.
O que ti e máis eu sabemos
A data das eleccións
As primeiras novas radiofónicas da mañá dan por feito que Touriño desvelará hoxe a data das vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza. Para seguir o costume das apostas electorais entre cabaleiros hai tempo que crucei unha con Pawley, na que me xoguei a cea que este ano lle gañei a Césare.
O 1 de marzo será, se non me equivoco, a data das eleccións. Por que o día 1? Porque ao PSOE interésalle unha baixa participación, fundamentalmente. A abstención é inimiga dos cambios de goberno e das eleccións polarizadas. A abstención é ademais moi amiga das zonas urbanas, onde as perspectivas do PP son de franca recuperación, como demostrou nas últimas eleccións ao Congreso dos Deputados, e tamén é moi amiga das capas máis novas da poboación, onde o PP volve gozar de fortes simpatías, pasada a época do efecto Zapatero, esquecidas xa pola maioría da xente as vergoñas da Guerra do Iraque, o Prestige e o 11-M, e revitalizadas as faixas máis extremistas e fascistoides pola maquinaria mediática e política que a dereita herdou do franquismo a través do aznarismo.
Que no medio da campaña, na última semana da mesma, teñamos o martes do Entroido e o mércores de cinza, é unha aposta segura, que xa o PP experimentou con suceso no Estado no ano 2000 para alcanzar a maioría absoluta. Se ben é certo que a situación do PP en Galiza agora non é a do PSOE no Estado daquela (alguén lembra a Almunia?) non é menos certo que a política estatal inflúe na autonómica, e que o liderado de Rajoy está máis que comprometido de cara ao 2012, co que podemos afirmar que o PP non anda precisamente sobrado.
O efecto colateral desta decisión é probablemente beneficioso non tanto para o PSOE, que se consolará con amolar ao PP, como para o BNG. En perspectiva histórica o nacionalismo, nas súas coordenadas ideolóxicas tradicionais e como forza minoritaria, sempre obtivo os seus mellores resultados cando houbo máis abstención, e os peores cando houbo máis participación. Este fenómeno debeuse entre outros factores á permeabilidade do seu electorado co do PSOE, que en eleccións de elevada participación se veu beneficiado polo voto útil.
Se ben é certo que as coordenadas electorais do Bloque de hoxe non son exactamente as tradicionais, e sería algo inxusto caracterizalo como forza minoritaria, non é menos certo que en boa medida segue ocupando aquel espazo, polo que o retorno a unha situación de pouca tensión electoral debería favorecelo en algunha medida. Se a iso sumamos o dato de os nacionalistas obteren ultimamente mellores resultados na Galiza vilega e rural que na urbana, xunto cunha maior participación precisamente fóra das cidades, parece claro que poden resultar os máis beneficiados pola decisión de Touriño de non ter adiantado as eleccións para este outono.
En calquera caso convíñalle non esquecer ao Bloque que todo cambio político en Galiza, dunha ou doutra cor ou natureza, sempre se produciu primeiro nas cidades. O comportamento electoral no hábitat urbano en xeral e nas capas novas da poboación en particular son os mellores indicadores adiantados do que está por vir. E o porvir debera depararnos outra cousa diferente da recuperación do PP.
E, se toda esta teoría e maila experiencia acumulada non serven para nada, se o meu razoamento se demostra excesivamente revirado e en definitiva errado, polo menos alguén gozará dun xantar como merece e é debido.
Songbird 1.0 en galego
Para desestresar e desconsolar, como diría o mestre da MPB, dei en rematar un traballo comezado hai tempo: a localización ao galego do reprodutor multimedia da Fundación Mozilla, o Songbird, que acaba de saír na súa versión 1.0.
A tradución está completa ao 100%, con que o noso idioma fica así ao mesmo nivel que Euskara, Català-Valencià, Castelán e Português do Brasil, e agora mesmo por diante do Português Europeu. O Songbird, como produto do software libre, de código aberto e localización colaborativa, ofrece un total de 70 versións versións idiomáticas diferentes.
A miña teima por localizar esta aplicación fundaméntase na crenza de que é este tipo de software o que mellor pode enganchar á mocidade co noso idioma, logrando que todos os galegos e as galegas de nación e de lingua vexamos respectados os nosos dereitos.
Agradezo a colaboración doutros dous internautas nesta tarefa (a quen recomendo a consulta deste manual de localización) e anímote a que colabores cando novas versións sexan lanzadas (e se o desexas, na localización dos atallos de teclado, que deixei sen tocar polo meu costume de usar as iniciais en inglés dos comandos).
O luns día 22 de decembro a xente de Songbird incorporará a nova tradución en todas as descargas. Se algunhas opcións seguen a aparecer en inglés non desesperes, non é que a localización non estea completa, é que aínda quedan aspectos do desenvolvemento que cómrep mellorar. Paciencia.
Visualizando a brecha, abrindo horizontes
A Fundación GapMinder, cuxo nome poderíamos traducir como lembrete da brecha, foi fundada polo sueco Hans Rosling xunto ao seu fillo e a súa nora, e fíxose famosa nos últimos anos por deseñar Trendalyzer, unha aplicación de visualización dinámica e moi intuitiva de datos estatísticos que empregan para pór de relevo as diferenzas de desenvolvemento económico e social a escala mundial.
A súa presentación na feira de ideas TED en 2006 lanzouno á fama mundial. A súa aplicación axiña foi adquirida por Google e en 2007 recuncou como un dos relatores estrela deste evento californiano.
Na súa páxina web acaban de publicar varias presentacións audiovisuais e documentos descargábeis que me parecen dos mellores instrumentos que teño visto para comunicar e explicar diferentes fenómenos económicos que, ás veces, mil palabras escollidas con paciencia e ilusión non acertan a describir mellor.
Eleccións e economía
Coñecín a Santiago Lago Peñas nos meus primeiros anos de carreira, ao coincidir con el non só na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC senón tamén no grupo de amigos e coñecidos do meu primeiro piso compartido en Compostela. Non o tratei moito pero si o suficiente para percibir a súa gran valía intelectual. No meu traxecto vital dei con moi poucas persoas que teñan esa auréola de saber e de saber estar, e Santi foi unha delas.
Aínda que é profesor de Economía no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, agora mesmo dedícase fundamentalmente a asesorar á Consellaría de Economía e Facenda. De feito podo consideralo, sen temor a caer nun erro, que está entre os dous máximos especialistas en Facenda Pública deste País. Probablemente el teña boa parte de culpa en que a USC estea a ser desprazada pola Universidade de Vigo no relativo a publicación e investigación en materia económica e empresarial. A miña vella Facultade non volveu a ser o que antes, sumida en loitas internas (cando menos na miña época) e desprovista dos cerebros que outrora a poboaban (dedicados agora á actividade política ou ao seu asesoramento).
Santiago Lago e o seu irmán Ignacio teñen colaborado en diversas investigacións e artigos que mesturan a análise económica coa análise política e electoral. Unha desas colaboracións é o artigo titulado La influencia de los resultados económicos sobre el apoyo electoral de los gobiernos autonómicos 1980-1997.
Comecei a buscar este artigo tras ter discutido con varias persoas ultimamente sobre cal pode ser o efecto da crise económica actual nos resultados esperados para as eleccións autonómicas de marzo próximo. Entre as miñas argumentacións: que o ciclo económico ten máis influencia nos gobernos con maior capacidade para incidir na economía e que xa pasamos outras crises na historia recente (se ben non tan intensas como se promete esta) sen que iso tivera suposto cambios inmediatos (remitíndome para iso aos vales de 1993 e 2001).
O artigo dos irmáns Lago realiza unha análise numérica da influencia da economía en todas as eleccións autonómicas do Estado durante un período de 18 anos. Empregan para iso diversas series temporais de variábeis económicas como a renda por habitante, a taxa de paro, o parque de capital público, e o incremento da débeda pública autonómica.
A investigación conclúe que existe algunha relación entre o devir económico e político no ámbito autonómico, pero o alcance desta influencia é máis débil no caso dunha Autonomía que no dun Estado, e dita interrelación é máis forte no mundo anglosaxón, onde atopamos os sistemas de votación menos proporcionais e o bipartidismo é maior.
Verifícase ademais ao longo do estudo que os ciclos electorais autonómicos están ligados ao estatal, cousa ben sabida que se cadra é máis certa nas comunidades non nacionais, aínda que esa dependencia vai perdendo forza cos anos, ao tempo que os espazos políticos e partidarios autonómicos gañan en autonomía e se van institucionalizando.
Segundo os cálculos dos autores a variación no voto ao(s) partido(s) no Goberno entre unha elección e a seguinte é proporcional ao incremento experimentado polo capital público , isto é, fundamentalmente o que mencionamos como investimento en infraestruturas, e é inversamente proporcional á evolución do desemprego, de xeito que a variación dun punto porcentual no paro resta aproximadamente o mesmo que un aumento de entre 2 e 3 puntos no stock de capital público. Como se ve, estas dúas variábeis están claramente detrás das primeiras medidas de choque postas en marcha polos políticos para tentar atallar a crise actual: investimento público, no sentido neokeynesiano, e axudas de todo tipo a determinadas empresas e sectores para tentar minorar os despedimentos masivos e conter o crecemento do paro.
Aínda que o efecto conxunto destes dous factores poida parecer favorábel á destrución de emprego, e por tanto á perda de expectativas electorais das forzas gobernamentais, outras variábeis económicas entran en xogo. Dun lado, o incremento da renda per cápita inflúe positivamente no mantemento dos Gobernos, cando menos a teor do que aconteceu durante a década dos 90. A importancia do factor renda situaríase así a medio camiño entre a do investimento e a do desemprego, maior que a primeira e menor que a segunda. No caso que nos ocupa, é evidente que a renda por habitante en Galiza ten aumentado fortemente nos últimos catro anos, o que xogaría a favor das expectativas do bipartito, pero cómpre ter en conta outro fenómeno máis recente que o estudo non tiña en conta, como é o endebedamento familiar (hipotecas e demais), cuxa influencia podemos adiviñar de sentido contrario.
Todo apunta a que o influxo positivo e combinado de investimento e renda pode compensar facilmente o efecto negativo do desemprego e o endebedamento, cando menos agora que aínda non se atinxiu o punto máis baixo da crise e que, por tanto, os efectos acumulados aínda non atinxiron o seu máximo, que todo o mundo prevé para finais de 2009 e comezos de 2010.
As demais variábeis económicas non son relevantes ou sono moi pouco, entre elas a débeda pública, que como indicador da eficiencia na xestión económica das contas públicas indícanos que a percepción dunha boa ou mala evolución da Facenda Pública é indiferente para a inmensa maioría dos cidadáns.
Quizá esteamos ante un debate que non estando carente de fundamentación é en certa medida un debate importado, dos EUA no plano teórico e do Reino de España no práctico. En Galiza a sociedade experimenta agora mesmo unha sensación de crise que cando menos en algunha medida nos é allea, proveniente das zonas do Estado onde máis campou a especulación e o aproveitamento da man de obra barata inmigrante. A sobredose diaria de novas de crise, multplicada polos medios de comunicación estatais e amplificada pola carga análoga que estes reciben das axencias internacionais, están a provocar que o galego medio teña unha percepción da marcha xeral da economía peor que a da súa propia situación persoal ou familiar.
Quedo con gañas de continuar esta investigación con series de datos máis recentes, aínda que a miña maior curiosidade sería replicar a análise da evolución electoral autonómica no ámbito municipal, con indicadores económicos e sociais, sen prescindir loxicamente dos indicadores electorais de ámbito superior.
Curso de ética xornalística e demoscópica
Como é posíbel que a nova Enquisa de Clima Social de Galiza, realizada por Obradoiro de Socioloxía por encarga de Xosé Manuel Rivera Otero para a Presidencia da Xunta, dea lugar, cos datos que se reflicten na ilustración, a titulares e interpretacións como as seguintes?
Emilio Pérez Touriño é o lider mellor valorado, obtendo 5,35 puntos de media; Anxo Quintana obtén un 4,82 e Alberto Núñez Feijóo, un 4,16 (Xunta)
A intención de voto do BNG cae 1,3 puntos en 5 meses (A Nosa Terra, QC?)
Los ciudadanos aprueban la acción de la Xunta frente a la crisis (El Correo Gallego)
Solo uno de cada cuatro gallegos cree su situación económica es mala (La Voz de Galicia)
El PSdeG obtiene un 24,4% en intención directa de voto, 12 puntos más que BNG y 3,5 que PP (Europa Press)
É un pouco vergoñento que sexa o ABC, o xornal con sección Galicia menos leído en Galiza, o único medio que pon énfase nesta substancial diferenza entre o recordo de voto dos entrevistados e a súa intención de voto actual, aínda que logo xa perda os papeis e dispare contra todo o que se move.
Para facernos unha idea da importancia deste dato podemos comparar o recordo de voto coa intención de voto ao PSOE en edicións anteriores da mesma Enquisa:
Recordo 28,1% -> Intención 26,0% (Diferenza -2,1 puntos ou -7%) Novembro 2006
Recordo 29,6% -> Intención 27,0% (Diferenza -2,6 puntos ou -9%) Xullo 2007
Recordo 30,8% -> Intención 24,4% (Diferenza -6,4 puntos ou -21%) Decembro 2008
Non podo achegar máis datos doutras Enquisas de Clima Social porque Presidencia da Xunta ten o costume de borrar do seu servidor os documentos coas táboas de frecuencias unha vez pasado o dia da súa presentación aos medios (outro exemplo de falta de transparencia e máis un xeito de estragar os fondos públicos).
É certo que o recordo de voto sempre aparece distorsionado co paso do tempo, e que tamén é nalgunha medida un recordo de poder. Pero o que o salto nesta diferenza crecente vén a sinalar é unha perda importante na fidelidade dos votantes do PSdeG-PSOE. 2 de cada 10 persoas que din telo votado ou que pensan telo votado (recordo de voto bastante claro, non é que non lembren o que fixeron, en todo caso) agora mesmo non o farían.
Se a todo isto que habitualmente non se comenta nos medios, engadimos a perda de intención de voto do PSOE neste mesmo período para o que analizamos o recordo, e observamos que sobre todo o PP comeza a presentar o fenómeno inverso ou complementario (maior intención que recordo) podemos irnos afacendo á idea da súa recuperación, porque a realidade é que a porcentaxe de indecisos tamén diminúe, revelando que era o abrigo natural dos antigos votantes populares desencantados trala perda dos Gobernos do Estado e da Xunta en 2004 e 2005.
Canto ao BNG non mellora en intención de voto neste período, pero tampouco empeora, e mostra sempre unha concordancia case perfecta entre recordo pasado e intención presente. Con que algún indeciso opte polos nacionalistas deberían mellorar o seu resultado. Aumentan, porén, claramente, as porcentaxes da abstención e do voto en branco.
Os Crebinsky
Dirixida por Enrique Otero, conta coa participación de Miguel de Lira, Roberto Sánchez, Sergio Zearreta, Luís Tosar, Celso Bugallo, Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, e foi rodada entroutros lugares na costa do Ortegal, no encoro de Portomarín, e na Igrexa de Castenda en Tordoia.
Vía Flocos








