De Grouchos e Harpos
Hai que parabenizar aos responsábeis de Xerais por fuxir do ambiente capitalino para a presentación do novo libro de Manuel O’Rivas: ‘Os Grouchos’. Santa Comba foi unha elección frutuosa e atinada, como o propio Manuel Bragado recoñeceu na súa introdución. Alén das virtudes terapéuticas da estancia de pensión completa nunha vila coma esta, facilitadas pola boa acollida e mellor facer do equipo da libraría Ler, a decisión ten, coido, bastante máis transcendencia.
Na situación actual da nosa lingua e da nosa literatura, tamén en termos de mercado, comezan a ser cruciais para o futuro estes círculos externos da cultura galega ‘oficial’, a periferia cultural deste país que segue a reunir a máis da metade da nosa poboación.
Nun escenario de cidades castelanizadas até o paroxismo voltar os ollos cara esta outra realidade é inevitábel. Máis é isto unha aposta estratéxica ou unha fuxidía rendición? É unha ilusión pasaxeira? O ideal sería, con efecto, ler máis, e ter máis lectores, dominar máis linguas. Mais cada vez temos menos tempo, e os tempos en que o saber e o ler eran sinónimo de máis oportunidades de progreso na vida fican para a Historia.
Si, non se enganan. Estou a facer un paralelismo intencionado coa dirección ou deriva ideolóxica, segundo se considere, que está a experimentar o nacionalismo galego, acantonado nos últimos tempos nas vilas do País. Non quixera un que os vínculos entre ideoloxía e lingua fosen tan íntimos e estreitos, mais despois de anos de dura batalla silenciosa e inadvertida teño pra min que esta identidade é cada vez máis forte.
Mentres matino nisto non deixa de virme á cabeza a imaxe dunha muller que sentou ao meu lado durante a presentación. Ao entrarmos na libraría mercou dous libros do Rivas. Pediunos expresamente en castelán.
***
A primeira visión do Rivas non foi del, senón da súa maleta. Ou sexa del. Aí debe levar o seu mundo, a modo de feliz apéndice, pasado o tempo dos paraugas. Ou non? Unha maleta, que non unha mala, rectangular como un caixón de carpinteiro, de cor entre acastañada e encarnada, como se fose unha simbiose harmoniosa de coiro e madeira. O home mimetizado coa natureza.
***
‘Grouchos’ é o título dos artigos que Manolo Rivas leva publicados na edición galega de El País desde o seu lanzamento. Estamos diante, por tanto, dun libro cuxos artigos (excepto dous, o primeiro e o último) xa foron publicados en papel. Pero é que ademais están publicados aínda en internet. Podes dar con eles procurando ‘grouchos’ no buscador de ElPais.es.
Fixo referencia Bragado a unha antoloxía poética de Rivas publicada por Espiral Maior, titulada ‘Do descoñecido ao descoñecido, obra poética (1980-2003)’. Este sería para min un libro duplicado (con ‘O Pobo da Noite’) de non ser porque o meu pai deumo cunha dedicatoria gráfica do autor: ‘Contra a indeferencia vai / vive / río arriba / vai’.
Os Grouchos son unha boa e recente escolma do Rivas xornalista, cronista e activista. Mais é un outro libro duplicado. Quizá ‘Galicia, o bonsai atlántico’ ou ‘Galicia, Galicia’, non o eran no seu tempo. Mais este si, éo en boa medida. A diferenza márcaa o momento histórico da rede, de internet. Os Grouchos están aí, a tiro de 50 clics e un copiar e colar. Iso fai deste libro unha obra de arte xenerosamente agasallada por Rivas aos editores galegos para a súa comercialización.
Este presente é unha boa mostra da situación de pobreza da nosa literatura. Unha realidade que a maioría do ’sistema’ prefire agochar baixo os discursos do optimismo necesario e outras grandes elipses. Eu prefiro saber. Non me gusta que me venden os ollos, nin vendarllos aos máis. É precisamente o sermos conscientes da situación que queremos deixar, é xusto o termos esa referencia mentres bogamos cara a outro sitio, o que nos alimenta e nos dá forzas, transformando o noso nervo en azos.
Velaí a nosa Mohicanía.
***
Comeza o libro O’Rivas aclarando que un groucho é un chato, e que ir de grouchos é ir de viños ou de taças.
A idea cobra sentido se un repara nun dos ‘grouchos’, sen dúbida ningunha o mellor artigo de opinión publicado en 2008 neste País.
Moitos dos que coidamos en 2005 que a clave da rexeneración democrática de Galiza está no entendemento entre PSOE e BNG, cando non na conxugación de ambos nun proxecto común, tamén lles recomendaríamos que foran tomar uns viños xuntos de cando en vez.
***
Ouvilo falar das pingas de orballo nas árbores, velo andar nun lento comezo polos carreiros de Soneira, vagar logo polo Cemiterio dos Ingleses, perderse no seu interior acompañado dos 300 corvos do Xallas, e despois, xusto cando menos o espera un, enxergalo na liña do horizonte, manifestándose polos Penedos de Traba, tirando da maleta debuxos que son toda unha cosmovisión, sentilo, dicía, é o máis parecido a escoitar música.
Non sei se Rivas ten no armario aquela camisola de A Vaca Láctea que proclama ‘Eu tamén sou marxista’, pero el ben podería ser Harpo a contar sen falar, a tocar a súa harpa.
E, de cando en vez, cando a ocasión o merece, a pegar un bucinazo ou dous de atención. Como os barcos no medio da noite e da brétema, procurando unha referencia.
Chaplin non estaba por alí, pero sorrí.
***
A muller do Rivas en castelán preguntoume con fermoso acento xalleiro quen viña sendo Xosé Manuel Pereiro. Expliqueille que era o ‘editor’ do primeiro libro de Rivas e o presidente/director/xefe dos xornalistas colexiados. Da Coruña? inquiriu ela. Non, de Galiza toda. Ah.
Pereiro fixo unha presentación magnífica de Rivas, insuperable. Un sente envexa de Rivas por contar a un tipo como Pereiro entre os seus amigos.
Que llo pregunten senón a Antonio Gala.
***
Debo recoñecer que o Manolo Rivas do que máis gosto é o que anda nas marxes, nas estremas. Ou na poesía ou no xornalismo. Ese territorio, non sei se de encontro ou de confronto, que explora con habelencia, como é o do romance, non aparece tan fértil aos meus ollos. É un terreo difícil. Hai probablemente en Rivas un intento de síntese case vital entre esas dúas dimensións.
Coido que é na súa persoa e non na súa obra novelística onde logran a comuñón. En ‘Os libros arden mal’ o queixo non acabou de callar, malia todo o amor e o empeño que puxo na tarefa a leiteira de Veermer. Pola contra, soubéronme máis ‘En salvaxe compaña’ e quizá ‘O lápis do carpinteiro’.
Non fagan moito caso do que digo. Sou un descontente contente.
Mais espero del e non doutros o grande romance da literatura galega. Ou varios.
***
No tema de Europa eu sou un contente descontente. Por iso votei en branco no referendo da Constitución europea. Quer dicir, eu quero outra Europa, non aquela (menos esta) pero quero unha Europa.
É máis. No coloquio de onte atrevinme a expoñer unha reflexión que ten a ver con esa Europa soñada. Fixéraa xa hai un par de anos nunha visita aos escritorios da Comisión Europea en Bruxelas, no seo dunha delegación de xentes da cultura e da tecnoloxía convidada polo BNG. Claraflor tivo a ben cualificar daquela o meu discurso como humanista. Eu o que pretendía transmitirlle a aqueles tecnócratas e a estes literatos era que Galiza e Europa precisamos sermos máis auténticos. No sentido seguinte:
Galiza, a súa lingua e a súa literatura, a súa xente, precisa un modelo e unha estratexia para ser. O modelo non pode ser a transposición mimética, pasiva e interesada, do modelo que, por aquilo de non empregar o vocábulo estadounidenseamericano, denominarei simplemente americano. Un modelo baseado na mercantilización, no valor de cambio e non no valor de uso, sustentado na apropiación ilexítima de todo o que é propriedade pública, colectiva, partillada. O modelo do copyright. O modelo dos Estados-nación. O modelo galego e europeo, o modelo dun mundo mellor, ten que ser o modelo das redes. Un modelo social, da cidadania, do ecoloxismo e da diversidade, tamén nas linguas e nas letras.
Sen ningún ánimo eurocéntrico (que o Brasil e Cabo Verde me vallan!), e recoñecendo que os europeos tamén somos expertos en fornecer ao mundo da munición máis variada, se algo achegou Europa á Historia da Humanidade que a distingue do modelo americano é a difusión do coñecemeto e das ideas. Desde Platón a Gutemberg, desde a Ilustración até aos nosos días. O modelo cultural galego ten que pasar por recuperar o que de auténtico hai no modelo europeo. O noso modelo non pode basearse nese proteccionismo francés que timoratamente van calcando os gurús da cultura oficial española. O modelo galego non pode ser recrear unha cultura academicista dirixida por unhas elites ancoradas certamente noutro tempo histórico, en que a cultura e o coñecemento era cousa dun poucos. Non podemos aspirar como modelo a ter unha sociedade ‘nacional’ de dereitos de autor.
Implica este modelo de partillamento do saber que a propor que todo sexa gratuíto? Que non haxa outros modelos? Non necesariamente, é claro. Acredito nos dereitos de autor e nas patentes (non todas, ben usadas). Acredito nas diversas formas de licenzas de uso como expoñentes de modelos diferentes en convivencia. Todas son formas lexítimas de gañarse a vida. O modelo de cada creador ten de ser libremente elixido, e por tanto o modelo colectivo ten de ser mixto, mestizo. Mais é intolerábel que se nos impoña por lei o modelo americano, especialmente cando non estamos a falar de obxectos tanxíbeis, senón tamén e sobre todo de ideas, de coñecemento e de educación. E o que é máis importante. O modelo dunha cultura minorizada e minoritaria non pode xogar coas mesmas regras das principais culturas fagocitadoras.
O modelo americano/español non nos serve. Mais… sería válido un modelo libremente elixido , e non imposto, con algunhas características de partillamento colectivo e interese social, suficiente para impulsar a lingua e a literatura galegas no futuro? Eu acho que non. Aquí é onde vexo necesario, ademais, que a pequena Galiza aposte por outras estratexias complementarias. A gratuidade é unha delas. A dixitalización é outra. A discriminación positiva de prezos dun libro que se vende en galego e castelán podía ser outra máis. Abrir a nosa idustria cultural a outros mercados (xeograficamente pero sobre todo beneficiando outros mercados para poder facer de mecenas neste) é unha opción adicional. Vou ir calando a boca para non acabar falando do reintegracionismo.
Contemplar o mundo que se aveciña con optimismo. Converter o inevitábel en oportunidade. Asumir riscos ben calculados. Saír da Cuncha. Converxer no local-global. Sermos nós cun proxecto de transformación para nós e para todo o mundo.
Así o vexo eu.
4 Comentarios »
RSS semente para comentarios a esta anotación.
| TrackBack URI
You can also bookmark
this on del.icio.us or check the cosmos

Ou sexa que era Vd…
Comment por
sHs — 24/06/2008 @ 3:14 pm
Vai ser verdade que xa somos, por fin, unha aldea.
Comment por
calidonia — 24/06/2008 @ 3:46 pm
Vaia crónica! Parabéns e saúdos.
Comment por
bretemas — 24/06/2008 @ 6:32 pm
[...] “De Grouchos e Harpos” (Calidonia). [...]
Aviso (Pingback) por
Manuel Rivas presentou “Os Grouchos” « Xerais blog — 24/06/2008 @ 7:02 pm