L.A. (Brión) e outros lugares

Traballo estes días artellando unha base de datos descomunal con información de ámbito municipal e inframunicipal sobre Galiza. Reposto da primeira impresión, ao comprobar que os rexistros oficiais seguen conservando topónimos deturpados (”J”, “Y”, “La”, “El”) ou sen normalizar nunha manchea de concellos (algún deles gobernado polo nacionalismo), e recuperado tamén da segunda impresión, ao verificar o número de asentamentos con menos de 3 habitantes que están a un tris de sumir, superado o transo, dicía, quería partillar con vós algún dos nomes de lugar que fun achando e que máis me fixeron matinar:

Os Ánxeles

Os Anxiles. Coido que con esta palabra grave debería denominarse en rigor o lugar do concello de Brión coñecido como Os Ánxeles, situado ao pe dos Montes homónimos,nunha zona onde se cruzan varias augas ou vertentes (ben coñecido por ser un dos novos lugares de asentamento da periferia compostelana). Teño a intuición de que “Os Ánxeles” é un topónimo cunha evolución que nun momento determinado debeu experimentar unha confusión de termos por unha fonética semellante. De non ser así sería Os Anxos, non si?

Como xurdiu a teoría? Non moi lonxe deste lugar, no paso natural que hai no concello de Ames entre o val de Amaía e a cunca do Tambre (Támara), no territorio que se domina desde as Torres de Altamira, na mesma estrada que vai de Bertamiráns a Negreira, podemos cruzar Portanxil (Porto+Anxil). No mesmo concello de Brión temos un outro lugar chamado O Enxo, localizado xusto na parte superior do val de Amaía, onde o monte vai suavizando pendentes e o espazo se “anchea”. Non podo evitar un certo paralelismo na descrición xeográfica con O Eixo do veciño concello de Santiago de Compostela. E hai quen sostén que Rianxo pode estar relacionado con este significado.

Síntoo polos que gostan de dicir que viven en L.A. como se foran “angelinos”.

Gustaríame confirmar esta hipótese tan pouco científica rastrexando os documentos parroquiais, mais tratándose de anxos prefiro non contrastar pareceres co crego. Sospeito o que me diría.

Español

Galiza territorio de acollida, crisol vizoso de pobos ao longo da Historia. Os asentamentos humanos no noso territorio ían “por parroquias”. Así temos un Español, lugar da parroquia de San Cibrán de Lá(n)s (castro de Lansbricae), no concello de San(to) Amaro. Tamén temos Astureses, Galegos (!), Suevos, Céltigos… Hai moitos outros topónimos xentilicios : Sarreaus, Miñoteira…

Mais non hai “Portugueses” na Galiza. Curioso. E serán eles os calaicos? Será que a historia de Portugal como pobo é recente de máis?

O que si achamos na nosa toponimia son dous Portugalete, en Carballedo e Muros, e un Portugal (!), na parroquia de San Martiño de Oca, no concello de Coristanco.

Erótica

O retrouso erótico da toponimia do País:

Sexo (seixo ou sello?), parroquia do concello de Agolada (Aquam latam, auga levada, cal ou canle).

Follente, lugar da freguesía de Santa María de Mantaras, no concello de Irixoa (igrexola).

Vilapene, lugar da parroquia de Santo André de Chamoso, no concello do Corgo.

Bragadela, lugar  da freguesía de Santa Uxía de Mougás, no concello de Oia.

Do alén e máis alá

Para os que achan o uso da palabra Alén unha teima dos nacionalistas ou dos lusistas: Hai moitos Vilalén e Alende espallados polo País. Alemparte é unha parroquia do concello de Lalín que inspirou a Gonzalo Torrente Ballester para baptizar como Alemcastre un dos seus personaxes de romance.

Outro sitio con resonancias literarias é Extramundi, que empregou Camilo José Cela para lle dar nome a uns cadernos. E por suposto tamén hai que mencionar o Fortunato de Trasmundi, de Darío Xohán Cabana.

O cha-cha-chá da normativa

Sen andar moito podemos encontrar topónimos da mesma raíz transcritos de diferente xeito. Acontece así con Chares e Xar, do concello de Lalín, o río Sar, que dá nome a unha comarca enteira, e o río Xares (”Jares”) da montaña ourensán onde se explota un dos máis grandes encoros galegos para a produción hidroeléctrica.

Perante fenómenos coma este un non pode senón declararse fondamente reintegracionista. Sen prexuízo dos xeitos e das fonéticas de cada lugar a grafía debía ser senón igual si cando menos moito máis semellante. Un criterio máis claro, con máis sentidiño na escrita facilitaría moito máis a comprensión do significado dos topónimos, e fomentaría xa que logo unha maior consciencia do valor da nosa lingua.

Hai moitos outros exemplos. As alternancias vocálicas e as vacilacións fonéticas non son explicadas pola normativa e a gramática oficiais. Así, teñen producido un pozo sen fondo de palabras soltas aparentemente caprichosas cuxo sentido, orixe ou significado aparece agochado tras os signos. Todo o contrario do que debería ser, e todo por aproximar a gramática e a fonética xenuinamente galega á do castelán.

Évos o mesmo fenómeno que algúns e algunhas aínda andan a debater como se fora o sexo dos anxos (vid. sup.): a conxunción “e” lese como un”e” castelán ou como un “y” castelán? Nin unha nin outra. Escríbese e lese como un “e” galego, portugués e brasileiro. Máis nada.

In vino veritas

A calquera persoa que atenda aos indicadores da estrada que bordea a estrema norte da Ría de Ferrol ha de lle chamar poderosamente a atención dar cun lugar chamado Viñas, moi preto de onde se está a construír o Porto Exterior e ao mesmo tempo onde se está a destruír a foz máis fermosa do noso litoral. Desde cando hai ou houbo viño na Ría de Ferrol? Non será un erro?

Non hai erro posíbel. No libro Historia de Ferrol podemos ler como a orixe deste topónimo está ligada á doutros nomes que hai pola zona, como son Prior e Prioriño. Foron os monxes que ergueron o primeiro mosteiro da zona os que, como noutras partes de Galiza, introduciron o cultivo da vide para o seu propio consumo. Boa vida levaban.

Aínda que se xa no hai viño alí… por algo será, non achan?

Unha casa na Toscaña

Un lar, un veciño, un fogo. Dous habitantes en total. Iso é o que hai na Toscaña, un lugar do concello de Maside.

Por desgraza Galiza non ten nada que envexar á Italia se falamos de países envellecidos e de mediterraneización do clima.

Rachabordos

Na parroquia de Santa Eulalia (Olaia) de Limodre, nun recanto da costa que se debruza sobre a Ría de Ares, hai un lugar así chamado. Vaia arroutada. Que nome máis rachador. A quen se lle ocorrería?

As chuvias torrenciais dun destes últimos anos revelaron plenamente o sentido do topónimo. Unha parte do cantil da ribeira, situado unha ducia de metros sobre o nivel do mar, deu en derrubarse como consecuencia da humidade e da febleza do terreo. Pedras, terróns e herba apareceron de mañá amoreadas derriba da area, mentres unha calva espléndida lucía no terraplén.

Con efecto, iso mesmo debeu ter acontecido no pasado, se callar en varias ocasións. A saber se alguén deixou a vida nos bordos ou na ribeira.

4.01 pm

3 Comentarios »

  1. Meus avós foran de lúa de mel a Los Ángeles porque el era de Noia e ela de Santiago e quedaba a medio camiño e sempre me facía gracia.
    A toponimia dá para falar muito.

    Comentario por paideleo — 2008-06-17 @ 10.59 pm

  2. Fantástico post.

    Lembrei de Cines [coido que se pronuncia Cinés] que anda por Oza dos Ríos ou Curtis e tamén de O Xen [o perdido?] que anda chegando a Ourense, preto de O Reino.

    Rachabordos paréceme precioso. Como Trasmundi, pero máis país [Trasmundi ten algo fidalgo, algo de señor feudal con dereito de pernada, non sei]

    Comentario por estíbaliz... — 2008-08-16 @ 10.50 am

  3. Estíbaliz:

    O Xen debe ser Oxén, e vir de (Villa) Eugenii, ou sexa, outra forma patrimonial de Uxío. En feminino: Oxea(s), Uxía.

    Aproveito o teu comentario para revisar algunhas cousas á luz da lectura do libro Toponimia de Galicia de Fernando Cabeza Quiles que me agasallei como lectura deste verán sen vacacións:

    Os Ánxeles

    Parece ser que este nome foi posto e imposto pola Igrexa aos fregueses nun momento dado, xa que o nome orixinal da poboación ou do lugar figura nos escritos antigos como Perros, que non debía soar moi ben.

    Existe outro microtopónimo como este na comarca do Xallas, e ignoro o seu significado polo de agora. Tampouco sei se o nome que escolleu a Igrexa en orixe estaba en castelán ou en castrapo (Ángeles/Ánxeles). Parece que nunca foi Anxos desde logo.

    E a miña intuición… en fin :-D.

    Español

    A orixe de Galegos ten unha outra posibilidade, distinta dos calaicos/kallaikoi provenientes de entre Minho e Douro antes da Idade Media. Pasaría por considerar que quen lles puxeron nome (os da aldea do lado) non eran galegos e denominábanos así por oposición a eles mesmos. Parece que este mecanismo de identificación explica moitos topónimos derivados de xentilicios que un non espera atopar nun lugar determinado.

    Máis topónimos con xentilicios: de pobos ou Reinos: Castelaus/Casteláns (de Castela).

    E de lugares: Toldaos (de Toledo), Cumbraos (de Coímbra), Meiraos (de Meira), Lobosandaus (de Lebosende), Naveaus (de Navia), Señoráns (de Señor), Baralláns (de Baralla).

    E se o de Portugal parecéulles sorprendente debería visitar Exipto (Boiro).

    Alén

    Un pozo sen fondo seica. (A)Len, (A)Lemparte, (A)Lendo, (A)Lence, Allegue, Allende, Allence.

    E eu engado Alemaña.

    Comentario por calidonia — 2008-08-16 @ 12.54 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture. Click on the picture to hear an audio file of the word.
Click to hear an audio file of the anti-spam word