O Peirao de Nouvel en Vigo

peirao_nouvel_vigo_8

Vía Twitter entérome polo Curioso Impertinente, alias Mirinho, dunha presentación en formato M$ PowerPoint que polo visto anda circulando polas caixas de correo dos vigueses a modo non sei se de publicidade institucional, de marketing viral ou de ambas as dúas cousas. O seu contido alterna comentarios e infografías. O texto reprodúzoo traducido a seguir. As imaxes son as que ilustran esta anotación. Descúlpenme que non lles atribúa autoría, pois é descoñecida.

O Vigo do Século XXI

Vigo anóvase cun proxecto atrevido, presentado polo arquitecto francés Jean Nouvel.

O proxecto chámase Peirao XXI e consta de multitude de espazos públicos, museos e centros para institucións.

O grande emblema do proxecto para a parte central do novo porto da cidade será un edificio de 90 metros de altura en forma de menhir celta, localizado na punta do novo peirao de transatlánticos, que aloxará un hotel e un restaurante panorámico sobre a ría de Vigo.

O edificio en forma de menhir, no que predominará o uso do granito, será comparábel a outros grandes proxectos de Jean Nouvel, como a Torre Agbar de Barcelona. Polo día parecerá unha rocha. E pola noite iluminarase, dando a Vigo unha nova liña do ceo.

peirao_nouvel_vigo_1

peirao_nouvel_vigo_2

O chamado "Xardín das marés" será un paseo que chega aos pés do hotel. Trátase dun xogo de terrazas a distinta altura que se inundará en parte coa preamar.

peirao_nouvel_vigo_3

O novo peirao de cruiceros alíñase en dirección ao Monte da Guía, cun perfil de gran variedade de formas, para albergar unha área residencial/institucional, piscina, centro de talasoterapia, museo e hotel, e aínda a estación marítima, que se mantén. Os edificios de distintos volumes e alturas, terán espazos abertos para facilitar a visibilidade do mar. O museo está dividido por unha gran falla pola que penetra o mar.

peirao_nouvel_vigo_7

O peirao estará iluminado en vermello e verde, e materáse de cor encarnada intensa cando haxa cruceiros atracados. O menhir tamén xogará coas cores: turquesa coa maré baixa; azul vivo cando suba.

peirao_nouvel_vigo_6

peirao_nouvel_vigo_5

Outro dos sinais de identidade da proposta é a construción dunha pasarela-miradoiro denominada "A escuadra de aceiro", unha gran viga de 130 metros de longo que suporá unha prolongación da rúa Colón cara ao mar até conectar coa ampliación do peirao de cruceiros á altura do "Xardín das marés". A súa base estará formada por un edificio en forma de cubo que aloxará a sé do futuro porto deportivo -que ofrecerá 1.649 novos amarres-, con un heliporto na cuberta.

Á pasarela-miradoiro chégase a través dun peirao urbano, tamén en granito, con varias edificacións a distinta altura que o autor denomina "Código de barras". Alí haberá zonas deportivas, comercios, bares e restaurantes. A "Operación centro" deseñada por Nouvel tamén anova o espazo traseiro da sé actual do Náutico, que aloxará unha praza cuberta para exposicións, concertos e cinema. A pasarela sobre o centro A Laxe, denominada "A ponte dos libreiros", quedaría conectada á estación marítima. O arquitecto francés tambén deseñou, entre as lonxas do Berbés e A Laxe, o quechama "bolsa de peixe", con venda de produtos na planta baixa e degustación na primeira. O paseo de Montero Ríos amplíase, cambiando a alineación co mar, e se prolonga mediante un xardín cunha fonte alongada, até conectar co peirao transversal. Nese contorno Nouvel previu un parque recreativo.

peirao_nouvel_vigo_4

Benvidos ao Vigo do Século XXI

Vá por diante que non coñezo Vigo apenas. Moi pouquiño, case máis de vista panorámica desde as autoestradas e de ver mapas que de andar por el. Así que espero saiban entender que todo o que vou dicir está baseado en impresións dun visitante ocasional con aspiracións perennes a exprimir máis esta a nosa máis grande cidade.

Postos a rechear a Ría de Vigo é mellor isto que Bouzas. Onde vai. O que a xente de Vigo tiña que razonar era o por qué determinado tipo de recheos van primeiro e por que logo se planean e plantexan estes outros.

Paréceme que se este proxecto se chega a completar melloraríase substancialmente a fachada marítima de Vigo dunha perspectiva puramente arquitectónica e urbanística. Imprímeselle orde a todo ese ronsel caótico de peiraos e diques que quebran a liña de costa, dando continuidade á aliñación do perfil da ribeira do Castro co monte da Guía e creando unha perspectiva e unha liña de fuga cara ao fondo da Ría.

Dá a impresión, despois da lectura dos comentarios e da contemplación das infografías, de que toda a actuación está moi cargada de usos comerciais e empresariais, que sempre é o argumento irrefutábel que permite soñar con estas cousas e financialas. Por moito que o texto poña o acento nada máis comezar nos usos museísticos e institucionais é evidente que o máis importante no conxunto é todo o que producirá -previsibelmente- beneficio para a Autoridade Portuaria e os seus amigos.

É inevitábel comparar este proxecto de Peirao de Nouvel co outro Peirao de Nouvel, o que presentou ao concurso da cidade da Coruña hai xa uns 8 anos. Este é moito máis ambicioso, dado que non se trata da construción dun edificio senón da ordenación de toda unha zona marítimo-terrestre, que contempla á súa vez a construción de varios edificios, aínda que só un sexa o rechamante.

Paréceme que o proxecto da Coruña conectaba moito máis coa cidade que estoutro, o cal nos leva inevitabelmente a pensar en cal é o concepto de Vigo que ten cada un. O meu, como xa dixen é limitado, así que só podo falar do que manifestaban os vigueses en algunhas enquisas de opinión nas que traballei. Vigo é a súa Ría, o seu símbolo son as Cíes e a súa cor a celeste -apesar de as cores instititucionais seren o vermello e o branco. Dá que pensar. Que hai do Vigo terradentro?

Este proxecto de Nouvel para Vigo, non sei se con coñecemento de causa ou sen ela, é máis independente da cidade que aqueloutro da Coruña. Non só se desenvolve na Ría senón que conecta con ela, quizá porque tamén é o cerne verdadeiro da cidade na mente de Nouvel. A clave está en se o proxecto gusta ou non na cidadanía, na súa dimensión urbana e humana. Se atrae axudará a elevar o concepto da cidade dentro e fóra dos seus límites. Así é a historia de Vigo.

Quizá a zona recreativa e verde da ribeira sexa o máis sinxelo e á vez o máis interesante de cara á poboación, sobre todo para a que reside nas proximidades. Un espazo para o desfrute de todos os públicos. O repto e o suceso do proxecto radica nos espazos exteriores, orientados inequivocamente a outro tipo de públicos. A continuidade de Colón coa escadra non a vexo moi clara e os usos culturais e turísticos van depender moito das programacións e da conxuntura económica -sempre o financiamento. Darlle continuidade á intervención desde a cidade por riba da lámina de auga é fundamental para permeabilizar todo o construto, pero os usos e os atractivos que haxa no traxecto -mesmo no casco vello- van determinar o éxito do conxunto.

Imaxino que o trinomio pedra-luz-auga terá que ser manexado con moita habelencia, pero confío no bo facer de Nouvel. Se alguén pode e sabe facelo, é el. A escolla da cor encarnada é un misterio que de entrada choca. O único que teño claro é que acabará predominando o verde sobre o granito. É a lei do Atlántico.

O do menhir-hotel, esa idea, o tótem, paréceme xenial. A feitura háse ver. Non me preocupa a altura o máis mínimo, e si a que teñen Toralla ou varios edificios da fachada marítima ben coñecidos polos vigueses. Inquiétame o encaixe da figura do menhir coas perspectivas que non aparecen nas imaxes: os peiraos vellos, as zonas industriais, os cortes a machado da autoestrada na fronte, no Morrazo... Pregúntome se non haberá que facer unha actuación complementaria lumínica en Rande.

O resto de edificios haberá que analizalos desde dentro, a súa fasquía externa non desentoa aparentemente co conxunto. Soa máis a que o que está fóra de lugar é a Estación Marítima, que quizá Nouvel pretende disimular con esa cobertura que se anuncia.

Non sei canto ten isto de operación especulativa, nin canto de brinde ao Sol de Caballero. Pero se deixan que Nouvel o leve a cabo por fin Vigo comezará a ser a Barcelona do Atlántico, alomenos neste sentido.

Chuzame! chúzame -
8.56 pm

6 Comentarios »

  1. A verdade é que o do menhir fica precioso. Iso si, o tipo ten unha fixación fálica innegábel. Ou serei eu o que ten o problema.

    Comentario por Mario — 2008-05-09 @ 11.12 pm

  2. Probabilidade de que non se faga nada de todo isto finalmente: 60%

    Probabilidade de que o resultado final non teña case nada que ver co proxecto: 95%

    Eu si que son vigués e son xeneroso ca probabilidade de que saia algo bo porque quero pensar que ainda nos queda ese 5%.

    A que prazo queres facer unha aposta? 5 anos? 8 anos?

    A Historia tende a repetirse e no caso do urbanismo en Vigo e o seu porto é triste, e para non ter que lembrar o Plan Palacios só temos que retroceder ao ‘Abrir Vigo al mar’ que chamándose Pechar Vigo ao mar respondería mais á realidade.

    Comentario por ghanito — 2008-05-10 @ 9.29 pm

  3. A idea non é mala pero Ghanito dá no clavo.

    Comentario por paideleo — 2008-05-10 @ 11.56 pm

  4. Da gusto comentar nesta casa que suplen a preguiza que un mesmo ten para poñer ligazóns :-)

    Comentario por ghanito — 2008-05-11 @ 9.43 pm

  5. Eu comparto o pesimismo de Ghanito.

    Abrir Vigo ao Mar resultou ser un mirador dende o centro comercial de moda agora mesmo en Vigo. Ou sexa, sigue sen verse o mar dende Vigo.

    Dubido moito que deixen traballar a Nouvel. (Concordo coa túa frase de ‘amo a Nouvel, odio a Caballero’) Xa se ve o que está pasando co auditorio de Vigo, que ao final recortaron o proxecto e o presuposto inicial.

    Construir un edificio tan alto, que é o máis chamativo da proposta, faría que aínda se vexa menos o mar dende a cidade. E supoño eu que o uso do edificio non será precisamente para que os vigueses o utilicen de mirador privilexiado.

    A proposta gústame moito. Pero non me fío dos políticos, e menos dos que se moven por Vigo, que parecen máis empeñados en desgobernar que outra cousa.

    Despois está, ¿realmente Vigo necesita esta proposta? ¿non sería máis interesante utilizar eses cartos para ordenar Vigo? Porque, ¿quen utilizaría ese edificio? ¿os vigueses? ¿os turistas? ¿os empresarios? E se é un reclamo turístico, ¿hai infraestructura na cidade para acoller a eses turistas? ¿Realmente Vigo quere promover o turismo? Non sería máis intelixente realzar e dar a coñecer os motivos turísticos que xa ten Vigo e artellar todo nun circuito e facer que participe todo Vigo.

    E digo eu, ¿non sería mellor utilizar todos eses cartos para ordenar e recuperar o casco vello de Vigo?

    Son moitas dúbidas que teñen moitos matices.

    Vigo ten moitos edificios que so hai que darlles un retoque e polos de verdade diante dos ollos para configurar un arquitectura de Vigo como cidade.

    O malo é que ten unha morea de edificios que machacan a visión de Vigo.

    Ogallá deixen traballar a Nouvel se deciden levar o proxecto para adiante. Doutra maneira será un erro grandioso e fatal para Vigo.

    Por certo, ghanito, moitas grazas polo enlace do blog de arquitectura de Vigo.

    Comentario por mirinho — 2008-05-16 @ 10.41 am

  6. pero, non é evidente o que pretende Nouvel? O proxecto ubícase nunhas coordenadas moi determinadas que corresponden ao ángulo equidistante entre varias formacións montañosas que, visto a traves do Google Earth, representa con exactitude a un home deitado xunto ao mar co pene erguido. O mesmo Nouvel ten recoñecido que o seu edificio tiña evidentes connotacións fálicas, e que, vista a forma curiosa dese molusca que descoñecía, o mexilón, con reminiscencias claramente femininas, o obra simbolizaba a cópula máxica entre o mar e a terra como orixe tectónico das rías. En fin, que o que Nouvel quere erixir é unha tremenda pirola.

    Comentario por jávi — 2008-06-12 @ 6.45 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .