Como instalar OpenOffice 3.0 (beta) en galego

Levaba tempo querendo redactar unha anotación de tipo didáctico sobre OpenOffice. A publicación definitiva da beta da nova versión en galego deste paquete ofimático libre dáme a ocasión de facelo. Adiántovos que eu xa a instalei e vai perfectamente, como se fose a versión definitiva.

O artigo consta das seguintes partes:

  1. Versión anterior e instalación
  2. Dicionarios
  3. Corrector gramatical
  4. Configuración
    1. Idioma predeterminado
    2. Migrando desde MS Office
    3. Acelerando o OpenOffice
    4. Formato e aparencia
  5. Extensións
  6. Outras aplicacións relacionadas

1. Versión anterior e instalación. Se tiñamos unha versión anterior de OpenOffice desinstalámola primeiro. Teremos que reiniciar o PC para que a desinstalación sexa completa. Ao reiniciar descargamos desde Mancomún o ficheiro de instalación e executamos o instalábel seguindo os pasos habituais. Sempre escollo instalación completa e deixo que os documentos de MS Office se abran coas súas propias aplicacións.En Windows ao actualizar dunha versión 2.x a outra 2x+1 a desinstalación borraba a aplicación pero deixaba varios cartafoles en 'Arquivos de programa'. Neses cartafoles consérvase a personalización do programa, que pasaba a ser usada pola nova versión. Coa versión 3, cando menos coa beta, isto non acontece, así que temos que personalizar o contorno de traballo de OpenOffice antes de comezar a traballar. É unha mágoa pero tamén é unha oportunidade para ver como adaptar a aplicación ao noso gusto e gañar en rendemento e comodidade.

2. Dicionarios. Se abrimos por exemplo o Writer, a interface do programa e os menús xa aparecen en galego, pero non temos instalado aínda os dicionarios para idioma ningún.

Por iso o primeiro a facer é irmos a Ficheiro/Asistentes/Instalar novos dicionarios. Iso arrinca o DicOOo, un documento con macros incrustadas que nos permite de xeito fácil instalar dicionarios de ortografía, hifenización e sinónimos.

Na primeira páxina dese documento escollemos a idioma de interface, así que prememos con Control+clic en Galego e principiamos co asistente. Nunha xanela emerxente e en pantallas sucesivas poderemos escoller os distintos tipos de dicionarios. O primeiro a facer en cada paso é premer no botón superior para actualizar a lista de idiomas desde os servidores remotos (precisa conexión a internet). Cando apareza a lista escollemos o idioma ou os idiomas que queiramos ter instalados (pódense seleccionar varios á vez empregando Control+clic). Repetimos o proceso para cada tipo de dicionario e na última pantalla prememos en Rematar e pechamos sen saír da aplicación o documento actual.

Hai que ter en conta que a instalación de varios dicionarios consume recursos, de disco e de memoria, pero eu teño instalados cinco diferentes (galego, castelán, portugués de portugal e do brasil, e inglés dos EUA) nun portátil sen problemas.

3. Corrector gramatical. Esta é unha da maiores vantaxes do OpenOffice sobre calquera outro procesador de textos. O idioma galego é dos poucos que en todo o mundo conta con este tipo de corrector.

Este corrector chamado Golfiño é unha aplicación independente de OpenOffice que funciona como unha especie de extensión ou engadido á aplicación principal. Descargamos os ficheiros executábeis desde Mancomún, pechamos OpenOffice momentaneamente e instalámolo. Volvemos abrir o OO e veremos un novo menú chamado Golfiño desde onde arrancar o corrector. Tamén vemos unha barra de menú coa icona do golfiño flotando sobre a xanela principal. Podemos arrastrala ao espazo das barras de ferramentar para ancorala alí.

Este corrector funciona con tecnoloxías informáticas aplicadas á lingüística que son pioneiras e aínda están sendo desenvolvidas. O servizo é lento e pola miña experiencia con documentos técnicos unha de cada dúas veces que consulta ao usuario sobre unha dúbida corresponde a unha falsa alarma. Con todo, se es dos que ten problemas co noso idioma encontrarás útil esta aplicación.

4. Configuración do OpenOffice. Todo ou case todo é configurable, pero existe un punto de equlibrio entre deixar a aplicación coas regraxes de fábrica e porse a mudar todo sen control. A miña experiencia e a doutros usuarios ao longo do mundo recomendan que o mellor é facer algúns trocos. Moitos destes consellos están tirados do documento de Luis E. Vásquez R. 'Instalación Óptima OpenOffice.org', que malia a estar escrito en 2006 e pensado para Windows 98 conserva plena utilidade.

Establecendo o idioma por defecto

Polo de agora instalamos os dicionarios pero non lle indicamos a OO cal é a linguaxe predeterminada para a interface e os documentos.

- Ferramentas/Opcións/Configuración de Idioma/Idiomas. En todas as listas despregábeis escollemos Galego ou o outro idioma que desexemos asignar por defecto a todos os documentos creados no nos PC con OpenOffice. Activamos a opción 'activado para CTL', que facilitará por exemplo a creación de texto vertical ou inclinado en varias aplicacións.

- Ferramentas/Opcións/Configuración de Idioma/Recursos ortográficos. Aquí cambiamos o comportamento predeterminado que queremos que teña o corrector ortográfico do idioma predeterminado. A corrección ortográfica consume recursos, sobre todo en documentos longos ou cuxo idioma non coincide co que temos por defecto. Se queremos podemos desactivar 'verificar a ortografía mentres escribe'.

Isto é importante porque nas versións 2 de OpenOffice por exemplo era complicado pasarlle o corrector en galego a un documento en galego pero que fora creado nun OO que tiña o español como idioma predeterminado. Veremos como se comporta isto na nova versión.

Unha vez cambiadas as opcións idiomáticas convén reiniciar a aplicación para que os cambios sexan efectivos.

Migrando a OpenOffice desde MS Office

Os cambios seguintes tratan de igualar o funcionamento de OO ao das aplicacións equivalentes en MS Office, así como facilitar a integración de copiar+colar e de intercambio de ficheiros entre ambos paquetes ofimáticos.

- Ferramentas/Opcións/OpenOffice.org/Ver: Desactivar a opción 'ver límites do texto'.

- Ferramentas/Opcións/Cargar-Gardar/Xeral/Gardar: Activar 'sempre crear copia de seguranza' e desactivar 'amosar unha advertencia cando non se garde en ODF ou no formato por defecto'.

- Ferramentas/Opcións/Cargar-Gardar/Propiedades VBA: Verificamos que están activas todas as opcións.

- Ferramentas/Opcións/Cargar-Gardar/Microsoft Office: Como antes activamos todas as opcións. Unhas e outras teñen que ver coa forma en que OpenOffice le e garda os documentos de Microsoft que incorporan Visual Basic e outro tipo de obxectos OLE.

- Ferramentas/Opcións/OpenOffice.org Writer/Compatibilidade: Activar 'non engadir espazo extra entre liñas de texto' e 'teña en conta o estilo de axuste de texto ao colocar os obxectos'. Evita (algúns) problemas de paxinación ao ler documentos de MS Word.

- Ferramentas/Opcións/OpenOffice.org Calc/Xeral/Configuración de entrada: Activar as opcións 'estender formato' e 'expandir referencias cando se insiran nova columnas ou filas'. Fun-da-men-tal se estás afeito a traballar en MS Excel case sen mirar. De non activalo algunhas 'respostas' ou comportamentos de Calc pareceranche de tolos.

- Ferramentas/Opcións/OpenOffice.org/Imprimir: Verificar que están activadas ambas opcións nas seccións 'páxina' e 'follas'.

Acelerando o OpenOffice

OpenOffice é unha aplicación máis lenta que MS Office. Isto ten que ver co punto no que se encontra o seu desenvolvemento (mellorou moito, a como foi), coa forma en que xestiona a memoria (como os produtos Mozilla é intensivo en consumo de recursos) e co xeito en que garda a información (formato XML, non binario pero estándar). Con ficheiros pesados de calquera aplicación podemos chegar a cansarnos se non facemos algúns axustes.

- Ferramentas/Opcións/OpenOffice.org/Ver: Activar 'OpenGL', 'saída optimizada', 'actualización do obxecto na interacción' e 'aceleración de hardware', sempre que, tras un reinicio, a nosa tarxeta gráfica o soporte, isto é, que ao traballar con documentos e gráficos en 3D isto non nos dá problemas.

- Ferramentas/Opcións/OpenOffice.org/Memoria/Caché gráfico: Aumenta a 'memoria a utilizar por OO' até un mínimo de 256MB, e daí en diante en función da RAM que haxa no teu sistema. A experiencia demostra que un dos puntos febles de OO é a xestión de memoria (aspecto no que MS Office dálle mil voltas) e será mellor curarse en saúde establecendo unha cifra elevada. Aumenta a 'memoria por obxecto' até 8 MB. Podes probar con cantidades diferentes en función da complexidade dos documentos que manexes ou vaias manexar habitualmente.

- Ferramentas/Opcións/OpenOffice.org/Memoria/Caché para obxectos inseridos. Calcula un valor que sexa o dobre da cifra que resulta de dividir a memoria a utilizar por OO entre a memoria por obxecto. Cos exemplos anteriores a solución sería 2x256/8=2x32=64. Para documentos tipo informe que intercalan como obxectos un número similar de táboas e gráficos é unha cifra que a min me funciona ben.

Formato e aparencia

Se instalas OO en varios equipos (nunha oficina ou nunha aula) convén establecer algunhas opcións de formato predeterminadas iguais para todos os teus equipos. Hai unha morea de cousas que se poden integrar nun modelo (plantilla), pero se estás comezando advertimos só un:

En Writer:

- Formato/Carácter: Por defecto a 'fonte' usada é a Times New Roman, que está presente normalmente en todos os PCs e en todos os sistemas. Pero se por razóns estéticas ou corporativa preferides outro tipo de letra diferente hai que andar con tino. Cómpre evitar os problemas que dán aqueles documentos que usan tipos de letra que non existen noutros equipos ou sistemas operativos. A Arial é un tipo de letra privativa que non existe en Linux, por exemplo, onde o seu equivalente sería unha Helvética. Recoméndovos botar un ollo a este artigo e a estoutro (en inglés).

Feito este e outros cambios o mellor é gardar todos os cambios que fagamos sobre un documento en branco como modelo predeterminado. Iso faise en Ficheiro/Modelos/Gardar, na área de 'os meus modelos', nomeándoo e gravando ao aceptar. De seguido imos a Ficheiro/Modelos/Organizar, facemos dobre clic en 'os meus modelos', seleccionamos o modelo que vimos de gravar e desde o botón despregábel establecémolo como predeterminado.

En Calc:

- Formato/Cela: Escollemos o tipo de letra, como en Writer.

E gravamos o modelo cos cambios que escollamos de xeito análogo ao anterior.

5. Extensións para OpenOffice. Unha das características que vai axudar a que OO3 se instale en millóns de PCs é a súa aposta polas extensións, ao estilo das aplicacións Mozilla. Existen unha chea de engadidos interesantes cos que expandir as funcionalidade do paquete ofimático. De feito, algunhas destas extensións foron incorporadas en OO3 como funcionalidades de base, dada a súa utilidade. O sitio oficial de extensións de OpenOffice é un marcador inexcusábel se queres descubrir pola túa conta aquelas extensións que mellor se adaptan ás túas necesidades. As extensións xestiónanse a través do menú Ferramentas/Xestor de extensións. As que eu uso son as seguintes:

- Sun Report Builder. Imprescindíbel se queres facer dignos informes con bases de datos. Aínda así estrañarás MS Access.

- Sun Presentation Minimizer. O tamaño dos ficheiros das aplicacións de OpenOffice pode representar un problema. Nas presentacións de Impress con moitas gráficas e obxectos a cousa pode desmadrarse.

- Sun Professional Template Pack. Modelos para documentos (en castelán).

- OpenOffice.org2GoogleDocs. O nome dío todo. Se probaches os documentos en liña de Google esta extensión é un tesquetela. Acrecenta unha barra de ferramentas.

- Pagination. Grazas a esta sinxela extensión terás unha opción nova no menú Inserir que che facilitará (e moito) a vida cando queiras numerar as páxinas dun documento.

- BorderLine. Outra miniatura para facilitar o retoque dos bordos de taboas e obxectos (en Writer) e de celas (en Calc). Acrecenta unha barra de ferramentas.

- CropOO. Como poden esquecer os desenvolvedores versión tras versión eses pequenos detalles que melloran a usabilidade e facilitan a vida ao usuario? Para recurtar imaxes que se vaian usar nos documentos. Accédese desde Ferramentas/Complementos e acrecenta unha barra de ferramentas.

- Buscar+Substituír mellorado. Para manexadores de elevadas cantidades de datos, xente que faga esta operación moitas veces, de forma masiva ou que quere unha caixa de diálogo con máis opcións, semellante á de MS Word. Accédese desde Ferramentas/Complementos e acrecenta unha barra de ferramentas.

- Bookmarks menu. Permíteche crear un menú de marcadores, ou o que é o mesmo, un menú corporativo ou personalizado con atallos a documentos de uso común (modelos, por exemplo). Accédese desde Ferramentas/Complementos.

- MultiDiff. Permite gardar/gravar/publicar cada documento que se crea en varios formatos ao mesmo tempo (ODF e PDF) e/ou envialos por correo.

- TestFonts. Un engadido que serve para comparar os tipos de letra dun documento calquera cos que hai instalados no teu PC, para obter información sobre os posíbeis problemas relacionados co tema das 'fontes'.

- TextClip. Engade máis posibilidades na edición, copiado e colado de texto (en columnas, por bloques, etc).

- Linguist. Crea unha lista das palabras do documento que non se encontran no dicionario do idioma correspondente ao documento, permitindo xestionar o dicionario persoal e alimentalo con novos termos. Se escribes informes e empregas palabras técnicas esta é a mellor maneira de que o corrector non se volva deter nesas puñeteras palabras.

- OOoSVN. Subversion SVN é un sistema de repositorio de versións empregado polos desenvolvedores de aplicacións. Esta extensión traslada a idea ao mundo dos documentos de oficina para permitirche realizar un control de versións. Non o testei aínda pero parece un imprescindíbel. O futuro camiña por aí.

- CCOOO. Extensión pequena que che permite incorporar a un documento que vaias publicar a licenza Creative Commons que prefiras.

- OOLatex. Unha das miñas favoritas. Se traballas con matemática ou estatística, ou mesmo realizas composición profesional de impresión de documentos, LaTeX é a liguaxe do futuro, así que os editores de ecuacións predeterminados de MS Office e de OpenOffice poden descansar en paz. En Windows precisa instalar unha aplicación enorme (en realidade case unha distribución) chamada ProTeXt, que inclúe o seu propio editor de LaTeX, Ghostscript GSView. Tamén precisa un xogo de tipos de letra especiais, descargábeis desde aquí. En Linux abonda con instalar o paquete latex que soe estar en todas as distros. A extensión acrecenta unha barra de ferramentas, na que teremos que configurar as rutas a todos os programas.

- EuroOffice Map Chart. Engade unha opción ao menú Inserir para incluír no documento información cartográfica en forma de gráficas sobre mapas. EuroOffice tiña tamén un engadido pra optimización matemática que en OO3 xa vén incluído por defecto en Calc.

- R4Calc. Un engadido estatístico consistente nun conector entre Calc e a ferramenta estatística R, o equivalente de SPSS no mundo libre. R4Calc é a Calc moito máis do que son a MS Excel varias ferramentas privativas e comerciais como Analyze-it ou XLSTAT. Acrecenta un menú novo.

E estas son outras extensión que ou non funciona en OO3 (polo momento) ou que xa non me funcionaron correctamente na versión 2.3 (non probei na 2.4), ou que aínda non probei, pero que me gustaría ter operativas algún día:

- Traducíndote Tools, a versión en galego das Writer Tools feita por Óscar Hermida e que incorpora a posibilidade traducir documentos de Writer entre varios pares de idiomas (incluídos galego e castelán) desde o propio menú da aplicación. Precisa conexión á internet para acceder ao Traducíndote.

- Galerías e modelos extras. Unha das varias posibilidades existentes é a que ofrece unha distribución tuneada de OpenOffice chamada Oxygen(Open)OfficeProfessional (dispoñíbel só en inglés). Outra posibilidade para aumentar a colección de deseños dispoñíbeis é esta aplicación que se instala por separado (non é unha extensión).

6. Outras aplicacións relacionadas con OpenOffice.

- MS Office. Se usas o paquete ofimático MS Office, nas súas versións 2000, XP/2002 ou 2003, pódeche interesar instalar este engadido oficial de Sun para poder traballar en MS Word con documentos no formato OpenDocument de OpenOffice 2 e 3, que é o estándar internacional e aberto que todo mundo debera usar.

- Conversor de documentos. Se o que queres é un conversor e non unha extensión, a comunidade está a traballar nunha outra opción, independente de Sun.

- Firefox. Se usas o navegador Mozilla Firefox pódeche interesar tamén unha extensión de visor para documentos ODF (.odt) de OpenOffice Writer, que funciona na mesma xanela do navegador sen necesidade de abrir OO.

- Deseño. Se o teu é o deseño gráfico, estás facendo unhas instalación corporativa ou simplemente e como a min paréceche horríbel a gama de cores que trae por defecto o OpenOffice, podes elaborar a túa propia e facela predeterminada empregando este guía.

Chuzame! chúzame -
2.52 pm

4 Comentarios »

  1. Como instalar OpenOffice 3.0 (beta) en galego…

    Calidonia realiza todo un manual didáctico para a correcta instalación da nova versión do paquete ofimático libre OpenOffice 3.0 en galego, deténdose en varios puntos. 1: versión anterior e instalación. 2: dicionarios. 3: corrector gramatical. 4…

    Rastro (Trackback) por chuza.org — 2008-04-18 @ 3.30 pm

  2. The OpenOffice.org 3 beta is not out yet
    http://www.oooninja.com/2008/04/openofficeorg-30-beta.html

    Comentario por Andrew Z. — 2008-04-18 @ 7.11 pm

  3. ooooooooooohh!
    moitas e moitas grazas1

    este manual é de mota axuda para tódos nós!

    Comentario por insomniorizar — 2008-04-21 @ 10.47 am

  4. [...] maiores vantaxes do …. en MS word con documentos no formato OpenDocument de OpenOffice 2 e 3, …http://calidonia.blogaliza.org/2008/04/18/como-instalar-openoffice-30-beta-en-galego/Microsoft TechNet - Seguridad -Haga clic aqu? para instalar Silverlight. Latinoam?rica. Cambiar. [...]

    Aviso (Pingback) por instalar corrector gramatical word 2007 portugues — 2008-05-31 @ 8.11 am

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .