Ei, señor dillei
Data de publicación: 12 de Xaneiro de 2008Category: causas, denuncia, festa, lingua, lugares, musica, podcast, politica, rede
Hai dous anos e medio que escribín esta anotación (ver a segunda parte, por que os dilleis non falan galego?).
Hai unha semana escoitei por vez primeira na miña vida a un dillei dunha discoteca falar en galego (Barmacia en Santa Comba).
Hoxe descubro o primeiro tema dance en galego, e como aventuraron os Tonechos na Estrada tiña que ser (non lembro ter ouvido nunca tras moitos anos saíndo en Ordes, terra netamente galegofalante, a un só dillei dirixirse á xente en galego).

Descúlpenme vostedes se coñecen outros exemplos pioneiros ou que por normais nunca chamaron a atención. Un non andou aínda toda a xeografía galega, pero algo coñece por fóra das cidades. O importante é que hai por Galiza miríadas de persoas que saen de noite e percorren pubs e discotecas escoitando sempre falar da música da que gustan nun idioma que non empregan. Coido que a miña experiencia non é excepcional.
Acho que fóra dos círculos restritos doutros estilos musicais e de certas rutas urbanas alternativas, isto é un bo sinal (nunca é tarde se a música é boa). Quizá é o único sinal de que o galego se normaliza cando menos un bocado fóra dos sectores máis comprometidos coa nosa lingua. Mais, nestes ambientes non formais e informais (os que realmente importan), faino sen axuda pública de ningún tipo.
Dona Marisol, tome nota se quer exercer ben o seu posto e facer ben o seu traballo: campaña de dilleis e de ligoteo en galego nas discotecas galegas, xa! E, por decencia, deixe de subvencionar aos xornais 99% en castelán.
Esta anotación publicouse o Sábado 12 de Xaneiro de 2008 ás 2.29 pm e arquivouse en causas, denuncia, festa, lingua, lugares, musica, podcast, politica, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.



5 comentarios a “Ei, señor dillei”
Fuches de marcha á Estrada? Eu, que levo dende os 16 anos dándoo todo por alí, con dilleis galegofalantes…
Decencia. Que bonita palabra.
Si, a verdade é que fan falla cousas así, independentemente de que gostes da música ou non. Sempre me chamaron a atención esas contradicións tan básicas, como a xente que fala galego (e de feito non sabe falar ben outra cousa) pero fai a lista da compra en español, reza en español, ou vai ao médico, entra nunha zapatería ou nalgunha administración e fala en español …
Hai que ampliar os usos, si señor
A proposta do “face-las beiras” en galego é necesaria. A este respecto, a dirección de Xuventude fixera a I Edición da Lingua de Amor. Que valoración fas ti, Calidonia, do proxecto?
Secundo as palabras de Isaac Díaz PArdo na que dicía que Marisol López estaba propiciando unha morte digna para o galego. Fai falta maior vontade.
Boedense, é evidente que non faltan ideas. Moitas delas, cando non todas, xa estaban recollidas no Plano Xeral de Normalización Lingüística, e foron posteriormente desenvolvidas e dotadas de coherencia e sentido en programas de actuación que a Secretaria Xeral NON PRETENDE levar a cabo.
Esa campaña que sinala é un bo exemplo de unha boa idea mal realizada. Todas estas campañas estan derramando recursos en deseño, marketing e publicidade con un moi baixo impacto, en vez de investirse en cousas máis rendíbeis.
Estamos apañados se esperamos que o reparto de volantinas e autocolantes por parte do Consello da Xuventude de Galicia vai arranxar algo, que vai sequera chegar a unha mínima parte da poboación que sería a verdadeira destinataria dunha campaña así.
O que fai falta é poñer a lingua no sexo e o sexo na lingua, montar festas Cen Gaiteiros con azafatas vestidas de sereas de Castelao, levar a Luís Tosar e a Nancho Novo a tocar e a ser tocados a todos os pubs do país… E todo iso e máis dinamizalo a pé de pista con mozos e mozas idénticos aos destinatarios, e non coas mocidades dos partidos. Non somos conscientes de até que punto é crucial.
Son uns poucos exemplos apresurados, acho que bastante expresivos do que quero dicir.
Este sábado pasado fun de marcha a Sta.Comba e coñecín o Barmacia ese do que falas.
Pois ao lado está “A Ceca” e entre cancións de Sabina, Burning, Loquillo ou incluso o Fary, puxeron o Himno Galego varias veces, precioso, cantado por un coro que os presentes no local á súa vez coreamos.
Un saúdo