Vai, cara de pau
Data de publicación: 5 de Decembro de 2007Category: atlantico, contos, lugares, rede
Si, este cara marcha. Este cara vai mudar de face.

Esta fin de semana saio de viaxe e estarei lonxe do blogomillo algo máis de unha semana. Non é moito tempo. Ou si. Xa houbo por este sitio silencios máis prolongados, no entanto, pretendidos ou non.
Ferias merecidas, si. Xa o creo que o son. Arriscadas tamén. Despois dun annus horribilis coma poucos, e nos máis diversos planos.
A maioría de vós nin sequera vos destes de conta. Nin eu o translucín aquí máis que crípticamente, pois non teño por costume comentar publicamente cousas demasiado persoais. Aínda que non foi por falta de gañas, senón por puro sentido común. Un sentido que nos días que corren é un completo sensentido. Ou esa sensación é a que teño.
Dicíanme este día que co que teño visto, vivido e aprendido ou non, xa se podería escribir unha biografía. E non metade, como me correspondería por idade.
Volvendo ao rego. Que a onde vou? A onde vai ir un cara de pau coma min? Ás Madeira.
Que sería dos blogs sen as viaxes? Con todo, non toca agora presumir de fuxida nin comentar a miña reiterada e misteriosa inclinación polas illas. Queríavos por agora despedir. Despedirvos deste cara, ou desta cara. E contarvos onde naceu.
Foi na miña anterior viaxe, a Lanzarote, hai case dous anos. A icona de Calidonia é unha creación do artista illán César Manrique, e despide a todos os visitantes que saen da súa marabillosa casa-museo. Titúlase Obxecto achado, e é unha reordenación de restos de naufraxios (madeiras e metais) deitados polas ondas na praia.
Máis que dun retrato animado de madeira, atreveríame a dicir que é unha persoa naturalizada, devolvida á Natureza, que achou a paz por fin e olla con curiosidade ao mundo e ao humano, ao mundano. Que mira para ti, tamén.
Daquela, que xa tiña botado a andar o blog, o cara pareceume non só unha obra de arte senón unha boa metáfora, visual e vital. A madeira sempre estivo e está moi presente na miña vida.
Vouno acompañar. Quer descansar. E desaparecer. Que mellor sitio que as Madeira para ficar. Desde o fondo deses olliños mándavos un abrazo.
Esta anotación publicouse o Mércores 5 de Decembro de 2007 ás 10.04 pm e arquivouse en atlantico, contos, lugares, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

7 comentarios a “Vai, cara de pau”
Que teñas boa travesia
Ala, que envexa! Co que me prestaban a min unhas ferias… Aprovéitaas, mesmo pode ser unha boa ocasión para escribir (ou comezar polo menos) a biografía.
Viño de Madeira, trouxéronme unhas cantas botellas dalí e xa que vas, cando volvas (que volverás) podías traer unhas cantas e contábasnos uns contos mentres tomabamos unhas copiñas.
Que todo vaia ben, sexa o que sexa, e disfruta de todo o que tes.
Madeira… peixe espada grelhado, bolo do caco, espetada en pau de louro,… vas a bo sitio ;-).
Por certo, que xa me parecía que xa vira eu esa cara este verán… e claro foi en Lanzarote…
Deica a volta.
Sabes que non és quen de marchar.
Ninguén lle dixo que está feo falar mal dos mortos?…
Pois aproveita a viaxe: as Madeira sempre foron o meu soño incumplido.
Por certo, xa pasou máis dunha semaniña fóra do blogomillo.