Boas Festas

Boas Festas

 
 Os Raimundos – Merry Christmas [2:06m]: Play Now | Play in Popup

pt_GZ

pt_GZJornal gratuíto em Lisboa 11/12/2007 (Já voltei ;-) )

Comentarios (3) 12:19 pm

Vai, cara de pau

Si, este cara marcha. Este cara vai mudar de face.

Esta fin de semana saio de viaxe e estarei lonxe do blogomillo algo máis de unha semana. Non é moito tempo. Ou si. Xa houbo por este sitio silencios máis prolongados, no entanto, pretendidos ou non.

Ferias merecidas, si. Xa o creo que o son. Arriscadas tamén. Despois dun annus horribilis coma poucos, e nos máis diversos planos.

A maioría de vós nin sequera vos destes de conta. Nin eu o translucín aquí máis que crípticamente, pois non teño por costume comentar publicamente cousas demasiado persoais. Aínda que non foi por falta de gañas, senón por puro sentido común. Un sentido que nos días que corren é un completo sensentido. Ou esa sensación é a que teño.

Dicíanme este día que co que teño visto, vivido e aprendido ou non, xa se podería escribir unha biografía. E non metade, como me correspondería por idade.

Volvendo ao rego. Que a onde vou? A onde vai ir un cara de pau coma min? Ás Madeira.

Que sería dos blogs sen as viaxes? Con todo, non toca agora presumir de fuxida nin comentar a miña reiterada e misteriosa inclinación polas illas. Queríavos por agora despedir. Despedirvos deste cara, ou desta cara. E contarvos onde naceu.

Foi na miña anterior viaxe, a Lanzarote, hai case dous anos. A icona de Calidonia é unha creación do artista illán César Manrique, e despide a todos os visitantes que saen da súa marabillosa casa-museo. Titúlase Obxecto achado, e é unha reordenación de restos de naufraxios (madeiras e metais) deitados polas ondas na praia.

Máis que dun retrato animado de madeira, atreveríame a dicir que é unha persoa naturalizada, devolvida á Natureza, que achou a paz por fin e olla con curiosidade ao mundo e ao humano, ao mundano. Que mira para ti, tamén.

Daquela, que xa tiña botado a andar o blog, o cara pareceume non só unha obra de arte senón unha boa metáfora, visual e vital. A madeira sempre estivo e está moi presente na miña vida.

Vouno acompañar. Quer descansar. E desaparecer. Que mellor sitio que as Madeira para ficar. Desde o fondo deses olliños mándavos un abrazo.

Comentarios (7) 10:04 pm

Declárome estibalista

Foi hai moito tempo. Estaba de paso na ponte desa proa pétrea atlántica. Só un par de anos traballando en cousas de números e incertezas. Convidei a uns coñecidos ao Alfaiate a un recital de poesía. O meu recital primeiro. Novizo, non sabía quen era ela. Pero algo máis que o nome debía saber, para irme estrear precisamente alí. Fiquei prendado daquela muller. Ao acabar o recital, o rapaz tímido foi dicirlle canto lle encantara. Falar con ela. Non sei que lle dixen, nin como. Só sei que saían verbos desde o máis fondo e honesto que podía haber en min. Maxia. Ela xa foi entón o que eu hoxe penso dela. Quixo darme un Pan. Sorprendido, rexeiteino amablemente. Ao día seguinte fun compralo sen falta.

Perdinlle a pista de despegue e cos anos só atopei dela algunhas pegadas impresas. Nun acaso dei con ela un día -ou unha noite-. Agora podo dicir que en verdade caín na rede. Desde entón ela abre a miña lista de ligazóns, e non só por causa do ASCII.

Obrigado a Goretoxo pola ligazón e ao Levantador por publicalo.

Vaga de calor (evento ligado á extinción)

explodir    Sinto os torbeliños eléctricos
    nas dalas habitadas
    irrigan bólas de fogo
    e promontorios precipicios
    en tanxente fuga esférica
    onde esvaer

    Desafían o gas natural saariano
    no entanto escravo
    e verdugo dos egrexios
    ruíns imbéciles e escuros
    eles si traidores
    do amencer