Verdades coma bytes
Data de publicación: 5 de Novembro de 2007Category: blogMillo, denuncia, lingua, politica, rede
Sen ser un experto nestes temas, dáme a impresión de que en Galicia temos demasiadas asociacións culturais, de defensa da lingua ou mesmo organismos públicos de investigación sobre Galicia e o galego (RAG, Centro Ramón Piñeiro, ILGA, Consello da Cultura Galega…) todos facendo cousas moi parecidas, pisándose o traballo uns a outros, SEN UNIR ESFORZOS E SEN FACER UN TRABALLO DE DIVULGACIÓN PARA O PÚBLICO EN XERAL. Moitas veces coas mesmas persoas ocupando varios destes negociados.
Até cando todo este dispendio de cartos, tempo e esforzo malgastados????
Vou poñer un exemplo desta ineficacia. No campo da informática, boto de menos poder usar o Gmail (Google Mail) e outros programas de código libre en galego. Debe de haber en Galicia coma unha ducia de asociacións de amigos dos programas de código libre, linuxeiros de Tui, maqueiros de Ribadeo, ciberirmandades da fala (non se sabe de que normativa), etc, etc. Por que toda esta xente non se une dunha puñeteira vez e conseguen que teñamos ferramentas informáticas en galego? Pois non: cada un cultiva a súa leiriña e ao final, fame para todos.
O mesmo podemos falar co cento e unha asociacións de defensa da lingua, etc, etc.
El CES insta a la Xunta a que no cree más organismos, entes y fundaciones
El CES subraya que la nueva agencia cultural “no es más que una excusa para evitar los controles propios del derecho público” e indica que en el caso de la Agadic “esta huida es más rápida y controvertida, si cabe, ya que el ente aquí propuesto profundiza más en el panorama muy fragmentado de entes, organismos y fundaciones que incrementan la confusión institucional”.
Dei con estes dous textos fecundos a raíz dun acontecemento ben menos intelixente e tristemente habitual que se debateu estes días en As uvas na solaina.
Esta anotación publicouse o Luns 5 de Novembro de 2007 ás 2.36 pm e arquivouse en blogMillo, denuncia, lingua, politica, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

13 comentarios a “Verdades coma bytes”
Verdades coma puños certamente, mais na miña opinión a culpa non a teñen os organismos, asociacións en sí mesmas.. os responsábeis como ben apuntas serían a Xunta por non ter un criterio unánime en canto o problema do galego. Tampouco a culpa é só dos políticos, pra que haxa un movemento común necesítase un líder (unha desas elites).. un lugar que poida acoller a todas estas asociacións cuns mesmos parámetros..
Prezado Calidonia,
Ha de saber que a axencia cultural da que se fala non é un novo ente máis, senón a reforma do actual IGAEM. E non me meto en máis fonduras que é vostede listo abondo e sabe documentarse por si mesmo.
Ai o que podería contar eu sobre este tema… Eu creo que o pior, como ben dis, é a desconexión que hai cos usuarios desa mesma lingua. Non serve de nada ter oitenta mil estudos de lingüística sobre un idioma que perde falantes a cada minuto que pasa. Ás veces parece que máis que estudala o que estamos é momificándoa.
Prezada/o Ro:
Sou coñecedor dese dato que con tino apunta Vde.
A reprodución do texto do CES (non meu) no que se contén esa crítica debe entender que a fixen en relación co outro texto (o primeiro) e comprenderse como unha idea xeral que se pode aplicar e aplica de feito ao conxunto das administracións públicas galegas (sóalle o debate da fusión de concellos? Tamén por aí poderían ir os tiros).
Se callar non é oportuno facer a crítica agora que o ente creado é precisamente ese, que como ben di é a reforma dun preexistente, o IGAEM, e cuxo obxectivo declarado pódeme parecer mesmo atinado. Pero permítame lembrarlle que este non é o primeiro dictame consultivo do CES ou documento do Consello de Contas que insisten nesa idea, sen que ninguén até agora lles teña feito moito caso.
Pero o que sempre me parecerá oportuno e xusto criticar e denunciar é a actitude do actual goberno bipartito, en todas as consellarías sen excepción, e por tanto con responsabilidades exclusivas de ambos os dous socios.
Estamos a ver mes si e mes tamén como os nosos gobernantes renuncian a organizar e dotar de sentido á administración autonómica como un todo, non só non eliminan os entes inútiles existentes herdados da Era Fraga senón que aínda por riba crean duplicidades por causa das rivalidades e liortas competenciais existentes (mal pacto de goberno?).
Vostede tamén é intelixente abondo como para documentarse, botar contas do número de fundacións, entes e organismos varios que existen na actualidade, e deducir que esa renuncia a planificar (con todas as letras) a composición e o medre da Administración non responde só á presente natureza partillada do goberno (que tamén) nin ás limitacións inherentes ao ser humano, senón a outras cousas e causas.
Entre elas enumerarei só unha, aínda que o tema é abondo máis complexo: A conveniencia de non pór orde e concerto no corpo funcionarial, unha clase social (con todas as letras tamén) que en xeral (e sen xeneralizar) é ineficaz, ineficiente, cobra demasiado en relación á sociedade que a sustenta, e ten unha tendencia telúrica a converter os seus dereitos en privilexios.
Como os políticos dirá Vde. E con razón. Por iso tenden a confundirse tanto uns e outros, sobre todo nas forzas políticas que nos gobernan actualmente.
Pero claro, hai moito sindicato poderoso ao que lle facer fronte. Ou moito disimulo para ollar para outro lado e seguir funcionando como os de antes. Ou mellor (ou sexa, peor). Xa me entende.
Aínda me contaron hai pouco como a Xunta preautonómica se (des)nutriu do peoriño do funcionariado público daquela, e case 30 anos despois, daquela poeira este barral. Só que agora temos unha Xunta e un número de empregados públicos moitas veces superior. Pero o grao de responsabilidade política para organizar e dirixir a primeira empresa (léase emprendemento) do País parece permanecer pouco máis ou menos igual que daquela.
E se iso o aplicamos á pléiade de organismos que din traballar pola lingua, salvo unha honrosa excepción (que por ser xusto situarei no Consello da Cultura, malia aos seus defectos, que tamén os ten) atopámonos que todos eses tinglados NON SERVIRON DURANTE 20 ANOS NIN SERVEN HOXE PARA FREAR O COMA INEXORÁBEL E DRAMÁTICO DO NOSO IDIOMA.
Non e non. Nin con todas as publirreportaxes que Política Lingüística lle poida pagar a La Voz de Galicia baixo corda.
Un saúdo, esperando saiba me desculpar a posición inflexíbel que manteño e manterei neste tema.
Entenderá que é un tema moi complexo e non teño tempo (e moito menos ganas) de expoñelo aquí. Pero só quixera apuntar que o poder do funcionariado é incrible, e non digamos xa o poder que atesoura O Sindicato. Ogallá houbese azos políticos para solucionar o tema, pero véxollo cru. Os funcionarios son iguais aquí que na Franza, quizais aínda peor alí. É unha contraposición perfecta entre teoría e praxe. O único certo é que nunca ninguén deu resolto o problema do escasísimo rendemento dos funcionarios. É unha lei de vida: quen ten seguro algo non se esforza por el (cousa que tamén acontece nas empresas, por certo, e nunca se comenta).
PS: Santodiós! Pode explicarme que fixo o Consello da Cultura pola lingua que o faga sacalo da queima?
Coincidimos entón en todo, acho.
Respostando ao seu clamor direille que, na miña opinión, é impagábel o esforzo que o Consello da Cultura Galega está a facer no ámbito das novas tecnoloxías, moito mellor orientado (nada academicista de certo), con menos fondos, superior mire como se mire, que calquera iniciativa do resto de organismos mencionados. Só por iso, merece o meu respecto.
Con respecto á lingua? Que fixo o CCG con respecto á lingua? Que resultados tivo de cara á sociedade? (é que non contan os funcionarios do CCG? é q non contan os postos A DEDO q sacaron a oposición a medida de cada un deles?) O CCG é o chiringuito máis grande da cultura deste país e fíxoo todo menos ACONSELLAR, que é o que din os seus estatutos (empeza a facelo agora). Fan congresos á medida dos popiños que aí hai (quen os escolleu?) e pouco, moi pouco máis, aínda que haxa cousas salvables, claro que as hai.
E, por certo, que dixo o CES da recén creada Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística? (con postos funcionariais todos de nova creación)
Como sigamos por esta vía Vde e mais eu imos parecer dous ‘popes’ sen cadeira ‘rajando de tó’
A ver. As dúas ou tres cousas que apunta no seu último comentario:
Non vou entrar a defender os procesos de admisión de persoal en ningún organismo, teña ou non que ver co ámbito da lingua e da cultura, tampouco os da Xunta en xeral, porque estou certo de que en ningún lugar funcionan de forma totalmente satisfactoria. Porén direille que estou plenamente convencido de que no Consello da Cultura se houbo esa polémica recente que Vde. apunta é precisamente porque alí se fixo con algo máis de xeito que, por exemplo, no Ramón Piñeiro, ente cuxa existencia e funcionamento segue a ser un misterio para min. E quizá tamén porque o Consello é o órgano menos academicista e recluído en si mesmo de todos os que estamos a falar, o que significa que moita xente de fóra dos ámbitos endogámicos da lingua e da cultura pode ter aspiracións a traballar para el, precisamente por esa abertura ou ese maior contacto coa realidade. O que non quita efectivamente, que tamén teña os seus puntos escuros. Con todo eu non dubidaría que en calquera intento de ordenación destas entidades (ese Instituto Rosalía de Castro que se fala por aí) eu poñería no temón ao Consello (que por certo polo menos conta con recoñecemento estatutario).
No tema do que fixo o Consello pola lingua Vde. debería coñecer e mesmo agradecer como eu fago que unha parte relevante dos contidos culturais ou doutro tipo que hai na rede en lingua galega débese a eles e non aos outros organismos referidos. Mentres a RAG precisa asinar convenios millonarios con Política Lingüística para verter dicionarios a un formato dixital, 4 anos despois dunha reforma normativa os usuarios galegos da internet aínda non temos onde consultar en liña un dicionario de galego actualizado. É só un exemplo, para mostrarlle que eu non podo igualar coa mesma rasa a todos eses organismos. O Consello da Cultura conta cunha valiosa biblioteca en liña, alén de moitos contidos temáticos, especializados ou non, que brillan pola súa ausencia nos seus ‘concorrentes’. Para min iso é estar na sociedade, virtual e realmente. Polo menos un pouquiño.
En canto aos escritos do CES ou do Consello de Contas podería falar un bo pedazo, e enumerarlle outros informes doutras entidades como o IDEGA, así como artigos académicos que volven incidir na idea inicialmente exposta: A necesidade ineludíbel dunha reforma administrativa pública a todos os niveis. Ou seguirá engordando o monstro.
Vde. sabe como eu que non todos os dictames de organismos e consellos son trigo limpo, como por exemplo, os que levan REGANOSA adiante malia ás ilegalidades. Independentemente do que digan un ou dous en particular, ou de que se faga un dictame e non outro, non se pode negar, e admítao comigo, que a creación destes tipo de entes (cuxa funcionalidade non entro a discutir que sexa necesaria no sector público, só discuto a forma) supoñen:
- A renuncia a afrontar o problema da reorganización administrativa.
- A mostra de que ninguén tenta comprender a Administración como un todo e artellala con algo de sentido.
- A incapacidade para implantar de vez un sistema interno de medición da produtividade dos empregados públicos e/ou de satisfacción dos usuarios da Administración.
- A adopción escaparatista e superficial dunhas novas tecnoloxías que deste xeito non poderán transformar no esencial o funcionamento da Administración e mellorar a súa eficacia e eficiencia.
- A covardía política de non enfrontar o poder dunha clase social, a dos funcionarios e sindicalistas, que se autolexitima e fortalece cada vez máis fronte ao interese xeral, e que cada día que pasa alimenta os seus privilexios dentro dunha sociedade na que as diferenzas na redistribución da riqueza e a propensión á emigración son cada día máis grandes.
- A fuxida cara adiante e un abandono de responsabilidades por parte dos dirixentes políticos, que baixo a coartada dun funcionamento máis áxil e menos burocrático, burlando así todos os controis preceptivos, atopan de paso outra posibilidade para colocar na Administración a membros dos seus respectivos aparatos partidarios.
E si, recoñezo que é difícil, moi difícil, seillo ben, e Vde. sábeo. Pero cando alguén se di ‘forza política transformadora’ non se lle pode perder a cara a este obxectivo.
RAG= non ten orzamento, ten q agardar a esmola da Consellaría de Cultura (o q lle pete ao goberno de turno). Este ano recibiu 300.000 euros (o máximo na súa historia) e algún outro convenio que argallou por outro lado.
CCG= orzamento de 3 millóns de euros
Con estes datos entenderá máis, non?
Agradeceríalle me indicase o tamaño do cadro de persoal de ambos organismos, aproveitando que está tan documentada.
CCG: 18 traballadores + os de culturagalega.org= 23 (un arriba, un abaixo) —-> visto nunha listaxe admtva
RAG: 1 (como moito pode ter un máis, xa que os membros non cobran)
Entenderá que con esta comparanza queda todo bastante claro, que a institución máis importante e máis vella deste país (xa sobrepasou o centenario) fai máis incluso do que pode.
Non digo que o CCG non sexa necesario, só digo que vive unha situación a todas luces privilexiada sobre todo se a comparamos coa da RAG.
Non vai máis aló a discusión, pero como Vde. sabe que me gusta botar contas…:
CCG: 3.000.000 € / 25 persoas = 120.000 euros por traballador e ano.
RAG: 300.000 € + 300.000 € (vexa) = 600.000 euros / 2 persoas = 300.000 euros por traballador e ano.
Como ve, entre 2 e 3 veces máis de orzamento per capita, e iso supoñendo que non hai máis ingresos que os de Cultura e os de Política Lingüística. E a RAG é unha entidade de dereito privado, non si?
Un saúdo
Comparto a túa preocupación: sería necesario desatomiza-la inxente cantidade de colectivos de defensa da lingua que só fan dispersar recursos humanos e económicos. Unha macro-asociación dese tipo con diferentes subdivisión no seu interior resultaría máis operativa. Saúdos, Calidonia