Un erro non amaña outro erro

Data de publicación: 17 de Outubro de 2007
Category: blogMillo, denuncia, rede

Probablemente me estea perdendo o meme e a campaña do ano, e seguramente perda bastantes puntos entre boa parte do blogomillo, ou estea renunciando a unha cantas visitas no meu contador. Mais, para que demos quer un un blog se non é para dicir o que honestamente pensa e acha?

Carta aberta aos Aduaneiros sem Fronteiras e a Yolanda Castaño

Prezados Aduaneiros, prezada Yolanda:

A decisión de Yolanda de encomendar a un avogado vos contactar aos Aduaneiros para apagardes da vosa web uns comentarios inxuriosos é, até onde eu alcanzo, unha decisión perfectamente lexítima e irreprochábel.

Quen isto escribe coñece xa casos de máis (na rede e fóra da rede) de calumnias vertidas sobre persoas e profesións que carecían do máis mínimo fundamento, e cuxos autores nin sequera se dignaron en contrastar nada coas persoas implicadas. Nin que falar doutros moitos casos de insultos ou expresións que faltan á honra ou danan a imaxe pública das persoas.

Quizá por isto, entendo como o máis normal que Yolanda protexa os seus dereitos, e quizá por iso non me acaba de entrar nesta cabeciña de pau que algúns seareiros sem fronteiras poidan negar isto amparándose facilmente na defensa dunha liberdade de expresión que xa non é tal, que hai tempo pasou a ser libertinaxe, como o dille-dille que a forza de repetirse xa se converteu directamente en infamia. Até aquí tudo bem. Ou así o vexo eu.

É certo que pode haber partes deste acontecemento que se me escapan e que non coñezo, quizá algúns datos de primeira man relacionados co feito que en última instancia inspirou o deseño gráfico dos Aduaneiros onde se xerou todo este problema: a túa decisión lexítima, Yolanda, de aceptares o emprego como directora da Galería Sargadelos na Coruña, xusto na mesma época en que o fundador da empresa, Isaac Díaz Pardo, viña de ser apartado de forma vergoñenta dos órganos de dirección da mesma. Pero mesmo sen ter todos os datos, admitindo, Yolanda, que puideras ter entrado en contradición (ou non) con declaracións túas anteriores ao aceptar este posto, penso que a crítica dos Aduaneiros tamén é lexítima, e que o problema que nos trouxo até aquí non reside precisamente aí.

Os comentarios anónimos que acompañaban ao voso deseño gráfico, Aduaneiros, e que nunca moderastes, sen dúbida ningunha serían considerados ofensivos por calquera xuíz, postos nesa tesitura. Independentemente de que moita xente na rede estea afeita a ler decote cousas coma esas (ou peores) ou teña a sana capacidade de tomalas como brincadeiras ou como exabruptos que se descualifican a si propios. Non foi nada dilixente pola vosa parte permitir que durante meses permaneceran publicadas as cousas que alí figuraban.

Coido máis ben que o problema de todo isto está en que este avogado ou pouco sabe de internet ou abusou da súa pose de quenlla das leis. Cando requiridos polo letrado os Aduaneiros ofrecestes borrar os comentarios e deixar o deseño, solución que sería a do sentidiño, a lóxica e a óptima, e o avogado se negou esixindo que se borrase todo ou a xuízo, é aí cando ao meu entender, Yolanda, se comete o primeiro erro.

Fronte a esa ameaza ou chantaxe só caben efectivamente dúas alternativas. Unha é achantar, botando o pecho a unha páxina web que estaba sen actualizar desde había meses e que contiña innumerables comentarios-lixo (quer de humanos quer de máquinas) e aproveitar para despedirse ao grande facendo algo de axitación na rede, cousa na que vós, Aduaneiros, sodes auténticos mestres. Esta é a decisión que tomastes e á que rapidamente adheriu a inmensa maioría dos internautas galegos. Aquí, Aduaneiros, cometestes o segundo erro, na miña opinión.

Mesmo que a outra parte non emendase o seu erro había outra posibilidade. Defender o que un cre xusto, defender o que paga a pena defender: a creación, a arte, o humor, a xenialidade. Todo aquilo que si é verdadeiramente liberdade de expresión. Defender iso, e non dar cobertura por omisión a un lercheo faltón e desmedido, monótono e falto de graza xa, de repetido que está o retrouso sobre Yolanda.

Fagan o favor, Aduaneiros, suban a barreira. Reconsideren a súa decisión e defendan o produto da súa arte, até as últimas consecuencias. Iso si estaría á altura do seu xenio e da súa integridade. Todo o demais é divertido, efectivo pero tamén inxusto e innecesario. Postos a revolucionar a rede eu propóñolles recadar fundos para custear un avogado se o precisan.

E faga o favor, Yolanda, fale co seu picapleitos e retráctense desta enleada gratuíta. Unha figura pública da súa proxección por desgraza precisa encaixar mellor os golpes, xa debía estar afeita e mesmo ter aprendido a esquivalos con habelencia. Pero á marxe disto, unha creadora artística do seu xenio non necesita andar este camiño, que a ningún lugar bo conduce, nin precisa gañar inimigos dentro da nosa pequena casa.

Se deciden non escoitarme, non se preocupen. Sempre poderei resuscitar o espírito da VA-CA e cantar alegremente aquilo de Somos galegos e non nos entendemos.

Esta anotación publicouse o Mércores 17 de Outubro de 2007 ás 6.32 am e arquivouse en blogMillo, denuncia, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

13 comentarios a “Un erro non amaña outro erro”

#1

[...] Mais teo que engadir unha cita da carta aberta escrita por Calidonia a Aduaneiros e a Yolanda, coa que concordo plenamente e recomendo ler. Fronte a esa ameaza ou chantaxe s caben efectivamente das alternativas. Unha achantar, botando o pecho a unha pxina web que estaba sen actualizar desde haba meses e que contia innumerables comentarios-lixo (quer de humanos quer de mquinas) e aproveitando para despedirse ao grande facendo algo de axitacin na rede, cousa na que vs, Aduaneiros, sodes autnticos mestres. Esta a decisin que tomastes e que rapidamente adheriu a inmensa maiora dos internautas galegos. Aqu, Aduaneiros, cometestes o segundo erro, na mia opinin. [...]

#2

[...] - como está realmente tirado atopar na rede hoxe comentarios que defenden a a.s.f. e critican a y.c., vai un link a un post que levanta unha postura diferente e moi intelixente. menos mal que non todo o mundo opina a bote pronto . [...]

#3

noraboa, calidonia. que estaba empezando a preocuparme tanto post e comentario irreflexivo.

#4

Boa reflexión, gustoume.

#5

Eu difiro.
Pode que o de recurrir ante un xuiz porque non gostas de un desenho humorístico sobre ti(xa quedou claro que non eran so os comentarios) sexa lexítimo, mais non me parece irreprochábel. É moi reprochabel. Sobre todo se temos en conta que se trata dun persoaxe publico que basea boa parte do seu exito profesional no seu caracter publico.
É que se non aceptamos as caricaturas estamos a cargarnos o modelo de comunicación social que impera en occidente desde hai seculos!

Coido que é umha actitude inmadura.

Por outra banda, non creo que se poida pedir aos aduaneiros que se metan en leas xudiciais (os que sufriron estas cousas xa saben o que é ) e mais cando o proxecto xa andaba renqueante.

Un saudinho!

#6

Concordo con vostede Sr. Calidonia; e quero pensar que o asunto foi unha iniciativa persoal do avogado da poeta ( a cal, por certo, estimo na súa literatura ) no persoal non opino, que non a coñezo.

#7

Pois eu creo que o que si é irreprochábel é pedir que eliminen os insultos contra ti.

Do resto, creo que ninguén se pode sorprender do comportamento da presunta vítima. Eu, polo menos, non me sorprendo.

#8

[...] Fai unha reflexión Calidonia sobre o tema de YC e os ASF. Recomendo vivamente a lectura porque da un novo enfoque ó tema. [...]

#9

Quen é Yolanda Castaño?

#10

Despois de redactar esta carta lin a noticia da contra-capa de La Opinión na que YC disque declara estar en desacordo non só cos comentarios senón co deseño gráfico, tal e como ti apuntas, WSobchak (cando non coa propia existencia dos ASF ou da rede, quen sabe se até aí chega o desexo de errar e non emendar).

Só podo dicir que YC escolle así seguir abaixo pola rampla cara a non se sabe que escuro lugar sen fondo, e pouca defensa pode ter, coido, por parte de ninguén. Tampouco por quen subscribe, cando menos neste asunto.

Porén, independentemente do que decida facer ou dicir esa parte do problema, a outra parte segue tendo, ao meu xeito de ver, dúas opcións, e o que dixen mantéñoo. Sempre hai alternativa! Outra cousa é que entenda, aínda que non o comparta, o suicidio kamikaze ante unha ameaza ou chantaxe dese tipo.

Quizá sexa máis intelixente así, quizá acade máis repercusión a noticia, quizá a liberdade de expresión cobre máis pulo na rede. Non o sei. Pero non podo deixar de opinar, sen situarme en ningunha atalaia ética de ningún tipo, que desa maneira e precisamente así se adopta unha posición cómoda ou práctica e se renuncia a defender a liberdade de expresión, así como outros insignificantes principios éticos que nos serven para andar pola vida.

Outro saúdo para si.

#11

[...] Sendo requiridos por Dom Pablo Carvajal de la Torre, representante legal de Dona Yolanda Castaño Pereira, a retirar do nosso site o desenho gráfico “Tu Quoque Iolanda?” e os comentários a ele adjuntos, sob ameaça de demanda judicial por delitos de injúrias com publicidade, e nom querendo ferir a delicada sensibilidade da nossa insigne poetisa, Aduaneiros sem Fronteiras, questionando-nos até que ponto tem sentido continuar a fazer humor gráfico neste país e a desenvolver umha autocrítica da razom galega, vimos de decidir fechar o nosso site por enquanto o nosso legítimo direito à liberdade de expressom nom se veja a salvo de coacçons judiciárias fora de lugar. [...]

#12

[...] Actualización 19 Outuibro: Calidonia tamén escribe sobre isto. E danos unha pequena colleja. A poucos lle sentan ben as críticas, aínda que sexan éstas humorísticas ou parodias, mera retranca galega. Pero só algúns acuden ó xulgado para que non fagan chistes sobre eles. [...]

#13

[...] Chegando o fin estamos, e so quero mencionar agora, dous blogs máis, un unha reflexion e outro, unha carta aberta, titulada ‘Un erro non amaña outro erro’ de calidonia. [...]

Deixa unha resposta