Con aleivosía e estivalidade

Data de publicación: 4 de Setembro de 2007
Category: atlantico, causas, denuncia, politica, rede

Sobresalarios directores xerais da xunta vitalicios d 15000€ anuais aprovados por PSOE-BNG-PP.ESCANDALO!!..NON PAGAR MAIS IMPOSTOS A ESTES LADRONS!..PASAO!

Así dicía un SMS que me chegou hai un par de días e que subscribo plenamente. Descoñezo o alcance deste meme, nin se segue a circular, mais é o corolario lóxico a un mes de agosto de esquizofrenia política na que ficou ben patente o conflito de personalidade múltipla que afecta ás forzas políticas galegas. Esta mensaxe anuncia, tamén, un proxecto de axenda vital e social para moitos cidadáns galegos comprometidos durante os meses que se aveciñan, desde xa e até as eleccións xerais do marzal próximo.

Todo se albiscaba xa, se o relaxo estival non traizoa a miña cabeza, no remate do curso académico 2006-2007, poderíamos dicir que o segundo da lexislatura, mais non desde logo, pasado xa o ecuador da mesma, o dunha época nova, pois a realidade teima día si e día tamén en demostrarnos que vivimos no mesmo ciclo senón político si partitocrático dos últimos vinte anos.

Naqueles meses uns e outros protagonistas da inacción política decidiron darlle luz verde a documentos diversos: planos acuícolas de valorización desas zonas de litoral desaproveitadas durante milenios… documentos de inseguridade civil para a ‘libertazón’ dunha planta de regasificación acosada por unhas familias que deron en erguer as casas por alí preto algúns anos antes que os depósitos, e cercada seica tamén por uns irredutíbeis infieis heterodoxos organizados a través da internet… licenzas de actividade para louseiras carentes dese prescindíbel e burocrático pedazo de papel que serve para iniciar unha actividade, ou para repartir ao xeito feudal e sobre o mapa as propiedades de cada quen ao nivel do subsolo, do ceo aberto e a ras do chan…

Mais a cousa tornouse sufocante ao chegar o summer in the city dos operarios e traballadores e os engarrafamentos de políticos e funcionarios nas estradas da costa, e atinxiu cotas insospeitadas coa integración no SERGAS de persoal colocado a dedo nas fundacións sanitarias creadas polo PP, e a súa equiparación co persoal estatutario sen pasar por unha oposición.

Todo iso, porén, ocúltase á maior parte da cidadanía no balbordo mediático: un debate lexítimo pero extemporáneo e interesado sobre a Cidade da Cultura e os localismos disfrazados de tabloide por alí… un pseudodebate sobre o alcance da área metropolitana de Vigo ou como montar un chiringuito supramunicipal paralelo para facer de contrapeso ao poder do PP na Deputación de Pontevedra por alá; o retrouso risíbel, por non chorar, sobre a ensinanza do himno galego nas galescolas por acolá… as queixas entre os socios do bipartito sobre a política informativa nos medios e na web institucional que uns e outros financian ou no que ambos designaron responsábeis, por alén…

sobresoldosPero o colmo, o inadmisíbel, o que merece protesta, manifestación, pronunciamento e mesmo derrocamento, permítaseme a hipérbole, é a aprobación subrepticia dun aumento de soldos encubertos a través da Lei da Función Pública, e que contou co beneplácito do Tripartito. Si, do tripartito, pois tal parece que nos seguiran a gobernar os mesmos que algúns, inocentes de nós, crimos noqueados cando menos temporalmente na primavera do 2005.

Teñen razón a Encarna, o Ferrín, o Pichel, e os que se fan pasar por Nunca Máis resuscitados. (Aos de verdade Diolos teña na gloria; estes outros son os de unha outra páxina web que xa durante a catástrofe do Perstige e os meses posteriores se dicía allea e neutral para con todos os partidos, tamén co PP, que tiña narices a cousa. Mais agora están no certo, o seu discurso é impecábel e hai que facer ben sen mirar con quen ou vivir desconfiados de todo e de todos para a vida.)

Os soldos (que non salarios) vitalicios non pretenden remunerar axeitadamente a dedicación á labor política, debate sempre acaído se falamos de salarios que se cobran a cambio dun traballo cualificado e dunha dedicación (aínda que algúns teimen en comparar o que é incomparábel: se os traballadores galegos gañan menos que os do resto do Estado, por cal estrana e divina razón os cargos públicos habían de equipararse?). Non é iso, non. Trátase dun puro interese espurio das tres forzas políticas e dos seus dirixentes actuais por fortalecer unhas estruturas de poder e unhas redes de control, nunhas organizacións, os partidos políticos, que son, detrás da Casa Real e dos sindicatos, as institucións máis anquilosadas, conservadoras, opacas e ineficaces que existen na sociedade actual.

Para os tres partidos políticos con representación no noso Parlamento a lexitimidade parece basearse na súa propia autorreprodución á marxe da cidadanía. Fundaméntase en espremer os fondos públicos (o noso ‘excedente social’) para alimentar os cadros actuais de cadansúa forza política, co obxectivo, nada disimulado, de conseguir a permanencia no tempo dos elos do servilismo, das cadeas de mando, das correas de transmisión, do poder, nunha palabra. Neste propósito, o seu respaldo social nun momento dado importa unha merda, con perdón, a democracia representativa só serve para se aproveitar dela no propio beneficio, e unha vez collido o diñeiro, correr. As diferenzas entre as retribucións dos funcionarios metidos a ‘clase política’ e os mileuristas precarios son unha peaxe obscena a pagar por todos nós.

É unha vergoña, un atraco, unha senrazón, unha depravación, unha desnaturalización do interese público, unha miseria máis deste noso País, e, en termos que gustarán especialmente a algúns, un aburguesamento dos dirixentes políticos. Sexa como for, non podemos permitilo.

Asinemos xa, e vaiamos decidindo rapidamente que facer a continuación. Que pedan desculpas. Pensarémonos ben o perdón.

Esta anotación publicouse o Martes 4 de Setembro de 2007 ás 2.38 pm e arquivouse en atlantico, causas, denuncia, politica, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

Un comentario a “Con aleivosía e estivalidade”

#1

Penso que tamén inflúe o feito de que a sociedade civil crítica comeza a exercer como tal, despois de deixarlle un periodo de graza moi xeneroso (dous anos) ao novo goberno, comprensible tendo en conta de onde viñamos.

Deixa unha resposta