Radioactividade

Data de publicación: 21 de Xullo de 2007
Category: aplicacions, atlantico, bloGaliZa, estatistica, musica, ondas, rede

Esta é a primeira lista de éxitos de Radio Blogaliza, calculada en base ás valoracións dos usuarios (entre 1 e 5 puntos), ás diferentes IPs de procedencia dos votos (para evitar alteracións masivas nas puntuacións) e ás peticións efectuadas:

1.
Treixadura
“Muinheira de Santo Amaro”
Unha semaninha enteira
(pedir)

2.
Ruxe-Ruxe
“Cando morra o vello”
A terra dos comentos
(pedir)

3.
Quempallou
“Ninguen (con Dios Ke Te Crew)”
Polo Aire!!
(pedir)

4.
Marful
“Leverelem”
Marful
(pedir)

5.
Colectivo Oruga
“Like stars”
Ricos modernos
(pedir)

6.
Dios ke te crew
“Estranxeiros”
Dios ke te crew
(pedir)

7.
Indana
“Arena”
Nuestra ciencia
(pedir)

8.
As flames die out
“Bleeding memories”
Keys and wings
(pedir)

9.
Morotxos Galactic Crew
“Oscar primeiro”
Apologhit’06
(pedir)

10.
Lamatumba
“Lume”
Lamatumba
(pedir)

Lembra que podes escoitar a radio aquí.

Pasada a novidade dos primeiros días de lanzamento de Radio Blogaliza, a audiencia acougou e vai sendo hora de facer un pequeno balance sobre a experiencia.

Nas primeiras semanas servíronse unha media de 400 cancións por día e chegou a haber até 10 ouvintes concomitantes reproducindo o fluxo de audio ao vivo. Despois a afluencia, como adoita acontecer, foi reducíndose progresivamente até manter algúns incondicionais.

Neste mes escaso de funcionamento non recibimos circular ningunha da $XAE nin citación do xulgado ou cousa que se lle pareza (non tiñamos por que, pero xa se sabe como son). Pola contra, recibimos varios correos parabenizándonos pola experiencia e achegando suxestións. Tamén houbo varios artistas que nos fixeron chegar cancións novas que aínda non demos de alta, pois temos previsto facelo por xunto dentro dun tempo.

Mais os contactos máis interesantes son os que permitiron un diálogo a varias bandas entre diversas persoas que comezaron a falar do deseño e materialización dun proxecto máis grande que este: a integración da programación das emisoras libres galegas nunha oferta radiofónica conxunta, coa súa infraestrutura dixital aloxada, quizá, nos novos servidores de Arredemo.

A quen estea interesado no tema remítoo ao correo de contacto que tedes na radio, e recoméndolle unha navegación demorada por esta selección de recursos libres para radios que aplican as novas tecnoloxías tanto para a produción e control como para a emisión en liña.

No ámbito doméstico, temos bastante claro que hai que mellorar a aparencia da web en navegadores diferentes do Mozilla Firefox, e en xeral desenvolver máis a estética da páxina e mesmo facer algunha variación sobre o logotipo. Cousas todas elas nas que os promotores recoñecemos as nosas evidentes limitacións. Tamén nos parece moi interesante a idea para a incorporación dunha extensión ou engadido que poida ser incluído nos blogues, e que permita reproducir a radio en directo.

Na dimensión máis filosófica do proxecto estas semanas serviron para reforzar algunhas intuicións que xa tiñamos, como por exemplo que antes que tarde teremos que clasificar os máis de 1.200 temas que hai na base de datos para que se poidan crear programacións musicais diferenciadas para a mañá, a tarde e a noite. Do mesmo xeito habería que comezar a ter en conta as opinións populares (e os criterios da crítica) para limitar a reprodución automática e aleatoria aos temas máis atractivos e aos novidosos, deixando as rarezas para as peticións.

Sen dúbida unha das ideas que nos sobrevoan é a creación de canles musicais diferenciadas. Parece evidente. Mais o que pretendiamos en orixe era divulgar e dar a coñecer os artistas e as súas creacións, e non tanto fornecer unha cadea ou canle á que a xente estivese enganchada, porque toca aquela música que lle gusta ou porque a pode tolerar un tempo sen botar man dos seus propios arquivos ou doutras webs.

En calquera caso, tanto as preferencias da audiencia como o distinto número de temas libres existentes en función dos estilos permiten perfilar cando menos catro grandes contentores de música, que serían os que poderían dar lugar máis adiante á reestruturación da radio en canles distintas:

- Folque, músicas de raíz e do mundo, cantautores, jazz, hip hop.
- Pop/rock comercial.
- Rock duro, heavy, metal, trash.
- Electrónica e experimental.

Esta anotación publicouse o Sábado 21 de Xullo de 2007 ás 10.04 am e arquivouse en aplicacions, atlantico, bloGaliZa, estatistica, musica, ondas, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

4 comentarios a “Radioactividade”

#1

[…] calidonia, que sempre e un home coa analise ben matinada e a palabra sempre no seu sitio, acaba de facer un resumo do primeiro mes de emision de radio blogaliza. […]

#2

Eu gostei moito do proxecto, e anímovos a seguir adiante (e incorporar máis grupos deses polos que non hai que soltar un peso a ningún intermediario).

#3

O Xabier Pérez Igrexas, aquel que escribira moi duros artigos sobre o tema Valadés, e que ficaba desaparecido dende aquela, reaparece hoxe en Vieiros, cun novo artigo:
http://www.vieiros.com/opinions/opinion/138/25-de-xullo-verba-movent-exempla-trahunt

#4

Pois parabéns pola criatura e que continúe a medra con salú!

Deixa unha resposta