Cita en Ferrol

Data de publicación: 2 de Xuño de 2007
Category: atlantico, causas, denuncia, ecoloxia, economia, intres, lugares, media, politica, portos, raices

concentracion_3_xunhoNon se poden tomar decisións que afectan ao pobo sen contar con el. Dá igual ter razón ou non tela, hai que contar coa xente. E máis se un día se estivo de parte dela e agora dáselle as costas para aínda encima servir aos intereses privados dun Grupo industrial chamado Tojeiro.

Non se pode xustificar unha ilegalidade como a planta regasificadora de REGANOSA co argumento de que xa estaba aí. Non se pode ocultar unha aberración e darlle carta de normalidade. Hai que eliminala. O contrario é defender políticas de feitos consumados. E non valen. Nin no urbanismo nin tampouco na política industrial.

Non vale o argumento da soberanía enerxética para defender unha instalación perigosa que non cumpre coa normativa europea. Para iso mellor era deixar facer a nuclear en Xove. Non serve dicir que no futuro será positivo para o tecido económico se agora moitas persoas saen prexudicadas e se pisan os seus dereitos.

Non vale de nada sacrificar politicamente a terceira zona máis poboada de Galiza a cambio do futuro inmediato de dous ou tres concellos pequenos. Non, a menos que se queira ser un suicida político ou, peor, venderse aos poderes fácticos.

Non estamos nunha época en que a poboación se deixe dirixir por vangarda ideolóxica ningunha. E menos se falamos da Ría de Ferrol, que xa saben demasiado de tecnócratas industriosos, promesas rotas e futuribles hipotéticos. Estamos na era da horizontalidade, das redes sociais, da intercomunicación e do fluír da información. Nos tempos que corren algúns queren xogar á gran política de Estado caendo na corrupción dos partidos clásicos. Non se pode enganar así e pretender saír vitorioso.

Non sei en que rematará isto pero non para de lembrarme outra historia. Espertamos moitas veces e o dinosaurio aínda estaba alí. Houbo que botalo.

the_reganostra

REGANOSTRA é o resultado da unión de Gas natural, Unión Fenosa, Grupo Tojeiro, Sonatrach, Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor e Endesa, coa aquiescencia da Xunta de Manuel Fraga, e o sorriso displicente da Xunta de Touriño e de Quintana.

Vídeo 1 da manifestación e carga policial o 30 de Maio
Vídeo 2 da manifestación e carga policial o 30 de Maio
Vídeo 3 da manifestación e carga policial o 30 de Maio
Vídeo 4 da manifestación e carga policial o 30 de Maio
Audio da carga policial do 30 de Maio ao vivo na Radio Galega
Fotos da carga policial do 30 de Maio
Vídeo que lembra aos que seguen loitando e aos que xa non loitan
Vídeo cos materiais empregados no recheo da Ría de Ferrol

Segue en Chuza! todas as noticias sobre REGANOSA. A realidade contada ao instante polas persoas, e non polos medios ou os políticos.

Tes informacións máis que detalladas nas webs do Comité Cidadán de Emerxencia e na Plataforma Ártabra 21

Non deixes de ver, cando teñas oportunidade, o documental O Salario do Silencio, de Henrique Banet e Mabel Rivera.

Podes autoinculparte nas accións cidadás en solidariedade cun cidadán detido polo simple feito de defender a legalidade fronte a REGANOSA e as institucións.

As consignas do enemigo están moi claras. E as respostas tamén:

- Reganosa é totalmente legal. Ten todos os requisitos, cumpriu todos os trámites e todas as administracións abenzoan a pranta. FALSO. Non se cumpriu o R.D. 1254/99, fundamentado na directiva europea 96/82/CE, que regula as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan sustancias perigosas. A planta instalouse dentro da ria de Ferrol, sen o preceptivo informe de impacto ambiental. Hai dúas sentencias xudiciais favorables á poboación que foron recorridas por quen é xuíz e parte en REGANOSA: A Xunta de Galicia.

- O conflito é dos mariñeiros e mariscadores coa industria, e se soluciona cunhas axudas polos días que non se poida faenar por mor da entrada de buques na ría. FALSO. A protesta é un movemento cidadán e popular, nucleado a partir do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, pero do que forman parte xa máis de 60 asociacións e entidades de Ferrolterra e Galiza enteira. Non se trata de perdas económicas dos mariscadores, senón de perdas económicas e ambientais de todo o mundo na Ría. REGANOSA privatiza beneficios e socializa perdas.

- As protestas son en defensa da seguridade e do medio ambiente da Ría de Ferrol. FALSO. Non só iso. As verdades a medias son as peores mentiras, sobre todo cando se repiten unha e outra vez polos altofalantes mediáticos. A protesta cidadán tamén perseque a defensa da xustiza, e como aínda cre nela, persegue o cumprimento dunha legalidade que outros non dubidan en pisotear. A protesta tamén vai en contra da corrupción político-financeira que hai detrás de REGANOSA e na que participaron en menor ou maior grao e desde diferentes instancias as tres grandes forzas políticas galegas.

- Os resultados electorais das municipais en Ferrolterra e na Ría de Ferrol pouco ou nada teñen que ver co tema da regasificadora. FALSO. A estratexia política do BNG na comarca foi dar unha viraxe de 180º para apoiar o proxecto dentro da Ría, chegando a retirar co seu voto os recursos que no seu día puxeran eles mesmos desde o Concello de Ferrol. No conxunto dos concellos da Ría de Ferrol o BNG pasa a ser cuarta forza política, por detrás de Terra Galega. En Mugardos melloran un concelleiro desde a alcaldía, pero só a costa dos Independentes e un pouco do Partido Popular. Nas Pontes perden a alcaldía. Eses son os dous concellos máis beneficiados por REGANOSA. No resto debacle máis ou menos evidente. É o que acontece cando se desfai unha organización política en aras doutros intereses.

Esta anotación publicouse o Sábado 2 de Xuño de 2007 ás 7.30 pm e arquivouse en atlantico, causas, denuncia, ecoloxia, economia, intres, lugares, media, politica, portos, raices. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

6 comentarios a “Cita en Ferrol”

#2
arume dos piñeiros

A planta de Reganosa vai ligada completamente á central térmica de As Pontes. Sen que Endesa decidira continuar o ciclo productivo, a planta non se facía. Polo tanto, o seu nacimento ten unha razón elemental. A autopista Ferrol-Vilalba (con gastos increíbles da UE), por unha zona en certo modo inhóspita, só pode explicarse polo porto exterior e pola planta gasificadora de Reganosa. Toda a inversión, pois, en Ferrolterra está subordinada á actividade de Reganosa. Eu, desde logo, participo da idea de que esa planta é unha vergonza, pero non entendo, sinceiramente, o rebumbio cinco ou tres anos despois. Non o entendo. Por que non se fixo antes? Que pasou? Eso quizáis non teña moito interés agora porque convén batallar contra iso, pero a mín me gustaría moito que alguén mo puidera explicar. Sinceiramente. Porque unha planta coma a de Reganosa, que ocupa un espacio similar ao barrio da Magdalena non xurde da noite á mañan. Eso creo eu.

#3
arume dos piñeiros

Esquecín comentar que unha das causas da defensa do BNG de Reganosa é que era unha empresa de capital galego. Claro que no BNG non todo o mundo pensa así, pero dame a impresión de que sectores moi significativos da CIG (metal) son disa opinión. En As Pontes un pode encontrar a chave de todo iso. Tamén querían a papeleira que non querían en Pontevedra. Agora xa saiu Vieiros recordando que o novo alcalde tamén é partidario. Si. Pero que saiban que o do BNG pensa o mesmo. Por se había dúbidas ou medias verdades.

#4

Pouco máis podo dicir que o que deixei comentado no blog de Marcos Valcárcel acerca das tres razóns que contribuíron ao silenciamento deste tema, tema que agora estourou por coincidencia da posta en marcha en probas da pranta e a celebración das eleccións municipais.

Tan só lembrarei que o Comité Cidadán se creou en 1999, e que xa desde moito antes o BNG viña liderando unha Plataforma pola Defensa da Ría, que foi parte do seu crecemento electoral desde polo menos 1995.

En paralelo á construción da pranta e desde o inicio do proxecto houbo dentro do BNG diferentes pareceres e posicións acerca de REGANOSA, unha vez desbotada a opción ENAGAS. Estes dous pareceres a favor (UPG) e en contra non da instalación pero si da localización dentro da Ría (sector crítico) conviviron mediante solucións de compromiso (baseadas no respecto á legalidade) até que en 2003 se perde o Goberno de Ferrol.

Posteriormente, neste último mandato e con Juncal como alcalde, a UPG tensa a corda e a crise organizativa interna estoura, producíndose varias dimisións do grupo municipal de Ferrol (boa parte dos seus mellores efectivos e valores electorais) e producíndose expulsións. É o momento en que o BNG xunta os seu votos ao PP para retirar os contenciosos presentados polo Concello de Ferrol cando o BNG tiña a alcaldía, é dicir, para evitar que se recoñeza a ilegalidade da pranta e as irregularidades cometidas durante todo o proceso.

Isto é o que a xente non perdoa e o que explica tanto o resultado electoral como o feito de que hoxe 5.000 persoas aplaudiran a X.M.Beiras e a C.Nogueira mentres lle dedicaban un espléndido e sonoro abouxo a F.Rodríguez e ás representantes do BNG que tiveron o valor de acudir a representar a unha organización que pouca credibilidade ten xa.

De todas formas se precisa máis aclaracións prégolle me pregunte e tentarei responderlle na medida do que saiba.

Un saúdo

#5
arume dos piñeiros

Eso é o que eu quería dicir: que non todo o mundo en Ferrolterra estaba dacordo coa planta de gas, pero nomeadamente o BNG, de sempre lider destas loitas, apareceu como acompañante insólito da empresa. Eu pódolle informar do que pensan sobre estes asuntos xente de As Pontes, aguerridos xerifaltes da CIG e votantes of course do BNG desde os tempos en que nin existía o BNG: son postos de traballo. E ademáis o Tojeiro é de As Pontes, aínda que marchara fuxindo do pobo hai máis de vinte anos para Betanzos. Non teño fotos de Víctor Guerreiro e Tojeiro o día que o nomearon fillo predilecto da vila. Pero haber hainas. E xusto cando se quentaban motores sobre Reganosa, con chantaxes permanentes sobre se marchaba ou non de Ferrol. A historia de Reganosa tamén a podo contar eu, porque comezou en As Pontes. Coma xa dixen. Que vai dicir agora o BNG? Pois o que vostede di. O mesmo que sobre o PXOM de Vigo e similares.

#6

Crein que o que loitou meu pai nos 70,nos faria mais unidos na loita.Pero vexo que a
xuventude cree que o camiño esta feito.Tiñan que estar orgullosos do que loitaron os seus pais,
unha loita que trascendeu mais lonxe do que poden imaxinar.A historia a escriben outros como lles conven,
pero nos imos facer a nosa historia por nosos fillos.
SUMAROS A ESTA LOITA CONTRA A PLANTA DE GAS LOITADE XA NON POR VOS,POR VOSOS FILLOS.
TODOS PODEMOS FACER A NOSA HISTORIA.

Deixa unha resposta