A Feira do Libro de Compostela

Data de publicación: 6 de Maio de 2007
Category: causas, denuncia, lingua, lugares, politica, revival

Unha tristura.

Deixeime pasar pola Alameda compostelá para cumprir coa tradición, e por ver de atopar algún dos libros que vou anotando ao longo do ano e que case nunca acabo por ir comprar. Recíbeme na primeira casela o riso da libreira máis agradábel de toda a feira, e comentamos en dúas quendas e diante dun café as últimas novidades da vida literaria e política.

Comezamos constatando que hoxe o debate das ideas non está nas forzas políticas nin sequera no ámbito académico, senón nos escritores e nas empresas.

Despois cavilamos sobre quen serán os novos referentes da literatura galega, e aos dous nos mete un pouco de medo a comparación con hai uns anos. Agora que o penso non matinamos na fenda cada vez máis ampla que pode producirse entre os referentes domésticos e os que funcionen cara a fóra, pensando na nosa literatura como un produto exportábel.

Constatamos a continuidade na inversión de ciclo longo que vive o nacionalismo, máis asimilábel a unha morte lenta que a unha enfermidade que poida ser diagnosticada e combatida con suceso. Dános a impresión aos dous que o nacionalismo está desfacendo nesta altura o avance dos anos 96-97, e que IU pode volver a coller unha presenza importante en determinados concellos e cidades.

O percorrido electoral do BNG nas dúas urbes máis proletarias do país, Vigo e Ferrol, exemplifican a fuxida cara a ningures e a aposta pola busca dun voto vilego e rural que ten pouco de galeguista, que só responde ao esmiuzamento das vellas formas de facer política dos caciques do PP e do PSOE. Cústanos atopar elementos de innovación e novidade que pesen máis que os reiterados signos de volta atrás.

Déixoa seguir traballando e despedímonos cun continuará…

Dando un paseo polas caselas, deseguida chama a atención o descenso no número de participantes: 29 o ano pasado e 20 agora, contando a da organización e a da Concellaría de Cultura compostelá. En Lugo din que eran só 10.

O animoso And she was… dos Talking Heads que se escoita polos altofalantes da feira interrómpese bruscamente para deixar paso á voz da muller que anuncia o próximo acto de presentación do libro de Xaquín Marín. Desastroso. Non sabe falar galego.

Onde está Couceiro? Non está. O mecenas compostelán debe estar concentrando todos os seus abnegados esforzos no seu valente proxecto da FNAC á galega, na Praza de Cervantes. Xa me tarda. Mais bótase en falta.

Noutra casela, un coñecido libreiro nacionalista conversa cunha das mellores prosistas galegas, da que aínda non teño constancia se ten blogue ou non. E non será?

El critica duramente a falta de presenza da Administración Pública galega, e niso estou dacordo porque a ausencia da que debe ser a primeira potencia do País en publicacións impídeme mercar o Vinte e cinco anos de Autonomía en Galicia, de Santiago e Ignacio Lago, editado pola EGAP.

Mais a denuncia parecía ir destinada máis para a Conselleira de Cultura, ou iso interpreto. Segundo el nunca consultan aos protagonistas das feiras, a el non lle consultaron polo menos.

Hai moito de militancia e compromiso na profesión e pouco de beneficio, antes ben perda. Será por iso que teño a impresión de andar entre as estantes dos hipermercados. Cada ano que pasa paréceme que hai máis libros en castelán, best-sellers a maioría. Até hai algún que fala mal de ZP.

Case marcho por primeira vez dunha feira sen mercar un libro en galego. Chámanme ao móbil e no medio da conversa reparo na oportunidade de agasallar un libro de tests de lingua galega para as oposicións do SERGAS.

Alónxome pensando en que quizá a Alameda xa non é o lugar para a feira. Quizá a Rúa Nova ou a mesma Quintana son hoxe lugares máis céntricos, de paso e de encontro que o paseo central da Ferradura. Quizá esa sexa a maior diferenza coa feira da Coruña, tendo Compostela segundo as estatísticas un nivel de ilustración académica comparábel á da cidade herculina. Quizá.

No Paseo das Letras Rosalía despídeme pensativa.

Esta anotación publicouse o Domingo 6 de Maio de 2007 ás 1.45 pm e arquivouse en causas, denuncia, lingua, lugares, politica, revival. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

6 comentarios a “A Feira do Libro de Compostela”

#1

e os regueiros de lama…

#2

E digo eu, aproveitando que ti mesturaches tamén as dúas coisas, o que val pra as feiras do libro, buscar o lugar por onde pasa a xente, valerá tamén para os partidos políticos? Cal será a “Quintana” ou a “Rúa Nova” do nacionalismo? De momento aí tamén están os problemas dos regueiros de lama que di o homedareia?

#3

Si, máis pequena que outros anos. Espero que as feiras grandes (as do verán) amosen unha mellor cara

#4

Agora si que me teño que ratificar no dito:

A feira anual do libro bota o peche en Santiago de Compostela con gran éxito (noten que a nova está publicada en galego ;-) )

#5

Pois si, ben triste, cada ano peor, non sei onde ven o gran éxito…Habería que preguntarlles aos libreiros, a ver se pensan o mesmo…

#6

Desculpas Andaime. Só hoxe me decatei de que o seu comentario estaba clasificado como correo-lixo polo detector automático do blogue. Agora xa fica publicado.

A anotación non ía por ese derroteiro enlamado que ben podería ser o do nacionalismo, pero xa que tira a dar ;-) direille que cando menos eu si estou convencido de que ese é o principal problema que ten o BNG e non calquera outra cousa das que se falaron máis ou menos na última Asemblea.

Que cal pode ser? Penso que con facer un pouco máis de caso á cidadanía máis próxima o camiño abriríase case por si só, sen moito esforzo. O problema está na cerrazón en postulados e principios ideolóxicos superados e en non querer escoitar máis a quen se di servir.

Un saúdo, e obrigado por escribir no meu blogue.

Deixa unha resposta