Risus quotidianus

Data de publicación: 1 de Maio de 2007
Category: blogMillo, contos, festa, lingua

ultranoite.gal

Contra o medo, a risa. Xa o dicía o independentista escocés Sir Thomas Sean Connery con veste de freire n’O Nome da Rosa, a única película que durante a Pascua pasada ousou facer crítica da Igrexa, e que naturalmente tivo que ser programada por eses roxos de Cuatro.

Os nosos días están inzados de medos. Non é novidade, aconteceu a vida toda. Mais xa non se trata de demos, diabos ou diaños, de tangaraños, de sacaúntos ou de lobishomes, non. Agora arrodéannos medos invisibles e silenciosos, que pasan desapercibidos na tensión do día a día e que, aínda que sabemos que están aí, facemos que ignoramos. Até que nun intre ou noutro acaban por aparecérsenos en toda a sua amarga magnitude. Teñen outros nomes ben menos enxebres: a hipoteca, a vendedora a domicilio, a loliña adolescente, a atención primaria, a hostalería compostelana, a SGAE, a parella…

Por iso é precisa a risa, o humor, a comedia. E por iso teño que recomendarvos que vaiades ver a obra de teatro Metus Extremus, representada pola compañía de teatro afeccionado Andaravía, que está integrada pola xente da Asociación Cultural Papaventos. Que quen son? Pois unha xente moi animada que seica levan uns cantos anos dinamizando culturalmente o concello de Vedra, e tamén o blogomillo: Eli, Sara, Maria, Fonso, Antón

Esta fin de semana tiven ocasión de coñecelos en persoa, despois de dous anos bloguendo por aquí e por alá. Foi na Ultranoite.gal, da que falarei outro día, pois Eli e Pati actuaron en nome de Papaventos-Andaravía representando un número de Metus da autoría de Eli a carón dos tripulantes habituais da Sala Nasa. Todo un recoñecemento ao labor e esforzo que veñen realizando.

Nos diversos números pode enxergarse a preocupación polos problemas da sociedade actual vistos desde a perspectiva da mocidade ou da xuventude. Ese fío condutor descúbrese ao longo dos diversos números da obra, ás veces nun discreto segundo plano, outras recuperando toda a atención. Xenial, para o meu gusto, foi a representación do número do Conde Crápula (xa se sabe, os economistas), e tamén me cativou o recurso ao xorobado como nexo entre historias. Todo o que hai de friqui horror chou na obra, que algo hai ;-), estao na súa xusta medida. O da motoserra, impagábel!

Tendes a última oportunidade da tempada para ver Metus Extremus o vindeiro venres, sexta-feira, día 4 de Maio, na Casa da Terceira Idade de Vedra (non lonxe da Casa do Concello e a carón do colexio e do pavillón polideportivo), ás 21:30 h. E se non vos parece razón abonda diríavos que é unha oportunidade estupenda para achegarse a coñecer os recantos fermosos das terras do Ulla (antes) ou tomarlle algo máis aló, por terras d’A Estrada (despois).

P.S.: O café con leite en Vedra custa 80 céntimos, 70 máis a vontade. Déixovos coa curtametraxe ‘As Farolas’, na que tamén participou Papaventos…

Esta anotación publicouse o Martes 1 de Maio de 2007 ás 6.47 pm e arquivouse en blogMillo, contos, festa, lingua. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

5 comentarios a “Risus quotidianus”

#1

Non sabes a sorpresa que levei cando comecei a ler o teu novo post. De verdade, un millón de gracias pola túa crítica “en voz alta” (aínda van pensar que che pagamos). E tamén moitas gracias por vir a vernos, que xa case pareces fan!! ;)
Pena que, coma sempre, non quedes para que te poidamos convidar a ese café de 0′70. E, a todo isto, un pracer coñecerte en persoa por fin!
Biquiños

#2

E eu que pensei que non viñeras!! Que mal pensada ;) Súmome ao agradecemento de Sara por estas liñas que nos dedicas e alégrame que nos vexas como provocadores dalgúns deses risus quotidianus. A ver se pronto podemos compartir outros poucos aquí en Vedra ou onde sexa.

Teño que corrixirche nunha cousa, jeje… O texto de Metus é de autoría colectiva (70% Xoán Curiel -o dire- e 30% Papaventos) Iso si, os dereitos do número da SGAE son de Eli.

Por certo… Non che gustaron os meus zapatos??? XD

#3

A risa é curativa!

#4

Vaia honra. Que lástima non verte o domingo! Como ben dixo María, o texto non é meu, foi creación colectiva: as ideas foron xurdindo nas clases, con improvisacións ou ideas, e despois o noso mestre, Xoán Curiel, foi quen uníu todo iso nun texto. Por iso é bastante fresco, a obra ten moito de improvisación, máis libre cá anterior, en Bicos.
Pasámolo en grande, nesta función. Foi divertidísima, e xa tivemos as nosas primeiras idas de olla (como a pistola de auga…). Creo que a clave do noso grupo é iso, que logramos un grupo de verdade, somos moi bos amigos. Unha desas poucas cousas que me fai ter fe no ser humano. ;)
Encantada de terte coñecido, espero que nos vexamos pronto outra vez, e con máis tempo.
E si, María sempre leva eses zapatos. É a que ten máis glamour.
‘Grazañas’ pola crítica, en serio, e por achegarte vernos (e falarnos).

PD: O da motoserra, é moi polémico… hehehe!

#5

A min o Corrixidor! Pois corrixido fica, como fica explicada a autoría colectiva, comunitaria e cooperativa do texto e o contributo fundamental de Xoán Curiel.

Sara, síntome pagado, efectivamente, e ben pagado :-) vendo as vosas obras.

María, é que me quedei pensando se na época de Mr Hyde usaban saltos ou non :-P Iso si, o resto do vestiario moi logrado.

Eli, intuín que debeu ser polémico, se non é a SGAE son os seguros de responsabilidade civil e o da motoserra. Hoxe en día resulta moi dificil ter ideas ben afiadas. :-D

Deixa unha resposta