Música para virse
Data de publicación: 1 de Abril de 2007Category: blogMillo, contos, musica, poesia
Introdución á versión primeira: Un meme percorreu en Abril de 2007 a blogalería voieurista galega prendendo mecha. Cando xa estaba a punto de dar un toque de atención blogal por ninguén se ter lembrado deste cálido lugar, unha laranxa saborosa incitoume a percorrer coa imaxinación un ronsel de suxestións sensoriais e inmemoriais ben variadas. Velas aí van. Os meus temas musicais para virse.
Nota da versión segunda: Os textos e videos desta anotación foron revisados e reescritos con ocasión dunha encarga da Besbellinha, que se propuxo editar un libro con achegas dos blogueiros galegos. Abriguei como se merecía tal idea, e máis vindo de quen viña. Velo aquí o resultado.
Amor virado xeopolítica. Dedos percorrendo mapas. Auga inundándote. Alguén dixo de Nova Orleans que é a única cidade dos EUA que ten cultura de seu. Concordo. As ribeiras e os deltas son os berces das culturas. A fértil periferia das marxes. Born on the Baio. Por iso Oriente fascina. A caixa chinesa está a piques de abrirse. En vez de Pandora veremos a Perdición. Perdición non é unha casa á beira do lago, é unha taberna portuaria revisitada, unha palafita vista desde cincuenta anos de distancia. Screamin’ Jay Hawkings, Hong Kong.
Como a terra precisa o mar. Como a cidade o espertar. Como o luar o solpor. Lúa de Falcón. Necesito o teu amor. Como un vinilo de Piazzola. Como as pólas do cereixo. Como a música da gaita. Como o vento. Necesito o teu amor. Como a túa compaña, ou fuxir contigo. Como o café de pota. Como o viño. Preciso o teu amor. Como a nosa pel, necesita rabuñar a mediana. Como o que non se amaña, precisa caña. Necesito o teu amor. Como o río quer pontes. Como a lingua mulleres. Como a nación en cerne. Como a semente. Necesito o teu amor. Como o contrabando de herba. Coma os furtivos a ameixa. Como unha chuvia de estrelas. Como o camiño as pedras. Como unha compra unha venda. Como o vento nas velas. Como un muro as fendas. Como a Natureza. Como o lume unha faísca. Como a verdade unha mentira. Eu necesito o teu amor. U2: Hawkmoon #269.
Pódese cantar embaixo da auga. E pódese murmurar, e pódese berrar. Na superficie, chirlomirlo e batuque. A intimidade ten acústica acuática. Mares hai sete pero océano só un. De natural pacífico, de travestido atlántico. Nós somos submarinos, os outros son ultramarinos. Auga fomos e auga somos. A ela tornaremos. A beberaxe orixinaria, a bebedeira infinda. Eu aboio. Ti flotas. Woman del Caión. Sade: Love is stronger than pride.
Estaba a abrigarme da chuvia contra a porta dun predio cando foi que a vin. Sentada no murado do Castelo de São Jorge, xusto onde o perímetro fai dun saínte un miradoiro íntimo sobre a Baixa. A muller cubríase cun abrigo escuro sobre os seus ombreiros, dándolle as costas ao vento do Sur. Prestei atención e puiden entrever un vestido de festa vermello, axustado e longo, sen escote, moi elegante estilizado. Ela propia, a escena toda era un peitoril. Case caio, e tiven que dicirme dúas veces que estabamos en Abril e non en aninovo. Aquela muller sostiña nunha man un paraugas vermello co que se gardaba da auga, e na outra unha copa grande de viño, das que se cerran sobre si mesmas para gardar un segredo prezado. Unha botella de perfil estilizado pousaba de riba do muro, recortándose contra a néboa e o orballo que cubrían o Mar de Palha naquel atardecer. A súa presenza confirmaba o transo. Fiquei hipnotizado ollando para ela durante un bocado. E avergoñado por invadir aquel intre, aquel espazo. Aínda hoxe non lembro ter visto a ninguén amar desa forma, como ela facía, coa ollada pousada nalgún lugar do Bairro Alto. Lisboa. Quen a pillara unha noite de tronos. Amália Rodrigues: O fado.
O amor é mina. Aló embaixo, no fundo. Con moito traballo. Por iso os corazóns son de ouro. Por iso os cadaleitos precisan a sección áurea. Amor menos ti. Máis amor. O Amor por ausencia. Amor elevado ao baleiro. Dolce far niente. Pénsao. Catacumbas sen ti. A combustión de Compostela. O Amor con letra capital. Sempre acontece aquí. Arde. A chama en ti é grande, grande, grande. E eu son menos, menos, menos. A éxtase do grisú. O amor mina. Lucio Battisti: E Penso a Te.
Esta anotación publicouse o Domingo 1 de Abril de 2007 ás 2.47 am e arquivouse en blogMillo, contos, musica, poesia. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.


7 comentarios a “Música para virse”
Boas escollas. Gústame a decisión de inserir as letras das cancións. Hai pezas que enganchan pola melodía ou o ritmo, pero outras son textos incribles, claro está
Perdón, é certo que me fixei unicamente na de U2. Pois moito mellor así, máis persoal
Un dos mellores post da cadea de mmmmúsicas, parabéns.
Alégrome de coincidir con Sade. O que me apena é non coincidir co que escrebes. Está claro que ti escrebes moito mellor.
Parabéns.
Acabo de ver a encarga, xusto despois de facela por encargo doutros blogueiros! eu xa non pasei o relevo a outros blogueiros porque creo que xa estamos case todos!
gracias por acordarte de min! saúdos
A min pasoume coma A Pirámide alegreime tamén de ter coincidido con Sade ainda que con outra canción.
Unha aperta.
