Dous BNG, unha virtualidade real?

O caso Pedro Gómez-Valadés nace non cando varios militantes ou afiliados do BNG deciden libremente artellar a Asociación Galega de Amizade con Israel, senón no mesmo momento en que alguén ou algúns deciden facer diso un problema, para así poder instrumentalo politicamente para traballar os desequilibrios internos da organización nacionalista.

O primeiro problema, por tanto, devén dunha decisión interna tomada en primeira instancia e con certeza fóra dos órgaos colexiados do Bloque, ou sexa, onde se deciden estas cousas, no partido-guía antigamente coñecido como UPG, e que axiña se converteu en consigna para unha boa parte da súa militancia.

Entre a elección de PGV como presidente da AGAI e a noticia da abertura do expediente pasaron 75 días, dous meses e medio. Chama a atención o timing do proceso e a súa coincidencia coa elección interna das candidaturas do BNG para as eleccións municipais vindeiras.

A partir dese momento, as persoas atacadas directamente nas súas liberdades individuais e na súa concepción aberta, plural e democrática dunha organización política, encabezadas polo seu máximo expoñente neste caso, o propio Pedro Gómez-Valadés, representante notable do ex-partido-útil antigamente coñecido como EN, deciden propagar a existencia do affaire. A abertura de expediente, e a inseparable proposta de expulsión que de facto leva aparellado aquel, non tería transcendido ao resto do territorio galego e aos círculos periféricos internos e externos da organización de non ter sido denunciada con habilidade publicamente.

Non é que a xente do común mostre excesiva preocupación pola vida interna das forzas políticas, nin por casos de vulneración de liberdades, nin por casos de incumprimento das normas e regulamentos. É coñecida a aversión e desconfianza da maioría da poboación pola política, aínda que en rigor deberíamos dicir polos partidos políticos; coñecida é tamén a idea paradoxalmente certeira que posúen acerca da dobre moral imperante neles, a incoherencia radical entre discursos cara a fóra e praxis organizativa e democrática interna. Se alguén pretendía abrir os ollos á poboación sobre o funcionamento interno dun partido político acho que errou o tiro completamente: xa están sobre aviso.

Débese supór que a denuncia ía dirixida sobre todo aos afiliados non militantes e aos simpatizantes do BNG, que se moven decote e desde sempre nas marxes da organización, ou orbitan a unha distancia prudencial dela. É a vella e atinada diferenciación entre BNG-Organización e BNG-Sociedade, que aínda hoxe serve, mesmo sendo forza de goberno da Xunta, para analizar o mundo nacionalista. Pero a denuncia tamén ía dirixida aos rivais políticos e aos axentes mediáticos que poderían converter o caso en noticia-carnaza e así erosionar os intereses confluentes do partido-guía e do BNG, nomeadamente na comarca e na cidade de Vigo.

A rede converteuse nun primeiro momento en vehículo desta denuncia. Lugares como o blogomillo ou Chuza! serviron o eco buscado.

Nesas primeiras transcendencias botouse estrañamente en falta a reacción de algunhas referencias habituais dos internautas nacionalistas. Ao primeiro Vieiros non mostrou nada máis que un pequeno teletipo local na sección de Vigo que non debeu saír á portada. Xa botado a andar o novo formato e unha semana despois de que a noticia aparecera en xornais como El Correo Gallego ou o proprio PGV fose entrevistado na TVG, o primeiro destaque en Vieiros sobre o caso se converteu rapidamente en noticia máis visitada e comentada da súa nova etapa. Para ser xustos, e na medida en que iso poida ter influído nesta tardanza, cómpre dicir que todo aconteceu ao mesmo tempo que os traballos de migración da súa web. Xornal.com tardou algo menos en reaccionar, pero aínda así o primeiro artigo sobre o caso non se produciu até 10 dias despois de se coñecer a noticia do expediente.

Nun primeiro momento os posicionamentos na rede, espontáneos ou non, criticaban de forma clara e moi maioritaria o proceso interno seguido polo BNG. Cando o debate xa era patente na rede e nos medios os promotores e defensores do expediente comezaron a difundir tamén a súa posición baixo o común denominador de ligar ou mesturar dúas cousas bastante diferentes: a defensa da abertura de expediente a un militante e o conflito árabe-israelí, tentado que o debate se convertise nun a favor do Povo Palestiniano en contra do Estado de Israel. Esta é a súa principal estratexia dialéctica, que arrastra a moitas das persoas que emiten a súa opinión e descoñecen a orixe e as causas desta polémica. Acábase debatendo de política internacional e exterior, sobre colonialismo!, e non sobre liberdade, tolerancia, pluralidade e crítica; sobre como mellorar as organizacións políticas como único xeito de prestixiar unha Política da que case todo o mundo desconfía.

Durante o desenvolvemento do proceso, co que de debate haxa ou poida haber nel e o que non, que é moito, visualizouse claramente na rede a existencia de dous BNGs. Dous BNGs que son os mesmos, como non podía ser doutra forma, que os que existen naquela parte da realidade que non é a internet.

Deixemos por un momento á marxe os blogues da propia AGAI, e do que aparenta ser o seu círculo próximo, O Ruído dos Días (Julicheiro) e Galiza Sosego, así como outros membros da asociación que son cargos públicos do BNG, como Abel Anxo García López (concelleiro en Neda) e Manuel Feás (Ortigueira), e varios blogues nacidos deste entorno, como Carta aberta a Anxo Quintana e Outra Visión. Todos eles fan confluír a crítica ao expediente coa defensa, máis ou menos evidente, dos intereses xerais da AGAI ou do ex-partido-útil no que militan.

- Dun lado, coincidindo na crítica ao expediente e na denuncia da caza ás bruxas, e debatendo só de forma colateral a cuestión árabe-israelí, ou sen entrar a debatela, sitúanse os blogues De Paso, Días Estranhos e Lantania, e os internautas Césare, Turonio, roicinho, choki, malpocado, WSobchak, Outeiro (que erradamente incluín ao principio no outro grupo) e eu propio. Manuel Bragado é o referente máis destacado na crítica ao proceso encetado, escribindo no seu blogue Brétemas e na súa columna no Faro de Vigo. Outro blogue no que se desenvolveu o debate, con participación do propio PGV, é As uvas na solaina (1, 2 e 3), de Márcos Valcárcel. En Galicia-Hoxe escribiu Afonso Vázquez Monxardían, denunciando o atentado contra as liberdades, volvendo a escribir días despois en Vieiros. Até un referente social e cultural de compromiso con Galiza como é Manuel Rivas mencionou o caso nun artigo seu en El País. Como anécdota tanxencial débese considerar a participación no debate de Pilar Rahola, independentemente do atinado ou non do seu artigo, por razóns evidentes. Fóra do feedback que isto produciu en algún blogue catalan, a denuncia chegou até aos blogues portugueses Apaniguado e O Insurgente, e repítese en inúmeros blogues españois de todas as cores políticas. Naturalmente tamén son numerosas as necesarias aproximacións intelixentes, humorísticas e irónicas ao caso, como denotan moitos comentarios en Chuza! ou o blogue Galpón de Breogán.

Se algo hai en común a todas estas persoas e colectivos é a defensa da liberdade e da independencia persoais fronte ao gran irmán, o aparato ou calquera forma de organización ou autoridade de natureza vertical e ar dogmático. Estes son os valores que impregnan á maioría da sociedade, e á mocidade e á xuventude en particular. Son o signo distintivo da blogosfera e da inmensa maioría das comunidades virtuais na rede. Constitúen o que para moitas persoas debería ser algún día o BNG-Sociedade.

- Doutro lado sitúanse os blogues Cousas de Imeneo e, cunha posición algo menos maniquea Galego de Seu ou O frasco das esencias, así como moitos usuarios, a maioría chegados á rede con ocasión deste debate, como El-Uali, rufus, apana, pingheiras, xgudes, giao. Como cabeza visíbel desta liña de opinión emerxen Xosé M. Sarille, con este artigo en El Correo Gallego, e Xabier Pérez-Igrexas, que comezou a publicar os seus artigos no blogue Contradiscurso e en Xornal.com, converténdose en referentes da posición oficial do partido-guía.

Con efecto, esta é a posición do partido, este é o BNG-Organización que nunca poderá chegar a conquistar por si mesmo á sociedade galega.

Hai que sinalar que en Xornal.com tamén se publicaron dous artigos de X.M. García (por un erro colei o apelido González nas primeiras versións desta anotación, fica corrixido). Despois de ler estes escritos e os seus comentarios en varios do blogues anteriores non podo resistirme a identificalo co quintanismo, dada a súa equidistancia calculada (ver comentarios máis abaixo).

Conduce esta situación, símbolo e ao mesmo tempo evidencia da dinámica na que está inserida o BNG cando menos desde 2003 pero case seguro desde o ano 2000, a algunha situación distinta da mesma que existe desde que concluiu o proceso de unificación do nacionalismo galego?

A resposta está á volta dun par ou tres de eleccións, non máis. O expediente Gómez-Valadés resólvese antes: na asemblea comarcal do BNG de Vigo, o día 30 de Marzo.

Chuzame! chúzame -
12.49 pm

17 Comentarios »

  1. http://www.blogoteca.com/ofrascodasesencias/index.php?cod=11591

    Comentario por elric — 2007-03-26 @ 3.48 pm

  2. Sinto respostar aquí, elric, é unha cuestión de cortesía.

    Na miña opinión non leu o que eu escribín. A anotación do seu blogue que liga nestes comentarios volve confundir os dous temas: liberdades políticas individuais e funcionamento democrático interno dunha forza política, coa defensa pechada dun bando ou outro no conflito árabe-israelí.

    Pensamento único da blogosfera? Non me faga rir. Procure o pensamento único noutra parte, por exemplo en GZNación. A blogosfera é diversa e é o maior espazo de liberdade comunicacional que existe en Galiza. Se a Vde. non lle gusta a opinión maioritaria da blogosfera quizá sexa Vde. o que ten un problema co pensamento único, pero en calquera caso ela está aí para que Vde. tamén opine libremente. Grandioso, non é?

    Dá Vde. por feito que eu e a maioría dos blogueiros apoiamos a AGAI, cando como se pode ler máis arriba me coidei (e outros se coidaron) moi moito de confundir os dous temas, o das liberdades e o do conflito.

    No meu texto separo expresamente en dous parágrafos ás persoas e blogues que defenden a AGAI daquelas persoas que criticamos o comportamento sectario e fascistoide dunha organización que non deixa lugar nin para o debate de ideas nin para o dereito constitucional de asociación.

    E, Deus me perdoe, PGV ten razón cando di que o conflito non é cousa de brancos e negros, sen que iso signifique automaticamente que eu cualifico a uns de bos e a outros de malos. É intelixente recoñecer que todo conflito ten inúmeros matices e que as solucións, como nos outros casos que Vostede comenta (Irlanda, Euskadi…), pasan polo diálogo, a discusión e o debate, simplemente porque as dúas partes cren ter razón e así non hai solución posíbel Isto non é equidistancia, só falta que me Vde. acuse de equidistancia na guerra civil española, por exemplo. Do que se trata é de buscar canles para resolver conflitos por vías pacíficas.

    Agradézolle en todo caso que a súa opinión emprgase palabras comedidas, xa que se visualiza moi claramente en todo este debate que as posicións que Vde. soporta son defendidas en moitos casos con un exceso de violencia verbal e un cheiro bastante notable a intolerancia e silenciamento do contrario e do diferente.

    Un saúdo

    Comentario por calidonia — 2007-03-27 @ 9.06 am

  3. Cando un líder de opinión do “blogomillo” como Bretemas-Manolo Bragado se pon do lado desta persoa, recoñecerás que si hai influencias e tendencias que sobrepasan o puramente persoal.

    Hai só unha cousa que quería resaltar: Algúen leu os dous últimos artigos de Beiras sobre o conflito palestino-israelí en Galicia Hoxe? Porque non se solidariza con Valadés, senón co pobo palestino, que son os que requiren a nosa solidaridade, e califica a creación do estado de Israel de erro histórico, e o sionismo de nacionalismo expansionista. Ou é que Beiras só interesa cando di certas cousas?

    En canto ao de negociar para resolver os problemas: pois mira, non. Cando os palestinos negocian, só vale para ceder terreo, como lle pasou ao pobre Arafat, e iso díxoo alguén tan racional como Edward Said. Os negros de Sudáfrica conseguiron os seus obxectivos desde o recoñecemento da súa superioridade moral e a presión-apoio internacional, e entón negociaron. O que non se pode facer é poñer aos dous bandos ao mesmo nivel, e moito menos apoiar a Israel, aos malos.

    Comentario por elric — 2007-03-27 @ 10.29 am

  4. Vexo que fai Vde. lecturas de parte (léase, dos colectivos e correntes que existen no BNG) e que quizá moitos blogueiros non entendan. Acho iso moi interesante, porque, como dicía no texto, isto nace precisamente desas liortas internas, aínda que logo se envolva a loita de poder co disfrace do conflito árabe-israelí. Por demais erra Vde. o tiro se pensa que eu teño a X.M. Beiras como referente dogmático de calquera tipo, nin na praxis interna do BNG nin nos seus razoamentos teóricos, aínda recoñecendo, como acho que non pode ser doutro xeito, a súa valía.

    É evidente que ningún peso pesado do BNG está por dar batalla no caso PGV e é normal que non se posicione publicamente a favor ou en contra. O tempo da batalla xa pasou, hai polo menos dúas Asembleas Nacionais.

    Ningunha persoa é totalmente boa ou totalmente mala, e sen entrar en disquisicións filosóficas é menos válido aínda afirmar iso de povos ou colectivos complexos e diversos. Utilizar esas simplificacións no discurso político equivale normalmente a crerse en posesión da razón absoluta e a ter unha visión mesiánica da actividade política. Non comungo con ese xeito de pensar nin de actuar.

    Se quer saber a miña posición non lle ocultarei que sinto simpatía pola causa do povo palestiniano, pero iso non debería nos impedir afrontarmos o debate de ideas con calma e sosego, e sen comezar a descabezar a persoas polo simple feito de pensar e actuar en política de xeito diferente ao noso.

    Por último, recoméndolle encarecidamente o visionado da película Paradise Now. Verá Vde., se o quer ver, que as cousas son ben complexas, e que normalmente os inocentes son os que pagan os pecados de tanto iluminado.

    Comentario por calidonia — 2007-03-27 @ 10.51 am

  5. Precisamente, o uso do termo “os malos” era deliberado para provocar esa reacción. Non son imbécil, e por tanto sei perfectamente que a vida non é unha cuestión de blancos ou negros, senón de escala de grises. O que pasa é que ás veces hai que tomar partido. Which side are you on? como du

    A referencia a Beiras era para lembrarse del, xa que non aparece na lista do post, e estou seguro que a publicación de dous artigos sobre ese tema neste momento non é casual.

    Non vou falar de dinámicas internas do BNG, pero desde logo, os apoios de Valadés, que os ten, é precisamente por pertencer a determinado sector. Se fose un militante independente case ninguén o defendería.

    Tomo nota da recomendación. Eu recoméndolle o comic “Palestina. Na franxa de Gaza”, de Joe Sacco, debuxante e xornalista norteamericano que se tomou a molestia de escoitar ás dúas partes.

    Outro debate que se podía dar é a lealtade cara o nacionalismo dunha persoa que o primeiro que fai é ir a que o entrevisten os fascistas da COPE.

    Para rematar e volvendo sobre o tema inicial, este texto do blog de Javier Ortiz:

    “Una de las cosas que creo haber aprendido con la edad es a prestar menos atención a las ideas acabadas que sustenta cada cual, a juzgar a las personas menos según sus postulados políticos abstractos, y a fijarme más en el instinto que les mueve a tomar partido ante los sucesos de la vida. Cuando pienso en ello, siempre recuerdo una canción que escribió una obrera de los Estados Unidos allá por los años treinta del siglo pasado después de haber sufrido las brutales consecuencias de una razzia policial en su suburbio minero, de ésas que los esbirros de la patronal lanzaban para escarmentar a sindicalistas comunistas y anarquistas. La mujer, Florence Reece, esposa de un líder minero, escribió un estribillo para su canción en el que incluyó una pregunta cuya contundencia me sigue pareciendo definitiva: Which Side Are You On? («Y tú, ¿de qué lado estás?»)”

    De que lado está Pedro Gómez Valadés?

    Comentario por Elric — 2007-03-27 @ 1.33 pm

  6. Se admite que as cousas son complexas, está Vde. en contra de que no BNG se discuta cales son os temas en que o povo palestiniano o está a facer mal e podería facelo mellor? Ou prefire abortar esas discusións, sinalar co dedo e expulsar a quen sustente ideas diferentes do branco e negro?

    Os artigos de X.M. Beiras fican referenciados co seu apuntamento. Estou certo de que hai máis sobre esta cuestión que se escaparon ao meu seguimento (máis centrado nos medios dixitais que empregan a sindicación de contidos).

    Eu acho que non se pode debater isto sen falar do progresivo deterioramento das dinámicas internas do nacionalismo, do control político dunha parte do nacionalismo sobre os movementos sociais, e do cercenamento da pluralidade interna, que o caso PGV ou o de XMLP en Ferrolterra pon de manifesto. Se Vde. prefire non falar destes temas, ben, pero é o que se necesita para enfocar correctamente este e outros casos.

    Tomo nota da súa recomendación. Estou seguro de que será tan interesante como a miña.

    E por que a Valadés non o entrevista GZNación? A COPE andou máis espelida.

    De que lado están todas as persoas que no BNG non se posicionan neste debate? De que lado está o quintanismo e o seu lassez faire para que todo siga igual? Non pido intervención a favor ou en contra de PGV ou de Israel. Pido a defensa clara e meridiana da liberdade de expresión e asociación, do dereito a unha organización política na que non se prohiban as ideas e si se desboten os dogmas. De que lado están quen pretenden limitar a acción e o pensamento dos individuos alén da súa militancia política? Vde. está con eles, sexan quen for?

    Non falemos tanto de PGV, que a personalización nel do conflito só lle fai un favor ao sectarismo. Que ocorre cos outros dous ou cincuenta militantes que pertencen a esa asociación? Que coas máis de 100 persoas que asinaron a carta aberta a Anxo Quintana? Van ser expedientados e/ou expulsados? Sería interesante sabelo.

    Comentario por calidonia — 2007-03-27 @ 1.56 pm

  7. Eu non dixen que o BNG sexa perfecto. Creo que hai cousas que se deben debatir e non se debaten (ou non se debaten abertamente), mentres se debaten cousas que non lle importan a case ninguén -e non debemos confundir un partido político cun club de debate-. Polo demais, é tamén o partido dos tres maioritarios en Galiza máis democrático, e iso tamén hai que telo en conta. En canto á pluralidade do BNG, os observadores afirman que quedou reforzada na XII AN, e eu penso o mesmo.

    Dou por pechada aquí a conversa, se lle parece ben. Tomo nota deste blog e súmoo ás miñas ligazóns.

    Saúdos.

    Comentario por elric — 2007-03-27 @ 6.08 pm

  8. Podería engadir o debate no blog As uvas na solaina, onde se tratou ben por extenso, con intervencións do propio Valadés.

    Comentario por arume dos piñeiros — 2007-03-28 @ 4.11 pm

  9. Pois ten toda a razón. Fica engadido. Obrigado pola referencia. Evidentemente perdera unha parte importante do debate e varios dos seus protagonistas.

    Comentario por calidonia — 2007-03-28 @ 9.23 pm

  10. Hai catro ou cinco días lin a súa análise na primeira versión. Pareceume interesante e necesaria, porque sen dúbida achega a única visión de conxunto sobre o debate Valadés, e confirma a ollos vista a riqueza que acadou, de grande utilidade social e política para o nacionalismo e máis alá.

    Desde aquela (o tempo, ese ouro!) levo demorando esta mensaxe, que pretendía trasladarlle o recoñecemento anterior e puntualizar determinado aspecto que me afecta. O cambio efectuado logo de valorar máis achegas déixame en lugar distinto do que ocupaba, e hame desculpar expresión algo máis pormenorizada. Espero que non pareza abuso.

    Primeiro, o pendente: en efecto, o meu artigo inicial debeu ser a primeira reseña aparecida en xornal.com en relación co “caso Valadés”; modestamente, non sei se non sería eu pioneiro na mencionada denominación. A peza foi escrita oito ou nove días antes, pero non lla remitín ao medio. A razón non vén ao caso, o dato ao mellor si.

    O novo agora. É notorio que a cuestión, nesta altura, non é optar por Palestina ou Israel, se houbese que facelo. O urxente é ver se Pedro Gómez (un pro-israelí, para entendérmonos) pode ou non estar no BNG; iso si, eu non o analizo como asunto que toque os dereitos individuais, senón máis ben como referente aos límites, amplitude e complicidade social que o BNG sexa capaz de suscitar. Non todo o mundo, non toda bagaxe ideolóxica ten cabida en calquera partido político, sobre iso non encontro dúbida. En concreto, no Bloque, ¿Cuba si, Israel non? Dificilmente resulta iso defendible, non desde perspectiva de parte senón desde a óptica diversa (espero que non “ambigüidade calculada”) do sedicente Proxecto Común.

    Hai en todo este proceso, desde o empezo e por etapas, tan variada gama de intereses, estatrexia e posicionamentos que resulta altamente suxestivo para o observador; como tal, en boa medida, tentei ata o de agora actuar, seguindo en parte a máxima -tan usada, por certo, estes días- de que ninguén é totalmente bo nin totalmente malo. Iso si, deixando así mesmo, e sempre, claro o que arestora reitero: se eu tivese carné do Bloque e sufraxio en Vigo, hoxe estaría alí votando en contra da expulsión de Valadés. Por el -se quere, penso que debe- e pola propia organización, cuxa “apertura á sociedade” experimenta nesta tesitura unha particular proba do algodón.

    Tanxencialmente, con agrado puntualizo: desde o verán do 2004 -quen guste, repase hemerotecas- vexo a Anxo Quintana como o mellor, máis hábil e xenuíno político do actual nacionalismo, se cadra o elo posible entre o BNG-partido e o BNG-sociedade, porque moi notoriamente el é ambas cousas. Nin en tirios nin en troianos, porén, semella suscitar excesivo apoio expreso. Desconfianza como norma? Celo prioritario da persoal postura? Fundamentalismo de dobre vía? Eu que sei.

    Parabéns, de novo, polo seu traballo e particular agradecemento pola lectura e atención conferida ao meu. E un saúdo.

    Comentario por Xosé M. González — 2007-03-30 @ 10.07 am

  11. Moito obrigado polo contributo.

    Efectivamente cando escribín a primeira versión descoñecía o debate que percorrera o blogue de Marcos Valcárcel, no que atopei novos matices e argumentos que, non sei se para ben ou para mal, coido que Vostede interpreta que para ben, me fixo reubicalo nese difícil papel que resulta ser o de mediador en calquera conflito. E máis no BNG, onde estas figuras dos mediadores escasean e as que intentan selo axiña saen escaldadas, por unha banda ou polas dúas.

    Coincidirá comigo en que sería conveniente que alguén como Quintana, ou algún dos seus notables, baixase á area organizativa (cada vez semella máis que hai un pacto secreto de non intromisión nesta dimensión da vida do BNG) e actuase como mediador, pondo sentidiño e sosego neste tema.

    Claro que iso, como di Vostede, supón non expulsar a ninguén ou expulsar a moitos máis. Ou sexa, na práctica e no plausíbel, non expulsar a PGV. E o emprego do termo equidistancia, refírese a esta indeferencia, a este laissez-faire que o único que consegue é deixar a organización do BNG como estaba (ou sexa non de todo ben) ou mesmo retroceder no espazo, no tempo e no electoral.

    Outro saúdo

    Comentario por calidonia — 2007-03-30 @ 11.24 am

  12. Analizar o que acontece no interior do BNG non é labor doado, aínda que algún comentarista -dos que cobran- manifeste tacitamente na prensa escrita que moito sabe e moito entende. Calquera partido ten tendencias, grupos, e os xogos e equilibrios entre eles non adoitan ser transparentes; de feito, dificilmente se encontrarán comentarios sobre a interioridade de PP e PSOE, agás algunha miudeza sobre boinas e birretes (teñen aínda virtualidade tales símbolos?) ou, ultimamente, a potencia socio-electoral que conserven Zapatero, Orozco, etc.

    Eu leo, intúo e, por veces, supoño ou se cadra desexo. Anxo Quintana desempeña un labor delicado en escenario con susceptibilidades varias; considero que a autoridade necesaria -véxase verán do 2004- exércea discreta e internamente, sen facer ostentación. Iso pódeselle censurar por presenza ou por ausencia, de todo hai en tan crítico contexto -e isto non é crítica- coma a afiliación, periferia e base social do Bloque; non me parece que o faga mal precisamente, pero, claro, é percepción particular.

    Neste caso concreto, indícolle unha suposición: se hai pacto segredo será de non intervención pública, pero tamén de máis fondo alcance. E aquí si que lle apoño dous indicios: Santiago Domínguez, no seu blog, en resposta a pregunta específica sobre o caso: “Son o primeiro en lamentar que cuestións deste tipo xurdan na nosa organización, pero hai que afrontar as cousas como veñen”; Carlos Aymerich, en A Nosa Terra desta semana (”Carta aberta a Pedro Gómez-Valadés”, páx. 12): “Dixen, e reitero, que espero compartir contigo aínda moitos anos de militancia e de discrepancia”. Este artigo ha de haber hora e media que o lin, e reafírmame na convicción-esperanza manifesta desde o meu primeiro artigo, expresa particularmente no seu remate.

    Desde logo, algúns quererían manifestación pública, rotunda, podendo ser con descualificación explícita da parte contraria. Non o van ter, aparenta.

    Non entenda que me refiro a vostede no parágrafo anterior. Sen total coincidencia (estas son raras, o contrario non sei se resultaría lóxico), aprecio a súa análise e estimo ben poder intercambiar comentarios. Un saúdo, no dia D.

    Comentario por Xosé M. González — 2007-03-30 @ 3.35 pm

  13. A cousa acabou como era previsible.

    Efectivamente na Galiza debemos estar colonizados cando a organización política que se di salvagarda dos intereses do País actúa como un partido extremista propio de repúblicas bananeiras (con todos os respectos para estas).

    Para colmo, os promotores do expediente e expulsión (agora eufemísticamente denominados reprobación) filtraron antes da asemblea unha noticia falsa dicindo que finalmente non se aprobaría a proposta que se ía debater.

    A verdade, en primeiro lugar, no blogomillo, coma case sempre.

    Comentario por calidonia — 2007-03-31 @ 3.57 pm

  14. Só hoje lim este atinado e corajoso artigo, polo que che felicito (e de passagem também polo blogue) e comprovo que, numha adequada divisom da militáncia do BNG, se me inclui no bando em que menos me vejo reflectido. Tenho que concluir portanto que me mantivem, neste assunto, numha mal calculada distáncia.

    Sou contra a expulsom de um militante do BNG como Gomez-Valadés, que nom conheço pessoalmente mas cujo compromisso coa organizaçom e o nacionalismo galego está para mim fora de dúvida memo assi, como suponho que para qualquer que tenha referências mesmo indirectas do seu trabalho no BNG e EN.

    Mas também penso que ao candidatar-se e alcançar a presidência da AGAI está manifestando umha discrepáncia, dissidência ou incoerência (tanto me tem o termo) cos postulados do BNG. A sua discrepáncia, contodo, nom é tanta que provoque confusom na base social do BNG ou na sociedade galega a respeito do carácter anti-imperialista do Bloco. Nom mais, por exemplo, que a confusom que pode criar um porta-voz nacional e candidato à presidência que fala tam mal a língua cuja normalizaçom social o BNG defende.

    Embora o estado de Israel, aliado imperialista e belicista dos EUA, nom mereça a minha menor simpatia e com certeza da maioria da militáncia do BNG, entendo que em questões complexas como o conflito Israel-Palestina se produzam visões diferentes e se matizem as posturas. E as pessoas devem ser livres de manifestar as suas divergências, muito mais quando nom fam com isso um dano evidente à organizaçom em que militam, neste caso o BNG.

    Julgo também que este posicionamento divergente ou discrepante de Gómez-Valadés pode ser argumento para el nom representar a organizaçom em determinados ámbitos (polo menos para mim seria-o, clarissimamente para o desempenho de cargos relacionados co relacionamento internacional), mas nunca para que nom poda militar no BNG.

    E acho evidente que o apelo à coerência sem fissuras como se está a fazer neste caso é oportunismo e sectarismo, é anti-humano, e é mais próprio dumha organizaçom que se mova por dogmas que dumha organizaçom plural onde os posicionamentos som aprovados com debates e votações onde há votos a favor e votos em contra e os que votam em contra da decisom finalmente tomada nom som imediatamente expulsados.

    Deixo aqui, pois acho-o lugar oportuno, este testemunho de solidariedade com Gómez-Valadês e solicito-che, Calidonia, que borres o meu apelido do bando de sectários em que, por outra parte, entendo que o incluíras por causa do meu silêncio a respeito do tema da expulsom mas a minha intervençom contra Israel numha -vejo que desafortunada- brincadeira que fizem numha notícia de Chuza!

    Obrigado.

    Comentario por J. Manuel Outeiro — 2007-04-02 @ 6.29 pm

  15. Desculpe-me o erro, pois tal foi e nom outra cousa. Fica desde já trocado de lado.

    Nom sou quem agora de achar o comentário ou comentários que me figeram tirar conclussons erradas sobre a sua posiçom em este caso. Era o meu desejo volver le-lo para ver que dianho foi o que me passou pola cabeça em aquel intre.

    Suponho que em este debate há vozes demais em tons e registros muito diferentes, além da desculpa sempiterna: o debate na rede carece de algumas coisas que poderiam iludir interpretaçons erradas como esta.

    Obrigado a si.

    Comentario por calidonia — 2007-04-02 @ 10.30 pm

  16. Apenas un matiz. Os links que vostede sinala como relativos a artigos en xornal.com de Xosé Manuel Garcia, corresponden, en realidade, a colaboracións da miña autoria. Como vexo que ademais se fai referéncia pola sua parte a presuntas posicións políticas do devandito, posteriormente ratificadas por éste nos comentários, prégo-lle que, ou ben modifique o link, ou ben clarexe perante os internautas a autoria real do artigo.
    Obrigado.

    Non entro a valorar a “equidistáncia” á cal vostede fai mención cualificando o referido artigo, que, á vista dos comentários que recebeu en Vieiros, paréce-me totalmente infundada.

    Obviamente, hai un erro. Refíro-me aos artigos que vostede atribúe a Xosé M. González.

    Xosé Manuel Garcia

    Comentario por Xosé Manuel Garcia — 2007-04-23 @ 2.52 pm

  17. Ten razón. Obviamente confundín o apelido sen ningunha intención pola miña parte, pois non teño o gusto de coñecelo. Xa ficou corrixido.

    Descoñezo cales son os comentarios recibidos en Vieiros acerca dos comentarios que recibiu o seu artigo. Se me indica o enderezo poderei revisar as miñas apreciacións ao respecto, que non deixan de ser unha opinión que nunca tentou sentar cátedra.

    Un saúdo

    Comentario por calidonia — 2007-04-23 @ 3.07 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .