O meu novo Vieiros

o meu novo vieiros

Xa ía na hora. E como Vieros pide opinións e suxestións, vou dar o meu parecer sobre a nova páxina. Coido que é xusto, despois de ter criticado nalgunha ocasión a súa falta de actualización e a ¿aparente? perda relativa de audiencia. Descoñezo os aspectos internos do traballo da redacción de Vieiros e o seu sistema de publicación, aínda que podo intuír algúns (non sei se atinadamente).

De entrada o concepto xeral gústame moito. Porén, e aínda que seguro que é froito do brainstorming de varias persoas e pasou a proba do delphi de varios expertos, acho que sería moi conveniente que o deseño fose sometido de algunha maneira ás valoracións e usos de moitas persoas máis, a un test. Eu fago as seguintes consideracións, que espero acheguen luz ou novas posibilidades sobre o que xa é visíbel para todo o mundo:

- As cores agrádanme, aínda que me lembran á combinación azul-vermello de El Correo Gallego. Se van en función dun cambio corporativo pouco hai que dicir, aínda que se bota de menos unha ancoraxe co pasado de Vieiros, con máis cores diferentes e viveza; todo o que se sintetizaba no setestrelo. Está reñida a sobriedade que supoño se pretende buscar no novo deseño coa alegría e o inconformismo?

- A funcionalidade de procura e localización de canais, edicións locais, especiais e servizos que se debuxa no menu horizontal superior é correctísima, mais chamo a atención sobre a necesdiade de que estea ben planificada, máis traballada e unificada do que estaba até esta versión beta. Non teño claro como facelo, pero a sensación despois de moitos anos lendo Vieiros é que aí se requiriría un esforzo de síntese e sistematización deses containers ou contentores, como din correctísimamente en Portugal. Os lectores habituais e sobre todo os non habituais habían agradecer menos estrelas na constelación Vieiros.

- A disposición das columnas en número (3, divididas aproximadamente en 6 módulos) e na largura de cada unha paréceme perfecta. As noticias atraen a atención a partir dese 2º/6º da pantalla ao largo (como o do primer terzo en fotografía ou o centro-esquerda en política).

- Coido que a columna lateral esquerda debe servir máis para outras cousas diferentes, non para conter contidos, por iso retiraría dela o Escáner, que coido iría mellor na columna da dereita, onde recadaría a mesma atención, senón máis. Ese lado esquerdo debe reunir algo de publicidade na parte superior (la pela es la pela e os anuncios vense e se clican máis e mellor arriba, cousa que seguro xa lles demandarían os anunciantes) e despois contidos en forma de índice ou teletipo, o que chaman Canais ou Taboleiro máis abaixo. En fin, trátase de incluír nese lateral esquerdo un resumo ou escolma de noticias, só que eu metería conxuntamente e sen distinción as noticias de canais e as noticias de Edicións locais, novas que independentemente da súa natureza (temática ou territorial) interesa destacar por calquera motivo. Por tanto, Canais e Taboleiro serían unha soa cousa, e para ir aos canais temáticos ou ás edicións locais xa estaría o menu horizontal superior, ou unha barra de selección incluída ao final da relación de noticias.

- Eu destacaría máis a aposta por Mais alá e GZ deportiva, e faríao con algún instrumento diferente ao que se viña usando e aínda se usa nesta beta: eses cadriños de Flash que se confunden coa publicidade. Non os chamaría canais propiamente, pois teñen máis importancia, relevancia e proxección que a maioría dos canais, e quizá requiran un tratamento diferenciado que poña en relevo e en valor o esforzo que se está facendo neles. Un consello: eu mudaría eses dous nomes. Máis alá é un nome moi histórico, moi na liña tamén do que foi Vieiros no seu día. Pero se o nome Vieiros significa algo hoxe é pola historia do medio, por ser pioneiro no seu día en algo no que non tiña concorrencia, e non pola vella publicación galeguista que case ninguén coñece. O caso de Máis alá é diferente, pois hoxe en día existen outros portais de novas culturais en galego que converten esa denominación en pouco apropiada, nada descritiva, e escasamente atraínte para novos lectores, na miña opinión. O nome de GZ deportiva tamén me resulta mellorábel, aínda que por outras razóns diferentes.

- Descoñezo se o novo Vieiros vai potenciar algún outro canal como o de Tempos Novos. A min gustaríame, sobre todo despois do redeseño que vén de experimentar a revista impresa e o aumento dos contidos relacionados coa rede e as novas tecnoloxías. Nese caso faría unha terna de seccións destacadas sobre as demais: cultura, deportes e crítica. Xa sei que Tempos é outro proxecto empresarial e editorial, e que se cadra ten máis a ver cos contidos do corpo inferior da páxina, pero vexo nesa colaboración (como noutras) un dos grandes potenciais da comunicación en lingua galega, e ten por tanto interese estratéxico.

- A columna central de noticias, o corpo principal da páxina, antóllaseme longa demais cara abaixo: moitas noticias. A última noticia (a cuarta en importancia ou relevancia) non aparece en pantalla ao cargar a páxina (penso que non é cousa da miña pantalla). Coido que era mellor aproximar ese primeiro corpo superior da páxina ao que se ve por defecto nunha pantalla usual, poñamos 1280×1024 ou algo así. Vexo que o que rouba moito espazo é o banner superior, por iso preferiría que fose incrustado na cabeceira, aínda que non sexa a solución máis limpa outorga máis espazo para os contidos que interesan.

- Os cadriños interactivos con varias abas da columna lateral dereita están moi chulos. Porén, coido que a xente procura cousas directamente coa vista antes que a un clic de distancia. Quizá sería interesante que poidera aleatorizarse a aba activa en cada carga da páxina. A aba de Última hora (concepto máis descritivo que Últimas) é indiscutible, e supoño que corresponde ás últimas noticias mentres non se elaboran algo máis. Engadiría aquí a aba de Máis vistas (que non visitadas). Tamén acho que sería unha aposta estratéxica destacar neste cadro os contidos multimedia: Video, Fotos (non é totalmente descritivo o nome de Galerías) ou Sons (u-lo ese podcasting?). Todo isto (estatísticas, multimedia) é o que gusta aos usuarios máis intensivos da rede, son os contidos que van na onda dos tempos. No segundo cadriño interactivo con abas que hai no corpo inferior repítese a aba Videos. Coido que chega cun único cadriño destes, o superior. Outra cousa: vai haber a funcionalidade de enviar por e-mail, como en El País?

- Gústame a discontinuidade do corpo principal, a súa división en dous utilizando esa sección transversal sobre o blogomillo. Quita monotomía e destaca unha parte fundamental de Vieiros (cando menos para min).

- A presenza das Opinións (gosto máis do plural) e do Blogomillo está moi ben, mais acho que é algo no que se paran só os lectores máis críticos, ideoloxizados e/ou especializados. Aínda que Vieiros ten moita audiencia deste tipo penso que debería seguir camiñando pola senda de abrirse a xente con outras preferencias, de aí que eu releve todo o que é opinión ao corpo inferior da páxina e destaque na parte superior noticias e contidos multimedia. Iso dos articulistas non sei por que pero sígoo asociando a columnistas 1.0 e medios tradicionais. Non sería mellor convidar aos habituais a abrir un blogue de seu co compromiso de ligalos na selección diaria (por favor, que sexa diaria) do blogomillo cando escriban algunha cousiña? Ou integralos a todos nunha especie de blogue colectivo aloxado en Blogaliza, Blogoteca ou o mesmo Vieiros?

- Eu retiraría o módulo de Enquisas. Non son representativas de nada, nen sequera dos lectores (éche como o dos foros; si, son dos que apostan pola moderación e os usuarios rexistrados). Sei que as enquisas se xustifican na participación dos lectores e na interactividade, pero a min como apaixonado da estatística chirríanme tanto… Por exemplo, apreciaría máis un módulo tipo “se tes unha noticia interesante fala connosco e vemos de publicala” que existen noutras páxinas. Alén de explicitar moito máis a participación transparentaría o que de facto seguro que xa está a acontecer en Vieiros, que recibe os correos e as chamadas de moitas persoas e colectivos sociais que teñen algo que comunicar ou denunciar. Eu aproveitaría para meter neste lugar, xunto coa Participación aberta, a sección de Cartas ao director (sempre perdida nalgunha esquina) e o Blogue da redacción (iniciativa interesantísima que seguro que dará moito de si).

- No que atinxe ao segundo corpo de noticias, o inferior, eu tamén apostaría por reducir o número de novas: un pérdese con tantas. Quedaríame con algunhas con entradilla no corpo principal e relegaría as noticias que só teñen o título á sección lateral dereita. Quizá sexa posíbel implantar un filtro estatístico que seleccione as noticias máis relevantes durante un certo período de tempo (mediante un criterio mixto de visitas e antiguidade), determinando así as que permanecen en portada e as que se van, as que aparecen máis arriba ou máis abaixo, ou as que aparecen con entradilla ou só co titular.

- A nube de palabras de resumo semanal está moi ben e luce moito, pero como todas elas non ten demasiada utilidade (dou por suposto que cada etiqueta ligará ás noticias que a inclúen). Ocórreseme que pode ser moi interesante para a xente que non pode visitar Vieiros con calma até a fin de semana, cando polo xeral e até agora había unha menor actualización de contidos e menos visitas. Aqueles que queiran unha visión instantánea de por onde comezar a ler atoparán moi útil este resumo semanal. Quizá de venres tarde a luns pola mañá podería pasar do fondo da páxina a unha posición máis relevante, por exemplo como outra sección transversal igual á do blogomillo pero na parte superior da páxina, debaixo da cabeceira. Ábrese un mundo de posibilidades se se implementan varias planillas, non só para distinguir audiencias por días senón mesmo por horas, onde tamén se demostra que hai públicos diferentes e distintas formas de visitar unha páxina.

- Hai unha triple repetición moi clara de contidos entre a) a pestana Nos canais do cadro interactivo de arriba á dereita, b) o resumo de Canais que hai á esquerda no segundo corpo principal, por debaixo da sección transversal do blogomillo, e c) o Taboleiro. É unha redundancia buscada? Non o creo. Eu penso que deriva un pouco da proliferación e desorganización dos disintos tipos de contentores que cumpriría aclarar. Eu faría un módulo que mesturase canais temáticos e edicións locais, sen máis, e o colocaría unha única vez nun único lugar, relevante.

- Non sei como se verá unha noticia ampliada, unha vez que fas clic nela, mais eu procuraría engadirlle un efecto de destaque á entradilla (negriña, cursiva, tamaño de tipo?), que supoño que é o texto do corpo da noticia que aparece en portada. Está demostrado que estes efectos se len e chaman a atención. Moita xente non pasa do antetítulo e o título ao corpo da noticia tan facilmente, precisa unha transición. Tamén estaría ben algún cadro de destaque dunha cita, frase resumo incrustada na noticia, ao xeito dos xornais ou revistas. E si, todas as noticias con soporte gráfico ou de vídeo, please (se o largo de banda contratado o permite).

- Hemeroteca. Ten que habela e debe estar á vista, non dentro de “servizos”. Coido que é unha funcionalidade crucial. Imaxino que todos os vellos contidos se integrarán na nova base de datos, non?

- Buscador. Diferénciase o buscador interno de contidos ou noticias do buscador de recursos e páxinas, o tradicional de Vieiros que se non lembro mal estaba ligado ao dmoz? Será cousa de poñer un selector múltiple: en Vieiros, en dMoz, en Google (e aproveitar a parceiría para xestionar a integración de Vieiros nas Google News)?

- E por último, si. Ta-chaaaan! Eu engadiría a posibilidade de usar o tradutor (non traductor) de Dimensiona para visitar Vieiros en castelán. Acaso Manuel Rivas non vende libros en castelán en Galiza? Se hai xente que le os medios en castelán traducidos automaticamente ao galego non haberá xente que lería Vieiros en castelán aínda que estea traducido tamén daquela maneira? Non penso tanto en provocar (que tamén) senón en gañar visitas e lectores. Cando se producen novas relevantes, que teñen repercusión máis aló de Galiza, Vieiros podería beneficiar deste xeito as visitas e impactos procedentes do exterior e dun público máis numeroso. Se cando acontece algo como o dos incendios, as eleccións, o Prestige… as noticias están en galego moitos visitantes iranse a outras páxinas. Se Vieiros ten a súa versión (traducida) en castelán quedarán nel. E esta reflexión tamén a podería facer para o inglés, que para o caso sería o mesmo, aínda que os tradutores fóra das linguas románicas xa deixan máis que desexar. E non, non me quería meter agora co da normativa e o galego-portugués ;-)

Parabéns a Vieiros pola innovación.

4:46 pm

4 Comentarios »

  1. [...] Engadido: Calidonia fai unha análise mais polo miudo e fai unha proposta alternativa tomando como base o novo deseño. [...]

    Aviso (Pingback) por Apocalipse do porco » Novo Vieiros — 17/02/2007 @ 5:51 pm

  2. Un post moi interesante.

    Moi boa reflexión e con ideas interesantes.

    Comment por Lito — 17/02/2007 @ 7:11 pm

  3. Goste de que gostes… como parte implicada no projecto, acho muito interesante as opinões dos leitores de Vieiros.

    Saudos…

    Comment por Rodrigo — 21/02/2007 @ 12:07 pm

  4. Penso que Vieiros ten ainda moito que mellorar, non sei por que non se convirtiu no portal galego de referencia, tal como prometía hai uns anos. Está claro que falta un pouco de pluralidade, especialmente nos “opinadores”, algúns deles, a verdade, bastante cansinos… pero isto é só unha apreciación moi persoal…
    Vexo o novo diseño bastante acertado, pero tamén é verdade que demorou moito en renovarse.
    Tamén sería de agradecer que se actualizase mais. A propia natureza da internet así o require.
    Saúdos

    Comment por Pablo — 4/03/2007 @ 1:29 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> <span class=""> <p> <br> .