As Seis Nacións de Caledonia

Data de publicación: 17 de Xaneiro de 2007
Category: atlantico, causas, denuncia, lugares, politica

6_nacións_5A primeira vez que me dei conta de que alguén tiña chegado a este blogue procurando ‘Caledonia’ en Google non lle dei moita importancia. Mais na altura de maio do ano pasado, cando as entradas eran algo máis que accidentais, decidín averiguar o porqué. Foi así como cheguei a saber da historia do Povo das Seis Nacións, e rapidamente me sumerxín nun universo distante pero próximo. Se lembrades a serie do Doutor en Alaska comprenderedes facilmente a northern exposure á que me vin sometido. Caledonia, unha cidade do Canadá onde reside este povo, non debe ser moi diferente de Cicely. Tamén axuda a teletransportarse aló esa esa sensación de Último Mohicano que un experimenta decote e que é tan frecuente por estas terras galegas.

A Irmandade (palabra que escollín para traducir Hodenosaunne) das Seis Nacións do Río Grande abrangue aos povos dos Ganye geho:no, Oneytga, ga Gayogoho:no de Onodowa, Onodagehono, e Dahs goa:we, que foron admitidos na Confederación a comezos do s.XVIII. Os territorios tradicionais das cinco nacións orixinais chegaban até o norte do que agora se coñece como estado de Nova Iorque. As terras das cinco nacións no mohawk e os ríos de Susquenhannah (24.000 Km2, aproximadamente como Galiza) foron sacrificadas como resultado da alianza das cinco nacións cos Británicos durante a revolución americana. O 25 de outubro de 1784, Sir Frederick Haldimand concedeu terras ás seis nacións, consistentes nunha área de 10 Km de largo a ambos lados da foz do que agora se coñece como Río Grande. Despois de 210 anos de apropiacións, o territorio reducíuse de 2.500 Km2 a pouco máis de 200 Km2.

6_nacións_7As Seis Nacións iniciaron 17 demandas específicas ás oficinas de Asuntos Indios e Norteños para recuperar as súa terras. Ademais do asentamento do Río Grande tamén hai comunidades da xente da Irmandade nos estados de Nova Iorque (8), Quebeque (3), Ohio (1) e Wisconsin (1), así como outras 3 en Ontario. As Seis Nacións do Río Grande é a máis grande destas comunidades, e a única en quen están representadas todas as nacións. A poboación residente das Seis Nacións é de 8.370 habitantes, pero teñen a cualidade de membros 17.645, converténdoa na máis grande das 530 reservas indíxenas do Canadá.

Hai dous órganos que gobernan o povo das Seis Nacións: o goberno herditario tradicional, tamén coñecido como a Confederación da Irmandade, e o Consello das Seis Nacións. Para entender a formación do goberno e do pensamiento da Irmandade, debemos confiar nas historias orais transmitidas de xeración en xeración, recitadas fielmente no Gai yensra go wa (Gran Lei) e no Gai wi yo (Código do Lago Fermoso). A cultura oral da Irmandade baséase nos escritos recompilados polos ‘científicos’. A espiritualidade e a cultura do Povo da Irmandade só se comprende como un todo, nunca de forma autónoma, xamais por separado…

Toda a historia deste povo aquí, e unha galería de fotografías coa súa loita aquí.

6_nacións_8

Esta anotación publicouse o Mércores 17 de Xaneiro de 2007 ás 5.42 pm e arquivouse en atlantico, causas, denuncia, lugares, politica. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

Deixa unha resposta