Os apelidos como patrimonio
O deputado socialista J.M. Lage acaba de manifestar no seu blogue a súa lexítima posición en contra da galeguización dos apelidos que recentemente ten proposto o BNG no Parlamento de Galiza. Non puiden deixar de darlle a miña opinión, un bocadiño crítica, como é mester en persoas que coma el ocupan cargos de responsabilidade na institución política que representa aos galegos, a Galiza e á súa lingua e cultura. Aquí a reproduzo:
Non gostei dese seu artigo, pois aínda que é oportuno destila un ton pouco apropiado e uns razoamentos bastante febles, na miña opinión.
Insinuar que a galeguización dos apelidos é cousa dun nacionalismo excluínte, como Vostede fai, non deixa de ser unha utilización dun prexuízo social vastamente estendido -contra o nacionalismo- para respaldar a súa decisión individual -que evidentemente é lexítima e respecto-.
Afirmar iso sen afirmalo ou dicilo explicitamente supón un esaxero e unha inxustiza de tal calibre como o de que eu o acusara a Vostede de estar a favor do monolingüismo en galego polo simple feito de que Vostede non usa o castelán no seu blogue. Ridículo, claro.
Déixeme poñerlle un exemplo. Imaxine que a súa familia naceu nunha casa. Imaxine que esa casa pasou de xeración en xeración até que nunha certa altura do tempo un cacique ou un crego fanse coa propiedade por métodos digamos ilexítimos, aproveitándose da impotencia e da ignorancia dos seus propietarios, ou pola forza, tanto ten. Imaxine agora, que Vostede se achega até esa casa.
Se puidera, non querería visitala? Se puidera, non querería restaurala? Se puidera, non a compraría e a retornaría ao patrimonio histórico da súa familia?
Agora cambie a casa polos seus apelidos.
Ese e non outro é o enfoque da proposta de *restauración* dos apelidos.
Non fagamos demagoxia. Ninguén quer excluír apelidos -persoas- vindos de fóra noutra época histórica e tan galegos/as como calquera. Faltaría máis! Ninguén quer obrigar a ninguén a facer nada pola forza! Por favor.
Ademais Vostede non ten problema ningún, como ben lle apuntan nos comentarios. Con recoñecer que Lage, Laje ou Laxe lense aproximadamente igual en todas as linguas de orixe galego-portuguesa, pode presumir de galego e de patrimonio igualmente sen necesidade de mudar o nome e os apelidos.
Nin precisa facerse reintegracionista!
5 Comentarios »
RSS semente para comentarios a esta anotación.
| TrackBack URI
You can also bookmark
this on del.icio.us or check the cosmos
Semella unha resposta axeitada a unha forma de mal interpretar a proposta nacionalista e consecuentemente trasladar de xeito nesgado, e se cadra intencionado, as conclusións á opinión pública (ignorando a responsabilidade que implica ser deputado electo).
un saúdo.
Comentario por
A Randeeira — 2007-01-05 @ 1.36 pm
O problema do noso País é que existen persoas que se cren no poder da verdade absoluta. E ata queren que os galegos e galegas teñamos a obriga de cambiarnos os nomes e os apelidos.
Cal vai ser o próximo??
Comentario por
Blas — 2007-01-05 @ 4.06 pm
Bo argumento, Brás.
Comentario por
calidonia — 2007-01-05 @ 5.30 pm
Completamente de acordo, Calidonia. Unha resposta axeitada.
Comentario por
Ana Bande — 2007-01-06 @ 1.10 pm
Unha resposta contundente. A partir de agora ao compañeiro que teño de apelido Carballo lle vou chamar Roble. Non sei como lle sentará.
Comentario por
sarampelo — 2007-01-08 @ 8.06 pm