Enquisas e sentimento de nación en Galiza (II)
Data de publicación: 31 de Decembro de 2006Category: denuncia, estatistica, politica
Nas últimas enquisas sociopolíticas feitas públicas no noso país, elaboradas por dous departamentos diferentes da Xunta de Galiza e polo Equipo de Investigacións Sociopolíticas da USC, evidenciouse como a natureza dunha investigación pode ser influenciada e alterada polas diferentes ideoloxías e os intereses partidarios confrontados de quen as elabora e/ou as encarga.
As publicadas pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais (BNG, Vicepresidencia) presentan algúns resultados estraños e algunhas porcentaxes que supoñen máximos históricos entre as enquisas de temática semellante. As publicadas pola Dirección Xeral de Análise e Proxección (PSOE, Presidencia) marcan o contrapunto das anteriores. E por se houbera pouca lea, a recentemente presentada baixo o nome e marca da USC vén marcar mínimos históricos noutros indicadores. Todas elas contribúen a confundir e saturar o xa de por si frustrado debate acerca do novo Estatuto galego, e deixan á altura do estrume a confianza que o público en xeral ten acerca das enquisas e da política realmente inexistente levada a cabo polos partidos galegos. O maior paradoxo é que todas as persoas que promoveron a realización destas enquisas teñen unha orixe común: a Faculdade de Ciencias Políticas da USC.
Falar socioloxicamente de nación non deixa de ter algo de muiñada, porque -teorías politolóxicas á marxe- é que afirmacións como que Galiza é ou non é nación non poden medirse máis que dunha forma subxectiva, relativa e aproximada.
* Primeiro, porque pode entenderse como nacion sociocultural ou como nación sociopolítica, enténdida esta como a realización xurídico-política da primeira.
* Segundo, porque como fenómeno que é reflexo das convicións, opinións e crenzas individuais e colectivas está influenciada por todo tipo de fenómenos (sociais, políticos, culturais, mediáticos) e as magnitudes que o miden poden variar no tempo e no espazo.
* Terceiro, porque nación en Galiza é un concepto que cada quen entende ou sente á súa maneira, quizá dun xeito diferencial con respecto a outras latitudes e ‘lonxitudes’, e polo tanto a súa expresión é difusa e adopta manifestacións públicas diferentes.
* Cuarto, porque dependendo do indicador -das palabras e os conceptos- que se usen nunha enquisa as respostas poden variar moito, xa que a maioría da sociedade non ten unha definición clara para cada cousa, e xa que logo, todo o que supón ser ou non ser nación, o estado federal, a autonomía, a autodeterminación ou a independencia.
* Quinto, porque é un concepto enarborado practicamente en exclusiva por unhas forzas políticas e unhas ideoloxías moi determinadas (e tactica e timidamente por outras), o que ten inducido e aínda induce unha serie de prexuízos sociais partillados acerca da súa explicación ou defensa.
Por todo iso, é preciso reunir información de diversas fontes, e xuntar datos de varios momentos no tempo, para tentarmos enxergar cal é a medida do respaldo social ao termo nación e/ou o que iso supón. Imaxino que un mínimo traballo de documentación hemerográfica e bibliográfica podería botar máis luz sobre o debate, tarefa que a teor do visto e polo que parece os cadros universitarios aos que me refería non están dispostos a realizar. Na próxima anotación ao fío deste tema farei un breve repaso con base unicamente en datos tirados da rede e algunhas cousas que tiña recompiladas.
Etiquetas: enquisas, inquerito, nacion, nacionalismo
Esta anotación publicouse o Domingo 31 de Decembro de 2006 ás 12.52 am e arquivouse en denuncia, estatistica, politica. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

