Recursos en galego e de lingua galega na rede
Data de publicación: 10 de Decembro de 2006Category: aplicacions, lingua, rede
Actualizado a 15 de abril de 2007
Hai pouco Mancomún publicou unha escolma de ferramentas lingüísticas para a tradución de aplicacións informáticas a idioma galego. A Ciberirmandade da Fala tamén ten publicado unha lista completa de recursos lingüísticos no noso idioma. Recentemente e tras anos de delatora parálise, a nova web da Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de achegar a súa propia recompilación de recursos, un pouco caótica para o meu gusto.
Aproveito a ocasión para escolmar e comentar os tradutores, dicionarios, correctores e recursos varios que poden resultar máis útiles para @s usuari@s normais, pois na rede hai moita xente que está comezando e descoñece onde atopar estas cousas, e quen levamos máis tempo esquecemos decote o difícil que o tivemos no seu día.
Quizá paga a pena repetirse un pouco aínda que sexa só por divulgar os valiosos recursos existentes. Non están todos os que son, mais son todos os que están. Se sabes de algún outro, por favor deixa unha ligazón nos comentarios.
Aplicacións
- Interfaces en galego para M$ Windows XP (ollo, só para a versión co service pack 2, houbo outra versión para o SP1 que fai funcionar mal programas como o Word e o Access) e Office 2003 (non funciona co Office XP/2002 e tampouco co Office 2000).
- Correctores ortográficos 2.mil e 2.mil3 para Office XP/2002 e Office 2003. Ti verás, mais eu de ti pasábame canto antes ao OpenOffice
.
- OpenOffice 2.1 en galego. Inclúe a versión máis moderna e actualizada de calquera corrector ortográfico de galego, e pódese descargar por separado e instalalo nun OpenOffice en calquera outro idioma.
- Extensión de idioma galego para o navegador Mozilla Firefox (ligazón á versión en castelán do programa, pódese instalar sobre calquera idioma). As traducións para as versións 1.0 e 1.5 foron feitas por Jacobo Tarrío. É sobre elas e co contributo dos voluntarios e a comunidade que se completou a tradución para a versión 2.0, que podes atopar nesta extensión. Se desexas contribuir traducindo outras aplicacións e utilidades non precisas coñecementos especiais, tan só cadastrarte no tradutor comunitario Entrans de Mancomún. É recomendábel usar xunto á extensión de tradución da interface outra extensión moi útil para escoller o idioma da interface do Firefox a través do menú Ferramentas: a switch-locales.
- Motores de busca para o Mozilla Firefox: glug, Ciberirmandade, ArvPart, O Reverso 1 e 2, e Mozdev Brasil.
- Extensión de idioma galego para o cliente de correo electrónico Mozilla Thunderbird, versión 1.5. Como no caso do Firefox é moi recomendábel instalar a extensión complementaria locale-switcher. Tamén desde Mancomún se pode descargar e instalar o corrector ortográfico de galego para as mensaxes que escribimos nel.
Tradutores e correctores
- Traducíndote, recurso que permite traducir documentos en formato OpenDocument (OpenOffice 2.0+) entre diversos pares de idiomas (galego e castelán incluídos).
- Apertium, castelán-galego e galego-castelán. A súa versión íntegra, que tamén permite traducir a e desde o catalán e cara ao éuscaro a través do castelán, está en OpenTrad.
- Instituto Cervantes, castelán-galego e galego-castelán, semella potente pero a min tenme fallado decote coa tradución de páxinas e ficheiros.
- Ortogal, corrector ortográfico de galego, en liña.
- Traduza-G da empresa Dimensiona. É un produto que usou Vieiros para traducir xornais en castelán. Hai unha versión limitada a 100 palabras na web de R. Porén, aquí e aquí explícase como pode empregarse para traducir páxinas web. Se es quen de publicar algo na rede (cousa ben fácil hoxe en día) xa podes traducilo. É con diferenza o mellor tradutor castelán-galego que coñezo.
- Por2Gal, tradutor portugués-galego normativo (a última vez que o tentei a web non estaba accesíbel).
Dicionarios, vocabularios e corpus
- VolGa, Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, coa validez da RAG, aínda que limitado no número de entradas. Non é un dicionario, así que non procuredes aquí por significados, só por formas válidas. Ten de valioso o presentar sinónimos para algunhas palabras. O Vocabulario da RAG aparenta ser a mesma opción con interface diferente.
- Estraviz, sen dúbida o dicionario máis completo da lingua galega (na súa versión impresa en 3 tomos). Na web podémolo consultar case enteiro, quer en normativa reintegrada quer en normativa oficial.
- Priberam, o excelente dicionario en liña de portugués, para non esquecermos algunhas das nosas palabras xenuínas, que xa non usamos pero que permanecen vivas e conservan os nosos veciños.
- Dicionario da Consellería de Educación que, ollo!, aínda que xa pasaron tres anos desde a última reforma normativa non foi actualizado (vergoña debería de darlles a algúns). O mesmo acontece co Dicionário da vella web da CRTVG (para que logo nos estrañemos da calidade do galego na radio e na televisión públicas).
- Galizionario ou wiktionary en galego, con perto de 15.000 entradas realizadas pola comunidade de internet. Non ten o aval de ningunha institución, só o da comunidade. Se estás preparando probas oficiais pode que non queiras usalo.
- Galipedia ou wikipedia en galego, enciclopedia en rede mantida pol@s usuari@s da rede que vén de superar as 20.000 entradas. Fago a mesma advertencia que no caso anterior.
- Corga, Corpus Ortográfico do Galego Actual, unha base de datos coas palabras máis utilizadas en publicacións escritas no galego contemporáneo (antes da chegada da internet e dos blogues). Precisas rexistrarte, mais é gratuíto.
- Corpus Técnico do Galego do Seminario de Lingüística e Informática da Universidade de Vigo, para buscar termos especializados en diversas disciplinas científicas e varias materias. O servizo compleméntase co Corpus Paralelo CLUVI. Nas páxinas do Servizo de Normalización Lingüística da USC e na Ciberirmandade tes acceso a outros vocabularios e glosarios, aínda que moitos xa teñen uns aniños de antigüidade e penso que precisan dunha revisión (sobre todo o de informática).
- TILG, Tesouro Informatizado da Lingua Galega, unha base de datos con palabras que algunha vez foron publicadas en galego, e onde podemos atopar esas verbas da avoa e localismos que case todo o mundo ignora.
- CLUVI, dicionario inglés-galego e galego-ingles, con termos limitados.
Outros recursos
- Na web da SXPL da Xunta de Galicia podes descargarte en PDF o libriño sobre a reforma normativa do ano 2003 (última polo de agora): Normas Ortográficas e Morfolóxicas da Lingua Galega. Na web do Consello da Cultura Galega tendes un PDF cun resumo dos cambios normativos. Tamén serve como guieiro a Entrada na Galipedia sobre a normativa ortográfica do galego, incluíndo os cambios da última reforma. Na web da RAG segue sen haber nada sobre isto!.
- Morfosintaxe do galego, páxina web realizada polo ILG e a USC.
- Manuais actualizados en PDF realiados pola UDC sobre lingua galega: Criterios para o uso da lingua e Libro de calidade da lingua.
- Galego en liña, páxina web da UDV na que se centralizan recursos de lingua galega.
- Un idioma preciso, serie interesantísima de artigos onde se razoa e racionaliza a escolla de termos dubidosos. Feito polo SNL da USC.
- O Cartafol, revista veterana da USC sobre a lingua galega.
- Cursos de galego en liña: Galingua e e-Galego. Tamén podedes encontrar este Galilibro ou wikibook: curso de lingua galega.
- Loia, informacións fundamentais sobre a lingua galega, incluíndo historia, ortografía e gramática.
- Unidades didácticas de galego, outro contido institucional sen actualizar pola última reforma normativa. Podes atopar máis contidos didácticos en galego ou sobre galego nas páxinas Edugaliza.org, Vieiros da Escola, Nova Escola Galega e AS-PG.
- Freeling, analizador sintáctico automático para a lingua galega.
- Cotovía, sintetizador dixital de voz en galego.
- Nomes galegos, de home e de muller.
- Toponimia oficial de concellos, parroquias (entidades colectivas) e lugares (entidades singulares). Está en marcha un plano plurianual para a catalogación da microtoponimia.
- Cadernos de fraseoloxía galega, do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.
Vellas referencias
- Páxina persoal de Ramom Flores d’as Seixas.
- Galego21.
Etiquetas: galego, lingua, tradutor, dicionario, recursos
Esta anotación publicouse o Domingo 10 de Decembro de 2006 ás 9.46 pm e arquivouse en aplicacions, lingua, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.


12 comentarios a “Recursos en galego e de lingua galega na rede”
Noraboa pola escolma. Directamente aos meus marcadores.
Instalei o paquete de galego para o Firefox e funciona perfectamente.
Recursos en galego e de lingua na rede…
Calidonia fai unha completa recompilación de recursos en galego e de lingua na rede….
Máis recursos en:
http://www.ciberirmandade.org/sitio2005/content/view/136/27/
Apertas
Obrigado Kiko, por esa completísima referencia, aínda que xa tiña ligado algún outro recurso da Ciberirmandade non dera con iso. Por certo, podes atopar na aba superior titulada “Documentos” un documento máis extenso sobre os blogues, do que faláramos algunha vez para o voso portal. Está ao voso dispór.
Parabéns e grazas pola escolma… Completiña.
Se che interesa, relacionado con isto, aquí puxen unha pequena selección de blogs sobre lingua (completábel): http://www.blogoteca.com/deposito/index.php?cod=6740
Moitas grazas pola escolma. Parabéns.
Eu sigo esperando por un diccionario castelán-galego-castelán o máis completo posible, xa que cando atopas palabrás máis técnicas, extrañas ou precisas os traductores non solucionan ese problema. Paréceme algo absolutamente imprescindible, porque a maioría da xente que publicamos en galego o facemos moitas veces a partir de textos en castelán, e a calidade ou precisión da traducción (algo importante para a normalización dun bo uso da lingua) non sempre é posible sen unha ferramente como a que menciono.
Pode que crear un diccionario colaborativo tipo o galizionario sexa a forma máis rápida e eficaz de dispor desta ferramenta, e que moit*s de nós podamos consultar os diccionarios de papel e ir ampliando a base de datos, porque se esperamos que algunha institución o faga creo que a este paso pode chegar antes as novas glaciacións polo cambio climático.
Outra ligazón interesante pode ser a dos recursos de Ciberlingua: http://www.ciberlingua.org/recur.htm
Isto é muito. Tense que repetir periodicamente, incluíndo actualizacións, e se non é moito abusar. E haino que difundir. A difusión e o uso fai quecer os motores.
Só quería facerche saber que estou moi emocionada polas palabras que deixaches no blog de Eli sobre a representación de ‘Bicos’ en Compostela. Moitísimas gracias, Calidonia, non sabes o ben que senta ler algo coma o que ti escribiches, porque se nota que é de corazón.
Poucas cousas me quedan por engadir que non dixera xa a miña compañeira. Eu aínda non tiven moito tempo para poñerme a escribir as miñas impresións sobre ese día tan especial para Andaravía-Papaventos, pero alédame saber de antemán que gozaches tanto coma nós. Gracias por vir, gracias por transmitir os teus sentimentos e por emocionarnos coas túas palabras.
Que non sexa a última vez que nos vexas e oxalá algunha deixes convidar ;)!!
Bicos
É unha ledicia ler os teus artigos. Moi boa calidade.
Parabéns por ese traballo tan ben feitiño, e que nos vai axudar, tanto a persoas coma min que temos que preparar exames de galego, como a calquera persoa que necesite calquera dato sobre o galego.
Entre tantos recursos que nos ofreces (como ti dis, non están todos os que son, pero si son todos os que están)creo que xa poderemos aclarar calquera dúbida que se nos presente.
Parabéns de novo e mil grazas