Enquisas e sentimento de nación en Galiza (I)

CIS

Nun País no que a maioría dos galegofalantes aínda chama 'encuesta' (en castelán) ás enquisas, sondaxes ou inquéritos (do mesmo xeito que di 'abuelo', 'escuela' ou 'jueves' ) sen poñerse de acordo na denominación do instrumento, tentar deitar algo de luz sobre a cuestión semella un emprendemento un tanto ousado pola miña banda.

As enquisas están converténdose nun instrumento de utilización partidaria e de perversión informativa, e están a converter a información en malformación, quer dicir, están cada vez máis lonxe da formación.

O último baile vén dado pola realización de enquisas de análise sociolóxica desde tres departamentos diferentes da nova Administración autonómica (até tres!, Consellaría de Presidencia e EGAP polo PSdeG-PSOE, e Vicepresidencia polo BNG).

Servizo público ou aproveitamento partidista? Non vou entrar eu nese debate que xa se deu noutros foros e que a forza dos feitos teima en inclinar do segundo, entroutras cousas porque adianto que eu estou a favor de calquera cousa que, en teoría, fomente o debate sociopolítico, tan escaso nestas terras, e iso é ir, máis unha vez, contra a corrente e cara ao vento.

O caso é que se ben o servizo é o mesmo, por exemplo, que o ue leva realizando desde hai moitos o Goberno Vasco (polo menos 8, que eu lembre), alí teñen ben clariño que só hai un departamento, asociado á Lehendakaritza. Ese Gabinete de Prospección Sociolóxica do Goberno Vasco, aínda que naturalmente tamén realiza e publica enquisas respondendo ás necesidades da axenda gobernamental, o certo é que polo menos ten rigor e seriedade. Co que ten chovido na última década, os seus resultados sempre foron coherentes, e mesmo nos momentos máis crus da campaña do PP de Aznar contra o nacionalismo vasco, que contou para a súa causa coa manipulación técnica e mediática do Euskobarómetro, a enquisa realizada periodicamente desde a Universidade do País Vasco, os responsábeis deste departamento resistiron o impulso de servir a bando ningún, e conseguiron ofrecer información coherente, sen rachar coas metodoloxías e as series históricas.

En Catalunya, foi sonado o fracaso do departamento análogo creado a tal efecto na Generalitat, salsieirado por unha evidente manipulación de resultados en tempos de CiU.

Do CIS, case mellor deixo a banda deseñada falar por min, aínda que se hai que ser exactos cómpre dicir que se ben debemos desconfiar da súa cociña (estimacións de voto arranxadas en función da presión partidaria de turno) debemos valorar na súa xusta medida os demais estudos que publica. Empregarei varios dos seus estudos na segunda parte deste artigo.

En xeral, a creación e mantemento destes departamentos reflicte unha realidade teimosa: a utilización cada vez máis frecuente de sondaxes políticas e de opinión polas distintas forzas políticas. Nun primeiro momento debemos felicitarnos de que o político de turno abra os ollos ao mundo aí fóra e podia realizar un contraste entre as súas ideas (cando as ten) e as da sociedade (cando as ten). O que acontece despois é que un instrumento de grande utilidade acaba por se converter con maior frecuencia da desexada no único instrumento utilizado por políticos e gobernantes para pulsar a opinión pública, esquecendo a verdadeira democracia participativa, ou sexa, outra forma de autismo máis requintada. O corolario é que algúns favores acaban pagándose, reproducindo lóxicas de clientelismo e manipulación informativa impropias dun goberno de calquera cor.

Aquí en Galiza, a existencia de tres departamentos autonómicos dedicados a esta tarefa, ou polo menos que promoven a súa realización, é unha afronta ao sentido común, á eficiencia no gasto público, e á deontoloxía de calquera persoa que traballe na socioloxía, na politoloxía e, por suposto, na estatística aplicada aos estudos de opinión. O único que revela esta triplicidade é, dun lado, a inexistencia de coordinación entre socios de goberno na nova Xunta (cando non unha situación de enfrontamento a 'campo' aberto), e doutro lado, o grao de dependencia do PSdeG-PSOE dos cadros dirixentes do antigo Reitorado de Darío Villanueva na USC (reitorado que algúns coñecemos nas súas interioridades e do que non podemos deixar de desconfiar abertamente).

Etiquetas: , , ,

Chuzame! chúzame -
8.36 pm

2 Comentarios »

  1. Credibilidade está claro que teñen pouca; ninguén (nin sequera o Rivera Otero ou Touriño) cre que o PSOE vai sacar a metade dos votos en Galicia. Por iso creo que estes inquéritos teñen unha influencia moi escasa na sociedade galega, e poden facer pouco dano. O máis criticable é, pois, o uso (non escaso) de fondos públicos para tal despropósito

    Comentario por zerovacas — 2006-11-22 @ 6.52 pm

  2. A cousa moito xeito non ten… E as enquisas deses tres departamentos están dando uns resultados, non direi pouco críbeis, mais si algo curiosos, non?

    Comentario por Depósito — 2006-11-24 @ 7.58 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .