Onde estabas ti no 85?

Data de publicación: 19 de Outubro de 2006
Category: contos, denuncia, economia, intres, lugares, media, musica, poesia, politica, raices, revival

festival_reconversion

Se callar non andabas lonxe. Se callar estabas alí. Nos pavillóns da Feira Internacional de Mostras do Noroeste. Na Malata, en Ferrol.

O ano 85 chantaba a ameaza cumprida dos despedimentos da Reconversión Naval en ASTANO. O 27 de decembro do 84 era a data do terríbel ultimatum espetado a 3.500 familias nas xuntanzas do Nadal. Nunha especie de terrorismo de mesa camilla ben apuntado e dirixido polo Goberno de Felipe González.

O desmantelamento industrial dunha comarca. A castración dun sector produtivo de futuro. A desfeita humana e xeracional. Zero Vacas adiantóuseme e explícao mellor ca min.

Folgas, paus, encerros, manifestacións, concentracións, barricadas, lume, tirabólas, recitais, concertos, exposicións, tractoradas de maquinaria pesada, secuestro de barcos, ocupacións, campañas na prensa pagadas polas caixas de resistencia, contactos internacionais…

Os traballadores do estaleiro mobilizáronse, e artellaron un dos primeiros macrofestivais da historia moderna de Galiza, senón o primeiro, con permiso dos de Ortigueira.

A organización do concerto correu por conta da gauche divine de ASTANO [...] e a Galiza da vangarda respondeu. Os poetas, os escritores, os gaiteiros, as bandas de rock. Tradición e futuro. Folclore e movida. Sen marcha, non había futuro. E sen futuro non habería marcha.

Somos 29 na casa e estamos todos no paro. Solchaga, chupa aquí, mama na casa. Mira nena, uá, son como o sector naval. Hei hei, resistirei. O do tirabóla somos todos. Os Resentidos só foron uns da moita, boa e xenerosa xente que alí se encontrou e se abrazou.

Todos os vídeos que dei en subir ao YouTube para solidarizarme co recordo daquel evento están dispoñíbeis grazas á gravación que alí fixo o Taller Municipal de Vídeo de Fene, que foi editada e distribuída gratuitamente en DVD o ano pasado polo Concello ao se conmemorar os 20 anos daquela loita.

Festival roque:

1. Intro
2. Terminal Norte
3. Los Ilegales
4. 39 Escalones
5. Radio Océano
6. Os Resentidos
7. Aerolíneas Federales

Festival folque:

8. Manuel María
9. Manuel Rivas
10. Lois Diéguez
11. Suso Vaamonde
12. Antón Reixa
13. Xosé Luís Méndez Ferrín
14. Darío Xohán Cabana
15. Xosé Manuel Beiras Torrado
16. Xosé María Álvarez Cáccamo
17. Milladoiro
18. Na Lúa

Persoalmente os meus favoritos son os videos 1, 6, 9, 17 e 18. Haberá quen prefira o 8 e o 11, e quen torza polo 15. O que non ten dúbida é que os números 5, 12 e 13 son impagábeis. Podedes ver todos seguidos aquí. Vou presentar algún ao Chanante Piñeiro. A ver que pasa.

E por certo… vós, onde estabades no 85?

Etiquetas: , , ,

Esta anotación publicouse o Xoves 19 de Outubro de 2006 ás 3.45 pm e arquivouse en contos, denuncia, economia, intres, lugares, media, musica, poesia, politica, raices, revival. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

14 comentarios a “Onde estabas ti no 85?”

#1

Graciñas por subires isto. É unha gozada. Xa lle fixemos un post na nosa leira. Saúde

#2

Pois eu tíñache 8 aniños, así que facía 3º da EXB. Meu pai era un ex de Astano que debía de andar preto de facer xa 2 anos na Suíza emigrado. Pouco tardou en volver dende aquela, pero na lembranza quedarame sempre que 2º e 3º de EXB os pasei abríndolle a porta á carteira para recoller as cartas do meu pai e índolle a mercar á miña nai ao estanco aqueles sobres co borde azul e vermello para respostarlle. Hoxe comprendo porque foi entón cando á miña casa chegou o primeiro teléfono e porque puidemos mercar unha tele en cor.

#3

Grazas por subir e dar a coñecer estas imaxes. Luns hei poñer un post porque, como ben sabes, para moitos de nós foron tempos duros pero tamén emotivos.

O DVD que editou o Concello de Fene ten na capa un texto de Carlos Neira que contextualiza o Festival. Carlos Neira era naquel entón membro do Comité de Empresa de Astano, unha das persoas chaves na organización do Festival e quen fai introdución do Festival Rock que ten lugar nas instalacións da Feira de Mostras.

Onde estaba eu? Pois con barba, 21 anos menos, subido enriba do escenario presentando o Festival Folk. Se estarei descoñecido que a Vero lle soaba a voz pero non daba creto e Sara pensou que me ría dela!.

Unha das moitas anécdotas do día: comprometérame a presentar o Festival Rock e acabei no Folk porque, pouco antes de comezar, houbo que facer reaxustes. Souberon que ameazaran con despedir a María Tareixa Navaza se presentaba o Festival e a min tocoume substituíla no Pavillón da Malata.

Outra, a cazadora era prestada :-)

#4

pois imaxina onde andaba eu… que nin me lembro!!!! cun ano… ainssss, son unha pipiola!! :D

un saúdo!

#5

Qué emoción!
Pois mira, eu no 85 estaba a escasos 500 metros da pavillón da Malata: tiña 12 anos, vivía cos meus pais na Cabana, e tiven a mala sorte de vivir de preto os temas dos que falas, xa que dous dos meus tíos, irmáns da miña nai, eran traballadores de Astano-meu pai era de Bazán e cando chegou a sombra da regulación pediu a conta e montou un bar-. Meus tíos foron dos que lles tocou ir a casa, e comezar de novo.

En fin, lembro os festivais, as manifestacións e as reunións arredor deste tema como algo moi próximo, e alédome que alguén as recorde case 20 anos despois.

Gracias!!!

#6

Grazas por dar a coñecer eses documentos non só para manter vivo o recordo daqueles feitos, senón tamén para aleccionar a xente coma min que, en febreiro do 85, aínda nos quedaban uns mesiños para nacer.

#7

Desculpa por adiantarme. Non sabía que ías facer un post sobre isto, e ademais non me decatei de que os vídeos viñan de ser colgados. Noraboa e grazas por publicar (no seu senso máis literal: facer público), compartir e difundir estes materiais tan valiosos e necesarios.
Respondendo á túa pregunta, creo que eu debía ter catro anos e pico e debía estar en parvuliños. Polo tanto non era moi consciente de todo isto. Ben, nada consciente. Con todo, teño a ASTANO e os seus conflitos metidos no máis fondo, como a derrota (unha de tantas) que máis me afecta persoal e emocionalmente. Na comarca todos tiñamos a algún veciño ou familiar xubilado, prexubilado ou despedido. A primeira manifestación á que fun na miña vida tiña que ver co sector naval, o mesmo que a primeira folga que organicei (que tempos) no instituto. O peor é que dende aquela primeira reconversión puidéronse facer tantas cousas para recuperar os asteleiros, e unha e outra vez non houbo vontade política de solucionar nada.
Grazas

#8

Pois eu estava na Malata cantando coma um tolo Uaaaaaaa governo galego já! ao ritmo da guitarra do Vaamonde… Lembro a Tareixa Navaza e aos Milhadoiro.. era novinho mas nom tanto como para nom poder achegar-me um bocadinho a escuitar a Resentidos. Obrigados aos encarregados de recuperar este anaco de memoria perdida no subconscente coletivo. Hoje, quando semelha que desapareceu para sempre esse espiritu de loita, nom está de máis despertar conciencias ainda que seja ao berro de Chupa aquí e mama na casa!!!!

Um abraço!

#9

Pois en febreiro do 85 eu estaba en posición fetal, rodeado de líquido amniótico e alimentándome por medio dun cordón conectado á miña nai. Dous meses despois estaba chorando, comendo e durmindo no exterior.

#10

Pois era unha adolescente facendo o bacharelato que non sabía nada do que acontecía en Ferrol, daquela lembro que tiña na carpeta do instituto dúas pegatas contra a OTAN, unha postal cunha cita de Richar Bach de Juan Salvador Gaviota que falaba da liberdade e na que se vían unhas gaivotas voando e un debuxo dun home musculoso rodeado dunha muralla moi alta. Tamén recordo que me pasaba as fins de semana tomando pipas, fumando, na disco en sesión de tarde e paseando inscansablemente cun rapaz que me gustaba moitísimo, en fins, cousas que pasan na adolescencia. Un saúdo.

#11

Por certo, que con tanto post “Cuéntame” case me esquezo do principal, pareceume moi boa idea que colgases os vídeos no youtube, grazas, así podo tamén aprender do que non vivín. Saúdos.

#12

Eu era un neno de 10 anos que vivia no Inferniño e estudiaba no colexio publico Ibañez Martin. Cando voltaba a miña casa pasaba a diario onde mataron en 1973 a Daniel Niebla e Amador Rey.

Unha gran desgraza que temos inda e que o contrario do que pasou coas masacres industrais noutros paises, nos case non temos nen material documental, nen documentais, ficcion, etc, sobre o sucedido.

Eu vivia en Ferrol, e lembrome dos carteis do festival. Lembro inda millor cando xogabamos no colexio público Ibañez Martín coas pelotas de goma que utilizaba a Policia Nacional contra os nosos pais cando se manifestaban pedindo conservar un posto de traballo co que manternos a nos.

Daquela eu non sabia porque tiña ese nome. Chamase Ibañez Martín porque ese era o nome dun dos ministros de educación de Franco.

Ibañez Martín tamén foi sogro de Leopoldo Calvo Sotelo, ex presidente do governo español.

Un dia descubrin un manifesto sindical nun libro do meu pai, pero non conservo outro material da epoca. Fixeronse moitas cousas, pero nen eu nen moitos temos mais que as nosas lembranzas.

Se algunha vez pasades por Madrid, pasade pola sede do SEPI, os verdugos dos nosos pais. Os mesmos que foron ata Velazquez, 134, para esixir seu traballo digno para manter os fillos que hoxe lembramos sua memoria.

Grazas por subir os videos Calidonia. Son moito máis que un feixe de bites.

E grazas os demais polo voso testimonio. Sintome menos so con esta merda cando e compartida

#13

Obrigado de corazón a tod@s @s que escribistes!

#14

Eu era pequeno demais e andaría a durmir nunha casa da Gándara, perto da ponte das Pías (cando baixaba a maré o aire era irrespirábel) mentres meus pais debían estar por entre o público coa familia. Daquela época lembro moi vivamente ser pequecho de todo e ir a cabaliño do meu pai vendo miles e miles de cabezas e pancartas, a miña primeira manifestación, supoño.
Agora a cidade morre lentamente, estrangulada, xa non hai pelotas de goma coas que xogar, o colexio segue a chamarse igual e cando volvemos temos a sensación de que nos roubaron máis cousas das que nun principio nos decataramos e que nos venceron moito máis profundamente do que parecía posíbel.
Perdón por chegar tarde, pero coa emoción non puiden deixar de poñer un comentario. Non hai cartos pra pagarlle a quen colgou todo isto.

Deixa unha resposta