Patente de nación

nationsofeurope

As miñas anotacións cada vez máis espazadas no tempo estaban comezando a converter a Calidonia na Bravú, aquela revista que saía á rúa cando as circunstancias o precisaban. Sexa certo ou non, o que estivo a acontecer estes días nun pequeno recuncho do mundo dixital (e real) mereceu a miña atención e os minutos que lle dediquei a escribir isto.

A loita contra as patentes de software éun asunto da máxima importancia, descoñecido aínda para a maioría dos usuarios da rede. Trátase, en síntese, de impedir que se patente a aplicación de ideas en programas informáticos, ou sexa, de que non se concedan dereitos de remuneración económica a aqueles creadores de software que rexistren a utilización de ideas, como por exemplo un teorema matemático ou a lóxica deductiva.

Nos traballos dirixidos a impedir a aprobación na Unión Europea dunha Directiva sobre patentes de software teñen participado diferentes persoas, colectivos e partidos políticos de todos os ámbitos –nacional, estatal e comunitario (prefiro esta denominación a aquela outra que algúns referirán como autonómico, nacional e europeo)–. Todos eles teñen presentado batalla fronte aos intereses corporativos de algúns monopolios globais, conseguindo en ocasións sucesivas que o Parlamento Europeo tirase embaixo –non sen esforzo– as primeiras tentativas de crear unha estrutura legal que dese cobertura á patentación de ideas aplicadas nos programas informáticos.

Este rexeitamento xestouse arredor da comunidade usuaria das TIC, que a través da internet forneceron unha resposta espontánea para impedir -neste eido do software- que se utilice unha figura xurídica anacrónica para fortalecer e alimentar os intereses duns poucos, entanto se limitar as capacidades de acceso, coñecemento e difusión da tecnoloxía entre a maioría, e en especial entre os sectores sociais máis necesitados. Na Galiza os esforzos dirixidos nesta dirección artellárose fundamentalmente a través da Mesa Galega a prol da Innovación e das asociacións de usuarios de software libre.

Andando o tempo, e dadas as necesidades dunha defensa no plano europeo, esta Mesa pasou a colaborar cunha organización chamada Fundación para unha Infraestrutura Libre da Información (FFII), constituíndose no chamado grupo galego da FFII cando no resto do Estado Español aínda non había nada máis organizado.

Máis adiante apareceron outras iniciativas, e ao final emerxeu o que en España semella sempre inevitábel: alguén que baixo a máscara da aglutinación, coa escusa da existencia dunha superestrutura xurídico-político estatal e ao abrigo dunha ideoloxía autoritaria e xacobina pretendeu arquivar o grupo galego e negarnos o dereito á existencia diferenciada dentro dunha organización de ámbito supranacional como a FFII.

O de menos é que Galiza fose pioneira ou non na loita contra as patentes de software, non se trata só diso. Trátase de respecto polo feito, de coherencia co que se defende, e de honestidade persoal.

É lamentábel como unha actividade de resposta cívica, activa, solidaria e consciente, que funcionaba de forma distribuída, coordinada, colaborativa e cooperativa, que puxo en coñecemento das forzas políticas progresistas a existencia desta ameaza e as gañou para a loita, que gañou en fin varias batallas desta guerra… como todo iso se tenta botar abaixo en aras doutros intereses.

Algúns españolitos deron en acusar aos galegos diante da FFII de empregar o nome da organización con fins partidarias, todo iso porque o a Mesa dialogou con PSOE e BNG e propuxo emendas a un rascuño de novo Estatuto no sentido de que Galiza poida reunir competencias no ámbito da sociedade da información e as TICs. Na liña do que están a facer outras autonomías como Catalunya (e dado que a Constitución Española de 1979 non sinala esta competencia como exclusiva do Estado).

Fixo a Mesa aquí o mesmo que a FFII fixo no Parlamento Europeo co Grupo dos Verdes no asunto das patentes, pero alguén xa logrou contaminar a nosa imaxe no Estado e en Europa tilándonos de separatistas e independentistas por procurar competencias para Galiza nunha materia sobre a que non existe unha distribución previa das mesmas entre os diferentes niveis de Goberno (central e autonómico).

A verdade, aos galeguiños non nos sorprende xa –por desgraza– que alguén que desde España di loitar contra as patentes de software se erixa en emisor de patentes de nación, de autodeterminación, de autoorganización ou de autonomía, quer política quer de funcionamento, chamádelle xis.

Isto rematou como adoitan rematar estas cousas: cos galegos denunciando as inxustizas e retirándose á casa –a Mesa abandona a a FFII–, dialogando co mundo enteiro por todas partes menos por unha –no seu día propúxose mesmo unha federación Ibérica que incluíse aos portugueses– e os casteláns tentando erixirse en representantes de todos –artellando un Capítulo Español que teña a exclusividade da representación de todo o territorio estatal dentro da FFII–.

Como van aprender algo que nin queren, nin comprenden, nin perciben? E así estamos, séculos despois coa lóxica do vini vidi vinci en troques do vou escoito e convenzo. O grande pisando ao pequeno, como de costume.

No entanto, os intereses das transnacionais lograron que a Comisión Europea dese luz verde á montaxe dun tinglado xurídico que vai permitir mediante unha reviravolta a introdución das patentes (e probablemente tamén as de software) na UE. No entanto tamén, parece que o goberno estatal do PSOE de ZP quer afastar explicitamente o software libre da Lei para a Administración Electrónica e favorecer así aos grandes monopolios fornecedores de software. Fique patente: son outros os que poñen a súa política por diante dos lexítimos intereses da maioría, non nós.

A miña patente de corso non está caducada, mais desde hoxe vou sumarlle unha outra nova, bravú, unha patente de galego. Van ver.

Comentarios (3) 11:05 pm

3 Comentarios »

  1. FÓRA DO TEMA:

    Son consciente de que non debera publicar isto aquí, mais non atopei o teu enderezo electrónico por ningures para me pór en contacto contigo.

    Ao me afiliar á túa semente RSS na miña conta no Google Reader, esta fornece-me cos artigos de mendinho.blogaliza.org, non cos teus. Xa sei que soa moi estraño, mais teño unha chea de blogues na lista de suscripcións (en particular, algún de BloGaliza) e só me ocorre co teu.

    Se coñeces algunha solución, grazas de anteman por respostar.

    Un saúdo.

    Comentario por Un calquera — 15/10/2006 @ 7:26 pm

  2. Boas

    Verifiquei algunhas configuracións internas do WP e semella estar todo ben. O grande gurú ;-) parece tan sorprendido coma min dese fenómeno que explicas.

    O contido de http://calidonia.blogaliza.org/feed/ correspóndese perfectamente coas anotacións.

    Precisaríamos saber máis acerca do que che ocorre. Eu non emprego o Google Reader, pero quizá debas procurar dar de baixa ambos blogues e volver dalos de alta a ver se así…

    Saudiña

    Comentario por calidonia — 16/10/2006 @ 9:01 am

  3. Parabéns polo artigo; un anaquiño máis da história do noso país. Alomenos ao darlle cobertura evitaremos que no futura poidan negarnos a nosa contribución, tal como ten sucedido tantas veces; digamos o Reino de Galiza por poñer un exemplo, que agora resulta que nin existiu.

    Relacionado co tema:

    A Unión Europea abre as súas portas ás patentes de programación
    http://www.mesagalega.info/html/actualidade/20061018230849.html

    Agradécese saber que existe vida ahí fora.

    Comentario por Calquera. — 18/10/2006 @ 10:17 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .