Campaña normalizadora e tradutores automáticos
Hai medios que están posicionados conscientemente en contra da diversidade e do plurilingüismo. Case todos.
Aquí podes ver unha enquisa do Consello da Cultura onde se ve que o 65% de lectores de xornais consideran escasa a presenza do galego nese medio, e entre o 49% (El Correo Gallego) e o 72% (El Progreso) dos lectores das distintas cabeceiras demanda unha maior presenza do galego nas mesmas.
A cousa non ten variado a mellor nos dous anos que pasaron desde a súa elaboración, debido á gañancia global de lectores inducida pola aparición de gratuítos redixidos integramente en castelán. Algúns deles de capital galego!
Non, non sou inxenuo. Son ben sabidas as ‘razóns’ de imaxe, prestixio e prexuízos, que rodean a este tema. Tamén se coñecen as ‘razóns’ económicas, de nivel de renda e de influencias políticas, que xogan en contra do galego. Mais estas razóns non deben ocultar a belixerancia para con o idioma galego por parte dos empresarios do sector. Medida e calculada, restrinxida decote á liturxia cultural e ás estratexias políticas de comunicación.
Por iso é *necesaria* unha campaña (mil e unha) dirixida a varios medios escritos e non só a La Voz de Galicia, aínda que sexa o buque insignia da frota enemiga, e o medio que podería máis facilmente chegar a acometer algunha medida normalizadora, se quer de maquillaxe.
Partindo da campaña iniciada en Chuza! sobre o uso do dominio en galego de La Voz, desenvolveuse un debate sobre a utilización de tradutores automáticos. Comezarei dicindo que estou en contra deles! Pois si, é evidente que non é a solución para promover unha lingua de (mínima) calidade e xenuína (non castrapada), e que a decisión de usalos ou non é sobre todo individual.
Porén é evidente que a súa incorporación aos medios de comunicación (caso de La Voz) é un avance no emprego da lingua galega con respecto á situación anterior. E tamén se ten revelado un instrumento eficaz no que basear algún tipo de campaña ou forma de presión aos medios. Non é o horizonte desexado, mais é un principio positivo, no que iso supón de abrir posibilidades e encetar inercias de cambio.
No wiki de Chuza! *non* estou a propoñer que se traduzan ao galego todas as noticias porque si. De feito chócame que se me entenda así, porque no Enblogs pregunteille adrede a Berto pola aparente utilización exclusiva do galego en Chuza, para darlle pé a que deixase expreso o seu carácter aberto e plural, e o desexo de fuxir da endogamia, noutras palabras (por isto o fixen e non para criticar a presenza minoritaria de outras linguas e grafías).
O que se me ocorreu, o que intentaba propoñer, era ofrecer a *posibilidade*, a quen así o desexar e sempre voluntariamente, de chuzar unha noticia traducida, pero de xeito tal que unha adaptación no código de Chuza! (que cumpriría realizar) seguise contabilizando a fonte orixinal a todos os efectos, excepto á de visualización en pantalla da nova. Esta fonte contabilizaríase adecuadamente en todas as estatísticas, a xente seguiría a ver en pantalla o enderezo URL orixinal enbaixo do destaque, e a web orixinal seguiría recibindo as mesmas visitas (ou máis), só que procedentes do servidor do tradutor (o único que se perde é a visibilidade de Chuza! para as fontes, o que supoño implica cousas boas e malas de orde menor). Tan sinxelo como poñer dous botóns (galego e castelán) ou máis (con máis idiomas e/ou normativas, porque Chuza! tamén torce pola liberdade normativa) e que o usuario aforrase o ter que escribir o ditoso http:/221… ou 11.05 am
http://www.elcorreogallego.es/index.php?idEdicion=279&idMenu=27&idNoticia=85131
Exemplo do que queren os lectores (1º comentario). É que eu cada vez penso que a xente segue a pensar que o galego non vale para escribir. Despois dos debates das galescolas e todas esas películas, creo que é máis o sentimento contra o galego que a favor.
Xa sei que isto non ten moito que ver co dos tradutores automáticos, só coa primeira liña, pero é que apoio na súa totalidade o que expós, só matizar que non sei realmente se os lectores deses medios queren medios en galego. Eu creo que se houbera demanda, xa os terían sacado, pola voracidade das empresas para gañar audiencia. Non sei, é unha opinión.
Comentario por
elianinha — 2006-09-22 @ 12.49 pm
Concordo ao 100% contigo. De feito son da idea de que estaría ben que ao chuzar unha nova, na mesma páxina onde elixes a categoría, os tags, o resumo, haxa un apartado que che pregunte se queres que a nova chuzada estea traducida e se é así escoller o idioma. E segundo o que marques pois, como ti dis, a URL da chuzada será a orixinal pero o link sería á nova traducida. Tamén estaría ben poñer na chuzada unha imaxe pequeniña avisando do idioma orixinal da nova e que vai ser traducida automaticamente.
Penso que non sería dificil de facer.
Comentario por
IaRRoVaWo — 2006-09-22 @ 2.06 pm
Tarde vos respondo aos dous, mais o paso de tempo facilita ver as cousas con outra perspectiva máis ampla.
Elianinha, se interpreto ben o sentido do teu comentario en realidade pensamos o mesmo. A demanda existe na medida en que é un desexo difuso que se expresa desde unha situación de clara castelanización (maior do que os propios individuos coidan) e na que cada persoa por si mesma nen está disposta a facer nada por cambiala.
Iorravawo, a día de hoxe, varios meses depois, a iniciativa de chuzar novas de La Voz baixo o dominio en galego foi practicamente abandonada, e en Chuza! non chegou a continuar o debate sobre a posibilidade de alterar o código. Mágoa.
Comentario por
calidonia — 2006-12-10 @ 8.47 pm