Os urbanitas de Barreiro
Data de publicación: 17 de Agosto de 2006Category: denuncia, ecoloxia, media, politica
Veño de ler este artigo de X.L. Barreiro Rivas, o fillo do carteiro de Forcarei, e só vou dicir unha cousa:
Xa sabemos por que arde o monte. Agora fai falta saber por que prende.
O que isto escribe non é urbanita nin ruralita, máis ben alguén en transición, un rururbanita, se me é permitido máis un neoloxismo. Un rururbanita sen propiedades rústicas nin urbanas. un rurubanita que ten raíces no rural máis profundo e que vive no urbano máis moderno. Un rururbanita que sabe o que significa ‘TECOR societario’ e máis encontrar cazadores pegando tiros polos montes un domingo pola mañá. Un rururbanita que ten fundadas sospeitas de por que nun norte do País inzado de eucaliptus non houbo incendio ningún. Un rururbanita que comprende por que a moitos ruralitas o do feísmo urbanístico sóalles só a política. Un rururbanita que paga impostos para pagar brigadas anti incendios que traballan en montes que os seus propietarios xa urbanitas non queren limpar. Un rururbanita que ten todos os respeitos polos urbanitas e polos ruralitas, pero moi pouco polos artigos simplóns, aínda que veñan de alguén outrora tido por analista serio e rigoroso.
Esta anotación publicouse o Xoves 17 de Agosto de 2006 ás 10.47 am e arquivouse en denuncia, ecoloxia, media, politica. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

