O segredo da Illa das Focas

Data de publicación: 17 de Agosto de 2006
Category: atlantico, contos, lugares, raices

ron_mor_skerry Xa falei nunha anotación anterior da miña admiración polo filme de John Sayles The secret of Roan Inish (aquí traducida por ‘O segredo da Illa das Focas’), admiración que a través dos blogues descubrín que partillaba con Manuel Gago. A película está baseada nun relato infantil de Rosalie K. Fry, unha muller de Vancouver (Canadá) que viviu en Gales e Inglaterra durante o século pasado, e da que é moi difícil encontrar cousas na rede. Tamén pintaba cadros e fíxose famosa sobre todo a raíz da película. Antes diso o libro recibiu outros dous títulos, nos EUA empregouse o topónimo gaélico Ron Mor Skerry e no Reino Unido Child of the Western Islands.

Foi tanto o impacto emocional e a proximidade que espertou en min o filme que botei bastante tempo na internet detrás dun exemplar do relato en inglés. Hai cousa dun mes dei con varios volumes que cotizaban a 120 e até a 300 dólares, e tras moito rebuscar dei con unha reedición americana feita con ocasión da estrea do filme, un exemplar posto á venda na rede por unha ONG ecoloxista estadounidense dedicada á compravenda de libros de segunda man. Custoume 35 euros telo aquí en menos dunha semana.

Hai pouco que tamén tiven noticia das lendas sobre sereas que existen en Ares arredor da Illa Miranda, e fíxeno a través da TV, manda truco que pouca cultura temos e nin nos damos conta.

Sereas ou selkies, seres metade focas metade mulleres, que máis ten. Hoxe descubro que este verán as focas chegaron ás nosas costas, dúas á ría de Muros-Noia, e outra ao mesmo concello de Mugardos. Nesa ligazón podedes seguir a súa recuperación por parte da xente da Sociedade Galega de Historia Natural.

Vivan a fantasía, as lendas e máis o celtismo! A verdade é que me propuxen traducir este libro ao galego pola miña conta e risco. A ver o que me leva.

Esta anotación publicouse o Xoves 17 de Agosto de 2006 ás 11.34 am e arquivouse en atlantico, contos, lugares, raices. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

5 comentarios a “O segredo da Illa das Focas”

#1

Uno entusiastamente a miña voz aos “vivas”… o do libro é unha tarefa épica, pero dende logo felicítoche por anticipado por esa grande iniciativa.

Un saúdo.

#2

Ten boa pinta o libro ese.
Ánimo coa tradución.

#3

Excelente idea o da tradución! Moitas grazas!

Outra cousa: o teu RSS filtra os teus posts antes de que sexan publicados no blog. Eu xa lin onte a entradiña deste post cando estaban en estado “borrador”, ou algo así, e aínda non lle deras o estado “publicar”.

#4

Obrigado a todos polos ánimos. Vounos precisar, con certeza.

O do adianto oen exclusiva non debeu ser problema do RSS. O que aconteceu foi que a publiquei, despois non sei que fixen que a puxen como anotación privada, e despois devolvina ao estado público. Por iso puido parecer outra cousa.

O que si penso que fan os RSS é publicar unha vez cada versión dunha anotación, e así cada vez que fago unha modificación en algunha a entrada pode chegar por duplicado.

Saudiña

#5

Apúnteme entre os fans desa película, e de toda a obra do xenial John Sayles en xeral. Puiden velo en Donostia no 2004, presentando “Silver City”, e na súa boca soaron as frases máis intelixentes escoitadas en todo o festival.

Deixa unha resposta