- Se o número, causas e natureza dos lumes é a mesma que outros anos, por que nas xornadas dos días 7, 8 e 9 de agosto se concentran ao longo das zonas máis populosas, turísticas e de maior crecemento demográfico e urbanísitico recente e non de forma aleatoria nas diferentes zonas forestais tipoloxizadas como de risco? Por que hai lumes que xorden de noite? Por que hai lumes que prenden en montes limpos? Por que hai lumes que arrancan preto de lugares, aldeas e núcleos poboados? Por que hai lumes que aparecen nas zonas medias dos montes e non nas zonas altas dos mesmos, onde din que son máis frecuentes? Por que en zonas relativamente próximas ás principais vías de comunicación e en puntos estratexicamente visíbeis? Por que ardeu máis superficie arborada que de mato cando desde 1989 non se observaba unha proporción de terras arboradas queimadas coma esta (e xa houbo 3 quinquenios ou ciclos altos de lumes desde aquela e 3 anos seguidos con déficit hídrico no verán sen se dar esta circunstancia)? Por que o primeiro ano que se inicia unha mínima política de prevención complementaria á da extinción?
- Se os incendios son cousa de paisanos pirómanos, tolos, e vingativos, por que este ano se detiveron máis brigadistas e ex-brigadistas que noutras ocasións? Por que foron vistos e perseguidos polos veciños uns tipos vestidos con uniformes de camuflaxe polos montes da Barbanza? Que tipo de xente adoita pór vestimenta paramilitar deste tipo? Por que aparecen até cinco e seis focos nas inmediacións dos aeroportos de Labacolla e Peinador xusto o día que Zapatero visita Galiza? Por que algúns veciños culpan aos helicópteros de sobrevoar os mesmos lugares onde apareceren novos focos sen teren ardido previamente? Por que a mesma noite que principian as choivas aínda apareceron novos lumes con multiplicidade de focos?
- Se os artefactos para prender lume seguen a ser tan rudimentarios e pouco perfeccionados, como fan para lograr máis poder de destrución que nunca? Por que non se investiga de que alpendre particular, ferraxería ou almacén proveñen os cilindros metálicos dos paraquedas? De que fabricante ou fornecedor o material incendiario? Por que demos non se utiliza a tecnoloxía satelital para vixiar dunha vez montes e rías, como se pretende facer cos cayucos nas Canarias?
- Se todo o mundo coincide en dicir que os efectivos de investigación son insuficientes, por que se dán como representativas do conxunto das persoas que prenden lume no monte as detencións efectuadas (moitas veces grazas á inestimábel axuda e valentía da veciñanza)? Acaso os criminais e terroristas non serán un pouco máis difíciles de coller que os que xa caeron? É que aínda que non houbese unha trama organizada non pode haber un tinglado difuso? É que aínda que non houbera unha mafia e unha intelixencia única detrás dos atentados non pode haber unha coincidencia de intereses e motivacións ben coñecidos de todo o mundo que responden a un mesmo patrón de comportamento?
- Se o PPdeG, se a oposición aos governos da Xunta e do Estado, se os intereses económicos e financeiros especuladores que teñen na dereita o seu instrumento de incidencia e coartada política, se toda a xente que coincide cos discursos de neglixencia do governo… se todos eles teñen gañas de botar unha man, por que andan a sacar fotos risíbeis regando nos tomates con traxe de domingo? Por que os seus alcaldes rexeitaron a sinatura de convenios para a creación e mantemento de brigadas anti incendios? Por que dixeron que non ao diñeiro da Xunta para apagar os lumes e agora o piden para pagar aos afectados? Por que acontece isto ás portas dunhas eleccións municipais na que o poder caciquil do PP pode senón desaparecer si esmorecer? Por que algún ex-alcalde do PP anda contando a quen queira ouvilo que existe unha maquinación de varios alcaldes populares de concellos aos que se lles suspenderon obras desde a Consellaría de Alfredo Suárez-Canal (e que nada tiñan que ver co rural)? Por que se conforma unha ofensiva mediática contra o conselleiro máis eficaz e mellor valorado pola opinión pública? Por que os seguidores da dereita crean varios portais na internet imitando a iniciativa espontánea de ardegaliza.info co único interese de criticar a PSdeG-PSOE e BNG en vez de artellar dispositivos de voluntariado, vixianza e solidariedade como fixeron os primeiros? Por que o PP fai pasar por datos da NASA unha estimación de superficie queimada feita pola empresa dun coñecido ultradereitista do partido “Familia y Vida” que é máis de dúas veces superior á calculada pola Consellaría, Unión Europea e CSIC? U-la dignidade?
Esta anotación publicouse o Luns 14 de Agosto de 2006 ás 7.41 pm e arquivouse en denuncia, ecoloxia. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.










8 comentarios a “5 preguntas (sen?) resposta”
Grazas polo post, porque creo que lín centos sobre o tema pero en poucos souben algo novo.
Un saúdo.
Obrigado, só estou a publicar as miñas dúbidas, datos e opinións.
Preguntábasme no meu blog se no xornal había pirómanos (informativos). Dende logo que si, aínda que sobre todo están no “castelán”. Tamén hai xornalistas que merecen levar o nome do oficio, pero logo hai cada personaxe por aí solto…
Estouche verdadeiramente agradecido por escribires Sara. Éncheme de orgullo ter por compañeira de blogue alguén coa tua sinceridade. Cando fixen a pregunta no teu blogue foi nos primeiros días dos incendios, e aínda que obviamente non estaba dirixida a ti non caín na conta do apreto en que te podía estar poñendo, e despois proíame a conciencia. Eu tamén experimentei nunha redacción o que é o ‘terrorismo’ informativo e sei o que se sinte. Ánimo e adiante, con coraxe e calma.
Excelente post, si señor.
Nesta anotación de Desorde podedes ler a alguén que non só non parece coincidir comigo senón que me adxudica sen dubidalo a condición de servo ao servizo dos ideólogos neoconservadores do nacionalismo galego.
Artigos xornalísticos que tamén se fan preguntas:
Carlos Taibo
Miguel-Anxo Fernán Vello
X.L. Méndez Ferrín
Suso de Toro
Manuel Rivas
Non podo deixar de ligar tamén esta inmellorábel escolma de noticias e preguntas feita por Clop e mais o infome oficial da Consellaría de Medio Rural.