Suxa e vella cidade industrial norteña
Data de publicación: 15 de Xullo de 2006Category: economia, lugares, politica, raices, revival
Hai anos, cando moita xente descubría a Robert Carlyle en Full Monty, Suso de Toro publicaba na imprensa un perro artigo comparando Sheffield con Ferrolterra.
A película, polo demais, facía visíbel o lado máis humano e agradábel dunha problemática social que xa non era propiedade exclusiva das zonas industrias en declive de Ferrol ou Vigo: a globalización estaba en marcha. Antes foran os poemas de Manuel Rivas. Máis tarde viñeron Os luns ao sol. mais daquela un xa estaba apuntado ao carro do cine de crítica social e económica, capitaneado por Ken Loach.
En Ferrolterra segue habendo problemas e conflitos laborais. Zona de Promoción de Emprego. Zona Industrial en Declive. Zona de Urxente Reindustrialización… Zona Cero! 20 anos sen unha mínima solución global para a comarca teñen fomentado a emigración de orixe urbana máis importante de Galiza e envellecido a poboación até situala por cima da media galega.
Hoxe tiña que poñerme por forza melancólico, combatir a impotencia, reconducir a raiba e encher o pensamento con algo que axude a seguir tirando. Por iso, para fuxir da crueza do día o día, rescato e recomendo dous temas musicais.
O primeiro é Dirty Old Town dos Pogues, esa mítica banda irlandesa á que debería saírlle rapidamente algún imitador por estes lares (Os Cempés?). Shane McGowan e Kevin Weatherill, o cantante aquel dos Inmaculate Fools que namorara por terras de Vilalba, e que agora se dá en chamar Dirty Ray, son dúas iconas da adolescencia dificlmente esquecíbeis. Esta é a letra que me permitín ‘localizar’:
Coñecín a miña moza no valado dos depósitos
Soñei a carón do vello dique
Beixeina contra o muro da factoría
Suxa e vella cidade, suxa e vella cidade
[…]Ouvín a serea do estaleiro
Vin pasar o tren prendendo a noite
Respirei a primavera entre o fume e o vento
Suxa e vella cidade, suxa e vella cidade
Vou facer un machado ben afiado
de aceiro brillante temperado no lume
Vouvos talar como á vella árbore morta
Suxa e vella cidade, suxa e vella cidade
O segundo tema é un menos famoso do tamén pouco coñecido (mais sempre combativo) artista inglés Billy Bragg, ese comunista-socialista ‘do corazón’ que xunto ao Wilco tanto fixo por recuperar a memoria viva de Woodie Guthrie. Chámase Northern Industrial Town, e o título cóntao case todo. O resto está na letra:
[…] Verás os verdes montes por cima dos tellados
O vento fresco vira por tras do teu bloque
Cada tarde o neboeiro cobre a cidade
Nunha cidade industrial norteña
Só hai dúas equipas nesta cidade
E debes torcer por unha ou por outra
Déixanos gañar, déixaos perder, non hai saída
Nunha cidade industrial norteña
As luces da rúa son cálidas e brillantes
Na cima dos montes alcanzan a escuridade da noite
De non ser pola chuvia quizá xamais volverías
Á túa cidade industrial norteña
O día da paga anegan o lugar
Unha cervexa na man e un conxunto ruidoso
Seguro que han bailar ao ritmo da chuvia
Nunha cidade industrial norteña
E hai darredor unha chea de artistas
Os pintores rouban coches, os poetas guichan guitarras
Porque imos de mal en peor
Teñamos de vez o noso pan de cada día
Nunha cidade industrial norteña […]
Aquí podedes escoitar un pouco da canción.
E aquí podedes encontrar unha boa escolma (en inglés) de cuestións económicas reflectidas na cultura popular e no día a día.
Etiquetas: ferrol, fene, estaleiro, naval
Esta anotación publicouse o Sábado 15 de Xullo de 2006 ás 11.21 am e arquivouse en economia, lugares, politica, raices, revival. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.


2 comentarios a “Suxa e vella cidade industrial norteña”
Bancos de tempo e voluntariado
[…] vai uns meses descubrín que un dos meus desexos se tiña feito realidade. Unha versión magnífica que non podo deixar de fusilar e distribuir. […]