Cidade da Cultura: Camiño de Santiago Transatlántico
Data de publicación: 12 de Xullo de 2006Category: atlantico, lugares, politica
Moitas persoas e máis cualificadas teñen escrito a súa opinión ou a darán acerca de que demo facer coa Cidade da Cultura de Galiza.
É mellor aforrar as críticas que semellante idea megalomaníaca merece, incluíndo as dirixidas ao seu enxendrador, e apuntar cara ao inevitábel.
En algún momento dos vindeiros anos teremos un conxunto de espazos que só teñen sentido arquitectónico (partillémolo ou non) no seu conxunto e na súa totalidade. Teremos un conxunto de edificios que en tamaño multiplican por 5 o Museo Guggenheim de Bilbao. Teremos unha obra cuxa realización se cobrará 3 veces máis do orzamentado inicialmente. Teremos un mastodonte comecartos que só no seu mantemento vai hipotecar outras alternativas de promoción e difusión cultural da Xunta de Galiza.
Bilbao é o exemplo paradigmático de suceso de iniciativas desta natureza. Pero a maioría resultaron en todo o contrario: desde as Expos de Sevilla e Lisboa, até a Cidade das Artes e da Cultura de Valencia, pasando polo Fórum de Barcelona como exemplo intermedio. E así uns cantos máis. Unha onda de irracionalidade, mestura de moda e corrupción, mal inspirada noutras partes do mundo, levou aos políticos a inzar o territorio peninsular de moles desta natureza.
Non hai fórmula máxica que garanta o éxito destes proxectos, pero si algúns erros que sería imperdoábel cometer:
- Abonda con botar unha ollada arredor para darse conta que semellantes investimentos emblemáticos só poden ser rendíbeis economicamente se acadan unha proxección internacional, se se integran coas políticas privadas e públicas de promoción do turismo e se logra atraer visitantes procedentes de fóra do noso contorno inmediato. O contrario é procurar en exclusiva unha rendibilidade social que no caso galego sería baixa en relación ao investimento realizado (se é que estas cousas son medíbeis), insustentábel no tempo (o debate circular sobre a subsidiación da cultura) e que podería provocar mesmo confrontación social entre axentes culturais e poboación en xeral (cos políticos utilizando este morto eleitoralmente).
- Levar adiante un proxecto, calquera, que non esperte un pouco de interese por parte da iniciativa privada (e non estou a falar precisamente da hostelaría compostelana) podemos presupoñer sen fallar que non é interesante en termos de mercado e que está condenado ao fracaso. Evidentemente aquí o problema é de escala e reside en tirarlle ao proxecto unha rendibilidade sabendo que a dimensión do mesmo é desproporcionada e imposíbel de reducir. Sendo ese o reto e esa a dificultade se callar o que cómpre discutir é como combinar gasto e investimento público con beneficio privado, e minimizar as perdas que en conxunto se poidan producir.
- Chantar unha Cidade nas aforas doutra cidade non ten sentido ningún. O proxecto non pode funcionar sen estar integrado no entramado urbano de Compostela. Para iso sería preciso que Compostela fose unha cidade que non é, nin será en moito tempo, así que esa pexa hai que paliala cunha dotación de servizos e infraestruturas que posibilite en certo modo unha continuidade física e funcional do Monte Gaiás coa cidade. E para iso é preciso algo máis que un teleférico, probabelmente o desenvolvemento urbanístico e paisaxístico de todo o Sar.
Partindo destas premisas, que teñen tanto de materialistas como de reais, é cando se pode botar unha ollada ao outro lado e barallar as diversas alternativas socioculturais, propoñendo as evidentes, mais sendo creativos e ousados e achegando outras novas, procurando casar a dimensión financeira coa necesidade de fortalecer a cultura e a identidade de Galicia/Galiza/Gallaecia e da lingua galega/galego-portuguesa, construíndo un símbolo que represente a este País polo mundo adiante.
Hai uns anos, nunha das reiteradas revisións do Estatuto da Universidade da Santiago de Compostela introducíuse unha emenda que finalmente saíu aprobada e que dicía máis ou menos que a USC tiña que se converter nunha ponte entre o mundo hispano (latino como dan en chamar agora) e o lusófono, e na súa argumentación non só poñía sobre o papel a nosa histórica vocación de terra de entre-mundos, senón que tamén facía patente a nosa localización xeográfica privilexiada paras as nosas relacións coa outra beira do Atlántico, e se facía eco da orixe común das tres Universidades da Gallaecia: Salamanca, Coimbra e Compostela.
Na miña humilde e destemida opinión calquera proxecto real, práctico, rendíbel e oportuno pasa por retomar a esencia desta idea. Os ventos que malia a todo teiman en soprar na Galiza nesta nova xeira social que se iniciou coa derrota do enxendrador, a necesidade obxectiva que temos non só de fortalecer a nosa identidade colectiva, non só superando os vellos tótems senón tamén, e sobre todo, construíndo novos referentes que poidan ser aceptados xeralmente e apoiados activamente pola sociedade, a oportunidade política de decidilo aquí e agora, mesmo a coincidencia co discurso inicial do goberno bipartito… todas estas razón deveñen nunha única conclusión: A Cidade da Cultura de Galiza ten que ser unha porta entre dous Mundos e un porto para Compostela.
Estou a falar dun Camiño de Santiago Transatlántico. Complementando e completando a Santiago como destino da peregrinaxe relixiosa, unha Compostela como orixe dunha exploración laica, dun descubrimento (e auto-descubrimento) social e cultural co Miño e o Atlántico de por medio.
Probabelmente non estea a dicir nada novo. Temos que converter a capital galega na capital dun espazo de encontro entre a lusofonía e a hispanidade (esa histórica emigración galega a América deixou en nós pegadas tan fondas coma a orixe común do galego-portugués, e máis recentes na memoria colectiva).
Non podemos permitir, Galiza non pode permitir, por pór un exemplo, que a Comunidade de referencia para a promoción da cultura brasileira en España sexa Catalunya, con todos os respeitos, mais sen esquecer que o mesmo Ministro de Cultura que asina o convenio para iso sexa o que se negou no seu dia a dirixirse ao público galego dun concerto na súa propia lingua e na nosa propia lingua, o galego-portugués, e optase polo castelán.
Na Cidade da Cultura debe estar representado o Brasil, pero tamén países como Arxentina/Venezuela/México… Galiza debe ser a ponte de chegada e saída deses países ao Vello Continente, e nós converternos para a cidadanía europea na referencia interna do Novo Continente en Europa. Agora toca tormenta de ideas para encher todo con contidos e negocios, que os hai, moitos e bos.
Etiquetas: cidade da cultura, santiago, compostela
Esta anotación publicouse o Mércores 12 de Xullo de 2006 ás 5.33 pm e arquivouse en atlantico, lugares, politica. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.


