O Especial de Medianoite
Estamos na Norteamérica sureña. Os reclusos desta prisión son todos homes de raza negra condenados a traballos forzados. Xente de ben e xente de mal, talmente como fóra destes muros.
Todas as noites e sen hora fixa un tren expreso circula por un camiño de ferro próximo ao cárcere. Contan que aquel preso que en plena madrugada sexa iluminado polas luces do Especial de Medianoite será libertado.
De cando en vez na solaina da cadea os presos máis vellos resgatan do esquecemento esta lenda, sentan ao lado dos máis novos e falan para ninguén mentres ollan ao ceo.
Estes homes pretos, desfeitos por horas e máis horas de tarefas duras a pleno sol, incapaces de sobrepoñerse á mesma comida suxa de sempre, loitan todas as noites contra o fado e a fatiga procurando alcanzar esforzadamente as xanelas das súas celas. Tan altas están que o luar cólase ao dereito por elas, alumeando os catres.
Cada noite ducias de almas procuran así a súa liberdade. Ou quizá só a esperanza da liberdade. Uns poucos conseguen aguantar até a chegada do comboio. Moitos derrúbanse e fican durmidos de calquera xeito contra a parede.
Cando o expreso se aproxima o silencio aprópiase do cárcere enteiro. O zunido crece levemente primeiro, e despois faise cada vez máis audíbel, como o ritmo dos latexos.
O maquinista é un bo home. Coñece a algúns dos presos que lograron fuxir da cadea. Descubríaos nos vagóns de mercadorías cando chegaban ao seu destino. Durmidos, rendidos, máis mortos que vivos. E axudábaos a fuxir sempre que podía e a policía non andaba perto. É por eles que sabe da lenda. Cada noite, cando se aproxima á prisión fai asubiar ese animal vello de ferro e vapor. Nunca se importou do que puideran ter feito os captivos. A liberdade é un ben moi prezado nestes tempos. Vive e deixa vivir, é o que pensa.
O tren xa chega á altura da prisión. Os corazóns dos presos parecen quebrarse como a pedra baixo os picos e os martelos.
É entón, nese instante preciso, coa puntualidade dunha maldición que virou realidade, cando os vixiantes das torres prenden os seus potentes focos. Os feixes de luz percorren en zigue-zague as paredes da cadea, procurando deitar luz en todas as xanelas. Así até que o comboio se perde de vista e uns risos tenebrosos fican gravados na friaxe da noite.
Cada mañá, sempre hai algún preso que sostén ter sido o único iluminado de verdade polo feble resplendor do Especial. Ás veces son varios os que ousan afirmar tal, e entón prodúcense liortas sanguentas ás que o resto dos presos asiste con indiferenza, esperando a lenta intervención dos carcereiros.
Outra xornada de traballo. Máis cancións e batuques metálicos. A noite e a historia repítense de novo.
chúzame -
Non hai comentarios »
Aínda non hai comentarios.
RSS semente para comentarios a esta anotación.
| TrackBack URI
You can also bookmark
this on del.icio.us or check the cosmos