Nada mellor que Bonaval

nada_mellor_que_bonaval_1Nada mellor que a bona vale. A val boa, en feminino, como ten que ser. Nada mellor que fuxir das estampidas de toristas de volta do Coruña ben pertrechado cun par de bocatas. (Nota mental: Por que non terán servizo a domicilio? A utopía da mellora da hostelaría en Santiago!)

Nada mellor que coller camiño de San Domingos, indiferente a esas masas humanas de indíxenas e forasteiros dedicadas en corpo e corpo ao noble deporte do terrazing.

Nada mellor que xantar á sombra de ancianas árbores nun parque apenas poboado por algún que outro privilexiado, escoitando o marmurio das follas e dos páxaros. E cada 15 minutos aproximadamente tamén a performance musical do CGAC.

Nada mellor ca isto, noutra xornada de temperaturas obscenas dacabalo entre un turno laboral e outro.

Nada mellor.

Unha alfaia, unha xoia por fortuna aínda sen descubrir. Un recanto para sizaritas, estudantes, folgados e namorados.

Nas vindeiras semanas Bonaval acollerá algúns dos espectáculos da Feira das Artes Escénicas de Galiza. O recinto xa acolleu en anteriores ocasións representacións, concertos, recitais e até lumeiradas de San Xoán. E a boa fé que hai poucos escenarios mellores para calquera evento.

O Parque de San Domingos de Bonaval é a mellor obra que se fixo en Compostela desde hai 20 anos, e probablemente sexa a mellor durante uns cantos anos máis, contando mesmo que algún día se poida falar da Cidade da Cultura con algún motivo de orgullo.

A combinación de disciplinas e creadores, cun moito de achega do mestre Siza, a conxunción do natural e do racional, a diferenciación de espazos en niveis e compartimentos, as sendas en zigue-zague, eses regos de água, ese miradoiro sen par da cidade vella. Sen mar e sen río, a praia de Compostela, cando se viven quendas quentes coma estas.

Bonaval. Nada que ver con outras obras mal chamadas emblemáticas tamén realizadas na cidade nestes últimos 20 anos.

Por exemplo, esa aberración que artellaron en Xoán XIII para recibir aos toristas, coronada por esa pérgola que segundo din marabilla a moitos arquitectos e estudantes. Aos seus creadores, Piñón e Viaplana, dediqueilles no seu día a seguinte copla. Cuestión de estilo.

nada_mellor_que_bonaval_2Pérgola

U-lo punto de fuga da chuvia
ao Leste do Navia?
U-los arcos das vellas
e a arquitectura fria da alborada?
U-la música da herba deitada?
U-la ferruxe da pedra
e o mol do ceo
nesta prisión de miradas?
Nesta porta de inverno
coa que me abristes as entrañas.

Etiquetas: , , ,

Chuzame! chúzame -
4.15 pm

4 Comentarios »

  1. bocadillos bocadillos… ó carallo! Vai antes ao dezaseis e tomas un menudiario deses e logo subes a bonaval durmir a sesta!

    Comentario por Anonymous — 2006-06-07 @ 6.50 pm

  2. A min tampouco che me gusta ese feixe de columnas…

    Comentario por *Sara — 2006-06-08 @ 5.31 pm

  3. Prezado anónimo, a dez asos na fronte do venerado 16 pode Vosté xantar un menú do País por 6 euros no nactualizados polo IPC desde hai polo menos 2 anos.

    Comentario por Calidonia — 2006-06-09 @ 2.29 pm

  4. encántame ese corredor-pista de despegue ao resto do mundo. e encántame tamén bonaval–>

    Comentario por Anonymous — 2006-06-10 @ 5.44 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .