O fracaso do Windows en galego
Lía aí atrás unha nova na que se falaba dunha crítica vertida desde A Mesa á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) culpándoa da incompatibilidade do programa informático PADRE, empregado para cumprimentar as declaracións da renda, coa interface lingüística do Windows en galego.
A cousa ten chiste, porque aínda que neste caso pódese disparar sen apuntar e non errar ningún tiro, o certo é que a culpa verdadeira é da Microsoft e da xestión do PP na anterior Xunta de Galiza.
Non son informático e o que vou dicir estará suxeito a discusión, pero despois de instalar máis de 30 PCs con Windows en galego e de supervisar o seu funcionamento durante 2 anos pódovos asegurar que esa interface impide o correcto funcionamento do motor de base de datos MS Jet, que é o que fai funcionar tanto o MS Access como outros programas que utilizan determinado tipo de tratamento de datos.
No MS Access deixan de funcionar todos os asistentes gráficos de axuda á creación de formularios, consultas, informes, etc. No resto de programas do MS Office funcionan mal cousas como o 'mailing' desde MS Word. Tamén detectei numerosos programas e CDs de bases de datos empresariais que directamente xa non funcionan despois da súa instalación. E, por suposto, non vai tampouco o PADRE.
Isto acontece con calquera versión de Windows XP, quer co SP1 quer co SP2, e tamén ocorre coas dúas versións da interface: a primeira, do ano 2004, e a que se pode descargar actualmente, se es usuario rexistrado de Windows, claro. Todo isto independentemente de que se empregue calquera versión de MS Office (2000, XP/2002, e 2003) e independentemente tamén de que se teña instalada a interface de tradución do MS Office ao galego (só para o 2003), que non é a causante dos problemas que vos refiro. Como vedes, probei todas as combinacións de SO, programas, interfaces e actualizacións.
Queda pois de manifesto en qué e cómo derramaron o diñeiro dos contribuíntes a Xunta anterior e máis a Microsoft, cando hai dous anos presentaron aquilo da galeguización do Windows, agasallando (sic) á xente cun estoxo de 2 CDs cheos de propaganda e de plantillas barateiras, que o único que facían era conectarte á internet para acceder ás habituais páxinas de descarga da Microsoft.
Quedan temén postas de manifesto, dúas concepcións diferentes de facer política en materia de sociedade da información e de galeguización das TIC. Con todos os erros que poida haber nas actuacións do novo goberno, simplemente non hai cor.
Así as cousas, hoxe por hoxe, o nivel de galeguización real na informática, sen problemas que afecten á plena funcionalidade dos programas, é a mesma en Windows que en GNU/Linux.
É certo que no mundo libre e grazas aos esforzos da xente de Trasno xa temos unha versión do escritorio GNOME malamente traducida ao galego ('traduczón'), mais polo de agora o único corrector ortográfico de galego normativo é o que existe para MS Office. O que está dispoñíbel para o OpenOffice é unha versión digamos alpha, e aínda cómpre esperar un mes para a definitiva.
Iso si, daquela xa non haberá desculpa posíbel para as persoas e as empresas comprometidas co noso idioma para non optarmos directamente polo software libre.
Etiquetas: windows, linux, galego, localización
chúzame -
5 Comentarios »
RSS semente para comentarios a esta anotación.
| TrackBack URI
You can also bookmark
this on del.icio.us or check the cosmos
Coisa mal feita, não é? Porque as versões dos outros idiomas não dão problemas?
Saudações dum galego de ultramar.
Comentario por
Príncipe De Venardis — 2006-05-25 @ 2.12 pm
Non só o Jet, (que de por sí da bastantes problemas entre versións) senon tamén inutiliza CD’s. Véxase isto.
Comentario por
ArvPart — 2006-05-25 @ 3.35 pm
Pois eu teño o Windows XP en galego e nunca me deu erros, tamén pode ser porque non uso o programa PADRE nin ningún similar.
Comentario por
IaRRoVaWo — 2006-05-28 @ 2.22 am
Iarrovawo, supoño que xa lerías esta Nova en Chuza!.
Non sei como debiches facer pero o certo é que desde 2004 até 2/2/2006 que é a data de publicación do parche era imposíbel empregar correctamente as bases de datos Jet coa interface do sistema operativo en galego instalada.
Unha limitación que detectei é que este parche só val para o Windows XP co servie pack 2 instalado. Se tes o SP1 non funciona. Non sei se hai outro parche para versións anteriores.
Aínda que eu xa puxen proa cara ao software libre alégrome de que o tal Spider que publicou a nova nos faga saber a existencia do parche pois estou certo de que moitas persoas que emprega Windows quererá poñer o seu PC en galego.
Comentario por
Calidonia — 2006-05-31 @ 1.37 pm
Hoxe lin este artigo, e abofé que é certo o que di Calidonia. Eu utilizo o parche galego en WindowsXP, e o que antiguamente resultaba doado, como por exemplo importar taboas de diversos formatos a Access, ou dende Word facer un mailing lendo os os dados nunha base de dados e destinando o resultado a Outlook Express, xa funciona.
Nunca sospeitei que podería ser por esta razón, pero é certo que dende que fai tempo instalei o parche galego, houbo cousas que deron problemas.
Nada, que cada vez estou mais convencido de afondar en Linux, onde xa din os primeiros pasiños.
Comentario por
minhoca — 2006-07-26 @ 9.37 am