Un satélite para un problema de Estado
Data de publicación: 17 de Maio de 2006Category: atlantico, ecoloxia
Hoxe, mentres tomaba o café no descanso matinal, lía un deses xornais que un le cando todos os que quere ler xa están collidos. Ese xornal era El Mundo.
Ben, máis que ler El Mundo un o que fai é facer unha pasaxe visual polos destaques, para xulgar rapidamente con tan só media ducia de páxinas o nivel de crispación tabloidal que se rexistra nos círculos pseudopolíticos capitalinos.
O caso é que me chamou a atención esta noticia:
España alquilará un satélite para controlar a los cayucos
Xa o comentei máis en serio que en broma nunha noticia de Chuza! que agora non dou localizado.
Por que non un satélite para controlar os vertidos nas nosas costas?
Cando a catástrofe do Prestige demostrouse a utilidade das imaxes por satélite para detectar e facer un seguimento do vertido.
O Goberno decide empregar un satélite para espionar a costa africana ao Sur das Illas Canarias, para facelo día e noite, para detectar embarcacións cuns poucos metros de lonxitude.
Hai algunha razón que impida que se faga o mesmo para vixiar o intenso tráfico do corredor marítimo de Fisterra?
Non son nin moito menos experto na cuestión, pero teño a impresión de que abondaría cun satélite xeoestacionario de menor potencia, resolución ou amplitude do canal de datos para detectar vertidos ilegais no noso litoral, sen ser precisa unha tecnoloxía moi diferente á empregada no outro caso (infravermellos). Gustaríame ler algún artigo de alguén con coñecemento na materia.
No entanto cabe preguntármonos máis unha vez se o tráfico marítimo nas nosas costas non é un problema de Estado, se non é mesmo un problema comunitario e mundial. O da inmigración, evidentemente, tamén o é, non estou a dicir o contrario.
Só que calquera día outra negra sombra volve a enxergarse ameazadora no horizonte. E aquí nin Deus adoptou aínda unha solución definitiva. Que os colla, que nos colla confesados.
Etiquetas: prestige, nunca máis, satélite, goberno
Esta anotación publicouse o Mércores 17 de Maio de 2006 ás 12.49 am e arquivouse en atlantico, ecoloxia. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.


Un comentario a “Un satélite para un problema de Estado”
Totalmente de acordo contigo.
Unha aperta!