Porcentaxe de blogs galegos en galego e en castelán

Coincidindo coa conmemoración do 17 de Maio -cústame falar de celebración- quería aproveitar para subirme ao carro dos cépticos e escribir algo non demasiado optimista sobre a presenza da nosa lingua na rede.

Desde que isto dos blogs comezou a saltar con frecuencia ás páxinas dos xornais tense montado moito balbordo acerca da definición da comunidade blogueira. Confundindo o Touriño coa velocidade tense falado de BloGaliZa como se se tratar do BlogoMILlo ou do BlogoMILlo como se se tratar da BloGoESfera. Tense afirmado, erradamente, que a maioría dos blogs galegos empregan o galego.

Co ánimo de botar algo de luz sobre esta cuestión púxenme a facer un experimento para tentar determinar a porcentaxe de blogs galegos -escritos por galeg@s- que están nun ou noutro idioma.

Posibilitar a determinación destes números pasou por asumir varias hipóteses de traballo:

- Determinar a porcentaxe de blogs nun e noutro idioma en función do número postaxes publicadas en galego ou en castelán. Supoñemos, portanto, idéntica propensión á publicación de anotacións por parte dos blogs e d@s blogueir@s nun e noutro idioma.

- Facer abstracción das postaxes escritas empregando calquera outro idioma. Isto inclué as anotacións feitas coa norma ortográfica do padrón de Lisboa por razóns restritamente técnicas e non lingüísticas.

O principal obstáculo a salvar nesta tarefa reside en que, entanto para o galego das normativas oficial e reintegracionista se poden identificar con bastante exactitude a residencia ou procedencia territorial dos autores, non acontece o mesmo para o castelán, caso no que entraríamos a considerar unha chea de blogs escritos desde fóra de Galiza.

Creo terlle dado unha solución satisfactoria a este atranco empregando un novo filtro de identificación de fluxos ou feeds, no que ao criterio netamente lingüístico se lle suma un criterio pseudoterritorial consistente en escoller e contabilizar aquelas anotacións que falan de lugares determinados: a través da utilización de topónimos.

Fixen varias probas con topónimos inequivocamente galegos e aos que rara vez a comunidade blogueira se referiría se non fose porque os autores/as son de Galiza.

Isto obrigoume a excluír como filtros válidos a maioría dos topónimos de cidades e de concellos turísticos -son obxecto de comentario por moitos blogs de fóra- e, en xeral, todos aqueles topónimos que teñan homónimos noutras partes do mundo ou que coincidan con palabras escritas noutros idiomas. Pola escaseza de blogueir@s e de anotacións tamén non foi posíbel empregar topónimos de concellos pouco populosos e microtopónimos.

O resultado destes cálculos, con 6 lugares seleccionados de forma aleatoria, 2 pertencentes ás provincias máis populosas e 1 ás que menos, é o seguinte:

porcentaxe_de_blogs_galegos_en_galego_e_castelan

Só o 16% dos blogs (ou dos posts) galegos empregan a nosa lingua. Non pensedes que quedei satisfeito co resultado. Probei con outras combinacións de lugares e as porcentaxes resultantes non mudaban significativamente e se situaban sistematicamente entre 9 e 24 puntos porcentuais.

Pode que o sistema non sexa nin moito menos perfecto e pretende ser só unha aproximación. Mais acho que é o suficientemente representativa da situación actual da lingua galega en Galiza, e sobre todo entre a mocidade, que é esencialmente a usuaria da rede e dos blogs.

A título comparativo, os datos do Censo de Poboación do ano 2001 situaban a porcentaxe de uso do galego ’sempre’ aproximadamente entre o 50% e o 40% da poboación menor de 40 anos. Sen dúbida a presenza de internautas é maior canto menor é a idade e iso pode facer que a comparación non sexa rigorosa. Mais o que tampouco ten dúbida é que a fenda dixital no medio rural -falta de acceso á internet nas zonas máis galegofalantes en todos os tramos de idade- impide unha maior porcentaxe de blogs en lingua galega en Galiza e, por tanto, una avanzo maior do galego no ámbito das novas tecnoloxías.

Doses de realidade e carga de traballo para o futuro.

Etiquetas: , , ,

7.25 pm

4 Comentarios »

  1. Sigo con atención os traballos que tanto ti coma outros desenvolvedes sobre este tema, e xa imaxinaba que o blogomillo non podía ser tan preponderante sobre a bloG-ESfera, ainda así esperaba algo mellor. :(

    Comentario por Ghanito — 2006-05-15 @ 9.14 pm

  2. Pois. Eu traballaba coa hipótese de que o galego era minoría, como xa comentei no Enblogs’06, pero non con tanta diferenza.

    Penso que ten a ver o feito de que moita da mocidade galegofalante pertenza a zonas con escasa cobertura xa non de banda larga senón tan sequera de internet. Aínda hoxe.

    De todas formas, coido que o máis importante é a calidade e non a cantidade, e que @s blogueir@s galeg@s e en galego estean máis organizad@s, sexan máis comunidade que os que escriben en castelán, alén de estar máis ocupad@s e preocupad@s pola nosa propia realidade.

    Comentario por Calidonia — 2006-05-16 @ 5.36 pm

  3. Vaia, eu tamén pensaba que a situación do galego nos blogs era algo mellor. Hai tantos bos blogs en galego que non teño tempo de lelos todos.
    Eu escribo desde a Irlanda unha pequena torre de Babel de catro pisos…
    Non sei en que categoría quedaría metido iso.
    Saúdos

    Comentario por Pablo — 2006-05-17 @ 12.51 am

  4. Novas:

    Parece que a estimación comeza a ser referendada -case dous anos despois, dous anos perdidos para a lingua- por outros estudos (vía Chuza).

    Comentario por calidonia — 2008-01-28 @ 8.32 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture. Click on the picture to hear an audio file of the word.
Click to hear an audio file of the anti-spam word