Un educouse, musicalmente falando, escoitando os discos de Fundador que había pola casa. Ben, tamén había discos de Ataulpa Yupanqui, Jorge Cafrune, Mercedes Sosa, Los Chalchaleros… pero que queredes?, tirábanme máis aqueles outros de Los Ángeles -Mónica-, Los Canarios -Get on your knees-, Los Bravos -Black is black-, Fórmula V -Tengo tu amor-… Shhhh… Un dos segredos mellor gardados da miña vida: abrigo unha imaxe infantil inapagábel comendo papas de maínzo e escoitando a Karina -El baúl de los recuerdos-.
Non sei se foi influencia materna ou o que, pero acabei raiando até partir literalmente en dous un vinilo recompilatorio dos Beatles -Paperback writer-. Non foi até anos maís tardes que por vía paterna cheguei á Creedence Clearwater Revival.
Xa crecidiño e influenciado polo señor Luís -con quen estarei sempre en débeda-, comecei a profundar nas cálidas augas do power pop e das guitarras eléctricas Rickembacker -esas que forman divina trindade xunto coas Fender e as Gibson-.
Así acabei chegando a un tipo de música que me gustaba e coa que me identificaba plenamente. Unha música optimista e feliz, transmisora de enerxía, capaz de expresar unha sensibilidade requintada, xeradora de emocións. Vaia chapa. En fin, a que me facía vibrar.
Adorei -durante un tempo, como a todos os ídolos- a grupos aparentemente dispares como The Smithereens -Deep black-, The Housemartins -Five get over excited-, Paul Collins beat -Rock’n'roll girl-, La Granja -Vi la lluvia caer-, Teenage funclub -Neil Jung-, ou o aínda venerado Elvis Costello -Allison-. Aínda me e-nervo
escoitándoos.
O que eu non podía sequera imaxinar era que ía acabar encontrando na internet, e máis concretamente na blogosfera galega, a unha cantidade de xente tan grande que comparte gustos ou querencias semellantes á miña.
Aí están Xoel, PowerPopAction, The Homens, Felipop, Meu…
Power Pop! Poder Popular!
P.D.: Un séntese rexuvenecer por momentos. Iso está ben.
Esta anotación publicouse o Xoves 6 de Abril de 2006 ás 7.07 pm e arquivouse en media, raices. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.



4 comentarios a “Power pop, poder popular”
xoel!!!!!!!!!!!!! jajajaaj moi bo!
grazas, calidonia. O certo é, penso, ben máis triste: non houbo maquiavélica conspiración por parte do Goebbelsinho, coma lle chamas. Algo máis eficaz que a maldade é a necidade. O traballo de autor, simplemente, e cando un é ninguén, ignórase…
Coido Estibaliz que hai bastante xente no blogomillo e fóra del que te ten por máis que alguén. Por iso me sorprende máis esa ocultación! Ánimo de todas formas.
Pouco despois de publicar esta noma dei con esta outra.
Concerto de aniversario de PowerPopAction no Pub Cachán de Santiago de Compostela (Rúa Loureiros, a que baixa de Santa Clara en diagonal cara á Costa Vella) o vindeiro día 22 de Abril.
E quen van tocar afinal senón The Homens?