Ollando as estrelas (do básquet)

ollando_as_estrelasPara min falar de estrelas non é falar do firmamento -aínda que tamén foi unha afición pasaxeira que tiven- nin do mundo do cinema -aínda que teña predilección polo xénero espacial e teña simpatía por algunhas das constelacións do celuloide-.

De toda a vida a palabra estrelas significa para min estrelas do baloncesto, do básquetebol se preferides. O único deporte de equipo do que gosto.

Medrei con el, cando todo o mundo xogaba ao fútbol -eles- e ao balonmán -elas-. Ben, todo o mundo non. Había moita xente que despois do fiasco futbolístico do Mundial 82 pasouse ao basquet.

Iniciámonos cos Xogos Olímpicos de Los Ángeles '84. Con Epi, Jiménez e Solozábal... Era e sigo sendo do Barça.

Preguntábamonos até onde podería chegar aquel rapazolo eléctrico chamado Michael Jordan que nolas enchufaba sen parar na final olímpica.

Soñábamos con Earving "Magic" Johnson -que pau todo o mundo cando anunciou o da SIDA e que ignorantes éramos de todo aquilo-. Son inesquecíbeis os seus duelos con Larry Bird no marco daquela histórica rivalidade Celtics-Lakers, Leste contra Oeste. Eu torcía polos angelinos, naturalmente.

Seguíamos con atención, e tamén con complexo de inferioridade, as evolucións dos xogadores europeos na NBA. Non me refiro especialmente ao finado Fernando Martín, senón a outros. Acho que o baloncesto foi a nosa primeira porta de entrada a Europa.

Falo daquel rapaz croata -quen sabía nada dos Balcáns entón- con cara de despistado que anotou 62 puntos nunha final de Recopa co Real Madrid -despois de terlle amargado previamente aos brancos bastantes partidos coa camisola da Cibona-. Conta a lenda que anotou até 112 puntos nun mesmo partido, máis que o mítico Wilt Chamberlain. Drazen Petrovic, un fenómeno que acabou deslumbrando en New Jersey antes de finar na Alemaña nun accidente de tráfico -igualiño que o Martín.

Pero había máis. O Sharunas Marchulenis, o primeiro soviético na liga profesional estadounidense, un dos primeiros síntomas da Perestroika. O Arvydas Sabonis, o mellor pivote da historia se chega a ser mellor tratado polas lesións. Tiven ocasión de velo en persoa cando el aínda gastaba acné, xunto a aquel outro mostro ;-) da selección soviética chamado Tachenko. Aconteceu cando o Mundobasket '86 tivo unha das sedes da fase previa en Ferrol. O Toni Kukoc, con 38 anos e aínda en activo. Din que podería xubilarse no Real Madrid.

Vibrábamos e gritábamos coas súas tardes perfectas. Sufríamos en carne propia todas aquelas epopeias.

Xogábamos nas canchas de cemento da banda sur da Ría, con canastras oxidadas e cadeas por redes. Chándal, bicicleta, bola, amigos. Unha cita frecuente que se sucedía de xeito natural, como o paso dos días. A choiva, caendo. A noite, que non se vía. A pista, construída nun plano inclinado. Favorecía meter as triplas desde a banda de arriba. Tíñamoslle tomada a medida. Ninguén podía vencernos nese lugar.

Logo veu a Universidade, e aquilo esvaiu. O traballo, e nunca máis se soubo. Levo dous anos tentando xogar unha vez á semana cunha banda de familiares, amigos, veciños e descoñecidos. Pero non dou collido o ritmo. Comezo en setembro e en xaneiro xa teño que deixar de ir. Falta de tempo e horarios subversivos. Magóa, préstame moito e faime moito ben.

Que resta do noso amor? Pois unha cita anual inaprazábel coa fin de semana das estrelas, o All Star Game da NBA. Comeza hoxe.

Levo varios anos seguindo ao Pau Gasol. Seguindo? Quero dicir ollando con frecuencia as súas estatísticas, as crónicas dos xogos e as clasificacións dos Grizzlies. Desque marchou a Memphis só puiden ver uns poucos partidos del ao vivo. Este ano dei con algunha web -ehem- coma esta onde procurar por case todos os partidos. E é que nunca quixen pagar pola NBA. Ao comezo aínda poñían algún partidiño no Canal +, pero axiña foron recurtando a dose, e acabaran por retiralo e poñelo de pago. Nese mesmo intre devolvín o decodificador.

A boa noticia é que este ano o rapazolo das barbas de Sant Boi xoga por vez primeira o partido das estrelas. E a excelente noticia é que cuatro emite esta fin de semana e en aberto todos os eventos: o partido dos novizos, os concursos de mates e triplas, e o partido dos All Star.

De xeito que, coa que está caendo, voume programar unha finde caseiriña entre películas, baloncesto, internet e flocos de millo.

E invítovos a que fagades o mesmo.

Chuzame! chúzame -
8.27 pm

4 Comentarios »

  1. Aquela selección soviética de Sabonis, Tachenko, Kurtinaitis e compañía visitou a ‘capital do sur da ría’. Malia ás diferenzas, había ‘bo rollito’ con Juan ‘O Pata’ quen, para darlle nos morros a Couce e Quintanilla, fixo o imposíbel para que viñeran.
    Foi unha toleada. Houbo que montalo todo nun par de horas. Nin tempo tiven para xantar.
    Franki, encargouse de anunciar o evento coa megafonía instalada no seu 127 verde, e a min tocoume improvisar un programa que incluíu visita á pista de San Valentín (con tiros a canastra incluídos) e recepción na ‘casa branca’.
    Das intrahistorias desa xornada acordo que os soviéticos andaban como tolos na procura de Sabonis. Non aparecía por ningures. Ao final, tiveron que ir buscalo á praia de Doniños. Estaba tomando o sol cunha das intérpretes. Unha loira preciosa: olllos-sorriso e cú.

    Comentario por Anonymous — 2006-02-18 @ 6.25 pm

  2. Benvido ao meu humilde fogar electrónico ;-)

    Comentario por Calidonia — 2006-02-18 @ 11.04 pm

  3. e que merda que só xogase 14 minutos…

    Comentario por Aultre Narai — 2006-02-21 @ 1.59 am

  4. Novidades.

    Aínda estou esperando que se argalle un xogo no blogomillo. Contade comigo para iso desde xa.

    Aquí vos deixo algunhas outras ligazóns interesantes relacionadas co basquet:

    - ACB, anos van que non temos dous equipos galegos na máxima competición estatal.
    - Euroliga, o melloriño do continente e de alén, o mellor baloncesto de equipo.
    - Fiba Europa, xa se aproxima o Eurobasquet 2007, ese Fran Vázquez.
    - 82 games, a mellor páxina de estatísticas da NBA.

    Comentario por calidonia — 2007-01-07 @ 9.48 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .