Ollando as estrelas (do básquet)
Data de publicación: 17 de Febreiro de 2006Category: atlantico, deportes, intres, lugares, raices, revival
Para min falar de estrelas non é falar do firmamento -aínda que tamén foi unha afición pasaxeira que tiven- nin do mundo do cinema -aínda que teña predilección polo xénero espacial e teña simpatía por algunhas das constelacións do celuloide-.
De toda a vida a palabra estrelas significa para min estrelas do baloncesto, do básquetebol se preferides. O único deporte de equipo do que gosto.
Medrei con el, cando todo o mundo xogaba ao fútbol -eles- e ao balonmán -elas-. Ben, todo o mundo non. Había moita xente que despois do fiasco futbolístico do Mundial 82 pasouse ao basquet.
Iniciámonos cos Xogos Olímpicos de Los Ángeles ‘84. Con Epi, Jiménez e Solozábal… Era e sigo sendo do Barça.
Preguntábamonos até onde podería chegar aquel rapazolo eléctrico chamado Michael Jordan que nolas enchufaba sen parar na final olímpica.
Soñábamos con Earving “Magic” Johnson -que pau todo o mundo cando anunciou o da SIDA e que ignorantes éramos de todo aquilo-. Son inesquecíbeis os seus duelos con Larry Bird no marco daquela histórica rivalidade Celtics-Lakers, Leste contra Oeste. Eu torcía polos angelinos, naturalmente.
Seguíamos con atención, e tamén con complexo de inferioridade, as evolucións dos xogadores europeos na NBA. Non me refiro especialmente ao finado Fernando Martín, senón a outros. Acho que o baloncesto foi a nosa primeira porta de entrada a Europa.
Falo daquel rapaz croata -quen sabía nada dos Balcáns entón- con cara de despistado que anotou 62 puntos nunha final de Recopa co Real Madrid -despois de terlle amargado previamente aos brancos bastantes partidos coa camisola da Cibona-. Conta a lenda que anotou até 112 puntos nun mesmo partido, máis que o mítico Wilt Chamberlain. Drazen Petrovic, un fenómeno que acabou deslumbrando en New Jersey antes de finar na Alemaña nun accidente de tráfico -igualiño que o Martín.
Pero había máis. O Sharunas Marchulenis, o primeiro soviético na liga profesional estadounidense, un dos primeiros síntomas da Perestroika. O Arvydas Sabonis, o mellor pivote da historia se chega a ser mellor tratado polas lesións. Tiven ocasión de velo en persoa cando el aínda gastaba acné, xunto a aquel outro mostro
da selección soviética chamado Tachenko. Aconteceu cando o Mundobasket ‘86 tivo unha das sedes da fase previa en Ferrol. O Toni Kukoc, con 38 anos e aínda en activo. Din que podería xubilarse no Real Madrid.
Vibrábamos e gritábamos coas súas tardes perfectas. Sufríamos en carne propia todas aquelas epopeias.
Xogábamos nas canchas de cemento da banda sur da Ría, con canastras oxidadas e cadeas por redes. Chándal, bicicleta, bola, amigos. Unha cita frecuente que se sucedía de xeito natural, como o paso dos días. A choiva, caendo. A noite, que non se vía. A pista, construída nun plano inclinado. Favorecía meter as triplas desde a banda de arriba. Tíñamoslle tomada a medida. Ninguén podía vencernos nese lugar.
Logo veu a Universidade, e aquilo esvaiu. O traballo, e nunca máis se soubo. Levo dous anos tentando xogar unha vez á semana cunha banda de familiares, amigos, veciños e descoñecidos. Pero non dou collido o ritmo. Comezo en setembro e en xaneiro xa teño que deixar de ir. Falta de tempo e horarios subversivos. Magóa, préstame moito e faime moito ben.
Que resta do noso amor? Pois unha cita anual inaprazábel coa fin de semana das estrelas, o All Star Game da NBA. Comeza hoxe.
Levo varios anos seguindo ao Pau Gasol. Seguindo? Quero dicir ollando con frecuencia as súas estatísticas, as crónicas dos xogos e as clasificacións dos Grizzlies. Desque marchou a Memphis só puiden ver uns poucos partidos del ao vivo. Este ano dei con algunha web -ehem- coma esta onde procurar por case todos os partidos. E é que nunca quixen pagar pola NBA. Ao comezo aínda poñían algún partidiño no Canal +, pero axiña foron recurtando a dose, e acabaran por retiralo e poñelo de pago. Nese mesmo intre devolvín o decodificador.
A boa noticia é que este ano o rapazolo das barbas de Sant Boi xoga por vez primeira o partido das estrelas. E a excelente noticia é que cuatro emite esta fin de semana e en aberto todos os eventos: o partido dos novizos, os concursos de mates e triplas, e o partido dos All Star.
De xeito que, coa que está caendo, voume programar unha finde caseiriña entre películas, baloncesto, internet e flocos de millo.
E invítovos a que fagades o mesmo.
Esta anotación publicouse o Venres 17 de Febreiro de 2006 ás 8.27 pm e arquivouse en atlantico, deportes, intres, lugares, raices, revival. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

4 comentarios a “Ollando as estrelas (do básquet)”
Aquela selección soviética de Sabonis, Tachenko, Kurtinaitis e compañía visitou a ‘capital do sur da ría’. Malia ás diferenzas, había ‘bo rollito’ con Juan ‘O Pata’ quen, para darlle nos morros a Couce e Quintanilla, fixo o imposíbel para que viñeran.
Foi unha toleada. Houbo que montalo todo nun par de horas. Nin tempo tiven para xantar.
Franki, encargouse de anunciar o evento coa megafonía instalada no seu 127 verde, e a min tocoume improvisar un programa que incluíu visita á pista de San Valentín (con tiros a canastra incluídos) e recepción na ‘casa branca’.
Das intrahistorias desa xornada acordo que os soviéticos andaban como tolos na procura de Sabonis. Non aparecía por ningures. Ao final, tiveron que ir buscalo á praia de Doniños. Estaba tomando o sol cunha das intérpretes. Unha loira preciosa: olllos-sorriso e cú.
Benvido ao meu humilde fogar electrónico
e que merda que só xogase 14 minutos…
Novidades.
Aínda estou esperando que se argalle un xogo no blogomillo. Contade comigo para iso desde xa.
Aquí vos deixo algunhas outras ligazóns interesantes relacionadas co basquet:
- ACB, anos van que non temos dous equipos galegos na máxima competición estatal.
- Euroliga, o melloriño do continente e de alén, o mellor baloncesto de equipo.
- Fiba Europa, xa se aproxima o Eurobasquet 2007, ese Fran Vázquez.
- 82 games, a mellor páxina de estatísticas da NBA.