5 teimas

5_teimasAcollo con ledicia a invitación que me fai Sariña desde o seu Mundo aparte.

Con algunhas manías non hai maneira.
Hai moito zunido con isto das zunas.
Moitos cisman até provocar un cisma.
Algúns porfiar teñen por fin.
Outros anseian as súas ansias.
Hai quen devece polos seus vezos.
Louca non es aínda que fagas loucuras.
Neste país poñemos moita paixón.

Eu teimo nas miñas teimas.

1) Gústame facer cousas moi variadas e nunca acabo por instalarme nunha. Desde pequeno até hoxe que son menos pequeno fun un marabillado actor de teatro, prematuro debuxante de cómics, prometedor xornalista de prensa e de radio, ousado escritor de contos e poesías, desleigado xogador de baloncesto, precoz programador informático, empedernido romántico en apuros, desilusionado representante cidadán… Agora estou cos blogues, pero sigo a dar voltas, ás veces retomando as vellas experiencias. E case sempre e case todo fágoo de forma autodidacta.

2) Sou obsesivamente perfeccionista no meu traballo e nos meus pasatempos. Odio deixar algo a medio empezar, doulle mil voltas a todo e cústame acabar. Abstráome de todo e de todos se estou metido en fariña. Non gosto de ser interrompido.

3) Encántame xogar co “dobladillo” das sabas, desprazando o meu dedo de cima para baixo del de forma acompasada. Di miña nai que xa o facía no berce. Gosto do leito recén preparado, e sentirme apreixado pola roupa. Agora uso unha funda nórdica, por comodidade, pero prefiro lenzois e mantas. Sou de cama baixa, mellor estilo xaponés minimalista. Almofada longa, please.

4) Non podo evitar xogar cos signos, números e palabras. Xa vos falei da toponimia. Tamén coincido con moita xente na voráxine mnemotécnica de formar palabras coas tres letras das matrículas. Unha vez alguén me dixo que os números eran máis humanos que as palabras, e ás veces penso que así é. Atrápanme os problemas de lóxica e os acertixos matemáticos.

5) Como non. O sur. Hai algo que me arrastra cara o sur. Xa volo expliquei na primeira botadura deste blog. Varias veces puxen proa cara ao norte e a cousa non saiu ben. O tempo, o cronolóxico e o climatolóxico, acaboume por aprender que teño vocación meridional. Gosto máis da xente do sur. Portugal, Brasil, Cabo Verde, Angola, Mozambique tamén, claro.

11.48 am

3 Comentarios »

  1. gústanme as túas teimas, sobre todo porque eu son un desatre para moitas cousas!

    Comentario por Aultre Narai — 2006-02-15 @ 6.41 pm

  2. De todo isto conclúo que debes levar unha vida bastante completa e interesante.:) Está ben iso de ser polifacéticos (e mellor aínda o de ser autodidactas).
    A min tamén me gusta ter varias actividades nas que ocupar o meu tempo, aínda que sexa por etapas. Por certo, ¿cal das túas facetas estás retomando nestes momentos, se non é moito preguntar?
    Eu non sabería dicir que lugares do mundo me tiran máis, porque me gustaría coñecer mil sitios repartidos por toda a xeografía. Iso si: Galicia xa me parece o lugar perfecto. :D Sorte na túa singladura cara ó sur.
    Unha aperta

    Comentario por *Sara — 2006-02-15 @ 9.11 pm

  3. Aultre Narai:

    As teimas son teimas porque poden chegar a facerse insoportábeis!

    Eu tamén son un desastriño, cada quen ao seu xeito.

    Sara:

    Non penses que todo son rosas ;-) pero non, non teño queixa.

    Que estou a retomar nestes momentos?

    Pois nestes momentos ningunha, a menos que entendas o de escribir no blo como vocación xornalística, cousa que nunca tiven -hoxe menos- aínda que moitos me quixeron colgar o sambento cando mozo.

    Escreber, iso si o retomo con bastante frecuencia, se é que algunha vez parei. X-D

    De momento os ventos son propicios.

    Comentario por Calidonia — 2006-02-17 @ 6.02 pm

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture. Click on the picture to hear an audio file of the word.
Click to hear an audio file of the anti-spam word