Por un espazo radiosociocultural galego
Data de publicación: 24 de Xaneiro de 2006Category: lingua, media, musica, politica
Abonda de escoitarmos a música que programan desde Madrid. People are different and so are nations, dicía Billy Bragg. E entende people como xente ou coma pobo, como queiras.
Deberíamos apoiar a programación da nova Radio Galega, por moitas meteduras de zoco que aínda lles falten por facer, por moito lastre que o anterior (des)goberno teña deixado.
Deberíamos promover proxectos tan interesantes como o de radiofusiòn, que a nivel local poden ao mesmo tempo catalizar a acción sociocultural e darlle pulo e presenza mediática.
Deberíamos seguir con atención as cousas que están a facer as emisoras libres e alternativas arredor de radio arredemo. É alucinante o que se pode facer con gañas e poucos medios, como os da emisora veciñal Radio Roncudo.
Deberíamos, quen estamos preocupados por impulsar a música galega, a música en galego a música folque, a música tradicional, a música da lusofonía, a música doutros páises que conectan coa nosa cosmovisión… deberíamos, digo, facer algo. Por que non o facemos?
Por exemplo, podemos apuntarnos en Last.fm. É un portal no que ao subscribireste permíteche baixar e instalar no teu PC unha aplicacionciña que se integra co teu reprodutor preferido -e vale pra case todos. Esta aplicación recolle a información da cancións que escoitas no teu PC, e cando te conectas á internet a envía ao portal. Nel podes, deste xeito, contactar xente con gustos musicais coma o teu. Tamén podes baixar unha segunda aplicación que che serve unha especie de streaming de radio, unha emisora feita á túa medida segundo os teus gustos.
Nese portal comeza a haber unha comunidade de usuarios chamada Galiza que agora mesmo conta con 60 persoas inscritas. Supoñendo que siga medrando nos próximos meses -cousa que está garantida- resulta que estamos en presenza dunha listaxe de éxitos -semanal ou mensual- dos grupos e temas que máis escoitamos quen estamos rexistrados -galegos/as de aquí e de acolá. Toda unha hit list indíxena e interactiva. Algún/ha programador/a debía tomar boa nota!
Esta anotación publicouse o Martes 24 de Xaneiro de 2006 ás 7.14 pm e arquivouse en lingua, media, musica, politica. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.


Un comentario a “Por un espazo radiosociocultural galego”
Mea culpa. Intentara entrar no teu blog pinchando no teu pseudónimo… e claro, accedera só ao perfil. Graciñas por dar comigo e por facer unha paradiña no meu humilde mundo. Lémonos, un saúdo!