Cantos blos / blogues / blogs hai en galego?
Data de publicación: 19 de Decembro de 2005Category: estatistica, lingua, rede
Esta é unha nova versión dunha transmisión que publiquei hai uns días
Varias persoas veñen traballando no labor de recenseamento de blogues en galego. Tal é o de Ascárida, que ao parecer ficou encargado/a de realizar un reconto dos blogues o ano pasado, con ocasión da primeira xantanza de blogueiros/as. Outros casos son os de Blogaliza / Blogomillo e Lantania, ou, cun método máis artesanal e semellante ao meu, o da Dorfunteca.
Veño de entrar nun grupo de traballo en GoogleGroups no que estamos estas persoas e ao que convidamos a toda persoa con curiosidade ou interese pola cuestión.
Non se trata só de contar ou de manter unha base de datos. Trátase de reforzar a comunidade de internautas no noso idioma e, tamén, de ir pondo os cimentos da Web 2.0 e transcender a virtualidade fortalecendo as redes sociais galegas e en galego.
Froito deste encontro casual na rede das persoas con inquietudes entorno a un obxectivo máis ou menos común, veño de distribuir o meu censo nesa listaxe de correo e recolócoa aquí, na Calidonia.
Comprobarás que a primeira estimación que realizara, de 399 blogues + 1, foi rapidamente superada en poucos días grazas á navegación voyeurista de novas ligazóns, e grazas tamén ás mensaxes que a xente foi deixando nos comentarios. A cifra que deixo agora colocada atinxe os 534 blogues, moi perto dos 555 que prognosticara para acabar o ano
Porén, isto está moi lonxe da realidade e fica moito territorio/maritorio sen explorar. Ascárida vén de anunciar 910 blogues, e hai moitos outro sitios onde procurar, como ben di Catu?. E isto non fai máis que medrar. Non sei se dentro dun ano haberá 10.000, pero si que teremos novos blogus, fotoblogues, radioblogues e videoblogues funcionando.
No meu censo hai blogues e fotoblogues, blogues en galego normativo e en galego reintegracionista, blogues en galego 100% ou bi-pluri-multi-lingües, blogues feitos en Galiza e escritos fóra dela, blogues notorios e blogues anónimos, blogues individuais e portais colectivos…
Non incluín os que feitos na Galiza non empregan o galego. Os nomes que utilicei son os dos títulos que encabezan o blog, e no seu defecto o do enderezo URL no que se atopan. Asociei adrede queles blogues que tiñan unha clara correspondencia cun blog máis antigo, e non contabilicei tampouco os fotoblogues que se correspondían cun blog xa censado. Por último, hai páxinas das que non sei sequera se un técnico podería dicir se son un non un blog, e nese caso a decisión baseouse na existencia dun sistema de sindicación de contidos.
Despois do Nadal, se hai tempo, presentarei algunhas estatísticas sobre os datos que teño recompilados.
Esta anotación publicouse o Luns 19 de Decembro de 2005 ás 3.11 pm e arquivouse en estatistica, lingua, rede. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

7 comentarios a “Cantos blos / blogues / blogs hai en galego?”
ehhh!! que honra verme nesta lista! vaia, non sabía que se facían recontos deste tipo… (supoño que me englobarei dentro dos multilingües…) ^^
aí estamos, coma no xabarín (eh, que eu era membro… quen non? ;p)
polo menos polo menos… hai que chegar ós 556, que co 5 a rima xa cheira…
agradécese ver a lista para así coñecer novos sitios que ler. o traballo de recompilación tivo que ser duro. dende aquí, as miñas máis sinceras gracias e a miña noraboa!!
saúdeeeee
calidonia, calidonia, eu non estou nesta lista

Descoida, non és a única
Agora ando polos 548 blos e aí só aparecían 535 e con algunhas duplicidades.
Hai uns días que visitei o teu e xa o tiña incorporado á listaxe
Supoño que o 31 de Decembro ou 1 de Xaneiro colgarei o “meu” censo definitivo.
Grazas pola aviso e boas festas!
non hai problema… ningún…
de verdade, é que me facía ilusión estar conectada co resto dos blogs galegos. só iso…

lémonos.
Navegando polos blogs da nosa terra..Atopome co meu!
Estou encantado de aparecer no teu listado e saber que polo menos unha vez, un día, alguén leu o meu blog.
Resumindo, que é unha iniciativa fantástica, que comezarei a ler todos os blogs que sinalas, e que o teu blog xa está nos favoritos do meu explorador.
Alégrome de que o esforzo pagase algo a pena. Só de ver como vos emocionades …
eu tampouco estou nesa lista… aii… que dura é a vida dunha blogger…
noraboa polo traballo de tódolos xeitos: é cousa de ter paciencia.
saúdos.